Aínda que a Demarcación de Costas de Galicia pretende maquillalo como “actuacións ambientais”, non é máis que un proxecto de urbanización/axardinamento no “corazón” dos carrizais do Ulla (Lugar de Interese Comunitario - Rede Natura 2000) posto que pretende destinar o 96,74 % do orzamento a movementos de terras, pavimentación, equipamento e mobiliario urbano e sinalización.
En total serían 2,2 millóns de euros, dos que 2,1 millóns serían para as obras e 80.000 euros para expropiar 19.000 m2 de fincas, pero nin un só céntimo de euro á resolución dos problemas ambientais reais do lugar de interese comunitario ES1140001 “Sistema fluvial Ulla-Deza” no que se realizaría íntegramente: verquido incontrolado de basuras, entullos e augas fecais, expansión de especies invasoras (entre elas o visón americano) que ameazan a especies autóctonas ameazadas, etc.
O proxecto, que non resposta a unha demanda municipal e para o que non consta en absoluto que exista unha demanda social, falta á verdade ó afirmar que na zona non existen os equipamentos urbanos que pretende construir, porque nos últimos 10,5 km do río Ulla hai tres embarcadoiros, 2 áreas recreativas, 1 praia fluvial e a lo menos 2 piscinas públicas.
De levarse a cabo, o proxecto afectaría de xeito gravísimo e irreversible á mellor zona de cría en España da Escribenta das canaveiras iberooccidental, Emberiza schoeniclus lusitanica, ave catalogada como en Perigo de Extinción tanto no Libro Vermello das Aves de España como no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Nos carrizais do Ulla que a Demarcación de Costas pretende absurdamente destruir concéntrase en torno ó 3% de toda a pobación mundial desa ave.
A SGHN ven de pedir tamén á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Consellería de Medio Rural) que convoque urxentemente unha reunión do Comité Galego para a Conservación da Biodiversidade para debatir as repercusións do proxecto sobre a escribenta das canaveiras iberooccidental.
Para máis información véxase PDF Alegacions_Dodro_2010. |


Fotografías: Carrizais do Ulla (Dodro, A Coruña) en verán (arriba) e inverno (abaixo). |