logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Ampliación ilegal de granxa de visóns en A Baña

Santiago, 19-12-2016

As consecuencias da prohibición hai catro anos (18-12-201) das granxas de visón en Holanda (terceiro produtor mundial) a partires de 2024 continúan a sentirse na proliferación de novas granxas ou ampliación das existentes en Galicia. O último caso, polo de agora, é unha segunda ampliación da granxa existente en Troitosende (A Baña, A Coruña).

A granxa, con permiso para só 2 naves dende 1991, pero que xa contaba con 4 naves alomenos dende 2002-03, mercouna a empresa Matomba Mink Farm, SL para a que consta como administrador único Petrus Gerardus Raijmakers Lambertus e como apoderada Marta Maria Blanco Vispo (ver recadro abaixo). Cunha enorme desfachatez "galaico-holandesa" a empresa Matomba Mink Farm, SL construiu sen permiso 7 naves adicionais en 2014 e agora ven de presentar un “Proxecto de adecuación, modernización, reforma e legalización de instalacións en explotación de cría de visóns”.

O proxecto está suxeito a avaliación de impacto ambiental simplificada pois está incluido nos supostos contemplados no artigo 7.2.b. da Lei 21/2013 de avaliación ambiental ao poder afectar de xeito apreciable, directa ou indirectamente, a espazos protexidos da Rede Natura 2000, pois a granxa atópase a 1,3 km do río Tambre, augas arriba da Zona de Especial Conservación ES1110016 Río Tambre. Xa que logo, tal como actuaron os promotores cometeron unha falta grave segundo a Lei 21/2013 de avaliación ambiental, polo que SGHN ven de solicitar á Secretaría Xeral de Avaliación e Calidade Ambiental (máis...) que abra un expediente sancionador contra Matomba Mink Farm, SL, Petrus Gerardus Raijmakers Lambertus e Marta María Blanco Vispo e, tratándose dunha instalación tan perigosa para a biodiversidade, se lles impoña a máxima sanción posible por falta grave 240.400 euros e, ademais, que se proceda á clausura e precintado inmediatos de todas as naves que carecen dos preceptivos permisos legais.

Por outra banda, no caso de que os promotores intenten continuar coa tramitación do proxecto, SGHN solicitou que se someta a avaliación de impacto ambiental e que o estudio correspondente avalíe con seriedade e rigor os efectos sobre todas as especies incluidas no anexo I da Directiva Aves, nos Anexos IV e V da Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade, nos Libros Vermellos estatais e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas presentes na zona e nos LICs máis próximos, e que poderían sufrir a depredación ou a competencia, por visóns fuxidos ou “ceibados”.

Finalmente, no caso de aprobarse o proxecto, se esixa á empresa promotora que:

  • Todos os animais reprodutores estean obrigatoriamente provistos dun collar con radiotransmisor que permita a súa localización, captura e erradicación en caso de que cheguen ao medio natural.
  • Todos os animais non reprodutores sexan esterilizados ao nacer ou estean provistos dun radiotransmisor como o indicado no punto anterior.
  • Contrate un seguro de responsabilidade civil para facer fronte a todos os gastos que as Administracións públicas teñan que efectuar para localizar, capturar e erradicar os visóns fuxidos ou “liberados” da granxa.

A "conexión galega" para as granxas de visón americano: Marta Maria Blanco Vispo mantén múltiples e estreitas vinculacións con empresas peleteiras en Galicia:

  • Agapel Pelting SL (apoderada)
  • Blomvis Spain SL (foi apoderada)
  • European Minkfarm Rooijakkers SL (apoderada)
  • Galimink, SL (apoderada)
  • Katmink, SL (apoderada)
  • Matomba Mink Farm, SL (apoderada)
  • Productos y Mixturas para Alimentación Animal SL (Secretaria e Conselleira)
  • Rijo Mink Europe, SL (apoderada)

 

Imaxe da esquerda: Foto aérea coa granxa pillada "in fraganti" en 2014 coas obras de ampliación non autorizadas. Imaxe PNOA cedida por © Instituto Geográfico Nacional - Xunta de Galicia

Ameaza de avalancha de granxas de visóns americanos

Santiago de Compostela, 25-02-2014

O visón americano (Neovison vison) críase pola súa pel en Norteamérica dende hai alomenos 130 anos e en Europa dende os anos 20 do século pasado. As primeiras granxas peleteiras desta especie en España instaláronse en Segovia en 1958 e en Pontevedra en 1959. En 1992 chegou a haber 214 granxas activas en España, cifra reducida a 37 en 2011, das cales 29 están en Galicia.

Ademais dos conflictos éticos que de por si plantexa críar animais para peletería, cando se trata dunha especie fóra do seu ámbito de distribución natural pode provocar graves impactos ambientais. No caso do visón americano estes impactos derívanse do comportamento moi invasor das poboacións cimarronas establecidas a partires dos exemplares que chegaron ao medio natural froito de escapes accidentais ou das nefastas "liberacións" masivas feitas por auténticos "ecocidas".

Pola súa forte competencia con especies autóctonas e depredación doutras, a traverso do seu vogal no Consello Galego de Medio Ambiente en Desenvolvemento Sostible e no Observatorio Galego da Biodiversidade, SGHN ven reclamando dende hai máis de 7 anos que as granxas de visón americano se consideren instalacións de risco para a conservación da biodiversidade autóctona e se adopten medidas axeitadas para evitar o seu tremendo impacto ambiental.

Como mostra dos xa graves problemas derivados das granxas de visón americano, baste sinalar que chegaron exemplares a nado ata o Parque Nacional das Illas Cíes onde están a causar unha debacle nas poboacións do ameazado corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis). Estes problemas poderían agravarse moi seriamente nun futuro próximo pois as novas que se están a producir nos últimos meses apuntan a unha estratexia para incrementar o número e o tamaño das granxas de visóns en Galicia. Así, SGHN ven de presentar alegacións:

  • Ao “Proxecto de construción de naves para cría de visóns” (Forcarei, Pontevedra) promovido por Celtik Mink SL, con capacidade para 9.472 nais, 1.890 machos e 43.192 crías (PDF).
  • Á construción de naves agrícolas para ampliación de explotación de cría de visóns no lugar de Monte Xalo (Carral), promovida por Rodríguez Lameiro Mink, S.L. (PDF1; PDF2).

Ademais, segundo nova publicada na prensa o 09-10-2013, hai un proxecto das empresas Saga Furs e Agapel Pelting para instalar unha granxa de visóns en A Baíña (Concello de Agolada) con capacidade para producir 50.000 peles ao ano. Precisamente na web de Saga Furs afírmase textualmente que "Nos últimos anos houbo fortes investimentos en España procedentes doutros países europeos, moi especialmente Holanda". Holanda é o terceiro produtor mundial de peles de visón, pero o 18-12-2012 aprobou a prohibición das granxas de visón a partires de 2024, sumándose así ao Reino Unido, Austria, Suiza e Croacia. Unha boa nova para a biodiversidade autóctona holandesa, pero non para a galega se hai un desplazamento da produción a Galicia nas condicións actuais de carencia de bio-seguridade nas granxas.

Á vista destes indicios máis que razoables dunha proliferación de proxectos de novos granxas de visóns americanos e ampliación das existentes, SGHN ven de solicitar á Directora Xeral de Conservación da Natureza (PDF) que convoque unha xuntanza extraordinaria do Observatorio Galego da Biodiversidade para debater as condicións de seguridade para a biodiversidade nas granxas de visóns e a proposta de SGHN de que:

  1. Todos os animais reprodutores estean obrigatoriamente provistos dun collar con radiotransmisor que permita a súa localización, captura e erradicación en caso de que cheguen ao medio natural.
  2. Todos os animais non reprodutores sexan esterilizados ao nacer ou estean provistos dun radiotransmisor como o indicado no punto anterior.
  3. As empresas propietarias das granxas contraten un seguro de esponsabilidade civil para facer fronte a todos os gastos que as Administracións públicas teñan que efectuar para localizar, capturar e erradicar os visóns fuxidos ou "liberados” da granxa.

Situación das granxas activas de visón americano (arriba) e distribución da especie en Galicia (abaixo).
Fonte: MAGRAMA, 2011. Estrategia de gestión, control y erradicación del visón americano (Neovison vison) en España.

 

ADEGA, FEG, SGO e SGHN denuncian á Fiscalia de Medio Ambiente
a construción dunha granxa de visóns en A Estrada sen autorización ambiental

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2014

Esta mesma mañán, SGO, ADEGA, SGHN e FEG veñen de denunciar diante da Fiscalía de Medio Ambiente (PDF) que a empresa  Visotenic, S.L. está a desenvolver o proxecto de construción de “Granxa para cría de visón” no lugar de O Arnado, concello de A Estrada (Pontevedra), sen as preceptivas autorizacións ambientias, pois o trámite de información pública do  procedemento de avaliación de incidencia ambiental (expediente PO/2014/008) non remata ata mañán.

SGO, ADEGA, SGHN e FEG consideran que os feitos presentados nesta denuncia poderían verse afectados polos artigos 325, 326, 328.2 do Código Penal ao:

    • Contravir as leis e outras disposicións de carácter xeral protectoras do medio ambiente e pode perxudicar gravemente o equilibrio dos sistemas naturais mediante a liberación dunha especie considerada invasora e incluída no Catálogo estatal de especies invasoras.
    • Non ter obtido a preceptiva autorización ou aprobación administrativa das súas instalacións.
    • Falsear ou ocultar información sobre aspectos ambientais.
    • Constituír unha actividade perigosa para os animais ou prantas, no caso de producirse escapes ou liberacións de visón americano dende as instalacións executadas sen a preceptiva autorización ambiental.

Por todo o exposto, SGO, ADEGA, SGHN e FEG solicitaron ao Fiscal de Medio Ambiente:

  • Que admita e teña por presentada denuncia contra VISOTENIC, S.L., aos efectos de apertura de dilixencias de investigación por iniciar as obras do proxecto “Granja para cría de visón” sen a obtención da preceptiva Declaración de Incidencia Ambiental, feito que pode estar infrinxindo as normas de protección do medio ambiente.
  • Que adoite como medida cautelar a paralización das obras de execución das citadas instalacións.

Alegacións de SGHN á granxa de Visotenic en A Estrada (PDF).

Resposta de SEPRONA e Fiscalia

Construción dunha granxa de visóns en A Estrada sen autorización ambiental

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2014

O pasado 27 de marzo SGO, ADEGA, SGHN e FEG denunciaron diante da Fiscalía de Medio Ambiente que a empresa  Visotenic, S.L. está a desenvolver o proxecto de construción de “Granxa para cría de visón” no lugar de O Arnado, concello de A Estrada (Pontevedra), sen as preceptivas autorizacións ambientais. Un día antes, SGHN informara tamén dos feitos ao SEPRONA da Garda Civil.

As respostas recibidas por SGHN non poden ser ambientalmente máis decepcionantes (Resposta Fiscalia, Resposta SEPRONA). Algo non funciona na conservación do patrimonio natural e non son, precisamente, nin SGHN nin as outras organizacións de defensa ambiental galegas.