7ª actualización do Atlas de Anfibios e Réptiles de Galicia (ano 2017)

Unha vez acumulados os datos obtidos durante o ano 2.017 aos rexistrados no período 2005-2016, hai un total de 19.784 datos totais, aos que lle corresponden 4.926 datos non repetidos (24,9%). De anfibios obtivéronse 12.089 datos, dos cales 2.684 (22,2%) foron datos non repetidos, e de réptiles 7.695 datos totais aos que lles corresponden 2.242 datos non repetidos (29,1%).

Anfibios

Nos anfibios temos que salientar unha cita nova de limpafontes palmado (Lissotriton helveticus) na cuadrícula 29TMH94 no concello de Mazaricos, unha das máis occidentais das que temos constancia. Tamén debemos subliñar unha cita de ra vermella (Rana temporaria) na cuadrícula 29TPG35 no concello de Castrelo do Val, que é o dato máis cara ao sur do que temos rexistro.

Reptiles

Con respecto aos réptiles, salientar unha nova cuadrícula de osga ou ladra (Tarentola mauritanica) na cuadrícula 29TNH49, no concello de A Coruña, polo de agora a cita máis setentrional que recibimos. Interesantes tamén as dúas novas cuadrículas de esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai), ao tratarse dunha das especies de distribución máis restrinxida dos nosos herpetos; as cuadrícula novas son a 29TNG06 e 29TNG26, nos concellos de Oia e O Porriño, no sur da provincia de Pontevedra. Con respecto ás cobras queremos destacar, debido á escaseza de datos, a obtención de 3 novas cuadrículas de serpe riscada (Zamenis scalaris), principalmente nunha localización bastante norteña na cuadrícula 29TNH69 (concello de Bergondo), máis tamén nas cuadrículas 29TNG13 (Concello de A Guarda) e 29TNG14 (concello de O Rosal). Tamén salientar, debido á súa rareza unha nova cita de víbora fociñuda (Vipera latastei) na cuadrícula 29TPG34, no concello de Vilardevós.

Detalles do Atlas

Xa  ao marxe da actualización do Atlas, temos que informar dun novo cambio na nomenclatura dunha das nosas especies de réptiles, algo que xa ven sendo habitual; trátase da serpe riscada, anteriormente denominada Rhinechis scalaris (Schinz, 1822), que pasa a ser Zamenis scalaris (Schinz, 1822).

Temos finalmente que agradecer a todas e cada unha das 317 persoas ou entidades (Listado_colaboradores_2005-2017) que aportaron algún dato dende o inicio do proxecto, alá polo ano 2005, ata o ano 2017 e esperamos seguir a contar coa súa colaboración.

Datos de anfibios acumulados por especie.
Datos de réptiles acumulados por especie.
mapa herpetlolxia
Datos conxuntos de todas as especies

Especies censadas