logo
 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO
line decor
   

 

INCENDIOS FORESTAIS: AUTORÍA

 

Incendios e "feitos alternativos"

Santiago, 22-10-2017

Desde fai 35-40 anos o número, a extensión, a severidade e a recurrencia dos incendios en Galicia NON se corresponden coas súas condicións climáticas e os seus ecosistemas, senón que se deben a unha actividade incendiaria moi intensa e case permanente. Xeralmente dita actividade incendiaria non desencadea unha vaga de lumes, pois as condicións meteorolóxicas, a humidade da vexetación e os servicios de extinción o impiden. Pero a situación é distinta con seca, calor e vento que, como nos últimos días, facilitan a propagación dos lumes e dificultan o seu control, desbordando unha e outra vez os dispositivos de extinción. De pouco ten servido que desde comezos dos anos 90 os gastos anuais en extinción crezan sen pausa desde 60 ata máis de 170 millóns de euros, pois non se impediu que continúe a perda de vidas e bens humanos, de infinidade de animais queimados vivos, a destrución da vexetación e a paisaxe, a erosión dos nosos montes e a contaminación de ríos, encoros e rías.

Que haxa en Galicia unha alta actividade incendiaria quere dicir que nos enfrontamos a un "terrorismo incendiario"? Non, pero malia todos os datos na súa contra, as teorías conspiranoicas xorden recurrentemente entre os gobernantes de turno en Galicia dende moito antes que Trump puxese de moda os “feitos alternativos”. Non hai evidencia algunha da “actuación criminal de bandas organizadas, que, reiteradamente y por lo común de modo indiscriminado, pretende crear alarma social con fines políticos” (Diccionario da RAE). Nunca se atoparon probas de coordinación, infraestrutura, financiación, motivacións e axentes da “organización”, os incendios nunca son reivindicados, nas zonas máis castigadas (a Galicia interior) os lumes raramente causan alarma social, e ten habido vagas de lumes con gobernos de todas as cores políticas.

Daquela, quere isto dicir que “loitamos contra o imposible”? De novo, esa é outra verdade alternativa para tratar de eludir responsabilidades profesionais e/ou políticas. NON é aceptable que os responsables da loita contra os incendios forestais, que dispoñen dun orzamento de máis de 170 millóns de euros anuais con ese fin (sen dúbida dos máis altos a nivel internacional en proporción ao territorio), digan que é imposible, pois noutras rexións españolas e europeas sí é posible e con moitos menos cartos. NON é aceptable que os responsables da xestión do medio rural, cunha cantidade moi semellante no Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia (1186 millóns para o periodo 2014-20), non invistan estes fondos (aportados nun 75% pola UE) para actuar sobre as causas socio-económicas estruturais que están detras da elevada actividade incendiaria, así como dos gravísimos problemas demográficos do medio rural galego.

Qué podemos facer entón para loitar contra a lacra dos lumes? Concienciar á poboación para erradicar os lumes de orixe humana, o cal por si só permitiría reducir máis dun 90% os lumes en Galicia. Informar aos cidadáns sobre cómo actuar diante dun incendio forestal. Fomentar unha paisaxe forestal diversa en mosaico, con moitos menos piñeiros e eucaliptos e máis frondosas autóctonas. Investir de verdade no desenvolvemento social e ambientalmente sostible, para reverter o avellentamento e despoboamento do rural galego (un dos máis altos de Europa), garantindo calidade de vida para as persoas e un equilibrio entre explotación e conservación do medio natural. Investir máis en prevención, sen esquecer as necesidades de extinción e de restauración das zonas queimadas. E, por suposto, nunca resignarnos: hai que acabar coa lacra dos lumes en Galicia.

Artigo de opinión do Presidente da SGHN do 17-10-2017 solicitado por Faro de Vigo

Arriba.

 

Quen executa aos montes de Galicia?

Ourense, 28-07-2016

O noso consocio Xosé Santos, ven de elaborar unha carta que remitiu aos medios de comunicación e non lle publicaron, como el mismo di os medios teñen a "liberdade de facer unha escolma do interesante e do superfluo" (segundo eles consideren, por suposto). Para nós a carta ten un alto interese e constitúe un excelente resumo da problemática dos lumes no noso país e incide no que moitos levamos dicindo desde hai xa 35 anos. Vola ofrecemos para a vosa reflexión e consideración. Non máis que recordar o motivo da carta que nos sinala o compañeiro Santos: "Esta carta ocurríuseme elaborala o día do gravísimo accidente que tiveron os compañeiros no lume forestal de San Clodio-Ribas do Sil na Ribeira Sacra de Lugo." Desde aquí tamén queremos enviar un recordo e recoñecemento para os traballadores que arriscan a súa integridade en cada actuación.

Quen executa aos montes de Galicia?

Os ecosistemas forestais son chamados "Santuarios da Biodiversidade", regulan o ciclo da auga, minimizan o efecto invernadoiro, son esenciais para a vida na Terra...

Quen prende lume a un monte, ben sexa intencionadamente, por unha neglixencia ou por accidente, está atentando contra a vida e o futuro da humanidade. Sabemos onde comeza un incendio, menos doado é saber cales poden ser as súas consecuencias e os seus efectos, tanto para o patrimonio natural como para os seres humanos. O principio básico de toda política forestal consiste en evitar que se produza un lume para non ter que apagalo.

En Galicia o 99% dos lumes forestais son producidos por causas antrópicas, polo tanto son previsibles e evitables. Galicia conta co 7,7% da superficie forestal do Estado español, pero dende hai máis de medio século no seu territorio concéntranse case a metade dos incendios estatais. Algo estaremos facendo mal?

A Xunta de Galicia é a responsable, é a que ten as competencias da política forestal e de loita contra os lumes. Despois de tantos anos de fracasos na protección dos montes e ecosistemas naturais nunha "viaxe a ningunha parte" o Goberno galego segue teimosamente apostando todo a unha carta "extinción, extinción, extinción...". Así, soamente as condicións meteorolóxicas marcan a liña que separa o éxito do fracaso, mentres que aos profesionais e a ampla maioría da sociedade só nos queda mirar para o ceo e pedir "que chova!!!"

Ano 2016, dos orzamentos públicos galegos máis de 170 millóns de euros para apagar incendios forestais. En plena época de "máximo risco de incendios" a maioría das brigadas están aínda sen contratar, os traballos de prevención sen executar, os servizos forestais sen plano de prevención de riscos, medios materiais e técnicos mínimos e obsoletos...Diñeiro gastado ao chou que non serve para a fin ao que teoricamente está destinado. Quen se esta beneficiando deste malgasto?

Os nosos montes son executados polos incendiarios, ninguén o pon en dúbida, mais tamén ten unha boa parte de culpa un Goberno incapaz, incompetente e mergullado nunha anomia institucional "deixar pasar, deixar facer" que pon en perigo os ecosistemas naturais, que pon en perigo aos traballadores e traballadoras do operativo de prevención e extinción, un Goberno que está dando cabo dun sector estratéxico para o conxunto do país pola súa cegueira premeditada.

Outra política forestal é posible. "A loucura é seguir facendo o mesmo esperando resultados diferentes".

Ourense, 19 de xullo de 2016
Xosé Santos Otero

Arriba.