logo
 
Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
    INICIO 
line decor
   
 

En defensa dos Mamíferos Mariños

“Non se verán senón algunhas partes destas especies xigantescas,
os seus restos converteranse nun lixo que os ventos dispersarán,
e non existirán senón na memoria dos homes
ou nas descricións do xenio”.
Lacépède

Para os que na actualidade traballamos preto dos mamíferos mariños, nun presente afortunado para os cetáceos, despois de séculos de matanzas, é unha honra botar a vista atrás e recoñecer nos nosos compañeiros de aqueles primeiros tempos da SGHN como a semente da sensibilidade e do estudo dos mamíferos que viven no mar na nosa Comunidade. Nós quixéramos ser parte viva daqueles tempos para sentir máis intensa se cabe a satisfacción de ter contribuído a poñer fin á caza industrial das baleas en Galicia e en España. Vaia por diante a nosa admiración por eles e o orgullo de pertencer á mesma asociación.

A caza das baleas é unha actividade que se coñece na nosa terra dende o século XIII de xeito artesanal. Foi no século XX cando se iniciou a industria baleeira como tal, con dúas compañías no ano 1924, que pecharon a finais desa década. Nos anos 50 reaparece a caza de cetáceos en Galicia, único lugar de España onde se practicou nese intre, con dúas empresas Masso Hermanos e IBSA e tres factorías en terra: Morás en Lugo, Caneliñas (Cee) e Balea (Cangas), abastecidas por ata cinco barcos baleeiros: Lobeiro, Carrumeiro, Ibsa I, Ibsa II, afundidos con explosivos nun atentado no Porto de Marín, e o Ibsa III.

No ano 1974 a empresa multinacional Taiyo (Xapón) asinou un acordo de compra da totalidade da masa muscular de balea coa empresa IBSA, pertencente de xeito maioritario á familia de conserveiros pontevedresa Massó e ó avogado e político Iglesias Corral, o que reflectiu, por intereses económicos, nun incremento considerable do número de capturas, tamén de exemplares inmaturos, en especies xa en perigo. IBSA cazaba nun “stock” fóra dos acordos internacionais, capturando especies protexidas, sen que sobre esta actividade houbese ningún tipo de control. A maioría das capturas foron de Rorcual común, Cachalote e incluso da xa case en perigo de extinción Balea azul. Non se respectaban tallas mínimas, número de capturas, caza de baleatos ou femias seguidas de crías, nin acordos lexislativos como o do ano 1947 que permitía soamente a captura dunha balea por barco e día. Os intentos de visitar as factorías, en pleno funcionamento, eran obstaculizadas mesmo con ameazas físicas, e había que observar a actividade desde o exterior.

Un crecente sentimento de rexeitamento ante o exterminio das baleas como símbolo da irracionalidade da industria que tan só busca beneficio, ía medrando na poboación. A sensibilización polo respecto á natureza e aos seres vivos que nos rodean empeza a xurdir e faise realidade na propia SGHN, na que se forma unha comisión que achegue información sobre a situación dos cetáceos en augas de Galicia. Cos resultados conseguidos se inicia unha campaña en 1980 baixo o lema: “Contra a caza de baleas en Galicia: por unha lexislación proteccionista para os mamíferos mariños”, que acada unha gran aceptación da poboación avalando a solicitude da moratoria. Ese mesmo ano a Sección de Bioloxía Mariña da SGHN publica “As Baleas cara á extinción” da que foron autores Carlos Durán Neira, Xosé Manuel Penas Patiño e Antonio Piñeiro Seage. Os debuxos de María Xosé López Barral e os carteis de Carlos Silvar ilustran a preocupación por un tema que pretendía chegar á maior parte da poboación. Cun equipo de megafonía percorréronse as principais poboacións galegas levando unha balea inflable, símbolo de aquelas que se desexaban protexer, solicitando unha moratoria indefinida para a caza dos mamíferos mariños nas nosas augas costeiras e a protección destes contemplada na Lei Xeral de Medioambiente. Desde o mar a asociación “Greenpeace”, que loitaba contra a caza de baleas en Galicia desde 1978, interfire en pleno océano a os barcos baleeiros desde pequenas embarcacións pneumáticas. O seu barco o “Rainbow Warrior” é apresado pola Mariña española e levado ao porto de Ferrol, onde a súa tripulación foi retida durante cinco meses, ata que o navío ecoloxista consegue fuxir. A SGHN tivo algunhas reunións con eles (Remi Parmentier) en Coruña e Ferrol.

A campaña de petición da moratoria foi apoiada por milleiros de persoas e por moitas outras asociacións de toda a Península, como froito de todo ese interese polos mamíferos mariños empezaron a xurdir estudos científicos que se interesaban por aqueles corpos que o mar deixaba sobre as praias. O ano 1980 foi o inicio non só do respecto e a protección dos cetáceos, senón tamén do interese por achegarse ao coñecemento dos moi descoñecidos mamíferos mariños e da súa bioloxía, pois os estudos sobre os mesmos eran escasos, antigos [habería que remontarse a finais do S. XIX (López Seoane e Graells- ou a comenzos do S. XX – Cabrera-) e difíciles de atopar. De aí o intereses de ter datos actualizados e material propio. Para proceder a un intercambio de información, no verán do 1981, a SGHN organiza en Santiago as “I Xornadas Ibéricas de Mamíferos Mariños”, procedendo ao intercambio de información e métodos de traballo e nas que entre outros acordos, establécese a necesidade dunha inspección seria e continuada a pe de factoría por parte da Administración.

A SGHN xunto con ASECA, AEPDEN, ADEGA, Amics de la Terra, Andalus, GEG, MEVO e Katagorri Taldea presentan un escrito diante da Subsecretaría de Pesca amparada por 120.000 sinaturas, pedindo o cese das actividades baleeiras, xunto coa aportación de información de índole científica e das capturas, que chega a todos os partidos políticos e que da como resultado a formulación de interpelacións parlamentarias. O 16 de decembro preséntase unha proposición non de lei, aprobada en febreiro de 1982, sobre o cesamento da actividade industrial na caza das baleas. A Delegación española leva á CBI na súa 34 reunión da Comisión o posicionamento favorable á paralización das capturas de cetáceos, que foi decisivo para a aprobación da moratoria internacional.

E tal como Penas Patiño e Piñeiro Seage dicían no seu libro “Cetáceos, focas e tartarugas mariñas das costas Ibéricas”:

“A moratoria acordada significa unha victoria importante para tódolos grupos ecoloxistas de España e para cantos no mundo enteiro pensan que o home debe saber compartir o Planeta e explotar racionalmente os seus recursos porque as actividades da especie humana en ningún caso deben significa-la extinción de ningunha outra especie viva”.