logo
 
Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
    INICIO  
line decor
   
 

 

Residuos nucleares na Fosa Atlántica

“Miles de toneladas de residuos nucleares foron vertidos pola Unión Soviética no Océano Ártico entre 1964 e 1986. Como os barrís, preparados para resultar estancos, non se afundían, os soldados tiñan órdenes de furalos con disparos”

Andrei Zolotkov (experto nuclear ruso)

En Marzo de 2012 unha proposta non de Lei do grupo Mixto reclamaba ao Goberno español que informara  ao Congreso e ao Goberno Galego da evolución do lixo radioactivo da Fosa Atlántica. A resposta foi que xa se estaban a facer os controis necesarios por parte do Consello de Seguridade Nuclear, pedindo que non se alarmase á poboación cunha preocupación infundada.

O certo é que na actualidade descoñécese o estado e o nivel de corrosión dos bidóns con residuos nucleares que ata 1983 se vertían na zona denominada Fosa Atlántica. Os residuos, almacenados en contedores de aceiro envoltos en formigón, descansan a uns 3.000 metros de profundidade de xeito disperso e sometidos a presións enormes; en caso de accidente, non existe técnica algunha que permita a súa recuperación. Nin sequera a Organización Internacional da Enerxía Atómica (OIEA) é capaz de dicir con exactitude que cantidade de residuos radioactivos se verteron nos océanos e o estado no que se atopan uns bidóns que se entendían herméticos e se demostrou que non o foron, froito do cal tampouco poderían valorar que alcance ten o seu efecto sobre o medio mariño e os seus habitantes.

A partires dos anos 60, con varios países con centrais nucleares producindo enerxía eléctrica, os residuos xerados constituían un problema e o mar converteuse nun gran vertedoiro, a pesares de que en 1972 o Convenio de Londres sobre Vertidos prohibiu botar ao mar residuos radioactivos de alta actividade, sen dicir nada sobre os de baixa e media. Un dos puntos elixidos foi a fosa Atlántica ou Fosa de Hércules, a uns 700 km das costas galegas e duns 4.000 m de profundidade, onde entre 1967 e 1983 foron a parar unhas 142.000 toneladas de lixo nuclear de 8 países europeos, do "mundo civilizado". As primeiras protestas comezaron timidamente no seo de grupos ecoloxistas. En 1970 Jacques Cousteau presentou diante do Consello de Europa fotografías dos bidóns cun estado preocupante e máis adiante Greenpeace, que levaba desde 1978 loitando no mar contra estes vertidos, filmou esa realidade.

Xurdiu o rexeitamento da xente, especialmente dos pobos costeiros e as manifestacións na súa contra, pero a primeira expedición en Galicia contra os vertidos nucleares da Fosa Atlántica foi unha proposta de Esquerda Galega, que se puxo en contacto con Greenpeace para propoñer unha  expedición marítima ata a Fosa de Hércules. Finalmente realizouse en 1981 e implicou a representantes da formación política nos concellos de Vigo, A Coruña e Moaña que fretaron un palangreiro de madeira de 20 metros de eslora e 69 toneladas de rexistro bruto, utilizado para a pescada, chamado “Xurelo”. O seu patrón Ánxel Vila, de Aguiño, levou o barco da esperanza nunha viaxe memorable con 14 persoas a bordo entre os que se atopaban, ademais dos organizadores citados e catro tripulantes, periodistas e fotógrafos como Manuel Rivas, Xosé Castro e Xurxo Lobato, Gallego e Xesús Noya e os ecoloxistas Roxelio Pérez Moreira do colectivo Natureza e o noso compañeiro da SGHN Enrique Alvarez Escudero (Quique).

O Xurelo partiu de Ribeira o 14 de setembro de 1981 cun grupo humano que non estaba enrolado legalmente polo que recibiu as advertencias das autoridades marítimas. A protesta planeárase compartida co Sirius, o barco de Greenpeace, pero o navío ecoloxista avariouse no porto de Plymouth, de xeito que a expedición galega afrontou soa a singradura.Do relato que Enrique Álvarez fai daquela aventura pódese adiviñar a extrema fraxilidade do barco e a inexperiencia do grupo humano, sobrado de ilusión e valentía. Navegan cara a un lugar do Atlántico, no que dous barcos holandeses (Louise e Kristen), protexidos por unha fragata da armada holandesa, verten os bidóns cos residuos nucleares e o fan nun navío de madeira dirixido maxistralmente por un gran home de mar consciente do dano que os vertidos estaban a causar no medio mariño, con escasos medios técnicos e axuda tan só das radios costeiras de Fisterra e Vigo.

Durante case unha semana de navegación o Xurelo emitiu en varios idiomas unha mensaxe como bandeira na que se dirixía a todas ás embarcación que se cruzaban na súa onda, pedíndolles que se uniran para acudir ao lugar onde se estaba a botar o lixo radiactivo “Vimos no nome de Galiza, vimos no nome de todos os pobos que queren a paz e un progreso que non destrúa a natureza. Vimos no nome propio e no de todas as xeracións futuras. O Atlántico é unha fonte de riqueza e un horizonte de comunicación, non queremos que convertan o Atlántico nun cemiterio nuclear. O Atlántico é un sinal de identidade para Galiza e un símbolo de Vida para todos os pobos. Non queremos que o convertan en símbolo de morte”.  E finalmente localizaron aos barcos vertendo a súa carga mortífera e alí, testemuñas impotentes do que estaba acontecendo, fixeron a súa protesta coas sirenas do Xurelo mentres se situaban entre os dous grandes navíos. Tomaron documentos gráficos do que estaba sucedendo conseguindo así imaxes dos vertidos que foron difundidas por toda Europa.

O Xurelo afundiuse en novembro de 2002, cando o desastre do Prestige asolou as costas galegas, deixando no recordo aquela viaxe dun gran grupo humano nun pequeno barco,  que conseguiu que unha gran parte da poboación galega que non chegara a percibir a importancia do que estaba a suceder a poucas millas da súa terra se uniran para forzar nunha solicitude común: que cesaran os vertidos radiactivos. No verán do 1982 houbo unha segunda expedición na que participaron ademais de O Xurelo, os barcos Sirius, Arousa e Pleamar. Xuntos tentaron evitar que o buque holandés Scheldeborg botara ó mar os bidóns, mentres que nos pobos e cidades costeiros galegos se repetían as manifestacións en contra do cemiterio nuclear mariño, concentracións humanas cunha moi alta participación nas que a SGHN actuou moi activamente. A conciencia do pobo galego estivo por riba da dos políticos do Estado, axudando a que en febreiro de 1983, no Convenio de Londres, España se negase a seguir recibindo lixo nuclear preto das costas galegas, unha decisión que non vinculaba a aqueles outros países que seguían a realizar depósitos de lixo radiactivo en fosas submariñas. Asociaciones ecologistas como SGHN, a Federación de Amigos da Terra e ADEGA, continuaron con acciones de protesta instando ó Goberno español para que pedise a suspensión dos vertidos.No verán dese mesmo ano, sindicatos británicos solidarízanse cos galegos impedindo os embarques de residuos radiactivos nun momento no que os ingleses manifestan a súa intención de engadir plutonio e soterrar nos fondos mariños os bidóns contaminantes.  De facelo así infrinxirían dúas normas internacionais en materia de contaminación mariña, verter lixo de alta radiactividade e enterralo no fondo do mar, e neses dous posibles delitos baseouse a nova loita para paralizar novos vertidos.

Estas accións conseguiron que en febreiro de 1983 se aprobara unha moratoria que  prohibise derramar no mar residuos tóxicos nucleares en tanto non se fixeran os estudos precisos para avaliar as consecuencias. Finalmente, en 1993 aprobarónse disposicións internacionais  que prohibiron o depósito de residuos de alta actividade no mar. Desgrazadamente e a pesares desta existencia, nos nosos días nalgúns lugares do mundo estúdiase a posibilidade de seguir a utilizar fosas oceánicas como almacéns de lixo.