logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   
 

INCENDIOS FORESTAIS: CASOS SINGULARES

Manifestación e manifesto contra os lumes en Ourense

Ourense, 22-09-2016

Deixando ao marxe a complexa casuística que se atopa detrás da alarmante realidade incendiaria, SGHN sempre entendeu que o aspecto fundamental do problema radica no conformismo e a indiferencia xeralizada dunha poboación incapaz de reaccionar de modo axeitado diante da gravidade da situación plantexada; indiferencia que determina a práctica inexistencia dunha presión social que poidera transmitirse aos estamentos político-administrativos na procura de solucións e medios apropiados á magnitude do problema plantexado. Tampouco nos esquecemos de que as solucións postas en práctica ata o de agora foron inútiles e de que toca buscar novos camiños e aplicar outros métodos que poidan acadar resultados positivos evitando o tratamento partidista do tema para alcanzar o consenso de todos os grupos políticos e sociais.

Despois de tantos anos tentando explicar a gravidade do problema e de espertar conciencias sin conseguilo, vemos que algo está mudando e que detrás da desgracia que representou en 2015 a queima de toda a Serra do Larouco (Ourense) xurde unha luz de esperanza que tímidamente empeza a alumear dende Lucenza. Os veciños de Lucenza demostran que existe esa base real contra o lume e que é posible cambiar as cousas, como se pode ler nas seguintes liñas cunha mensaxe clara e directa que SGHN comparte totalmente:

Vimos dunha terra, onde a montaña era tan importante que os nosos antepasados a converteron nun deus. O deus Larouco dominaba a penachaira que se extendía ata onde a vista abarcaba, e a fertilidade desas terras dependía do seu humor. Se o deus se anoxaba, mandaba tormentas e neves perpetuas que estragaban as colleitas; se o deus estaba contento, bendicía a través dos raios do sol as terras traballadas.

Cando os romanos se atreveron a cruzar o río Lethes, chegaron ó Larouco e respetaron o carácter divino da montaña, equiparándoa con Xúpiter, pai de todos os deuses.

Ata non fai moito,a montaña seguía sendo querida e coidada polos nosos devanceiros, xa que dela dependía gran parte do seu sustento diario: a auga que bebían, a leña coa que se quentaban, as carqueixas e os toxos cos que estercaban, a comida do gando... Incluso a única alternativa a emigración era gañar o xornal plantando piñeiros de sol a sol, coa aixada e as mans como únicas ferramentas.

Malia esta vida tan dura e cansa, os veciños das aldeas seguían subindo a Serra para unha vez ó ano e como mostra de agradecemento, celebrar xuntos a Festa do Larouco.

Non pasaron moitos anos disto… pero desgraciadamente hoxe o Larouco, como moitos outros montes de Cualedro e de Galicia, é unha montaña sen vida. No Larouco xa non hai nada máis que pedras ennegrecidas, regatos contaminados pola cinza e un parque eólico. Está morto e despois de tantos incendios consecutivos, nin os veciños temos forzas para seguir loitando nin as autoridades mostrarán outro interese máis que o de firmar de novo un manifesto con medidas que ninguén vai aplicar.

Nós, non sabemos quen son os culpables do asasinato do Larouco!
Nós, non sabemos cales son as solucións para que os montes de Galicia deixen de arder!

O único que sabemos e que estamos FARTOS:
FARTOS de ver como a xente abandona as aldeas e o monte só se volve produtivo para as grandes compañías eléctricas ou as empresas da madeira.
FARTOS de ver como a vexetación que nace de forma natural nos nosos montes foi substituída pola gasolina que alimenta o negocio do lume.
FARTOS da falta de políticas de prevención.
FARTOS de que non se cumpra a Lei de Montes.
FARTOS da desorganización dos medios de extinción.
FARTOS da propaganda e falta de resultados na vixilancia e detención dos incendiarios que queiman os nosos montes.
FARTOS de que só se fale dos incendios no verán!!!

Por todo isto nos atrevemos a pedir ós nosos representantes políticos que asuman que un dos principais problemas que ten Galicia neste momento é o dos incendios forestais. E que xa chegou a hora de traballar xuntos para tomar medidas que a longo prazo poidan rematar con esta lacra.

Acabar cos incendios é darlle unha nova oportunidade ó rural. Unha segunda oportunidade para eses poucos valentes que seguen vivindo nas nosas aldeas porque apostaron no seu día polo monte e a natureza como medio de vida: castiñeiros, frutais, colmeas, viñedos, casas, explotacións gandeiras, granxas, negocios… o traballo dunha vida non pode estar continuamente ameazado polas lapas.

Por favor, facédeo por eles, acabade cos incendios forestais en Galicia!

AAVV Lucenza-Cualedro - Non Máis Lumes-Cualedro - Amigos do Larouco

Arriba.

 

"Incendios forestais: a marea negra dos montes galegos"

Ateneo de Ourense, 27-05-2016
Centro social de Lucenza (Cualedro), 28-05-2016

Organizadas pola Delegación en Ourense de SGHN xunto co Ateneo de Ourense e os veciños de Lucenza, o Presidente de SGHN deu dúas charlas sobre os múltiples impactos que os incendios forestais teñen a todos os niveis: perigo para a saúde e a vida das persoas, desbaldimento de recursos económicos, danos á atmósfera, aos solos e ás augas de ríos, encoros e rías, mortandade de flora e fauna, etc.

Tantos e tan intensos son os efectos dos lumes sobre os ecosistemas que ben xustifican o calificativo de "marea negra dos montes galegos", similitude que non se lle ocorreu só ao Presidente de SGHN senón tamén a unha das asistentes á charla en Lucenza, vila afectada polo xigantesco incendio que o ano pasado devorou 3.180 ha de monte, incluido a paraxe de " A Costa". Efectivamente, ao rematar a charla, Mª Teresa Atanes deleitounos recitando un par de poesías que escribiu sobre o lume, unha delas precisamente cando a marea negra do Prestige.

A Costa”

No interior non temos costa
non temos costa, non
mais falade cos de Lucenza
a ver se a teñen ou non.

Dende o alto do Larouco
vese o mar con ilusión,
cando a néboa baixa
e nos cubre a vexetación.

Ata atopamos o Prestige
cun pouco de imaxinación
xa que aquí tamén se pasea
o fantasma da contaminación.

Cando te vin chapapote
Cando te vin na televisión
botei bagoas sinceras
bagoas de desesperación.

Coma cando nos arde a costa
e so nos queda carbón
aínda que busquemos paxariños
non tiveron salvación.

O Lume acaba co noso
mais non temos subvención.
Galicia témola negra
co chapapote e co carbón.

No interior non temos costa
Máis tamén temos corazón
.

(Mª Teresa Atanes)

Arriba.

 

2000, 2011, 2012... unha e outra vez os grandes incendios arrasan Valdeorras

Xunto cos incontables conatos e pequenos incendios "devoran" boa parte da bisbarra

“Os datos oficiais reflicten que a gravidade crónica da problemática incendiaria en Galicia acada niveles «explosivos» a partires de 1995 con máis de 10.000 incendios anuais (a metade do total para España), é dicir cun incendio por cada 2 km2 de superficie forestal, mentres que no resto de España o promedio é dun incendio por cada 25 km2 de superficie forestal (¡12 veces menos!). Cun promedio de 25-35 lumes diarios ó longo do ano, a «bomba de reloxería» da problemática incendiaria en Galicia actívase dramáticamente cada vez que pasan quince ou vinte días consecutivos sen chover (especialmente con ventos fortes e sostidos), sexa no verán, como neste ano, ou a finais de inverno e principios da primavera como en outros anos” (SGHN, 2006: Informe entregado en man á Ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona, perante a súa estadía en Galicia despois da vaga de lumes de agosto de 2006).

Nesta ocasión o lume exténdese cara ás proximidades do Parque Natural de Serra de Enciña da Lastra, onde xa se declarou un lume a principios do mes de agosto afectando a unhas 125 ha, segundo as estimacións da Xunta (queimando uns 200 m2 dentro do Parque). Hai que destacar a repetición en zonas moi próximas como se pode apreciar no plano adxunto onde se sinalan de xeito xeral as áreas afectadas polos lumes de 2011 e 2012, así como nos datos de grandes incendios a nivel nacional en 2000 (Cuadro nº7).

Imaxe: Fotografía de agosto 2012 co lume preto do Parque Natural.

Imaxe: Traxectorias aproximadas dos lumes de 2011 e 2012.

Imaxe: Cuadro extraído do informe do Ministerio de Medio Ambiente "Los incendios forestales en España durante el año 2000"

O incendio de 2011, declarado a mediados do mes de agosto, afectou a 495 has nas inmediaciones do pobo de Sobradelo, segundo se lee na prensa do día 15 de agosto de 2011, a situación foi crítica pola proximidade das vivendas decretándose o nivel 1 de alerta na localidade. En 2012 o lume iniciouse a mediodía do venres 10 de agosto nas inmediacións do Barco de Valdeorras e Viloira tendo que desaloxar aos veciños das aldeas de Raxoá e Millarouso, no concello de O Barco de Valdeorras, e de Veiga de Cascallá, O Barrio de Cascallá, O Castelo e Vilar de Xeos-Quereño, todos no concello de Rubiá. Segundo as últimas estimacións provisionais da Xunta de Galicia a superficie afectada sitúase nas 1.600 hectáreas.

Diante desta situación e a repetición de sucesos de tal gravidade SGHN amosa a súa solidaridade coa veciñanza dos Concellos afectados (agás, obviamente, cos incendiarios e os seus encubridores); así mesmo, envía o seu apoio aos efectivos e persoas voluntarias que traballan nos labores de extinción.

Imaxes: Lume de agosto 2012, véxanse os helicópteros como referencia da magnitude da superficie queimada.

Agora ben, mentres a cidadanía non se implique na resolución da orixe deste problema, difícilmente chegará o momento de evitar que os incendios en Galicia, como SGHN informou na carta aberta ao Presidente da Xunta de Galicia, nos sigan costando:

  • vidas humanas
  • vivendas, bens e facendas
  • o noso patrimonio forestal
  • incalculables perdas ambientais
  • a destrucción da paisaxe de Galicia
  • a disminución da biodiversidade galega
  • millóns de euros queimados e absolutamente improductivos
  • a hipoteca do noso desenvolvemento futuro e, en fin,
  • a degradación do noso país.

Imaxes: Unha semana despois, cando o lume se apaga e o fume desaparece, nas máis de 1.600 ha calcinadas só queda unha paisaxe desoladora.

Arriba.

 

PRIMEIRA AVALIACIÓN DOS DANOS DO LUME NAS FRAGAS DO EUME

Segundo a información proporcionada pola Xunta de Galicia, dende onte día 2 o incendio que afecta ao Parque Natural Fragas do Eume estaría controlado, polo que esperamos que nas próximas horas se dé finalmente por extinguido. Os colectivos representados na Xunta Consultiva do Parque Natural das Fragas do Eume (Federación Ecoloxista Galega e Sociedade Galega de Historia Natural) amosamos a nosa satisfacción polo feito de que o incendio non tivese ocasionado danos persoais ou nos domicilios da veciñanza afectada. Cremos necesario facer unha primeira valoración dos danos ocasionados coa perspectiva das medida que se deberán tomar.

Diferentes integrantes dos colectivos ecoloxistas achegáronse durante o pasado domingo e o luns a algunhas das principais zonas afectadas para coñecer de primeira man como se foi desenvolvendo o incendio. Unha impresión que salientamos é que o incendio non actuou de forma homoxénea, senón que foi moito máis intenso nas zonas de repoboacións (eucaliptais e piñeirais) e zonas de monte baixo. Sorprende incluso aquí, en concreto na zona de Teixido onde se sitúa o inicio do incendio, que o lume tivese respetado franxas de xestas e toxos. En canto ás zonas de fragas, a idea xeral é que resistiron relativamente ben de xeito que arderon máis as zonas herbáceas e o mantillo do chan e se respetaron as partes altas das árbores. Nas zonas de ribeira, a humidade axudou a que non se viran afectadas e que manteñan a cobertura vexetal do chan.

Fotografía: Imaxe do Fontardión, onde se pensa que comezou o lume.

Durante esta mañá foinos posible contactar co Xefe Provincial de Conservación da Natureza e o Subdirector Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade para coñecer tamén a avaliación que está a facer a Xunta de Galicia. Segundo a versión oficial as hectáreas totais son 750, das cales 370 formarían parte do Parque Natural e Concretamente algo máis de 60 hectáreas corresponden a fragas. Algunhas persoas que estiveron a traballar nos labores de extinción comentan a posibilidade de que a superficie puidera achegarse ás 1.000 hectáreas, pero unha vez extinguido o incendio, é necesario facer unha valoración máis precisa. A información proporcionada pola Xunta de Galicia tamén describe o incendio como un lume moi rápido que afectou ás zonas de sotobosque, máis intensamente no concello de Monfero, e que tivo unha
afectación modera no dosel arbóreo. Si se recoñece a voracidade do incendio nos eucaliptais e rodais próximos ás vivendas. O Xefe Provincial destacou a urxencia de elaborar un plan para evitar a erosión do chan e os arrastres aos cauces, feito no que coincidimos manifestando que deben primar os criterios de persoas expertas na materia, e sempre que sexa posible, favorecer que o propio ciclo vexetal permita rexenerar o chan afectado. En canto á fauna e outro tipo de vexetación que se puidera ver afectada, a Xunta entende que aínda é cedo necesitando máis días para precisar o dano.

Os colectivos ecoloxistas manifestámoslle aos responsables de Conservación e Espazos Naturais a nosa preocupación polo baixo caudal do río Eume, do que supoñemos que a día de hoxe se segue a detraer auga para o enchido da antiga mina de As Pontes. O menor caudal en época de poucas precipitacións, pode estar a contribuir a un descenso da humidade nas Fragas do Eume o que podería ter axudado á rapidez coa que se propagou o incendio, xunto coa presencia de eucaliptais. Tamén esiximos a convocatoria urxente da Xunta Consultiva do Parque Natural das Fragas do Eume, como foro onde é necesario valorar o acontecido e as medidas que se porán en práctica.

Arriba.

Comunicado de prensa de ADEGA, SGHN e VERDEGAIA

INCENDIOS NAS FRAGAS DO EUME

Ferrol, 1 de abril de 2012

Dende ADEGA, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia queremos amosar a nosa solidaridade coa veciñanza dos Concellos de A Capela, As Pontes e Monfero que están a padecer as consecuencias directas dos incendios declarados durante a fin de semana e que afectan ao Parque Natural das Fragas do Eume e á zona de Anca. Así mesmo envíamos o noso apoio aos efectivos e persoas voluntarias que están a traballar nas labores de extinción. Sumadas unhas circunstancias meteorolóxicas desfavorables, o lume que afecta as Fragas do Eume é a consecuencia directa dunha política forestal baseada na falta de planificación e xestión forestal, así como o fomento de plantacións con especies que favorecen os incendios.

Segundo a información proporcionada pola Consellería de Medio Rural e do Mar, ata as 14 h de hoxe, 1 de abril, víronse afectadas 750 hectáreas do Parque Natural. Nesta mesma información tamén se falaba de 100 hectáreas na zona de Cabalar (A Capela), pero cremos que se trata dunha información errada xa que outro dos incendios de grandes dimensións que están a asolar a comarca producíuse na zona de Anca-As Louseiras. Varias persoas integrantes destes colectivos comprobaron que houbo un conato de incendio no lugar de Cabalar, pero sen a gravidade que lle atribúe a Xunta de Galiza.

Entre os datos que fomos coñecendo, os técnicos sinalan ata tres focos causantes do incendio que afecta ás Fragas do Eume, é dicir, trataríase dun lume intencionado que coincide no tempo e no espazo co incendio en As Louseiras e co conato de Cabalar, o que buscaría causar o maior dando posible a espazos naturais de grande importancia ecolóxica como son as fragas do río Eume e do río Belelle. A Xunta de Galiza está obrigada a poñer todos os medios e persoal necesarios para deter aquelas persoas que provoquen os incedios, pero tamén é necesario que a sociedade galega rexeite as actividades incendiarias e modifique a "cultura do lume" instaurada nas prácticas agrícolas.

No caso do parque natural, o incendio está a afectar zonas de Reserva Natural, e de maior interese ecolóxico, zonas de fragas, zona de repoboacións con especies alóctonas e zonas de mato e pasteiros.

Aínda que os responsables políticos, nomeadamente Alberto Núñez Feijoó, destacan xunto a intencionalidade do incendio, as condicións climatolóxicas de vento e escasez de humidade, ADEGA, SGHN e Verdegaia queremos salientar que as dimensións deste incendio non poden entenderse se non é tendo en conta outros factores referentes as políticas ambientais da Xunta de Galiza:

  • A declaración como Parque Natural no ano 1997 non foi suficiente para que se tomaran as medidas necesarias que garantiran a súa conservación. A día de hoxe non conta co obrigado Plan Rector de Usos e Xestión nin cun programa forestal, o que favorceu que as Fragas do Eume sufran un paulatino proceso de eucaliptización e crecemento de especies alóctonas. Un exemplo o temos nos terreos afectos polo incendio: unha das zonas calificadas como de Reserva Natural está rodeada por zonas de repoboacións (eucaliptais, piñeirias, etc.), multiplicando o risco de que o lume chegue ás zonas máis sensibles.
  • A Xunta primou en Galiza o investimento en medios de extinción en detrimento da prevención, feito que non supuxo reducir o número de conatos e incendios. As Fragas do Eume, como veñen manifestando tempo atrás técnicos da propia administración, presentan zonas prácticamente inaccesibles debido ao abandono dos montes. Cando as circunstancias climatolóxicas son moi desfavorables, coma acontece actualmente, eses medios de extinción atopan grandes dificultades á hora de loitar contra os lumes. Se a isto sumamos que nos últimos tempos os brigadistas critican a precariedade laboral e a falta de medios coa que traballan, ademáis da aposta da Xunta por reducir o persoal encargado do cuidado dos espazos naturais, atopamos unha situación de grave perigo que ameaza aos nosos montes e que nos últimos meses está a castigar duramente moitos dos nosos espazos protexidos: LIC Macizo Central, ZEPA A Limia, Reserva da Biosfera de Allariz, LIC Ancares-Courel, etc. No caso das Fragas do Eume, o chamado da Xunta de Galiza ao exército pon de manifesto a incapacidade de afrontar unha circunstancia previsible de diferentes incendios cos medios e persoal existentes.
  • Queremos facer un chamado de atención sobre o réxime hídrico do río Eume, moi afectado pola detracción de auga para o enchido do oco da mina de As Pontes. Descoñecemos, debido á falta de información proporcionada por Augas de Galiza, se o proceso de enchido está a cumprir co obrigado caudal ecolóxico nun momento de seca como o actual. O menor caudal do río Eume podería estar a reducir a evapotranspiración, contribuindo a unha menor humidade no ambiente e a un maior risco de incendio en espazos que, como as fragas, soen verse pouco afectadas polos lunes gracias ao seu elevado nivel de humidade.

Perante a gravidade dos acontecementos, os colectivos asinantes esiximos a convocatoria urxente da Xunta Consultiva do Parque Natural Fragas do Eume como primeiro paso para elaborar un plano a través do cal se avalíen os danos sufridos e se establezan as medidas de restauración dos espazos e a dotación económica axeitada. Do mesmo xeito, consideramos imprescindible a convocatoria do Consello Forestal e do Consello Galego de Medio Ambiente.

Arriba.

 

VAGA DE LUMES NA ZEPA DE PENA TREVINCA

Á vista dos lumes coñecidos e producidos na zona de influencia da ZEPA de Pena Trevinca [320 ha en Vilanova e Ponte (La Región, 12-03-2012); 20 ha en Soutadoiro (La Opinión, 27-02-2012); 198 ha na Parroquia de Soutadoiro (Europapres, 13-03-2012)] e ao amparo da lexislación europea (Directiva 2003/4/CE), española (Ley 38/1995; Ley 27/2006) e galega (Lei 1/1995) que regulan o dereito de acceso á información sobre o medio ambiente, o 13-03-2012 a SGHN solicitou á Consellería do Medio Rural e do Mar (PDF):

  • Información detallada sobre os lumes producidos na zona de influencia da ZEPA de Pena Trevinca e nos seus concellos limítrofes no periodo entre 01-01-2012 e 12-03-2012, ambolos dous incluídos: Localización, Superficie afectada, Superficie afectada da ZEPA, Autoría e Motivo.
  • Información sobre o número de queimas autorizadas nos concellos especificados no mesmo periodo.
  • Información sobre o número e localización das queimas controladas efectuadas.
  • Coñecer as medidas específicas adoptadas pola Consellería do Medio Rural e do Mar para protexer a ZEPA de Pena Trevinca.
  • Coñecer as medidas concretas da Consellería do Medio Rural e do Mar para asegurar o cumprimento da legalidade nas zonas afectadas polo lume:
    • Lei 4/1997, de caza de Galicia.
    • Lei 9/2002 de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.
    • Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
    • Decreto 88/2007 polo que se crea Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Se as LEIS non se cumplen nunca rematarán os INCENDIOS

Diante da insatisfactoria resposta á petición de SGHN por parte da Dirección Xeral de Conservación da Natureza no seu comunicado de prensa do pasado venres, SGHN ven de solicitar ao Conselleiro de Medio Rural (ver PDF) información das medidas que, no exercicio das súas competencias e obrigas legais, puxo en marcha a súa Consellería para:

  1. O control, vixiancia e seguemento das zonas afectadas a fin de asegurar o cumprimento da Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e a Lei 4/1997, de caza de Galicia.
  2. Garantir a salvagarda da biodiversidade nos terreos queimados e os colindantes con eles, con especial referencia ás especies incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007) e aos espazos naturais con figuras de protección autonómicas, estatais ou internacionais.

Na mesma liña, SGHN solicitou tamén información ao Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (ver PDF) sobre as medidas que, no exercicio das súas competencias e obrigas legais, puxo en marcha a súa Consellería para o control, vixiancia e seguemento das zonas queimadas a fin de asegurar o cumplimento da Lei 9/2002. de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que establece que "Non se poderá clasificar ou reclasificar como solo urbanizable o solo rústico que sufrise os efectos dun incendio forestal a partir da entrada en vigor desta lei ou nos cinco anos anteriores a ela, agás autorización expresa do Consello da Xunta de Galicia e na forma que regulamentariamente se determine" (artigo 95.1).

Arriba.

 

INCENDIO FORESTAL DE ARCUCELOS-VENCES (OURENSE)

URXE APLICAR MEDIDAS PARA PROTEXER O LIC "ES1130005 Río Támega"

O incendio forestal que a primeiros de outubro 2011 afectou a terreos entre Arcucelos (Laza) e Vences (Monterrei), na provincia de Ourense, ademais de provocar a morte dunha persoa nas labouras de extinción, calcinou 382 ha cunha pendente media do 39,6 % (equivalente a subir un edificio de 15 plantas nunha distancia dun campo de fútbol) polo que o risco de graves fenómenos erosivos é moi importante, máis aínda ao considerar que:

  • Perto de tres cuartas partes (272 ha; un 71,1 %) ten pendentes superiores ao 30 %.
  • Case a metade (182 ha; un 47,6 %) ten pendentes superiores ao 40 %.
  • Case a cuarta parte (95 ha; un 24,9 %) ten pendentes superiores ao 50 %.
  • Máis de 42 ha (un 11,1% do total) ten pendentes maiores do 60 %, que chegan a ser de ata o 80-90 %.
  • As características da vexetación queimada, composta maioritariamente por matogueiras de uces e carqueixas, e a intensidade do lume indican unha forte susceptibilidade aos fenómenos erosivos.

No seu bordo leste, o perímetro da área queimada atópase en promedio a menos de 600 m (rango entre 75 e 977 m) do cauce do río Támega, é dicir, do LIC ES1130005 Río Támega, no que desembocan directamente dous cursos de auga estacionais, os regatos de Fervenza e Rebordallo, que nacen na zona queimada. Compre salientar que un 44% da superficie do LIC Río Támega está constituído polo hábitat de conservación prioritaria na Unión Europea "91E0 Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior". (Directiva 92/43/CEE), e que neste espazo natural está documentada a presencia de dous moluscos considerados "vulnerables" polo Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007): a babosa terrestre Geomalacus maculosus e o mexilón de río Anodonta cygnea, especie esta última moi sensible á degradación da calidade das augas.

Por todas estas razóns, SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Rural (PDF) e á Confederación Hidrográfica do Duero (do que o Támega é afluente, PDF) que adopten, coordinadamente e coa máxima urxencia, todas as medidas posibles de conservación dos solos e protección hidrolóxico-forestal na área queimada para minimizar o seu deterioro post-incendio así como as afeccións ao LIC ES 1130005 Río Támega por arrastres de cinzas e sedimentos, especialmente no referente a calidade das augas e conservación dos hábitats de conservación prioritaria na Unión Europea.

Imaxes (elaboración propia): Perímetro do lume (esquerda) delimitado sobre unha ortofoto obtida do SIGPAC (Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño) e mapa de pendentes da zona queimada (dereita).

Arriba.