| |
Serían unha desfeita ecolóxica e hidrolóxica e un desfilfarro de cartos públicos
PROXECTOS DE "LIMPEZA", DRAGADO E PARQUE NÁUTICO NO RÍO LIMIA |
Hai uns días coincidiron no tempo tres novas de prensa relacionadas con outros tantos proxectos a desenvolver nun mesmo treito do Río Limia ó seu paso por Xinzo de Limia: dous comunicados da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil anunciando a "eliminación de especies invasoras e da maleza" (custe 26.792,14 euros) e o "dragado do río para evitar que a canle poida desaparecer" (sic) (custe 500.000 euros) e o terceiro de Portos de Galicia, ó que xa non lle chega a beiramar galega para enchela de portos deportivos e agora seica tamén os quere facer nos ríos, comezando polo Limia (custe entre 150.000 e 200.000 euros nunha primeira fase).
Mentres tanto, os datos oficiais da “Proposta de proxecto de plan hidrolóxico da parte española da Demarcación Hidrográfica do Miño - Sil” indican que das 8 masas de auga existentes na chaira limiá: 2 atópanse nun estado ecolóxico "moderado", 4 nun estado "deficiente" e 1 nun estado "malo". Entre as identificadas como en estado deficiente inclúese a denominada "ES510MAR002362 Río Limia en zona de Riego de Lamas Grande e Filgueira" que abrangue o treito do Río Limia ó seu paso por Xinzo de Limia. |
O estado ecolóxico deficiente ou malo do Río Limia non se debe a que supostamente se acumule area no seu leito senón á excesiva extracción (legal e ilegal) de auga para regadío e á fortísima contaminación por verquidos urbanos e agro-gandeiros. Pero, no canto de abordar a raíz do problema, a Confederación pensa en despilfarrar o seu orzamento en proxectos ecolóxica e hidrolóxicamente moi perxudiciais:
- A vexetación acuática natural que coloniza a canle do río Limia xoga un papel hidrolóxico e ecolóxico fundamental:
- Serve de filtro verde e sistema de autodepuración das augas contaminadas por un forte exceso de nutrientes.
- É empregada como refuxio, área de cría e área de alimentación por numerosas especies, entre ela a folosa acuática (Acrocephalus paludicola) especie presente na zona durante o paso migratorio postnupcial e catalogada como Vulnerable no Libro Vermello das Aves de España.
- O dragado do río, ademais de impactar sobre as poboacións de invertebrados e vertebrados acuáticos, suporía reincidir nos erros do pasado (canalización e dragados recurrentes que desencadean un proceso xeneralizado de incisión de canles e forte deterioro do sistema fluvial no seu conxunto).
|
 |
Neste mesmo senso, o CIREF (Centro Ibérico de Restauración Fluvial, Universidade de Zaragoza) ven de calificar o proxecto de dragado do río Limia como "barbaridade xeomorfolóxica" baseada en argumentos "insostibles" (ver PDF).
Xa que non semella razoable despilfarrar os fondos de que dispón a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil en obras hidrolóxica e ecolóxicamente contraproducentes, aparentemente co único fin absurdo de facilitar a construcción dun parque náutico nun treito de río no que as condicións cuantitativas e cualitativas das augas o farían inviable, a SGHN ven de solicitar á Ministra de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino (ver PDF) que inste ó Presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a que:
- O "acondicionamento das marxes do río Limia no térmo municipal de Xinzo, entre a desembocadura do río Nocelo e a estación depuradora de augas residuales” se limite á retirada de lixo e entullos e á eliminación exclusivamente de “especies exóticas invasoras, tanto de flora como de fauna”.
- Desbote total e definitivamente o dragado do río Limia.
No mesmo senso, a SGHN ven de solicitar ó Presidente da Xunta de Galicia e ó Presidente de Portos de Galicia (ver PDF) que desbote totalmente o proxecto de construir un parque náutico no río Limia. Neste caso as verbas sobran pois a seguinte fotografía fala por si mesma. |

Treito do río Limia, completamente seco no verán, onde Portos de Galicia quere construir un parque náutico. A imaxen é de agosto de 2010, pero esta situación repítese anualmente dende 2000.
|
|
|