logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   
 

INCENDIOS FORESTAIS: COMUNICADOS DE SGHN

Incendios forestais: 4º Comunicado de SGHN

Santiago, 16-10-2017

Se unha imaxe vale máis que mil palabras, véxase a portada da publicación de SGHN do ano 1983, “visionaria” do problema e das súas consecuencias.

SGHN diante da proliferación de recetas para axudar a paliar a lamentable situación na que quedan os montes despois desta vaga de incendios, manifesta o seguinte:

  • Desaconsellamos fortemente o emprego indiscriminado de sementes para cubrir as zonas queimadas.
  • É difícil, cando non imposible, atopar sementes autóctonas garantidas tanto na súa orixe (do mesmo lugar de onde se vai sementar) como que se correspondan realmente a especies autóctonas.
  • Na meirande parte dos casos non se sabe realmente o que se vai botar e os posibles efectos perniciosos que no futuro poidan ter: especies vexetais exóticas invasoras.
  • En moitos sitios non se debería pisar tralos incendios, pois acelera o proceso de erosión coas choivas e a compactación do solo.
  • Desaconsellamos enerxicamente o emprego de especies pratenses (as usadas para os campos de herba, pradarías artificiais, etc) pois son en moitos casos especies alóctonas, algunhas delas de carácter invasor (que logo reducirán a posibilidade de asentarse as especies autóctonas).
  • O emprego inaxeitado de sementes é unha preocupación grave en EEUU. En moitos estados esíxese que as sementes estean certificadas de estar libres de especies alóctonas e invasoras.
  • Un mal menor sería empregar cereais, pero deberían ser estériles para que unha vez completado o seu proceso non deixaran pegada.
  • Unha boa intención non ten por qué dar bos resultados.

Arriba.

Comunicado de SGHN sobre a dramática vaga de lumes en Galicia

Santiago, 16-10-2017

Aínda que SGHN non é partidaria das manifestacións en quente e mesmo podemos dubidar de se é o mellor momento, desde SGHN apoiamos as concentracións convocadas en diversas cidades e vilas polo Comité de Defensa do Monte Galego entendendo que diante deste problema debemos estar todos xuntos, incluíndo aos nosos representantes. Aínda que é posible que a mensaxe e o comunicado que se lea nestes actos non sexa totalmente coincidente có que SGHN ten manifestado nos últimos 36 anos, consideramos que a nosa presencia é importante como apoio a esa voz que debe de chegar a quen ten responsabilidades para abordar xa dunha vez este problema dun xeito novo. A postura e pensamento de SGHN sobre os lumes lévase reiterando desde o ano 1981 e, resumidamente, é a que segue:

  • De sempre, máis do 90% dos incendios forestais en Galicia son provocados, causados pola man de homes e mulleres de Galicia e por moi diversos motivos.
  • Non é un problema de cór política, na eliminación desta lacra téñense que implicar todos os partidos políticos a unha, e todas as Consellerías do Goberno correspondente, e por suposto toda a cidadanía de Galicia.

E a continuación unha escolma do que SGHN ven reiterando desde hai 36 anos, e que lamentablemente segue a estar vixente e de candente actualidade:

  • “Os lumes non teñen unha única causa (e moito menos a do “terrorismo” ou a dos “enemigos de Galicia”) senón moitas, orixinadas na mesma poboación galega, tanto do campo coma da cidade” (1983).
  • “A sorprendente pasividade coa que a sociedade galega contempla este fenómeno, tan só pode deberse a ignorancia do que realmente está a suceder e das súas consecuencias previsibles” (1985).
  • Ao longo dos anos resulta evidente que as "solucións" postas en práctica foron inútiles e séguese a facer exclusivamente o mesmo de sempre, incrementar orzamentos en extinción para, conter a hemorraxia - con maior ou menor éxito segundo a climatoloxía - máis non cauterizar definitivamente a ferida.  Dende SGHN solicitamos un cambio urxente nos modos de actuación buscando novos camiños e aplicación doutros métodos que poidan acadar resultados positivos.
  • S.G.H.N. considera que para avanzar no tratamento da problemática incendiaria precísanse, entre outras, as seguintes actuacións (1990, 2006, 2011, 2012, ....):
    • Recoñecer a exclusiva autoría dos galegos na traxedia, única explicación ata a data baseada en feitos probados.
    • Divulgar toda a información oficial sobre número de incendios, autoría e superficies queimadas, por ano e concello, para que a cidadanía coñeza a magnitude do problema.
    • Ordenar racionalmente o territorio e evitar as intervencións ambientalmente «duras» e ineficaces: o problema non se resolverá eliminando o mato, ou abrindo pistas e cortalumes, pois xa é difícil, senón imposible, atopar un só kilómetro cuadrado de Galicia sen unha ou varias pistas, estradas ou cortalumes.
  • Tamén é preciso aprender da historia: «Sempre que o propietario non teña interese en que haxa árbores na súa facenda, non bastará toda a vixilancia do Goberno para vixilalo» (Barba y Roca, 1789). Hai que aprender a lección e investir máis en sensibilización ambiental e prevención social que en extinción, para desmontar a «economía do lume» creada ó longo dos últimos 27 anos en torno á extinción dos incendios en Galicia.

Como indicaba SGHN hai apenas 10 días noutro comunicado de prensa "Levamos uns días de outubro cos lumes absolutamente desbocados no noso rural, abandonado polos nosos gobernantes, o máis avellentado e queimado de Europa". Dende dito comunicado os danos ambientais non deixaron de crecer e, desgraciadamente, catro víctimas mortais engrosaron a lista de falecidos por causa dos lumes en Galicia (unha trintena nos últimos coarenta anos).

Din que unha imaxe vale máis que mil palabras, velaquí dúas imaxes coas que tentamos abrir os ollos da cidadanía e dos gobernantes actuais e futuros. De toda a Europa Atlántica, Galicia e o centro-norte de Portugal son as únicas rexións nas que os lumes forestais son un grave problema ambiental; son tamén as únicas rexións que están a sufrir unha gravísima crise demográfica. Casualidade ou causalidade?

Qué resultado obteríamos se, en lugar de en extinción, investisemos cada ano máis de 170 millóns de euros, en prevención, sensibilización e no DESENVOLVEMENTO SOCIAL E AMBIENTALMENTE SOSTIBLE DO MEDIO RURAL?

Superficie queimada por cuadrícula de 25x25 km no periodo 2002-12, segundo datos recompilados polo "European Forest Fire Information System", publicado en:
Borrelli P, Panagos P, Langhammer J, Apostol B, Schütt B (2016) Assessment of the cover changes and the soil loss potential in European forestland: First approach to derive indicators to capture the ecological impacts on soil-related forest ecosystems. Ecological Indicators 60:1208-1220

(http://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S1470160X1500494X)

Arriba.

Evolución anual de poboación por "unidades administrativas locais" no periodo 2001-11 en Europa, segundo datos recompilados polo "Bundesinstitut für Bau-, Stadt- und Raumforschung" alemán, dispoñibles en http://www.bbsr.bund.de. A escala vai dende -2% anual ou menos (azul escuro) ata +2% anual ou máis (vermello escuro).

Comunicado de SGHN sobre a enésima vaga de lumes en Ourense

Ourense, 07-10-2017

O pior comenzo de outubro de todos os tempos, hoxe no Cenza, onte no Macizo Central e o Xurés, ... Levamos uns días de outubro cos lumes absolutamente desbocados no noso rural, abandonado polos nosos gobernantes, o máis avellentado e queimado de Europa. A ninguén lle ten que extrañar. Nada ten mudado, séguense a queimar os nosos cartos na extinción, pero permanecen os problemas profundos que non somos capaces de afrontar. Temos captado nas persoas que día a día pelexan contra os lumes unha sensación de rabia, impotencia, desánimo, e máis desesperación; e o pior, resignación diante dunha situación que non ven que se queira resolver.

Mentres os que queiman campen ás súas anchas, mentres que tras os lumes se permita calquera actuación sobre o queimado … Qué imos conseguir? Onde está aquí a lei pola que tantos anos levamos clamando?

Arriba.


INCENDIOS FORESTAIS
Comunicado de SGHN

Santiago, 24-08-2017

De novo na mesma situación arrastrada ao longo de décadas, reproducida ano a ano, con picos variables inter-anuais, independentemente do volume de vexetación, ou de secas máis ou menos pronunciadas, ou de quen goberne e quen estea na oposición. Dito xa todo por SGHN en infinidade de ocasións, tan só cabe salientar que a sociedade, a administración e o medio natural galegos son derrotados xa de antemán, aplastados por uns poucos individuos que con gran facilidade, medios rudimentarios e unha enorme impunidade poñen en risco tanto a vida e a seguridade das persoas como os seus bens e facendas, hipotecando o noso futuro como país ... futuro que desgraciadamente cada vez é máis negro.

E seguimos a facer exclusivamente o mesmo de sempre, conter a hemorraxia - con maior ou menor éxito segundo a climatoloxía - máis non cauterizar definitivamente a ferida. É hora de comezar a facer algo diferente para non laiarnos polos mesmos erros o ano que ven.

Arriba.

 

Máis madeira, Galicia é a fogueira!

Santiago de Compostela, 13-08-2016

Fai agora tres anos, cando a anterior oleada de incendios, escribín para estas mesmas páxinas "Causas e consecuencias dos incendios forestales". Poucas novidades hai que engadir ao entón dito, pero si unas cantas realidades que recordar. A primeira é que desde finais dos anos 70 o número, a extensión, a severidade e a recurrencia dos incendios en Galicia NON son os que lle corresponderían polas condicións climáticas e os ecosistemas existentes. Esta realidade salta á vista no mapa adxunto do "European Forest Fire Information System" que recolle a superficie queimada en Europa no periodo 2002-12: NINGUNHA rexión europea bañada polo Atlántico sofre un número significativo de incendios... EXCEPTO GALICIA e o centro-norte de PORTUGAL. Atopámosnos, xa que logo, diante dun problema de orixe humana: en Galicia a actividade incendiaria é ANORMALMENTE ELEVADA, pero non nestes últimos días como se dixo, senón de XEITO HABITUAL.

Que sucedeu nos últimos días? Unha vez máis, o de sempre: logo de varias semanas sen chover, con calor e forte vento danse as circunstancias óptimas para facilitar a rápida propagación do lume e dificultar motísimo a súa extinción. Nestas condicións a enorme actividade incendiaria, que lamentablemente "sempre está aí", foi, é e será capaz de desbordar os dispositivos de extinción do PLADIGA, así gastemos 100 (en 2013), máis de 170 (en 2016) ou 500 millóns de euros, que a este ritmo pronto chegaremos a eles. E seguirá custándonos vidas e bens humanos, infinidade de animais queimados vivos, a destrución da vexetación e a paisaxe, a erosión das nosas terras e a contaminación de ríos, encoros e rías.

Din que o home é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra. Cambiemos "pedra" por "raíz" e teremos a explicación para as cíclicas oleadas de incendios en Galicia, pois a sociedade en xeral e os sucesivos gobernos en particular levan tropezando case corenta anos coa "RAÍZ DO PROBLEMA": os INCENDIARIOS. 

Cantos son? Entre tres e seis mil, segundo estimacións da Xunta; é dicir, apenas 1 ou 2 por cada mil galegos, pero, aliados coa pasividade ou tolerancia de bastantes máis (excepto cando o lume achégase ás casas) e coas condicións meteorolóxicas favorables que coñecen moi ben, son capaces de poñer en xaque ao goberno e o PLADIGA de quenda e hipotecar o presente e o futuro da sociedade, tanto ambiental como económicamente.

Onde están? Un pouco por todas partes pero, de novo segundo datos da Xunta, sobre todo en 79 parroquias con alta actividade incendiaria, a maioría en Ourense (48), seguida de Pontevedra (17), A Coruña (13) e Lugo (1). Por iso a miúdo vemos como se queiman, unha e outra vez, as mesmas zonas.

Superficie queimada por cuadrícula de 25x25 km no periodo 2002-12, segundo datos recompilados polo "European Forest Fire Information System", publicado en:
Borrelli P, Panagos P, Langhammer J, Apostol B, Schütt B (2016) Assessment of the cover changes and the soil loss potential in European forestland: First approach to derive indicators to capture the ecological impacts on soil-related forest ecosystems. Ecological Indicators 60:1208-1220
(http://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S1470160X1500494X)

Son unha "organización criminal"? Rotundamente NON e quen afirme ou insinúe o contrario intenta enganar á opinión pública, pois non hai evidencia algunha de que tal organización exista (coordinación, infraestrutura, financiamento, móbiles definidos); ademais, os INCENDIOS NUNCA FORON REIVINDICADOS.

Por que queiman? A utilización tradicional do lume como ferramenta agrícola e gandeira, unido á crise demográfica do medio rural (avellentamento, despoboación) e os cambios que esta provocou na paisaxe galega, xunto cunha casuística variada (rexeneración de pasteiros, eliminación de restrebes e lindeiros, "para ver os marcos", rifas diversas, puntualmente intereses madeireros, laborais ou económicos, ...) e a desesperanza dun rural para o que, ata agora, ninguén procurou realmente un futuro social, económica e ambientalmente sostible xeraron un cóctel explosivo que estoupa cada vez que a meteoroloxía non o impide.

E agora a pregunta do millón, que se pode facer? Pois, a verdade, con 170 millóns de euros anuais poderíase e deberíase deseñar, financiar e aplicar unha estratexia axeitada, baseada en CONCIENCIAR, PREVIR, EXTINGUIR E RESTAURAR. Investir para concienciar á poboación en xeral, pero moi especialmente aos que toleran ou xustifican os incendios e, en última instancia, aos propios incendiarios; é difícil, pero non podemos permitirnos que sexa imposible. Investir (que non é igual que gastar) para previr os incendios, a través dun desenvolvemento sostible do medio rural, que free e revirta a sangría demográfica e garanta calidade de vida para as persoas, ademais dun equilibrio entre explotación e conservación do medio natural. E, obviamente, reservar unha partida para a extinción, que sempre será necesaria, e para a restauración das zonas queimadas.

Artigo do Presidente de SGHN publicado no xornal Faro de Vigo do 13-08-2016

Arriba.

 

Incendios forestais: comunicado de SGHN

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2013

Se unha imaxe vale máis que mil palabras, véxase a portada da voceiro "Os incendios nos montes" publicado por SGHN no ano 1983, “visionaria” do problema e das súas consecuencias.

Os incendiarios forestais lévannos costado:
    • vidas humanas
    • vivendas, bens e facendas
    • o noso patrimonio forestal
    • incalculables perdas ambientais
    • a destrucción da paisaxe de Galicia
    • a disminución da biodiversidade galega
    • millóns de euros queimados e absolutamente improductivos
    • a hipoteca do noso desenvolvemento futuro e, en fin,
    • a degradación do noso país

Na eliminación dos incendiarios e dos incendios forestais ata agora TODOS TEÑEN FRACASADO. Resulta, pois, evidente que as solucións postas en práctica foron inútiles.

A problemática hai que afrontala coa verdade por diante. Con valentía e intelixencia para ter posibilidades de éxito.

Os lumes non teñen unha única causa (e moito menos a do “terrorismo” ou a dos “enemigos de Galicia”) senón moitas, orixinadas na mesma poboación galega, tanto do campo coma da cidade” (SGHN, 1983)

A sorprendente pasividade coa que a sociedade galega contempla este fenómeno, tan só pode deberse a ignorancia do que realmente está a suceder e das súas consecuencias previsibles” (SGHN, 1985)

S.G.H.N. considera que para avanzar no tratamento da problemática incendiaria precísanse, entre outras, as seguintes actuacións (SGHN, 1990; SGHN, 2006)

  1. Recoñecer a exclusiva autoría dos galegos na traxedia, única explicación ata a data baseada en feitos probados. Urxe espolear a conciencia popular fronte á máis grave destrucción do medio natural galego e aislar socialmente ós incendiarios.
  2. Incrementar o detalle dos estudios de causalidade e asignar máis medios (humanos e materiais) para a investigación e publicar os informes.
  3. Emplegar satélites de teledetección para unha avaliación real do número de incendios e da superficie queimada cada ano. Toda a información oficial sobre número de incendios e superficies queimadas, por ano e concello, debería estar a disposición pública.
  4. Ordenar racionalmente o territorio e evitar as intervencións ambientalmente «duras» e ineficaces: o problema non se resolverá eliminando o mato, ou abrindo pistas e cortalumes, pois xa é difícil, senón imposible, atopar un só kilómetro cuadrado de Galicia sen unha ou varias pistas, estradas ou cortalumes.
  5. Implicar a todo o executivo galego e a toda a cidadanía de Galicia na resolución da problemática dos incendios forestais, que non pode ser asunto únicamente dunha Consellería.
  6. E tamén é preciso aprender da historia: «Sempre que o propietario non teña interese en que haxa árbores na súa facenda, non bastará toda a vixilancia do Goberno para vixilalo» (Barba y Roca, 1789). Hai que aprender a lección e investir máis en sensibilización ambiental e prevención social que en extinción, para desmontar a «economía do lume» creada ó longo dos últimos 20 anos en torno á extinción dos incendios en Galicia.

Arriba.

 

OS INCENDIOS FORESTAIS EN GALICIA, OUTRA VEZ

Se ben o emprego do lume como ferramenta agrícola e gandeira era xa unha práctica “tradicional” en boa parte de Galicia, sobre todo nas serras para controlar o mato e favorecer o crecemento de pastos, o fenómeno incendiario experimentou un brusco estoupido a finais da década de 1960. Os lumes non teñen unha única causa (e moito menos a do “terrorismo” ou a dos “enemigos de Galicia”) senón moitas, orixinadas na mesma poboación galega, tanto do campo coma da cidade (SGHN, 1983).

“Todo fenómeno social de carácter conflictivo afunde profundamente as súas raíces no pasado e os incendios forestais non constitúen, nin moito menos, unha excepción... Tras todas as causas reais ou imaxinarias que se teñen formulado para explicar a alarmante realidade incendiaria, atópase a mesma cuestión de fondo. E ista non é outra que a ignorancia e o desprecio cara a natureza dunha sociedade que, vivindo de costas á terra que a sustenta, acubilla e mesmo alenta no seu seo o fenómeno incendiario e o soporta cun irresponsable estoicismo... A sorprendente pasividade coa que a sociedade galega contempla este fenómeno, tan só pode deberse a ignorancia do que realmente está a suceder e das súas consecuencias previsibles” (SGHN, 1985).

Pese ó tempo transcurrido dende o comezo da etapa virulenta dos incendios forestais, compre salientar “a inexistencia dun verdadeiro plan contra os incendios, cunha teoría estratéxica mínima que contemplara medidas globalizadoras e unha imprescindible política de planificación territorial e integración agro-forestal” e “a concentración de todas as medidas no curto prazo (extinción) ou en prácticas rutinarias reveladas como ineficaces aisladamente, por ex. a construcción de cortalumes e pistas ignorando actuacións máis complexas como a creación de áreas cortalumes” (SGHN, 1990).

“Os datos oficiais reflicten que a gravidade crónica da problemática incendiaria en Galicia acada niveles «explosivos» a partires de 1995 con máis de 10.000 incendios anuais (a metade do total para España), é dicir cun incendio por cada 2 km2 de superficie forestal, mentres que no resto de España o promedio é dun incendio por cada 25 km2 de superficie forestal (¡12 veces menos ). Cun promedio de 25-35 lumes diarios ó longo do ano, a «bomba de reloxería» da problemática incendiaria en Galicia actívase dramáticamente cada vez que pasan quince ou vinte días consecutivos sen chover (especialmente con ventos fortes e sostidos), sexa no verán, como neste ano, ou a finais de inverno e principios da primavera como en outros anos” (SGHN, 2006) Informe entregado en man á Ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona, perante a súa estadía en Galicia despois da vaga de lumes de agosto de 2006).

A S.G.H.N. considera que para avanzar no tratamento da problemática incendiaria precísanse, entre outras, as seguintes actuacións (SGHN, 1990; SGHN, 2006)

  1. Evitar o tratamento partidista do tema para alcanzar o consenso de todos os grupos políticos e sociais.
  2. Recoñecer a exclusiva autoría dos galegos na traxedia, única explicación ata a data baseada en feitos probados. Urxe espolear a conciencia popular fronte á máis grave destrucción do medio natural galego e aislar socialmente ós incendiarios.
  3. Incrementar o detalle dos estudios de causalidade e asignar máis medios (humanos e materiais) para a investigación e publicar os informes. De acordo coa lexislación e a proporcionalidade que se debe esperar da súa aplicación, deberían facerse públicas as sancións e os sancionados cando concurran sentencias firmes nos casos de intencionalidade.
  4. Emplegar satélites de teledetección para unha avaliación real do número de incendios e da superficie queimada cada ano. Toda a información oficial sobre número de incendios e superficies queimadas, por ano e concello, debería estar a disposición pública.
  5. Ordenar racionalmente o territorio e evitar as intervencións ambientalmente «duras» e ineficaces: o problema non se resolverá eliminando o mato, ou abrindo pistas e cortalumes, pois xa é difícil, senón imposible, atopar un só kilómetro cuadrado de Galicia sen unha ou varias pistas, estradas ou cortalumes.
  6. Implicar a todo o executivo galego e a toda a cidadanía de Galicia na resolución da problemática dos incendios forestais, que non pode ser asunto únicamente dunha Consellería.
  7. Aplicar os programas informáticos desenvolvidos conxuntamente polas Universidades galegas e o IIAG-CSIC para predecir o índice de perigo de incendio para cada zona de Galicia e optimizar os recursos de extinción.
  8. Recuperar as zonas queimadas, aplicando as medidas máis axeitadas para a revexetación, protección dos solos e minimización dos danos tras os incendios, de acordo cos estudios realizados polos centros de investigación galegos (IIAG-CSIC, CIFA-Lourizán,Departamento de Ecoloxía da USC).
  9. Facer un uso axeitado da linguaxe ó falar dos incendios: as declaracións dos responsables públicos deben ser moi mesuradas e baseadas en datos reais e non en suposicións.
  10. E tamén é preciso aprender da historia: «Sempre que o propietario non teña interese en que haxa árbores na súa facenda, non bastará toda a vixilancia do Goberno para vixilalo» (Barba y Roca, 1789). Hai que aprender a lección e investir máis en sensibilización ambiental e prevención que en extinción, para desmontar a «economía do lumeo» creada ó longo dos últimos 20 anos en torno á extinción dos incendios en Galicia

Arriba.

Coa participación da SGHN

OS INCENDIOS FORESTAIS NO PROGRAMA "FORO ABERTO"

A partires do minuto 23:45 o presidente da SGHN e tamén investigador do CSIC fala sobre os lumes forestais, no programa "Foro Aberto" que se emitiu o luns 9 de abril de 2012. A ligazón é

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/foro-aberto-3-temporada-09-04-2012

Arriba.

 

“Non agardes resultados diferentes se sempre fas o mesmo”

COMUNICADO DA SGHN SOBRE A VAGA DE INCENDIOS FORESTAIS DE OUTONO-2011

A falta de medios, ou o exceso, é unha circunstancia, máis non é o problema.

A política forestal poderá, ou non, ser un agravante, máis non é o problema.

O monte, o matorral, o arborado son a vida, nunca poden ser o problema.

O problema real dos incendios forestais en Galicia son os galegos/galegas que prenden o lume, por qué o prenden e por qué lles resulta tan fácil facelo impunemente.

A estas preguntas son ás que teñen que responder os nosos dirixentes: os que gobernan agora, os que o fixeron antes e os que aspiran a gobernarnos. Déixense de palabras e póñanse a traballar na realidade.

E “non agarden resultados diferentes se sempre fan o mesmo”, pois xa van 22 anos de extinción, extinción, extinción, obtendo o mesmo resultado: unha presión incendiaria insoportable e (case) constante, polo que en canto se dan as condicións climatolóxicas propicias hai unha vaga de incendios incontrolable por moitos medios e cartos que se destinen.

A solución dos incendios do vindeiro ano pasa por comezar a evitalos hoxe: prevención si, educación tamén, e sobre todo, medidas efectivas contra os incendiarios/incendiarias, xa que as actuais está suficientemente demostrado que non sirven.

Polas características dos lumes e a orografía das zonas afectadas pola vaga de incendios de outubro-2011, é moi probable que a situación dos terreos queimados a vindeira primavera sexa moi semellante á desta imaxe tomada en maio de 2011 na zona arrasada polo incendio de Camba (Laza, Ourense) en setembro-2010: a devastación provocada polo lume deu paso a unha erosión escalofriante en outono-inverno.

Arriba.

 

INCENDIOS FORESTAIS 2011: BEN, PERO NON TANTO

A petición de La Voz de Galicia (http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2011/09/28/0003_201109G28P4993.htm), o Presidente da SGHN fixo unha avaliación "de urxencia" das cifras de incendios forestais feitas públicas onte no Parlamento Galego polo Conselleiro de Medio Rural, que se transcribe deseguido. Dita análise refírese exclusivamente aos datos de número de incendios e superficie queimada.

"Toda reducción das cifras anuais de incendios forestais e superficie queimada é unha boa nova para a natureza galega. Xa que logo, as cifras adiantadas polo Conselleiro de Medio Rural son unha boa nova. Pero, para non caer nun optimismo infundado, compre analizalas con rigor.

Así, é preciso salientar que os 4.365 incendios dan un promedio de 16 diarios e 21 por cada 100 km2 de superficie forestal e que as 12.702 ha queimadas (máis de 16.000 campos de fútbol!) supoñen a perda dun 0,6% da superficie forestal nun só ano. Ademais, as cifras facilitadas exclúen os “conatos” (lumes menores de 1 ha) e as queimas autorizadas (250.000 ao ano), polo que a superficie realmente queimada é maior.

E iso admitindo que os datos oficiais fosen reais. Analizemos un só dato concreto. O Conselleiro afirma que 2011 é o único do último decenio sen un gran incendio (máis de 500 ha). A resposta oficial recibida por SGHN sobre o provocado pola queima controlada do 8 de abril en Bande e Verea (Ourense) sinala 475 ha, pero a planimetría do croquis do incendio supera as 500 ha."

Arriba.