logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   
 

INCENDIOS FORESTAIS: FAUNA SILVESTRE

Proteción da fauna terrestre e acuática despois da vaga de lumes

Santiago, 27-10-2017

As condicións meteorolóxicas ao longo do último ano hidrolóxico levaron a activar os protocolos de alerta por seca na Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil e en seis zonas da Demarcación Hidrolóxica de Galicia Costa, con previsións pouco alentadoras de que a situación hidrolóxica mellore en outono. Tendo en conta as importantes consecuencias que sobre as poboacións silvestres de fauna (e flora) teñen os incendios forestais, que xa daquela estaban a asolar a Galicia interior , o pasado 10 de outubro SGHN solicitou á Dirección Xeral de Patrimonio Natural información sobre:

  • As propostas e previsións que manexa para a tempada de caza e pesca fluvial a nivel xeral.
  • Os TECOR afectados por incendios forestais e medidas que se van a adoptar neles para a presente e as vindeiras tempadas de caza.

Malia que a DX de Patrimonio Natural aínda non respostou á dita solicitude de información, tendo en consideración a seca deste ano 2017, a afección dos incendios forestais ao territorio tanto neste ano como nos dous anteriores e a necesidade de asegurar zonas de refuxio e alimentación para a fauna, terrestre e acuática, SGHN ven de solicitar:

  • Que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural informe a SGHN sobre:
    • Os terreos de cada TECOR nos que se restrinxiu ou prohibiu a práctica da caza nesta tempada, especificando si están queimados, neste ano ou nos dous anteriores, ou son de protección da fauna.
    • Os acoutados de pesca nos que se restrinxiu ou prohibiu a práctica da pesca nesta tempada.
  • Que, no caso de non terse realizada aínda ningunha actuación, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural interveña urxente e explícitamente:
    • Prohibindo a caza polo menos nun radio de 1000 m arredor das zonas queimadas neste e nos dous anos anteriores.
    • Prohibindo a caza onde a seca teña agravado a situación da fauna e nun radio de 1000 m arredor da zona.
    • Prohibindo a pesca nos acoutados cunha baixada significativa do nivel da auga e nos tramos adxacentes polo menos nunha lonxitude de 1000 m.
    • Desenvolvendo aqueloutras actuacións que poidan mitigar os danos sobre a fauna afectada.

Arriba.

 

SGHN PIDE A SUSPENSIÓN DA TEMPADA DE CAZA NAS ZONAS QUEIMADAS

Galicia padece na actualidade unha situación extraordinaria como consecuencia da sequía e a vaga de incendios forestais no outono de 2011, principalmente na provincia de Ourense, na de Lugo e no sur de Pontevedra.

A Lei 4/1997, de caza de Galicia, establece que “queda prohibido cazar en tempo e lugares nos que, como consecuencia de incendios, epizootias, envelenamentos, inundacións, secas ou outras causas, os animais se ven privados dos seus hábitats e das súas facultades normais de defensa e obrigados a concentrarse en determinados lugares” (artigo 34.1.3). Asi mesmo, a Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece que “Os aproveitamentos e a repoboación cinexética en terreos queimados quedan prohibidos durante un período de tres anos desde a data do lume, agás autorización expresa da dirección xeral competente en materia cinexética, logo de informe favorable da consellaría competente en materia forestal” (artigo 44.1).

Por todo o devandito, SGHN ven de soliciatar ao Director Xeral de Conservación da Natureza (Consellería de Medio Rural) (ver PDF):

  • Que, en exercicio das súas competencias e obrigas legais, proceda a suspender a tempada de caza, con carácter inmediato e a todos os efectos, nos TECOR afectados por incendios forestais este ano. Alomenos no caso de grandes lumes, dita suspensión da tempada de caza debera extenderse aos TECOR limítrofes non afectados polo lume nos que os animais véranse obrigados a concentrarse como atinadamente sinala o artigo 34.1.3 da Lei 4/1997.
  • Que manteña informada a SGHN de cantas decisións e actuacións adopte ao respecto.

Fotografía: Imaxe dun gran incendio no Macizo Central ourensán.

Arriba.