logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

APERTURA NATURAL DA LAGOA DA FROUXEIRA

A apertura espontánea da canle da lagoa da Frouxeira en Valdoviño a primeiras horas da mañá de onte (30-01-2012) evidencia o inapropiado das medidas tomadas pola Xunta de Galicia neste último mes, como colofón a unha longa traxectoria de desinterese polo cumprimento das súas obrigas legais respecto da xestión dun humidal con cinco figuras de protección, unha delas internacional.

A canle voltou a abrir por onde o sistema ofrece máis estabilidade, fronte ao illote Percebelleira, evidenciando que se subestimou a forte dinámica mariña da zona coa pretensión da construción dunha canle de desaugue supostamente controlado que, ademáis, mudaría o caracter alternante de albufeira/lagoa que lle confire á Frouxeira un dos seus maiores valores ambientais.

A SGHN lamenta fondamente a obstinación e falta de diálogo das autoridades ambientais, desprezando o diálogo con entidades como a nosa con máis de trinta anos de coñecemento da zona, e vai esixir onde corresponda as responsabilidades por unha xestión tan criticable dende o punto de vista ambiental.

Por último, pero non menos importante, SGHN reclama a inmediata restitución da barra de area da praia pequena ao seu estado anterior, retirando os xeotextiles colocados e restaurando o areal ao seu perfil habitual, moi alterado pola actuación da Consellería de Medio Ambiente con maquinaria pesada o cal afectou alomenos a dúas especies de coleópteros con estatus vulnerable:

  • Zabrus (Euryzabrus) pinguis, especie que tan só se localiza nas dunas litorais da costa occidental de Galicia e da metade norte de Portugal; está ligada á presenza de Ammophila arenaria e, ao non ser voadora, a súa mobilidade vése reducida. Categoría UICN 2007 de Vulnerable baixo Criterio B2ab (ii,iii): http://www.marm.es/es/biodiversidad/temas/inventarios-nacionales/Zabrus_pinguis_tcm7-187591.pdf
  • Eurynebria complanata, especie halófila de hábitos nocturnos, que vive nas praias marítimas con presenza dun sistema dunar pouco alterado e que se localiza, polo xeral, baixo residuos depositados pola marea na zona de transición entre a duna embrionaria e a liña de preamar. É unha especie vulnerable que, ainda que localmente poda asemellar dunha presenza abundante, atópase en regresión nas nosas costas polo forte impacto da actividade humana neste medio.

 

ASÍ NON!

COMUNICADO DA SGHN SOBRE A APERTURA DA LAGOA DA FROUXEIRA

A Sociedade Galega de Historia Natural manifesta a súa fonda preocupación sobre o deseño e execución do procedemento adoptado polas autoridades competentes para aliviar os elevados niveis de agua da lagoa da Frouxeira (Valdoviño).

Respecto ao deseño, cabe salientar que se descoñecen os posibles efectos do novo trazado do sistema de desaugue e non pode desbotarse que chegue a dificultar a entrada do mar na Frouxeira, alterando o seu funcionamento natural.

Respecto á execución, as obras en realización conlevan a remoción e desprazamento dunha grande cantidade de area con maquinaria pesada: ata 3 bulldozers e 3 retroexcavadoras traballando simultáneamente que xa alteraron o perfil da praia e moi probablemente estean a provocar unha compactación das areas con efectos pendentes de avaliar.

Pero, con diferencia, o máis preocupante é que a maquinaria pesada empregada está a profundizar máis aló do depósito de areas da praia. As fotografías obtidas por SGHN revelan con claridade meridiana que os bulldozers están a rebaixar o propio leito rochoso de xistos subxacente ás areas da praia, provocando unha afectación xeomorfolóxica seguramente irreversible.

Unha transformación xeomorfolóxica deste tipo resulta incomprensible e inaceptable se as obras son unha solución provisional de “urxencia”.

Incomprensible e inaceptable serían tamén os cualificativos aplicables para esta transformación xeomorfolóxica se as obras non son provisionais e se están a realizar carecendo aínda dos resultados do estudio científico e plan de xestión reclamado dende hai 2 anos por SGHN e que segundo a Xunta de Galicia aínda se está a realizar porque SE UNHA COUSA ESTÁ FORA DE TODA DÚBIDA É QUE A CANLE NATURAL DA FROUXEIRA NUNCA FOI POR DEBAIXO DO LEITO ROCHOSO.

Fotografía: Danos provocados pola maquinaria pesada sobre o substrato rochoso da praia da Frouxeira durante a apertura do novo trazado da canle de drenaxe (2012-01-25).

 

COMUNICADO DE PRENSA DA S.G.H.N. SOBRE A SITUACIÓN NA LAGOA DA FROUXEIRA

A Xunta Directiva Xeral da SGHN desexa facer pública a súa posición respecto á xestión pasada e actual do ecosistema da Frouxeira. Consiste este nunha lagoa litoral, que se enche coa auga doce de varios regatos e desauga na praia da Frouxeira por unha canle de desaugue polo NE, ao abrigo do illote Percebelleira. No verán, a estiaxe e os ventos pechan a lagoa ata que, ao recuperar niveis altos de inundación, rompe a barra por efecto das mareas máximas e a marusía, ou axudada manualmente ata os anos 60 e con maquinaria pesada nos seguintes vinte anos.

A situación actual da Lagoa da Frouxeira, debido á elevación excesiva do nivel da lámina de auga, sobrepasa o límite soportable para algúns dos hábitats que xustificaron no seu día a declaración deste espazo como ZEPVN “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”, Humidal Protexido “Lagoa e areal de Valdoviño”, LIC ES1110002 “Costa Ártabra”, Zona Ramsar 7ES025 “Lagoa e areal de Valdoviño” e ZEPA ES0000258 “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”, principalmente a aqueles hábitats que conforman o bordo da Lagoa: 7140 “Mires de transición”, 1150 “Lagoas costeiras”, 2120 “Dunas móbiles do litoral con Ammophila arenaria, (dunas brancas)”, 2130 “Dunas costeiras fixas con vexetación herbácea, (dunas grises)”, hábitat prioritario e 9130 “Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior", tamén prioritario. De persistir as presentes circunstancias, estes hábitats poderanse verse afectados, ata o punto de producirse modificacións no valor relativo á conservación, atendendo a criterios contemplados no Anexo III da Lei 42/2007 para a avaliación de hábitats.

En canto ao valor ornitolóxico internacional da Frouxeira, determinado pola riqueza e diversidade en aves asociadas ao medio acuático, dada a proximidade da tempada de cría as consecuencias desta crecida (no caso de prologarse varias semanas máis) poderían ser nefastas para diversas especies, varias delas incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas como vulnerables (Garza pequena Ixobrychus minutus; Papoazul Luscinia svecica) ou en perigo de extinción (Abetouro Botaurus stellaris; Alcaraván Burhinus oedicnemus; Escribenta das canaveiras Emberiza schoeniclus lusitanica).

A Lei 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade, sinala a obriga, por parte das administracións competentes, de tomar as medidas apropiadas para evitar a deterioración dos hábitats naturais e dos hábitats das especies que motivaron a designación das áreas integradas na Rede Natura 2000.

A SGHN advertiu con data de 18 de xaneiro de 2010 dos potenciais riscos para este ecosistema de non tomarse medidas baseadas na investigación, estudo e valoración das posibles alternativas que leven a unha correcta xestión do medio.

Os problemas actuais veñen do cambio de uso tradicionais. Nos anos 60 o aproveitamento de pastoreo e pesca deixou paso á unha extracción masiva de area que castigou o sistema dunar da Frouxeira. Antes do remate da mesma, en 1979, a apertura con máquinas polo NO da lagoa en momentos de enchente desencadeou unha entrada masiva de area que cubriu parcialmente o leito da lagoa, reducindo a súa capacidade e tapando os limos e a vexetación subacuática que mantiñan a organismos acuáticos e aves.

En 1984 o concello de Valdoviño, asesorado pola SGHN reabríu a vella canle NE ao abrigo do illote Percebelleira. Esta canle estabilizouse abrindo tanto espontáneamente coma por intervención humana ata 2002, cando foi pechado para impedir a entrada da marea negra do Prestige. En 2003 retirouse dita barreira con maquinaria pesada, pero esta intervención necesaria executouse moi mal xa que afondou o perfil da canle, o que levou á administración á colocación dunha barreira de pedra que se mantén na actualidade. En opinión da SGHN, esta actuación alterou a dinámica dos vinte anos anteriores, dificultando hoxe o desaugue da lagoa.

Esa situación levou áSGHN a solicitar en 2010 un estudo multidisciplinar para asesorar sobre as medidas a tomar para mellorar a capacidade da lagoa e a recuperación da súa productividade natural. Lamentablemente, a realización de dito estudo estase a dilatar excesivamente no tempo polo que, á vista das afeccións actuais ao medio e en base ao principio de precaución, SGHN estima que se deberían considerar medidas inmediatas de alivio controlado do nivel hídrico tendentes a evitar males maiores aos valores naturais de A Frouxeira.

Por suposto, sen prexuízo de que se continúen as imprescindibles investigacións en curso, coa finalidade de acadar o antes posible unha solución definitiva que asegure a autorregulación do sistema lagunar.

 

COMUNICADO DE PRENSA DA SGHN EN RELACIÓN COA LAGOA DA FROUXEIRA

A SGHN, ante as declaracións de responsables de Conservación da Consellería de Medio Rural aludindo á imposibilidade de actuación na lagoa da Frouxeira debido ás denuncias de organizacións conservacionistas desexa levar ao público as seguintes consideracións:

  • Ningunha denuncia paraliza nada na UE senón ten unha base legal fundamentada.
  • A actitude da SGHN sempre é a de buscar o mellor nivel de colaboración con administracións e colectivos para preservar o patrimonio natural galego. De non conseguilo trata de instar ás instancias que correspondan para que se cumpra a lei.
  • O caso da Frouxeira, que reúne cinco figuras de protección, unha delas internacional, é un dos exemplos máis lamentables do abandono da administración autonómica responsable da conservación, toda vez que incumpriu reiteradamente as obrigas que lle confire a lei e compromisos internacionais, gastando pouco ou nada na xestión e, o que é peor, demostrando pola vía dos feitos que non hai unha política de xestión, nin sobre o papel nin sobre o terreo, descargando actuacións que lle competen sobre os limitados medios e competencias do concello de Valdoviño.
  • Os conservacionistas SI somos culpables de preocuparse dende 1973 para evitar que na superficie da Frouxeira houbera cousas como un complexo turístico, un 'lago' para deportes náuticos e unha 'reserva', como recollen as hemerotecas. Máis non somos os únicos culpables, moitos veciños de Valdoviño apoiaron esas reivindicacións e un alcalde valente, Jesús Tutor (†) tivo o valor en 1985 de asumir a restitución da canle vella aconsellado pola SGHN. Non lle dou ou non puido construír o acceso en peine ás fincas, como parece que se está a facer de urxencia este decembro.
    Esa valentía cómprelle agora á Dirección Xeral de Conservación e a Augas de Galicia para tomar medidas técnicas de xestión da lagoa apoiadas en estudos científicos fundamentados, máis que pretender enfrontar a conservacionistas e veciños que encontrarán sempre na SGHN unha organización interesada na mellor calidade do medio de Galicia.

Santiago, 2 de xaneiro de 2012

 

Alegacións de SGHN e SGO
MÁIS “ACTUACIÓNS” DA DEMARCACIÓN DE COSTAS EN VALDOVIÑO

Sociedade Galego de Ornitoloxía (SGO) e Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) veñen de presentar coordinadamente alegacións (ver PDF) ao Estudo de Impacto Ambiental e ao Proxecto "Actuaciones en el entorno de A Frouxeira T.M. de Valdoviño (A Coruña) ref.: 15-0659" sometido a información pública pola Demarcación de Costas de Galicia (BOE nº 202, de 23 de agosto de 2011).

O proxecto apenas aporta elementos de recuperación de zonas sensibles, como supostamente se pretende na exposición de obxectivos, e abonda na idea de engadir supostos atractivos turísticos a costa de agravar os impactos negativos de “actuacións” previas da Demarcación de Costas sobre:

  • Hábitats incluidos na Directiva Comunitaria 92/43/CEE:
    • Código 1230 Cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas; hábitat de interese comunitario.
    • Código 4040 Uceiras secas costeiras de Erica vagans, hábitat de conservación prioritaria na UE do que apenas hai 400 ha en toda Galicia.
  • Un área de interese salientable para a avifauna:
    • Reprodutora: Pillara das dunas (Charadrius alexandrinus), Choia biquivermella (Pyrrhocorax pyrrhocorax), Lagarteiro (Falco tinnunculus), Lavandeiras boieiras (Motacilla flava), Merlo azul (Monticola solitarius) ou os Liñaceiros (Carduelis cannabina).
    • Migrante ou invernante: Pedreiros cincentos (Oenanthe oenanthe), Picas comúns (Anthus pratensis), Chascos rabipintos (Saxicola torquata), as raras Escribentas das neves (Plectrophenax nivalis), moi escasa no contexto peninsular, bandos de Píllara dourada (Pluvialis apricaria) e exemplares de Ganso sangano (Branta leucopsis).

Fotografía: Cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas; hábitat de interese comunitario.

Fotografía: Uceiras secas costeiras de Erica vagans, hábitat de conservación prioritaria na UE.

Fotografía: Antirrhinum majus ssp. linkianum, endemismo.

Fotografía: Reichardia gaditana, endemismo.

Polo devandito, SGHN e SGO veñen de solicitar á Demarcación de Costas en Galicia que:

  1. Das actuacións previstas na contorna do Faro da Punta Frouxeira se conserve únicamente a instalación de paneis, circunscrita ás inmediaciones do Faro.
  2. En relación ao aparcadoiro no Campo de Fútbol e ao campo dunar todas as actuacións deberan encamiñarse a restaurar o campo dunar e facer o posible por conquerir a medio prazo o cambio de ubicación das instalacións deportivas, situando nese sitio o campo da festa e un aparcadoiro (máis pequeno que o proxectado). A restauración da parcela debera facerse aportando sustrato areoso en sustitución do extraído e recuperando as formas do contorno, eliminando drenaxes e sen revexetar artificialmente. É importante tamén eliminar o peche existente da especie alóctona Myoporum laetum.
  3. Se deben restaurar, na medida do posible, os cantís da Praia Pequena e o talude da Praia Grande de tal xeito que posibilite o asentamento dos hábitats presentes anteriormente. Para levar adiante estas restauracións é necesario tamén eliminar, en parte, as sendas existentes, substituíndoas por camiños de tamaño máis reducido que conduzan ás escaleiras, que deberan ser de madeira como están proxectadas, pero reducindo as dimensións en anchura.
  4. É necesario que o regato que desemboca na Praia Pequena deixe de ser unha tubería de formigón e recupere a súa circulación natural en superficie. Para posibilitar esta opción, o aparcadoiro que se propón para a Praia Pequena debera ubicarse no mesmo lugar que o xa indicado para a Praia Grande.
  5. A solución ao problema dos casetos de aperos de pesca na Praia dos Botes non é cambiar o emprazamento destas edificacións, senón demoler as actuais e recuperar o tipo tradicional de pedra e madeira, adaptada ás características orográficas e que ofrecía un aspecto harmonioso coa paisaxe circundante. É necesario, así mesmo, regular o uso e as dimensións das instalación, debendo quedar o uso restrinxido á actividade tradicional.

Fotografías: Muro de bloques de granito e tubo de formigón (esquerda) cos que en 2003 a Demarcación de Costas de Galicia destruíu parte do cantíl da Praia pequena e encanou o regato que desembocaba nela para a súa "recuperación" (véxase placa na imaxe da dereita), todo con fondos públicos do Ministerio de Medio Ambiente.

 

LAGOA DE A FROUXEIRA
e a reiterada apertura artificial da súa canle de drenaxe

O recurso reiterado á apertura artificial da canle de desaugamento da Lagoa da Frouxeira con maquinaria pesada (no outono de 2009, alomenos en dúas ocasión) amosa con claridade a ineficacia destas medidas de ”xestión hidrolóxica” que, actualmente en resposta á presión urbanística, semellan aplicarse en base ó sistema de “ensaio e error”, sexa por parte dos propios operarios da maquinaria ou baixo a supervisión de persoal non cualificado na materia.

Ademais do despilfarro de recursos públicos que supón, a ”xestión hidrolóxica por ensaio e error” debido a motivos urbanísticos é inaceptable nun espazo natural como a Lagoa da Frouxeira que, polos seus sobranceiros valores ambientais, acumula nada menos que 5 figuras legais de protección nacionais e internacionais:

  • Zona de Especial Protección dos Valores Naturais “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”.
  • Humidal protexido “Lagoa e areal de Valdoviño”.
  • LIC ES1110002 “Costa Ártabra”.
  • Zona Ramsar 7ES025 “Lagoa e areal de Valdoviño”.
  • ZEPA ES0000258 “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”.

Diversas evidencias indican que as continuas aperturas da canle de desaugamento están a agravar varios procesos de deterioro ambiental da Lagoa da Frouxeira desencadeados no pasado (destrucción da barra dunar pola extracción de area, mala xestión do humidal durante a catástrofe do Prestige, transformación do entorno, etc.), entre eles:

  • Danos á vexetación salobre litoral e eulitoral polos cambios drásticos na salinidade e nos niveis de auga.
  • Colmatación do vaso lagunar por entrada masiva de sedimentos areosos, que afecta xa a aproximadamente un tercio da súa superficie.
  • Incisión de canles profundas no leito do vaso lagunar polos fenómenos erosivos durante o rápido baleirado da lagoa.
  • Facilitación do acceso incontrolado de persoas, vehículos (motos e quads) e cans a zonas moi sensibles dende os puntos de vista botánico e faunístico.
  • Provocando, en definitiva, unha degradación paulatina do ecosistema praia-duna-lagoa con afección ós hábitats e ás especies de conservación prioritaria que motivaron a súa protección legal.

Fotografía: Vistas aérea da lagoa de A Frouxeira e a praia de Valdoviño obtida do Sistema de Identificación de Parcelas Agrícolas, do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (http://sigpac.mapa.es/fega/visor)

Por estas razóns, en xaneiro de 2010 a SGHN solicitu á Dirección Xeral de Conservación da Natureza:

  • Que aborde, urxentemente, un amplo e detallado estudio multidisciplinar que debería:
    • Documentar axeitadamente a situación previa e avalíe os cambios que sufriu o espazo natural da Lagoa e praia da Frouxeira dende mediados do século XX. Esta información é chave para coñecer a batimetría e extensión previa da lagoa, a superficie dos fondos limosos e areosos e a frecuencia, intensidade e duración das conexións naturais da lagoa co mar.
    • Avaliar a situación actual e as medidas precisas para a conservación e restauración do espazo natural da Lagoa e praia da Frouxeira en base a criterios xeomorfolóxicos, hidrolóxicos, botánicos e faunísticos.
    • Contemplar a implementación de medidas de xestión agroambiental nas terras agrícolas ó carón da lagoa (co pertinente programa de axudas e subvencións ós propietarios).
    • Abordar unha seria ordenación urbanística, que alivie a forte presión que sofre este espazo natural e que contemple a oportuna reposición da legalidade no caso de que houbera violacións da mesma.
  • Que non realice novas aperturas da canle de desaugamento da Lagoa da Frouxeira, nin permita que outros organismos ou particulares a realicen, mentres non se dispoña do devandito estudio multidisciplinar.

Frouxeira_canle

Fotografía: Lagoa de A Frouxeira despois da apertura artifiicial da canle en decembro de 2009.

 

O OBSERVATORIO DA FROUXEIRA QUEIMADO OUTRA VEZ

A SGHN quere denunciar a queima do observatorio instalado na lagoa da Frouxeira na noite pasada, e expresar a súa enérxica repulsa por este acto provocado. As circunstancias meteorolóxicas destes días, cun forte temporal de chuvia, deixan ben patente, por se houbese dúbidas, que foi intencionado. O mesmo que pasou hai dez anos cos anteriores observatorios, que tamén foron destruídos.

Obs_Frouxeira Obs_Frouxeira_quemado
Fotografías: Imaxes do observatorio ornitolóxico de A Frouxeira, recén estrenado o pasado verán (esquerda) e recén queimado (1 de novembro).

A Frouxeira é a lagoa litoral máis importante de Galiza para as aves acuáticas, como indican os censos que se veñen realizando durante os pasos migratorios e a invernada. De feito está catalogada como zona Ramsar pola súa importancia vital para este grupo de aves. Sen embargo, a día de hoxe, o abandono por parte das autoridades municipais e da Xunta é notoria. A diario repítense episodios de invasión do areal e dunas por parte de vehículos como Quads ou Kite Buggys e por paseantes con cans ceibes. E, desde hai anos, veñen actuando con total impunidade, pescadores furtivos, que empregan aparellos ilegais coma nasas e redes. Durante anos realizaron a súa actividade ilegal a plena luz do día. Pero ante a cada vez máis numerosa presenza de ornitólogos, pasaron a actuar ao amparo da noite. Recentemente membros da SGHN  cursaron denuncias ao Seprona ao detectar casos de furtivismo a primeira hora da mañá, cando os furtivos recollían os seus aparellos e a pesca capturada. Para acceder máis facilmente á ribeira da lagoa chegan a meter os seus vehículos polo paseo peonil, de acceso totalmente prohibido. Os observatorios de aves cumprían, neste sentido, unha dobre misión, xa que permitían ver as aves e ao mesmo tempo todo canto alí acontecía,e por iso pode ser que alguén lle estorbasen.

Desde a SGHN reclamamos un plano definitivo de conservación e vixilancia da lagoa, que vimos pedindo nos últimos anos. E un dos seus piares fundamentais da súa conservación debe ser a vixilancia intensiva, para que estas actividades ilegais sexan erradicadas dunha vez neste importante humidal.