logo
 
Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
    INICIO 
line decor
   


SGHN comeza a campaña a prol do
P.N das Serras do Courel e Enciña da Lastra

Despois de varios meses de traballos preparatorios e xestións diversas, o 26-05-1997 a Sociedade Galega de Historia Natural solicitou ás administracións competentes na materia (Ministerio de Medio Ambiente, Junta de Comunidades de Castilla y León, Xunta de Galicia) a elaboración dun Plan de Ordenación dos Recursos Naturais das Serras do Courel e Enciña da Lastra para a súa posterior declaración como Parque Natural. SGHN remitíu, asimesmo, unha copia desta solicitude, xunto cunha carta explicativa, ós alcaldes dos dezaseis concellos das provincias de León, Lugo e Ourense que se beneficiarían pola declaración deste Parque Natural.

Tanto pola sua extensión (87.400 ha; 65.345 ha en Galicia) como polo indubidable interese natural, éste sería o espacio protexido máis sobranceiro de Galicia e tería entidade propia na rede de espacios naturais do noroeste ibérico. O Parque Natural proposto abrangue as Serras do Courel, de Oribio e do Rañadoiro, as serras do Bierzo leonés limítrofes con Lugo ó sur da N-VI, e as Serras de Cereixidos, dos Cabalos, de Enciña da Lastra e os Montes de Oulego.

A iniciativa da SGHN de promover a declaración do PN das Serras do Courel e Enciña da Lastra motivouna a preocupación polo desenvolvemento sostible, económico e ecolóxico, deste espacio natural, no convencemento de que a conservación do Medio Ambiente en xeral, e destas serras en particular, non poderá acadarse sen unha mellora da calidade de vida dos seus habitantes.

Mapa (pincha na imaxe para ampliar) e superficies do Parque Natural das Serras do Courel e Enciña da Lastra proposto por SGHN.

As razóns ambientais para declarar que as Serras do Courel e Enciña da Lastra, que constitúen unha unidade bioxeográfica natural, fosen declaradas Parque Natural son simplemente abrumadoras pois estas serras:

  • Destacan dende o punto de vista xeomorfolóxico e xeolóxico:
    • A riqueza de formacións glaciares e periglaciares de baixa altitude, destacando os vales da Seara, Visuña e Romeor, nos que se encontran depósitos e formas de orixe glaciar; sobresae tamén a Lagoa Lucenza na cabeceira do primeiro destes vales.
    • As formacións cársticas, que se manifestan en fermosos exemplos de paleocarst, covas, sumideiros e surxencias.
    • Os escarpes calcáreos de grande beleza paisaxística (Pena Falcoeira na imaxe da esquerda).
    • A orixinalidade do modelado fluvial, moi pouco modificado pola acción antrópica.

Ladeira da localidade de Covas (esquerda) e Penarrubia (dereita).

Posúen un excepcional valor botánico en relación coa Península Ibérica por:

  • A súa elevada riqueza florística: máis de 1000 especies vasculares. A título ilustrativo cabe sinalar que esta cifra representa arredor da metade da flora total de Galicia en tan só un 2% da súa superficie.
  • A presencia de 2 endemismos exclusivos (Petrocoptis grandiflora e Rhamnus legionensis), especies únicas a nivel mundial, e 9 endemismos de área restrinxida (Armeria rothmaleri, Campanula adsurgens e Leontodon farinosum, entre outros).
  • A existencia nelas dunha cuarta parte das comunidades vexetais recollidas pola Directiva Hábitat para Galicia (8 delas de conservación prioritaria) e que constitúen o criterio base para a inclusión dun territorio na Rede Natura 2000 da Unión Europea.

Rhamnus legionensis (arriba) e Petrocoptis grandiflora (dereita), dúas xoias botánicas do Parque Natural de Enciña da Lastra

Posúen un sobresaínte valor faunístico por:
  • A existencia de máis de 190 especies de vertebrados, que constituen a práctica totalidade da fauna terrestre de vertebrados no Noroeste da Península Ibérica.
  • Formar parde dunha IBA (Important Bird Area = área importante para as aves) polo que, de acordo coa Directiva Aves, a súa conservación é considerada de interese comunitario pola Unión Europea.
  • A presencia de polo menos 8 especies (voitre branco, aguia albela, rapina cinsenta, águia real, águia perdiceira, falcón peregrino, lobo e londra) das 18 de vertebrados máis útiles para o sistema de indicadores faunísticos aplicable á planificación e xestión do medio natural na Península Ibérica.
  • A existencia de importantes poboacións de quirópteros, incluíndo a principal colonia de Miniopterus schreibersi de Castela-León e Galicia, que é, ademáis, unha das cinco maiores da Península Ibérica.
  • Albergar o gradiente de comunidades faunísticas máis rico de Galicia e un dos máis ricos de Castela-León, con biocenoses características das rexións mediterránea e eurosiberiana.
  • A importante riqueza das súas comunidades de mamíferos carnívoros (lobo, raposo, armiño, donicela, tourón, marta, garduña, teixugo, londra, algalia e gato bravo).
  • A existencia de comunidades animais, moi singulares, en medios antropizados, o que constitúe un dos últimos exemplos en Europa occidental da integración da fauna en medios humanos tradicionais que presentan, asimesmo, importantes valores etnográficos.

Voitre branco Neophron percnopterus (esquerda) e Águia albela, Circaetus gallicus (dereita).

Morcego de cova Miniopterus schreibersiii (esquerda) e excremento de lobo Canis lupus (dereita) con pelos de porco bravo Sus scrofa.

  • Posúen sobranceiros valores paisaxísticos, pola singularidade da utilización dos sistemas agrosilvopastorais adaptada as diferentes condicións do medio de montaña.
  • Albergan destacables valores culturales tanto prehistóricos (castros, indicios de ocupación paleolítica), como históricos (sinais do proceso de romanización, a entrada en Galicia do camiño de Santiago).
  • Poden aínda alcanzar un desenvolvemento económico sostible se se aplica a Estratexia Mundial para a Consevación elaborada polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), o Fondo Mundial para a Vida Silvestre (WWF) e a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), estratexia que incorpora os principios de:
    • Sostenemento ecolóxico para que o desenvolvemento sexa compatible con mante-los procesos ecolóxicos, a biodiversidade e os recursos biolóxicos.
    • Sostenemento económico para que o desenvolvemento sexa economicamente eficente e equitativo entre as xeneracións e dentro destas.
    • Sostenemento social para que o desenvolvemento aumente o control das persoas sobre a súas propias vidas e manteñan e fortalezan a identidade da comunidade.
    • Sostenemento cultural para que o desenvolvemento sexa compatible coa cultura e cos valores das persoas afectadas por él.
  • Son merecedoras de medidas legais de protección de acordo co espíritu e a letra da Ley 4/89, da Conservación dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres, hoxe sustituida pola Ley 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade.

Todos istes argumentos científicos e ambientais deberan abondar para que as distintas administracións houberan tomado a iniciativa de declarar o PN das Serras do Courel e Enciña da Lastra. Non foi así, pero a proposta de SGHN recibiu o apoio dun total de 50 investigadores da Universidade de León (Departamentos de Bioloxía Vexetal e Bioloxía Animal), a Universidade do País Vasco (Departamento de Bioloxía Vexetal e Ecoloxía), a Universidade de Santiago de Compostela (Departamentos de Bioloxía Vexetal, Ecoloxía e Xeografía), a Universidade de Vigo (Facultad de Ciencias) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (Estación Biolóxica de Doñana, Real Jardín Botánico de Madrid, Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia).

A campaña de SGHN e os valiosísimos apoios que recibíu conseguiron unha victoria parcial pero moi importante: mediante o Decreto 157/2002, do 04-04-2002 a Consellería de Medio Ambiente declarou o Parque Natural da Serra de Enciña da Lastra cunha superficie de 3.151 ha, unha vez que o Decreto 77/2002, do 28-02-2002, aprobase o seu Plan de Ordenación dos Recursos Naturais. A nova foi, sen dúbida, moi boa en canto supuxo a protección da Serra de Enciña da Lastra, unha das xoias máis valiosas e ameazadas do patrimonio natural galego (máis...).