logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   


5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente

SGHN: 365 días estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

O Día Mundial do Medio Ambiente, creado por acordo da Asemblea Xeral de Nacións Unidas, celébrase cada 5 de xuño dende 1973.
O
Grupo Ornitolóxico Galego, xérmolo da SGHN, rematou todos os trámites para a súa legalización o 31 de agosto de 1973.

O GOG-SGHN é a máis veterana das organizacións de defensa ambiental galegas e unha das máis antigas de España. Cando os nosos gobernantes comezaron a decatarse da importancia do medio ambiente (creación do Ministerio e da Consellería homónimas en 1996 e 1997, respectivamente) o GOG-SGHN levaba xa case un cuarto de século estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego.

Lamentablemente, para moitos políticos, incluidos os que teñen as máis altas competencias e obrigas en Santiago e Madrid, o medio ambiente non é máis que unha excusa para facerse unha foto cada 5 de xuño; non semella próximo o momento en que, como SGHN, adiquen os 365 días do ano a defender o noso patrimonio natural. Velaquí unha escolla de exemplos de actuacións de SGHN, publicados nesta web entre o 5 de xuño de 2012 e o 5 de xuño de 2013.


 

5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente

SGHN: 365 días estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

A fotografía que acompaña este texto tomouse no cordón dunar do esteiro do río Anllóns (Ponteceso e Cabana de Bergantiños, A Coruña). Lonxe de ser un deserto ou un simple lugar onde disfrutar do sol e o mar, os cordóns dunares son ecosistemas moi valiosos dende un punto de vista xeomorfolóxico, botánico, faunístico e paisaxístico. Escollemos esta fermosa imaxe para ilustrar dúas actuacións de SGHN nos últimos meses para conxurar unha ameaza particular que pende sobre este espazo e outra máis xeral que hipoteca a conservación da biodiversidade de todos os cordóns dunares galegos.

A ameaza particular que pende como espada de Damocles sobre o cordón dunar e todo o esteiro do río Anllóns é a xigantesca mina de ouro a ceo aberto que unha empresa canadiana quere poñer en marcha en Corcoesto, a poucos quilómetros do esteiro, e contra a cal SGHN xa alegou en dúas ocasións (ver). Se rebentaran as balsas mineiras que pretenden construir, os lodos poderían arrasar este sobranceiro espazo natural. Non é alarmismo gratuito, as roturas de balsas mineiras e as avalanchas en entulleiras de minas non son fenómenos excepcionais, baste recordar Aznalcollar, as louseiras de Casaio, as minas de seixo no Pico Sacro, etc.

A ameaza xeral que pende sobre os cordóns dunares galegos é a presión humana, sobre todo en periodo estival, que perxudica a conservación de especies sensibles de flora e fauna, e mesmo a súa propia morfoloxía e existencia (por exemplo na duna móbil de Corrubedo). No que respecta á importante biodiversidade dos sistemas de dunas, nos últimos meses SGHN está a participar activamente nos trámites de audiencia pública do plan de conservación da píllara das dunas (ver). De momento as noticias para a píllara non son boas: a Consellería de Medio Ambiente non se atreve a prohibir a limpeza mecánica nas 25 praias máis importantes para a especie e non quere comprometer un orzamento para o seu plan de conservación.

Hoxe, os 209 días que quedan deste ano e os 365 días de cada ano, SGHN seguirá a traballar no estudio, divulgación e defensa do patrimonio natural galego.

 

5 de xullo, Un mes despois do Día Mundial do Medio Ambiente

SGHN: 365 días ao ano estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

Imaxe: Sistema dunar no esteiro do Anllóns (Ponteceso).

Seguindo co exemplo exposto na reseña do 5 de xuño e a piques de iniciarse o período estival, compre salientar a grande presión humana sobre os ecosistemas dunares perxudicando a conservación de especies sensibles de flora e fauna, e mesmo a súa propia morfoloxía, dinámica e finalmente a súa existencia. Unha das principais causas do declive destas especies é a inexistencia da necesaria, e posible, planificación que compatibilice os intereses recreativos e turísticos coa conservación destes hábitats

Esta planificación debera contemplar accións concretas como:

  • Identificar as zonas costeiras donde se localicen hábitats prioritarios ou poboacións de especies ameazadas para establecer algún grao de protección das mesmas.
  • Controlar o tránsito a traverso dos ecosistemas dunares.
  • Limitar a construcción de infraestruturas.
  • Evitar a presenza de cans soltos nos areais.
  • Realizar a limpeza das praias de xeito manual e selectivo, nunca indiscriminadamente con medios mecánicos: as algas das praias non son lixo, senón unha fonte de alimento e refuxio para moitas especies.
  • E por último, pero non menos importante, actividades de información e divulgación dos valores dos espazos naturais incluíndo a concienciación sobre a necesaria colaboración para manter a limpeza nas praias.

Aplicando estas medidas avanzaríamos moito na conservación dalgunhas especies vulnerables como:

  • Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), co seu plan de conservación nos trámites de audiencia pública no que nos últimos meses SGHN está a participar (ver).
  • Zabrus (Euryzabrus) pinguis, coleóptero que tan só se localiza nas dunas litorais da costa occidental de Galicia e da metade norte de Portugal con presenza da planta Ammophila.
  • Eurynebria complanata, coleótero que vive nas praias marítimas cun sistema dunar pouco alterado e localizado, polo xeral, baixo depósitos de arribazón na zona de transición entre a duna embrionaria e a liña de preamar.

Con estas accións nos encamiñariamos a un punto de inflexión na relación dos galegos co seu patrimonio natural, feito decisivo para lograr a protección real e efectiva de especies, hábitats e espacios naturais senlleiros de Galicia. Nesta senda cara unha maior concienciación medioambiental caerían en terreo máis fértil todas as accións que se leven a cabo sobre un problema acuciante, de vital influencia nos ecosistemas naturais e humanos, como é o da calidade das augas.

Hoxe, os 179 días que quedan deste ano e os 365 días de cada ano,
SGHN seguirá a traballar no estudio, divulgación e defensa do patrimonio natural galego.

Imaxe: Cartel de Zona C de marisqueo na enseada de San Simón (Ría de Vigo).

 

5 de agosto, Dous meses despois do Día Mundial do Medio Ambiente

SGHN: 365 días ao ano estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

A auga non é un ben comercial como os demais, senon un patrimonio que hai que protexer, defender e tratar como tal"
Directiva 2000/60/CE

A auga é un recurso limitado e básico para a existencia da vida, pero sobre este elemento e os ecosistemas acuáticos exércense fortes presións en tódalas súas facetas:

É imprescindíble unha mudanza radical na xestión dos recursos hídricos para mellorar a calidade ecolóxica das augas continentais e litorais mediante a diminución do consumo e unha axeitada depuración. É responsabilidade das Administracións Públicas e do conxunto da cidadanía garantir a sustentabilidade no uso da auga, tendo ben en conta todos os elementos que conforman a achega deste recurso, dende a conservación dos ecosistemas acuáticos, á calidade no subministro e a eficiencia na depuración, pasando polo control nos usos industriais, agrícolas e domésticos, e o fomento do aforro e a eficiencia.

Fotografía: Eutrofización galopante das augas do encoro de As Conchas en 2011

Hoxe, os 148 días que quedan deste ano e os 365 días de cada ano,
SGHN seguirá a traballar no estudio, divulgación e defensa do patrimonio natural galego.

 

5 de setembro, tres meses despois do Día Mundial do Medio Ambiente

SGHN: 365 días ao ano estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

Os incendios forestais múltiples e reiterados, pola súa extensión no espazo e no tempo, representan sen dúbida, o maior factor de destrución do noso, xa seriamente ameazado medio natural, incidindo  gravemente sobre todos os elementos do entorno (Os incendios nos Montes),  mesmo, desgraciadamente, coa perda de vidas humanas. Non é de extrañar, polo tanto, que o estudio deste problema sexa unha liña de actuación permanente para SGHN dende hai trinta anos.

Dende 1968, os sucesivos ministerios con competencias en medio ambiente levan un rexistro estatístico para o seguimiento dos incendios. Os datos son aterradores. Segundo eses datos oficiais ata o ano 2011 queimáronse en España máis de 7 millóns de hectáreas e Galicia (con máis de 1.800.000) encabeza ano a ano a lista de comunidades en número de lumes, producíndose cíclicamente os grandes episodios de incendios que todos coñecemos.

Debaixo da alarmante realidade incendiaria subxace unha complexa problemática xa analizada por diversos autores e nunca de forma interdisciplinar e globalizada. Lévanse feitas múltiples valoracións do fenómeno e a loita contra o lume, na que traballan miles de persoas, leva consumidos  miles de millóns de euros sen que a situación parezca mellorar. É dicir, mantendo un problema enquistado. Dende hai máis de trinta anos, de xeito inaceptable, estase a incidir nos mesmos erros á hora de abordar este problema. No canto de centrar os esforzos en identificar a orixe, pérdese o tempo discutindo sobre conspiracións inexistentes, na busca de motivos ou xustificacións, na exculpación de uns e outros, en liortas entre os grupos políticos baseados na falta de medios, a descoordinación, a climatoloxía, etc. Mentres tanto os incendiarios forestais lévannos costado:

  • vidas humanas
  • vivendas, bens e facendas
  • noso patrimonio forestal
  • incalculables perdas ambientais
  • a destrucción da paisaxe de Galicia
  • a disminución da biodiversidade galega
  • millóns de euros queimados e absolutamente improductivos
  • a hipoteca do noso desenvolvemento futuro e, en fin,
  • a degradación do noso país

... e seguen ...

Fotografía: O lume é a principal causa de destrución do monte galego.

E ata agora únicamento albiscamos FRACASO tras FRACASO na eliminación dos incendiarios e dos incendios forestais.  Resulta evidente que as “solucións” postas en práctica foron inútiles. Debemos, pois, buscar novos camiños e aplicar outros métodos que poidan acadar resultados positivos. Con valentía e intelixencia para ter posibilidades de éxito.

Deixémonos de andar polas ramas e vaiamos á raíz do problema. O “Estudio sobre motivaciones de los incendios forestales intencionados en España” para o período comprendido entre 1995 e 2005” (http://www.magrama.gob.es/es/biodiversidad/temas/defensa-contra-incendios-forestales/documentacion/estudio_motivaciones.aspx) deixa ben claro que a nivel nacional  a intencionalidade é a primeira causa do problema; e as provincias con maior proporción de incendios forestais intencionados son as galegas, nesta orde: Ourense, A Coruña, Pontevedra e Lugo.

Para SGHN non é nada novo, baste ler os seguintes extractos de documentos e escritos nos que se recolle a opinión e conclusións de SGHN.

  • “Se ben o emprego do lume como ferramenta agrícola e gandeira era xa unha práctica “tradicional” en boa parte de Galicia, sobre todo nas serras para controlar o mato e favorecer o crecemento de pastos, o fenómeno incendiario experimentou un brusco estoupido a finais da década de 1960. Os lumes non teñen unha única causa (e moito menos a do “terrorismo” ou a dos “enemigos de Galicia”) senón moitas, orixinadas na mesma poboación galega, tanto do campo coma da cidade” (SGHN, 1983).
  • “Todo fenómeno social de carácter conflictivo afunde profundamente as súas raíces no pasado e os incendios forestais non constitúen, nin moito menos, unha excepción... Tras todas as causas reais ou imaxinarias que se teñen formulado para explicar a alarmante realidade incendiaria, atópase a mesma cuestión de fondo. E ista non é outra que a ignorancia e o desprecio cara a natureza dunha sociedade que, vivindo de costas á terra que a sustenta, acubilla e mesmo alenta no seu seo o fenómeno incendiario e o soporta cun irresponsable estoicismo... A sorprendente pasividade coa que a sociedade galega contempla este fenómeno, tan só pode deberse a ignorancia do que realmente está a suceder e das súas consecuencias previsibles” (SGHN, 1985).

Sabido esto, ¿a que agardamos, políticos e cidadáns, para actuar con decisión  sobre a base do problema: os incendiarios forestais? Urxe concienciar á cidadanía para que abandone o conformismo e indiferencia xeneralizada, reaccione e enfronte con firmeza a situación, pois a súa gravidade trascende moito máis alá do ámbito ambiental ata o punto de hipotecar o futuro da xeración actual e das vindeiras.

A loita contra o lume non compete exclusivamente á Administración, senón ao conxunto da nosa sociedade. Todos temos que tener unha actitude activa e facer patente o rexeitamento social máis forte cara aos incendiarios e os seus encubridores que atentan contra o noso patrimonio natural, sen importarlles as consecuencias inmediatas nin as posteriores: erosión da parte máis fertil das terras, riadas no inverno e secas no verán...

Hoxe, os 118 días que quedan deste ano e os 365 días de cada ano,
SGHN seguirá a traballar no estudio, divulgación e defensa do patrimonio natural galego.

 

5 de outubro, catro meses despois do Día Mundial do Medio Ambiente

SGHN: 365 días ao ano estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

Na reseña do mes de setembro falabamos da enquistada problemática incendiaria en Galicia. Os efectos máis evidentes dos lumes déixanse notar a nivel paisaxístico, sobre todo cando se observa a cuberta vexetal calcinada. Pero un dos problemas derivados dos incendios forestais, no que case ninguén repara, son os seus efectos directos e indirectos sobre o solo.

Coa chegada das chuvias os lugares que foron pasto das lapas de lume perden aceleradamente a terra. Os solos espidos, desprovistos de raíces e de cobertura vexetal, e sen estrutura, desfanse e incapaces de absorber a auga son arrastrados por ela. O que antes era unha esponxa que fabricaba vida agora muda nun torrente de auga turbia con consecuencias que poden ser aínda moito peores que o propio lume. A chuvia arrastra as cinzas e erosiona a capa máis superficial do solo, a máis rica en nutrientes e materia orgánica, perdéndose parte da súa fertilidade e capacidade de almacenar auga, reducindo a produtividade das terras e agravando as secas do verán. Se consideramos que nas zonas de clima temperado un centímetro de solo (unhas 100 toneladas) tarda en formarse de 100 a 500 anos e que despois dun incendio se perden entre 1 e 240 toneladas de terra fértil por hectárea podemos intuir a gravidade do problema.

Para moitos o solo é só esa terra que fica oculta e disfuncional baixo unha capa impermeable de edificios e infraestruturas, ou un solar que agarda ese destino (un 6% da superficie de Galicia está cuberta de asfalto e formigón e a penas un 12% son espazos naturais protexidos). Nembargantes, a capa superior da codia terrestre ten para todos nós unha función vital: constitúe o sustrato onde se sementan, xerminan, chantan as súas raices e medran as plantas, que nos proporcionan alimento e materias primas para as nosas actividades. Aínda máis, o solo é un auténtico mediador das relacións entre os seres vivos, a xeosfera e a atmósfera. Os procesos que implican ao solo son innumerables e inclúen funcións tan importantes como a neutralización ou inmobilización de contaminantes (metais pesados, biocidas…), a retención da auga e o almacenamento e transformación de nutrientes para as plantas.

Non é de extrañar, pois, que un famoso investigador da ciencia do solo afirmase hai xa medio século que “si se destrúe o solo, perdemos a nosa liberdade de elección e acción, condenando a xeneración presente e ás vindeiras a innecesarias privacións e perigos” (Lowdermilk, 1953). Non podía ser máis atinada dita afirmación pois o solo é a base de todos os ecosistemas terrestres e, pensando egoistamente, tamén é os cimentos da propia humanidade.

Imaxe: Formación do solo e biodiversidade. De dereita a esquerda o solo vaise desenvolvendo e, paralelamente, aumenta a biodiversidade que soporta, mentres que a degradación do solo e a conseguinte perda de biodiversidade vai no senso contrario.

Pero, ademais, no solo atópase a maior parte da biodiversidade mundial. Non son especies habituais nos documentais, como as fermosas orquídeas, os rápidos e atractivos felinos, as maxestuosas águias ou os entrañables cachorriños de oso. Trátase de pequenos mamíferos (toupas, furafollas...), micro e macroinvertebrados (lombrigas, alacráns, formigas, grilos, ….) e microorganismos dos que demasiado a miudo nos esquecemos, malia xogar un papel transcendental nos ecosistemas e tamén nas nosas vidas. Baste pensar, por exemplo, nas lexións de fungos que acubilla o solo (ata un millón de individuos por gramo), entre os máis abondosos dos cales están os do xénero Penicillium, que proporcionaron á humanidade o primeiro antibiótico, a penicilina. Algúns outros poden mesmo semellarnos noxentos polo que comen, como os coprófagos que se alimentan de excrementos, algo sen dúbida con moito menos “glamour” que un gran superpredador como o lobo; pero nos ecosistemas as interrelacións entre as especies son moi complexas e velaquí que a conservación do lobo e a dun insecto coprófago (o coleóptero Ceratophyus martinezi, endémico de Iberia) están relacionadas. Pero iso será xa un tema para a vindeira reseña.

Hoxe, os 87 días que quedan deste ano e os 365 días de cada ano,
SGHN seguirá a traballar no estudio, divulgación e defensa do patrimonio natural galego.

 

5 de novembro, cinco meses despois do Día Mundial do Medio Ambiente

SGHN: 365 días ao ano estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

As relacións entre os diferentes compoñentes dos ecosistemas son moi delicadas, complexas e, ás veces, insospeitadas sendo o solo un auténtico mediador entre os elementos vivos e os inertes. Entre as especies de interese presentes no solo están os insectos coprófagos relacionados cos procesos de formación da terra fértil e parte do “servizo de limpeza”. Algunhas especies son endemismos ibéricos con escasas poboacións ailladas e moi localizadas, por exemplo Ceratophyus martinezi (http://www.magrama.gob.es/es/biodiversidad/temas/inventariosnacionales/ceratophyus_martinezi_tcm7-187515.pdf), ou tamén Silphotrupes punctatissimus (http://www.magrama. gob.es/es/biodiversidad/temas/inventariosnacionales/silphotrupes_punctatissimus_tcm7-187579.pdf)

Estes insectos viven en áreas con vexetación en mosaico entre pasteiros, xesteiras e uceiras mantidas polas actividades agrogandeiras tradicionais (pastoreo extensivo ou rozas) ou pola acción dos herbívoros que, o mesmo tempo, lles proporcionan alimento. Como curiosidade hai que dicir que Ceratophyus martinezi ten preferencia polo consumo de excrementos de gando equino, ... e resulta que en Galicia contamos coa única poboación mundial de cabalo salvaxe, o garrano ou ponei galego, para o cal, polas súas especiais características, se solicitou a categoría de subespecie baixo a denominación de Equus ferus atlanticus.

Cada exemplar adulto de ponei galego consume unhas 2,5 toneladas de toxo ao ano, controlando o desenvolvemento do mato e abrindo espazos que resultan axeitados para outras especies como o coello (Oryctolagus cuniculus), a lebre (Lepus castroviejoi), algúns réptiles (Timon lepidus, Psamodromus algirus, Chalcides bedriagai) e tamén algunhas aves (Saxicola torquata, Alauda arvensis, Motacilla flava, Caprimulgus europaeus, Falco tinnunculus, Circus pygargus) . Aínda maís alá deste efecto sobre múltiples e variadas especies os garranos supoñen entre un 60% e un 90% da dieta do lobo (Canis lupus).

Como apuntabamos na reseña de outubro, as relacións interespecíficas e ambientais son moi complexas sendo o garrano peza clave no monte galego como elemento integrador de biodiversidade, dende os pequenos insectos coprófagos ata o noso gran predador. Nembargantes, a entrada en vigor do Decreto 142/2012 semella que levará a extinción desta subespecie, pois fai imposible a supervivencia do garrano en estado salvaxe. A SGHN ven de solicitar a Consellería de Medio Rural e do Mar a inmediata derrogación de dito Decreto (ver PDF) xa que a redución dos efectivos desta especie ou a súa estabulación suporían unha gravísima ameaza tanto para a súa conservación como para a doutras especies moi vencelladas.

A conservación da biodiversidade pasa necesariamente pola conservación dos espacios e hábitats que a manteñen, en Galicia a porcentaxe de superficie natural protexida ronda o 12 %, a máis baixa de todo o estado español. Pero, para moitas especies, non basta co mantemento dunha rede de espacios protexidos, senón que cómpre intervir a unha escala máis ampla e mudar algúns dos nosos hábitos. A boa nova é que, lonxe de constarnos cartos, algunhas desas medidas permitiríannos aforrar moito e, de paso, gozar das estrelas como veremos na vindeira reseña.

Hoxe, os 56 días que quedan deste ano e os 365 días de cada ano,
SGHN seguirá a traballar no estudio, divulgación e defensa do patrimonio natural galego.

 

5 de decembro, seis meses despois do Día Mundial do Medio Ambiente

SGHN: 365 días ao ano estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

Cegados a miudo polos problemas derivados da profunda crise económica actual, moitos non ven que boa parte das súas raíces son comúns coa tamén grave crise ecolóxica. Xa que logo, abordando as verdadeiras raíces do problema poderemos contribuir a mellorar a situación económica da poboación humana e, ao mesmo tempo, conservar as poboacións de moitísimas especies que comparten a terra connosco. “Iluminemos” esta afirmación cun exemplo.

En 2009 manter acesas os 4,5 millóns de luminarias para alumeado público que hai nas rúas e estradas españolas costoulle uns 17.500 millóns de euros aos concellos, que adican a miudo o 40-60% do seu orzamento ao alumeado e o seu mantemento. Tendo en conta que en España emprégase en iluminación nocturna o 19% da electricidade, o 19% das emisións de CO2 xeneradas para producir electricidade son ocasionadas pola iluminación nocturna, e dicir, 8,8 millóns de toneladas de CO2 anuais.

¿Qué facer? Pois é moi sinxelo, non se trata de voltar a idade das cavernas senon de empregar o senso común e os coñecementos dispoñibles:

  • Evitar a sobreiluminación: máis luz non é necesariamente mellor.
  • Apagar as luces innecesarias (sensores de presencia, temporizadores).
  • Seleccionar a cor da luz: mellor amarela que branca (máis atractiva para a fauna).
  • Sustituir as farolas inaxeitadas.
  • Iluminar o chan e non o ceo.
  • Iluminar onde é necesario. Se todolos automóbiles teñen faros e as persoas non, ¿por qué nas vilas as farolas alumean as rúas e non as beirarrúas e os pasos de peóns?

Ao reducir a iluminación artificial innecesaria, ademais de aforrar moitos cartos aos concellos, diminuiría a contaminación lumínica que, ademais de “roubarnos as estrelas” pola noite aos humanos, altera os patróns naturais de luz e escuridade nos ecosistemas, cun forte impacto sobre a biodiversidade.

A escuridade ten a mesma importancia funcional que a luz de día, sendo indispensable para o funcionamento dos organismos e dos ecosistemas no seu conxunto. A contaminación lumínica adianta a saída das follas e retrasa a súa caída, pode alterar a composición da comunidade vexetal e os hábitos nocturnos de alimentación, reproducción, navegación e migración de multitude de especies animais, dende corais e insectos ata vertebrados. A contaminación lumínica pode atraer, fixar ou repeler os animais, provocando mesmo extincións locais de especies. Ao respecto compre sinalar que o 30% dos vertebrados son nocturnos, cifra que aumenta ata máis do 60% nos insectos e que unha farola da rúa mata en promedio a 150 insectos por noite. Moitos insectos son moi pouco “populares” entre os humanos, pero hai que subliñar a súa importancia decisiva na polinización das plantas e nas pirámides tróficas. En canto ás aves, o problema é moi grave para as colonias de cría de aves mariñas e as especies migratorias; así estímase que en Norteamérica ata 100 millóns de aves morren anualmente en colisións durante as migracións entre as súas zonas de cría e invernada, que serán, precisamente, o tema da vindeira reseña.

Fotografía: Árbore no Campus Sur de Santiago que amosa un retraso na caída das follas nas gaias que están xusto debaixo dunha farola.

Hoxe, os 26 días que quedan deste ano e os 365 días de cada ano,
SGHN seguirá a traballar no estudio, divulgación e defensa do patrimonio natural galego.

 

5 de xaneiro, sete meses despois do Día Mundial do Medio Ambiente

SGHN: 365 días ao ano estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

A piques de apagarse os alumeados de nadal (cicais este ano algo máis modestos que en outras ocasións) e lembrando que tamén as aves migratorias sofren as consecuencias dos excesos da iluminación artificial, en xaneiro os ornitólogos saen “de censo” centrando o seu traballo no seguimento das poboacións de aves acuáticas invernantes.

A realización pola Sociedade Galega de Historia Natural dos censos de aves acuáticas invernantes en Galicia ó longo dos últimos 39 anos é un exemplo claro da utilidade e necesidade deste tipo de estudios básicos que aportan información sobre a evolución a longo prazo das especies para garanti-la conservación da biodiversidade, obxectivo que hoxe está na boca de todos pero que hai un cuarto de século poucos defendían.

Os censos realizados dende 1973 permitiron identifica-las principais zonas de invernada de aves acuáticas en Galicia, información que pouco a pouco foi empregando a administración, primeiro a estatal e logo a autonómica, para protexe-los humidais máis salientables da nosa comunidade (A información máis detallada pódese consultar no número 10 da revista Braña).

Tratándose de aves migratorias, a protección das zonas onde estas especies se alimentan, descansan ou crían é imprescindible tanto aiquí como naqueloutros lugares polos que estas especies se desplazan ou onde completan o seus ciclos biolóxicos. Esto representa un grande reto por canto as aves son patrimonio común e deben de ser protexidas mediante unha xestión homoxenea que conserve os seus hábitats, pois a conservación vai moito máis alá da protección parcial ou puntual das especies ou espacios de interese. Dende este punto de vista enténdese a filosofía da normativa europea sobre ZEPAs, que xa en 1979 foi moi clara centrando o seu obxectivo na protección global daquelas zonas da Comunidade Europea destacadas en relación coa presencia das especies máis sensibles e ameazadas traspasando fronteiras e tentando garantir o mantemento destas especies asegurando á protección de zonas naturais de singular relevancia para a conservación da avifauna ameazada de extinción, segundo o establecido orixinalmente na Directiva 79/409/CEE, hoxe substituida pola Directiva 2009/147/CE sobre a conservación de Aves Silvestres na Unión Europea.

Hoxe, os 360 días que quedan deste ano e os 365 días de cada ano,
SGHN seguirá a traballar no estudio, divulgación e defensa do patrimonio natural galego.

 

5 de febreiro, oito meses despois do Día Mundial do Medio Ambiente

SGHN: 365 días ao ano estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

Na reseña do mes de xaneiro falabamos da importancia de obter datos de campo, como os censos de aves acuáticas, para avaliar o estado de conservación das diferentes especies silvestres de modo que poidamos dispoñer de información precisa coa que lexislar eficazmente para a súa protección.

No referido á defensa de especies e espacios naturais existe moita confusión e descoñecemento, cando non desinformación dende as nosas administracións, que conducen a que unha parte importante da poboación pense que vivir nun área protexida ou o feito de aumentar a superficie destes espazos resulta un obstáculo para o desenvolvemento económico das áreas afectadas. Resulta preciso, por tanto, facer unha revisión das principais figuras de protección existentes na nosa comunidade para saber de que estamos a falar.

As Reservas da Biosfera constitúen unha rede internacional de 610 reservas en 117 paises, que se comezou a tecer en 1970 ao abeiro do Programa Home e Biosfera da UNESCO coa intención de promover a integración harmoniosa das comunidades humanas coa natureza que habitan. Nestes espazos, aparte de preservar a biodiversidade, procúrase o desenvolvemento humano e económico, a investigación, a educación e o intercambio de información entre as distintas reservas, das que en Galicia contamos con cinco: “Ancares lucenses e montes de Navia, Cervantes e Becerrea”, “Área de Allariz”, “Río Eo, Oscos e Terras de Bourón”, “Terras do Miño” e “Xurés-Geres”.

Un Parque Nacional é unha área natural extensa, pouco alterada pola actividade humana, con valor paisaxístico, representativa dos seus ecosistemas e que pola singularidade da súa flora, fauna ou formacións xeomorfolóxicas merece atención prioritaria en canto a conservación. A primeira Ley de Parques Nacionales data do 08-12-1916 (hoxe substituida pola Ley 5/2007, de 3 de abril, de la Red de Parques Nacionales) e os dous primeiros parques nacionais españois, (Ordesa e a Montaña de Covadonga) declaráronse en 1918, pero Galicia debeu agardar 86 anos ata a creación en 2002 do seu único Parque Nacional, o das Illas Atlánticas.

Os Parques Naturais integran a primera categoría a nivel autonómico de espacios naturais protexidos que recolle a Lei 9/2001, de 21 de agosto, de Conservación da Natureza; en Galicia, temos declarados seis: “Fragas do Eume”, “Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán”, “O Invernadeiro”, “Serra da Enciña da Lastra”, “Baixa Limia-Serra do Xurés” e “Monte Aloia”. Asimesmo, na devandita lei tamén se inclúen outras categorías como os monumentos naturais, as paisaxes protexidas e os humedais protexidos.

Finalmente destacar dúas leis básicas e de suma importancia para a conservación a nivel estatal, a Ley 42/2007, de 13 de diciembre, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad e a Ley 45/2007, de 13 de diciembre, para el desarrollo sostenible del medio rural.

Fotografía: Canón do Sil (LIC).

Fotografía: As Fragas do Eume (Parque Natural).

A nivel europeo foi fundamental a promulgación da Directiva 2009/147/CE relativa á conservación das aves silvestres e a Directiva 92/43/CEE relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, ambas de obrigado cumprimento por todos os estados membros, que poden ser sancionados se as infrinxen.

O principal obxectivo da Directiva Aves é a protección a longo prazo de todas as aves en estado silvestre na UE, sendo de aplicación ás aves, ovos, niños e hábitats. A directiva fai fincapé en 181 especies ameazadas e os Estados membros son responsables da designación de zonas especiais de conservación, especialmente co obxectivo de protexer as aves migratorias.

O obxectivo principal da Directiva Hábitat é a conservación de plantas e animais silvestres e os seus hábitats naturais. Tamén neste caso, os Estados membros deben designar zonas especiais de conservación e elaborar plans de xestión co fin de acadar un desenvolvemento sostible a través da combinación de medidas de conservación a longo prazo coas actividades económicas e sociais da xente. A directiva refírese a uns 200 tipos de hábitats (Anexo I), 200 especies animais e máis de 500 especies vexetais (Anexo II) de interese comunitario que requiren protección.

As zonas especiais de conservación emanadas de ambas directivas forman a Rede Natura 2000, a iniciativa máis ambiciosa e gran escala emprendida nunca para conservar o patrimonio natural en toda a Unión Europea. Moitos deses hábitats son utilizados polo home, de aí que a Directiva Hábitat sexa tamén unha ferramenta para a protección das paisaxes porque busca conservar elementos típicos como sebes, pequenos bosques, lagos e pantanos e a agricultura tradicional. Os lugares a conservar propostos por cada Estado entran a formar parte da Rede Natura 2000, primeiro como Lugares de Importancia Comunitaria (LICs) e máis adiante como Zonas de Especial Conservación (ZECs); en España, cada Comunidade Autónoma propón o listado de espacios dentro do seu territorio. Pero, aínda que son os Estados membros os que propoñen os espazos da Rede Natura 2000 a Comisión Europea vixía o cumprimento de mínimos para garantir que se acadan os obxectivos globais previstos.

Sabido todo o anterior, poderiamos preguntarnos, cal é a situación da Rede Natura 2000 en Galicia?, estánse a cumprir as esixencias dictadas pola UE?...haberá que esperar a vindeira reseña para obter unha resposta.

Hoxe, os 329 días que quedan deste ano e os 365 días de cada ano,
SGHN seguirá a traballar no estudio, divulgación e defensa do patrimonio natural galego.

 

5 de marzo, nove meses despois do Día Mundial do Medio Ambiente

SGHN: 365 días ao ano estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

A reseña anterior remataba con dúas preguntas: cal é a situación da Rede Natura 2000 en Galicia?, estánse a cumprir as esixencias dictadas pola UE? A resposta é si, pero con matices. Galicia acata as esixencias europeas dende que en 2008 a Comisión Europea abriu un procedemento por incumprir unha sentenza de xullo de 2007 do Tribunal Superior de Xustiza da UE que obrigaba á nosa Comunidade a ampliar a Rede Natura 2000 ante a insuficiencia das zonas hoxe existentes. Con esta medida "disuasoria" e coercitiva declaráronse (non sen problemas) as ZEPAs de Pena Trevinca e A Limia, alcanzándose finalmente unha superficie do 3% do territorio galego. Como todo é relativo, e esta pode parecer unha superficie respectable, poñamos dous datos para poder comparar:

  • A superficie artificial da nosa comunidade (terreo cuberto por cemento e asfalto) é un 2%.
  • A superficie protexida de Galicia é a máis baixa do Estado Español, seguida do País Vasco cun 5,3%.

Nestes momentos está aberto o prazo de Consulta sobre o Proxecto de Decreto de Declaración de zonas de especial conservación (ZEC) e aprobación do Plan Director da Rede Natura 2000, rematado o prazo de audiencia e información pública no que SGHN participou presentando alegacións.

As alegacións de SGHN sobre a Proposta de ampliación da Rede Natura 2000 inclúen:

  • Unha "alegación á totalidade" coa petición de que se contemplen todas as ampliacións de LICs e os novos LICs da proposta de 2008. A xustificación é clara: tendo sido elaboradas polo mesmo equipo redactor, non pode haber motivos científico-técnicos para a grande disparidade existente entre a Proposta de ampliación de 2008 (que non chegou a aprobarse) e a de 2011:
    • 2008: Ampliación de 187.347 ha terrestres, ata acadar 541.923 ha que son un 18,3 % da superficie continental de Galicia (lixeiramente máis que ou 17,5 % na UE). Ampliación de 102.469 ha mariñas.
    • 2011: Ampliación de 102.857 ha terrestres, ata acadar 450.181 ha que representan un 15,2 % da superficie continental de Galicia (máis de 2 puntos inferior ao 17,5 % na UE). Ampliación de 51.318 ha mariñas.
  • 22 alegacións específicas, xustificadas ao longo de 22 páxinas de texto e gráficas, con peticións referidas á ampliación, conexión e creación de LICs (ver PDF).

Imaxe: Superficie dos LICs e ZEPAs en Galica e as outras CC.AA.

A imaxe da esquerda (elaboración SGHN sobre mapa oficial) reflicte a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 elaborada en 2008 e na que os óvalos sombreados resaltan as principais zonas de interese natural que "desapareceron" na nova proposta de ampliación de 2012 (imaxe da dereita, elaboración SGHN a partires dos mapas oficiais).

Con respecto ao Plan Director da Rede Natura 2000, SGHN considera que é positivo pero resulta en boa medida voluntarista (ver PDF). Así, ao documento sometido a información pública:
  • Sóbralle ambigüidade, por exemplo, precisa de máis concreción e definición sobre que ferramentas e medios económicos haberá e sobre como será a coordinación e prioridades con outras administracións.
  • Fáltalle, en boa medida, ambición conservacionista.

Como se traduce esta normativa na realidade ambiental de Galicia?, verémolo na vindeira reseña.

Hoxe, os 301 días que quedan deste ano e os 365 días de cada ano,
SGHN seguirá a traballar no estudio, divulgación e defensa do patrimonio natural galego.

 

5 de abril, dez meses despois do Día Mundial do Medio Ambiente

SGHN: 365 días ao ano estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

Sobre o Plan Director da Rede Natura 2000, argumentábamos na reseña do mes marzo que o documento sometido a información pública é unha declaración de boas intencións pero carece de ambición xa que, entre outros, precisa de moita máis concreción e definición sobre as ferramentas e medios económicos que estarán dispostos a prol da conservación. Neste senso, faciámonos unha pregunta: como se traduce esta normativa na realidade ambiental de Galicia? Dito doutro xeito, cambiou algo na situación medioambiental de Galicia dende que dispoñemos deste documento? Para saber se corren mellores tempos para o patrimonio natural galego botemos, por exemplo, unha ollada á realidade da lexislación actual sobre a biodiversidade en perigo.

O Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA), aprobado hai seis anos mediante o Decreto 88/2007e a súa actualización no Decreto 167/2011, recolle que en Galicia hai 74 especies oficial e legalmente recoñecidas como en perigo de extinción e que precisan plans de recuperación; asimesmo, 125 especies ou taxóns están en situación vulnerable, necesitando neste caso plans de conservación. No pleno do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible celebrado o 21 de febreiro de 2012 a Dirección Xeral de Conservación da Natureza anunciou a inminente apertura do proceso de información pública para:

  • A actualización do plan de recuperación do oso (Ursus arctos), que data de 1992.
  • O plan de recuperación do sapoconcho (Emys orbicularis).
  • O plan de recuperación da escribenta das canaveiras iberooccidental (Emberiza schoeniclus lusitanicus).
  • O plan de conservación da píllara areeira (Charadrius alexandrinus).

Pensando nestas 4 especies, a nova era en principio positiva pero no lentísimo proceso de tramitación (aínda hoxe non están aprobados) SGHN puido constatar que, por desgracia, as medidas contempladas son manifestamente insuficientes, máxime tendo en conta que non se inclúen compromisos orzamentarios para o seu desenvolvemento.

E o resto das especies ameazadas? Pois unha mirada máis ampla e unha simple regra de tres móstranos a inquedante situación na que se atopan as 195 especies ameazadas restantes: supoñendo que os 4 plans en tramitación se aprobasen mañán mesmo, ao ritmo actual de 4 plans en 6 anos (o CGEA aprobouse o 19 de abril de 2007) farían falta 111 anos para que as 74 especies en perigo de extinción tiveran o seu instrumento de xestión e nada menos que 293 anos para protexer todos os taxóns incluidos no CGEA.

Á vista destes datos, calquera pode entender a gravidade da situación que padece a nosa biodiversidade máis ameazada. Biodiversidade que, cómpre recalcar, non só está integrada por vertebrados e/ou especies vistosas e “populares”, tamén hai plantas e invertebrados moi ameazados nos que aínda non pousou a man da fortuna para seren considerados dignos de protección pola Xunta de Galicia. A delgada liña que separa a todas esas especies da desaparición total lévanos a concluir que, obviamente, non van esperar nin 300 nin 100 anos a que nos acordemos da súa importancia. Foi por iso que o representante da SGHN no Consello Galego de Medio Ambiente denunciou a absoluta desprotección da nosa riqueza faunística e florística en perigo e reclamou axilidade no ritmo de elaboración dos plans de recuperación ou conservación.

Pola resposta da Dirección Xeral de Conservación da Natureza no mencionado Consello de hai un ano, sabemos que alomenos existen outros 22 documentos de xestión entregados polas asistencias técnicas para outras tantas especies, pero case 14 meses despois seguen esquecidos nalgún caixón oficial. A qué agarda a Consellería de Medio Ambiente para abrir os seus procesos de información pública e tramitación para que se poidan aprobar e así axudar á conservación da nosa biodiversidade?

Imaxe: Petrocoptis grandiflora, para a que Galicia ten unha grande responsabilidade internacional de conservación. Como para o resto das plantas ameazadas (e os invertebrados), aínda non está dispoñible o seu instrumento legal de xestión.

E si as nosas administracións “competentes” son tan desesperantemente lentas cando se trata de conservar o patrimonio natural galego, que podemos facer os “cidadáns de a pe”? Pois o que SGHN leva facendo dende hai 40 anos: ir por diante dos nosos gobernantes, como veremos na vindeira reseña.

Hoxe, os 270 días que quedan deste ano e os 365 días de cada ano,
SGHN seguirá a traballar no estudio, divulgación e defensa do patrimonio natural galego.

 

5 de maio, once meses despois do Día Mundial do Medio Ambiente

SGHN: 365 días ao ano estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

Preguntabámonos no mes de abril se a sociedade civil preocupada polo deterioro mediambiental pode facer algo máis que agardar ante a desesperante inoperancia, non se sabe ben se ignorante, incompetente ou interesada, das administración públicas. A resposta é si, e unha das alternativas artéllase mediante a custodia do territorio. Estas iniciativas, aínda pouco coñecidas pola maioría da poboación e relativamente novedosas en España  (o primeiro espacio natural custodiado data de 1975), xurdiron a finais do século XIX nos EEUU onde, a través da fundación The Trustees of Reservations, se comezaron a protexer terras de alto valor natural para uso e disfrute público.

Actualmente, en España a custodia do territorio é unha figura que aparece recollida e está regulada pola Ley 42/2007, de 13 de diciembre, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad; unha das súas características definitorias é que as actuacións adoptadas a favor da protección e conservación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico non veñen impostas por unha administración pública, senón que son acordos voluntarios e consensuados entre o propietario e a entidade de custodia, que será unha organización pública ou privada sen ánimo de lucro. É dicir, a base do acordo fundamentase na confianza entre as partes, a procura de intereses comúns e a relación igualitaria á hora de propoñer solucións ás ameazas que sofre o patrimonio natural.

Imaxe: Cartel e observatorio de aves na Lagoa de Sobrado.

A Sociedade Galega de Historia Natural, organización de defensa ambiental pioneira en moitos aspectos, tamén o foi neste ámbito. As actuacións máis relevantes en canto a custodia do territorio por parte de SGHN son:

  • En 1992, 15 anos antes de se recollera na Ley 42/2007 por vez primeira a custodia del territorio como instrumento de conservación da natureza, púxose en marcha un dos primeiros acordos en Galicia: a comunidade monacal de Sobrado cedía a unha asociación non gubernamental (SGHN) unhas terras de  alto valor ambiental para a súa xestión. Estamos a falar da lagoa de  Sobrado dos Monxes e terreos colindantes. Asinábase así un traspaso de propiedade coa única fin de conservar e poñer en valor a través de actividades divulgativas e educativas este importante humidal.
  • En  xullo de 2010  comezou a andadura da Fundación Fragas de Mandeo, integrada por SGHN, a asociación Rabo de Galo e o grupo Hábitat, entidade que ten como principal obxectivo estatutario “realizar labores de custodia do territorio na comarca das Mariñas (A Coruña) con fins de conservación da paisaxe e dos ecosistemas naturais, coa súa fauna, flora e xea asociadas, así como fomentar a custodia do territorio como fórmula para protexer a natureza e promover a súa conservación”. Para iso creouse un fondo de conservación da natureza, e coas doazóns recadadas mércanse leiras e montes para a protección dos hábitats prioritarios; ditas propiedades sempre terán que destinarse a ese fin e non se poden vender nin transmitir con outros obxectivos, incluso no caso de que se extinguira a entidade.
  • A iniciativa máis recente de espíritu conservacionista na liña do que estamos a falar lévase xestando dende hai dous anos e vaise concretar en breve coa compra por parte de SGHN dunha parcela para o desenvolvemento dun proxecto de restauración de zonas húmidas.

Todos estes proxectos mantéñense vivos gracias a dedicación altruista dos membros das asociacións impulsoras e colaboradores voluntarios que ofrecen o seu tempo libre,  entusiasmo e experiencia profesional. As cifras do “2º Inventario de iniciativas de custodia del territorio del Estado español" (2009) identificaban máis de 1.500 iniciativas por todo o país (unhas 300.000 ha), a pesar da gran dificultade que supón lograr financiación para emprender os proxectos de  conservación e restauración de hábitats. Por iso, SGHN non se cansará de mostrar a súa gratitude e animar a todos aqueles que queiran formar parte destas iniciativas (aportacións económicas, difusións dos proxectos, ...) xa que en momentos de cambio como os actuais, parece indispensable tecer redes de colaboración que sumen vontades e multipliquen solucións aos problemas que nos afectan.

SEGURO QUE XUNTOS PODEMOS ao igual que o conseguimos no pasado con outras iniciativas avanzadas ao seu tempo, como veremos o vindeiro mes no que pechará este ciclo de reseñas de días mensuais do medio ambiente.

Hoxe, os 240 días que quedan deste ano e os 365 días de cada ano,
SGHN seguirá a traballar no estudio, divulgación e defensa do patrimonio natural galego.

 

TODOS OS DÍAS DEBEN SER O DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

5 de xuño, outro ano máis, o Día Mundial do Medio Ambiente

SGHN: 365 días ao ano estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

O Día Mundial do Medio Ambiente, creado por acordo da Asemblea Xeral de Nacións Unidas, celébrase cada 5 de xuño dende 1973; xa que logo, hoxe cumple 40 anos.

O Grupo Ornitolóxico Galego, xérmolo da SGHN, rematou todos os trámites para a súa legalización o 31 de agosto de 1973; xa que logo, faltan só 87 días para que cumpla 40 anos. GOG-SGHN é a máis veterana das organizacións de defensa ambiental galegas e unha das máis antigas de España. Cando os nosos gobernantes comezaron a decatarse da importancia do medio ambiente (creación do Ministerio e da Consellería homónimas en 1996 e 1997, respectivamente) o GOG-SGHN levaba xa case un cuarto de século estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego. Lamentablemente, para moitos políticos, incluidos os que teñen as máis altas competencias e obrigas en Santiago e Madrid, o medio ambiente non é máis que unha excusa para facerse unha foto cada 5 de xuño; non semella próximo o momento en que, como SGHN, adiquen os 365 días do ano a defender o noso patrimonio natural.

Seguro que xuntos lograremos que todos os días sexan o Día do Medio Ambiente. E para elo nada mellor que inspirarse nos 40 anos de historia da Sociedade Galega Historia Natural, unha afanosa traxectoria guiada pola paixón e o compromiso na que destacan:

  • Conseguir o apoio de España á moratoria da caza de baleas.
  • Prohibir os vertidos radioactivos na Fosa Atlántica.
  • Aportar información básica para a declaración dos 5 humidais galegos de importancia internacional.
  • Declarar a Illa de Cortegada como parte Parque Nacional das Illas Atlánticas (o único en Galicia).
  • Declarar Parque Natural a Serra de Enciña da Lastra.
  • Publicar e actualizar o Atlas de Vertebrados de Galicia.
  • Mellorar o Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
  • Publicar Braña, a primeira revista científica en galego.
  • Ser pioneiros na Custodia do Territorio (acordo cos monxes de Sobrado e participación en Fragas do Mandeo).
  • Crear, manter e potenciar o Museo de Historia Natural de Galicia (Ferrol).
  • Coidado, recuperación e liberación ao medio mariño de exemplares de especies recollidas no seguemento de varamentos na costa (en colaboración coa CEMMA).
  • Censos anuais de aves invernantes.
  • Seguemento de incendios forestais.
  • Representación en distintas comisións, comités, etc. de participación cidadá; así como participación moi activa nos trámites de información pública de proxectos que afecta ao medio natural.
  • Realización de estudos, comunicacións e informes do medio natural (fauna vertebrada e invertebrada, flora, espacios, paisaxe, ...).

Imaxe: Pegatina contra a caza das baleas editada por SGHN e Greenpeace-Francia (aínda non existía Greenpeace España).

Imaxe: Os compañeiros de SGHN e C.E. Natureza na cuberta do Xurelo cara á Fosa Atlántica.

En definitiva, moito traballo para facer honra aos obxectivos fundacionais de ESTUDIAR, DIVULGAR E DEFENDER O PATRIMONIO NATURAL GALEGO de xeito que, xunto co resto dos grupos, manteñamos viva a concienciación ambiental en Galicia

Dende estas liñas queremos rendir homenaxe a toda a xente (fundadores, socios, colaboradores, simpatizantes, ...) que ao longo destes anos fixeron posible moitos logros co seu esforzo, entrega e adicación desinteresada, porque XUNTOS, con rigor e obxectividade, SOMOS QUEN DE PROCURAR unha VIDA XUSTA e SOSTIBLE para todas as persoas.