logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   
 

INCENDIOS FORESTAIS: PASTOREO E ARADURA

Pastoreo en zonas queimadas: carta aberta de SGHN á Conselleira de Medio Rural

Santiago, 05-03-2018

Sra. Conselleira do Medio Rural

Como xa manifestamos en 2012, cando como agora se plantexou un permiso excepcional para o pastoreo en terreos queimados, SGHN ve con grande inquedanza as novas de prensa destes días en varios medios de comunicación có título "La Xunta permitirá pastorear en zonas quemadas en los incendios".

Antes de nada, SGHN considera preciso deixar ben claro que a gandería extensiva ou semi-extensiva, sostible e respetuosa co medio, é tan necesaria para a viabilidade e o futuro demográfico e socio-económico do medio rural galego, como imprescindible para a conservación da paisaxe tradicional e a biodiversidade en Galicia. Así o entende SGHN, que colabora activamente con 4 gandeiros en extensivo, que NON empregan o lume, noutros tantos concellos de Ourense, a provincia de España máis castigada polos incendios.

Pero non se pode esquecer que os datos de investigadores, forzas de seguridade, fiscalía e Ministerio coinciden en que 9 de cada 10 lumes en Galicia son provocados e que 2 de cada 3 con causas coñecidas están relacionados co sector agro-gandeiro. Para evitar calquera equívoco ou terxiversación malintencionada, compre deixar ben claro que estes datos NON queren dicir que 9 de cada 10 galegos sexan incendiarios, nin tampouco que o sexan 2 de cada 3 agricultores ou gandeiros.

Xa que logo, no presente caso tan grande sería o erro de criminalizar como incendiarios a todos os gandeiros, como o de dar “barra libre” para o pastoreo en todas as zonas queimadas, admitindo unha excepcionalidade que non é tal (**). Cun símil moi gandeiro, cumpre separar as churras das merinas e as ovellas negras das que non o son, e así outorgar axudas (e excepcións se fixeran falla) aos gandeiros respetuosos, sen cair nun perverso “café para todos”. De non facelo, corremos o risco de comezar un círculo vicioso de “máis lumes - máis axudas e menos limitacións -máis lumes” que viría a potenciar a economía do lume impulsada hai trinta anos coa dinámica de “máis lumes - máis gastos en extinción - máis lumes”. De feito nestes momentos, moitas das parroquias de maior incidencia incendiaria reciben máis cartos e son obxecto de máis intervencións que as que non os sufren, o cal é cando menos inxusto e contraproducente.

SGHN, como ben debe vostede saber, leva unha morea de anos traballando na problemática dos incendios forestais e avaliando as súas repercusións presentes e futuras. Neste contexto DESEXAMOS CONVIDALA a vostede, e como non, aos seus asesores e equipo de traballo á charla aberta que sobre os incendios forestais vaise desenvolver no salón de actos Museo do Pobo Galego o vindeiro sábado 10 de marzo de 2018 ás 12:30 dentro dunha xornada de traballo da SGHN.

Publicada como artigo de opinión en La Voz de Galicia.

Vaca pacendo nunha zona queimada do Macizo Central ourensán.

** Rememorando a vaga de lumes de 2012, semella oportuno lembrar a intervención da parlamentaria do PP Dª Emma Álvarez Chao o día 18/04/2012 na Comisión do Parlamento de Galicia referida á situación do Macizo Central ourensá, pero extrapolable a moitas áreas da nosa xeografía: "Esta situación que se dá no Macizo Central ourensán non é nova nin provocada polos incendios de outubro, como se quere facer ver, senón que se vén arrastrando dende fai anos, polo tanto, non é unha situación excepcional, senón que é sistemática, polo que ao xuízo deste grupo, non procedería outorgar a excepcionalidade que recolle o artigo 43.2 da Lei 3/2007 para permitir o pastoreo nas zonas queimadas. Non se teñen acreditadas perdas de difícil reparación nin inexistencia de alternativas dentro da mesma comarca, dende a data dos incendios séguese pastoreando xa que existen moitas áreas non afectadas e de ser o caso poden negociarse novas áreas de pastoreo cos propietarios dos terreos".

Arriba.

'Pastorear' incendios? Mellor pastorear gando

Santiago, 28-08-2017

Fai uns días, Alejandro García Hernández defendía nas páxinas de El País que “as queimas prescritas e o 'pastoreo' dos incendios son unha ferramenta sensata e eficiente” para loitar contra os grandes incendios forestais. En base á miña experiencia, como investigador sobre o tema e habitante dunha das zonas con maior actividade incendiaria de toda Europa, creo que esa afirmación necesita, cando menos, ser moi matizada; como advirte a sabedoría popular, se xogamos con lume é probable que acabemos queimándonos. Convén ter presente que tanto as queimas prescritas como os incendios teñen efectos sobre a saúde humana, a economía, a atmosfera, as augas, os solos, a vexetación e a fauna; efectos que poucas veces, ou nunca, son tidos en conta axeitadamente e no seu conxunto.

Por unha banda, a execución de queimas prescritas cunhas mínimas garantías é laboriosa e custosa, polo que con relativa frecuencia fanse mal e afectan a máis superficie da prevista, chegando ata a converterse en grandes incendios forestais. Sen ir máis lonxe, fai tres meses a Xunta de Galicia foi condenada a indemnizar con 160.000 euros aos propietarios dun piñeiral madeirable arrasado por unha queima prevista para 2 ha de mato pero que consumiu 475 ha, moitas delas arboredos.

Pero aínda que sexan técnicamente ben realizadas, as queimas prescritas non están exentas de consecuencias e no CSIC comprobamos que ata no caso de superficies pequenas (1 ha) e queimas prescritas de baixa severidade, nas que a erosión foi relativamente escasa, a choiva pode provocar perdas desproporcionadamente elevadas de nutrientes, pois arrastra as capas máis superficiais e fértiles do solo, empobrecéndoo. Neste punto convén recordar que os solos son a base - 'os cimentos' - de todos os ecosistemas terrestres e, xa que logo, dos bens e servizos que estes proporcionan á humanidade. Co lume e a erosión posterior redúcese tamén a capacidade dos solos para actuar como xigantesca 'esponxa' que se empapa cando chove, reducindo así as enchentes, e libera lentamente a auga despois, reducindo as secas.

Ademais, sexa nun incendio 'pastoreado' ou nunha queima prescrita, a combustión incompleta da materia orgánica de solos e vexetación xera inevitablemente hidrocarburos policíclicos aromáticos tóxicos, dos que xa se documentou a súa sedimentación en encoros e zonas costeiras, afectando a especies ameazadas e hipotecando a riqueza pesqueira e marisqueira. As cinzas adoitan tamén conter concentracións demasiado elevadas dalgúns micronutrientes e metais pesados, con riscos aínda non avaliados para os lugares onde se sedimentan.

Por outra banda, os datos oficiais indican que o 78% dos incendios en España orixínanse por causas antrópicas (queimas deliberadas, accidentes e neglixencias). Xa que logo, no seu maior parte os grandes incendios forestais NON “son a consecuencia da acumulación de excedentes de vexetación, o denominado combustible forestal”, senón da intervención humana. Por iso, se pensamos que “o denominado Triángulo do Lume recórdanos constantemente que só podemos actuar fronte ao combustible” estaremos confundíndonos de figura xeométrica e, o que é máis importante, de obxectivo principal de actuación. No actual mundo tan humanizado, o que existe é máis ben un 'Cadrado do Lume', coa nosa especie dominándoo desde unha das esquinas, e nada conseguiremos se non actuamos sobre o principal causante dos incendios forestais, grandes e pequenos: a actividade humana.

O mato non é o inimigo. En ocasións constitúe hábitats de conservación prioritaria na Unión Europea e é refuxio de especies moi ameazadas. Noutros casos é unha importante etapa da sucesión secundaria que conducirá á recuperación do bosque. Pero si, unha superficie continua de mato (ou de herbas secas, de eucaliptos, piñeiros ou acacias) pode facilitar moito a propagación dun incendio. Ademais de actuar sobre a orixe do lume (recordemos: 78% causados polo home), para reducir a súa propagación debemos xerar discontinuidades e crear un mosaico de hábitats diferentes, por outra banda moi beneficioso para a biodiversidade. Para iso dispoñemos basicamente de tres ferramentas: dente, ferro e lume, é dicir, pastorear, rozar ou queimar. Máis aló duns postos de traballo coxunturais, as queimas prescritas e o 'pastoreo' dos incendios non producen bens ou riqueza e teñen en contra os maiores efectos ambientais. En circunstancias parecidas atópanse as rozas, pero con menor impacto ambiental. E logo temos o 'pastoreo de verdade', con gando en réxime extensivo ou semi-extensivo que, ao suplir aos grandes herbívoros salvaxes que temos decimado ou extinguido, controla o crecemento da biomasa vexetal (mal chamada combustible) e contribúe a conservar un mosaico de hábitats, á vez que xera postos de traballo estructurais, axuda a manter a poboación rural e produce alimentos. A súa recuperación, ademais, axudaría a reducir a gandería industrial estabulada, mantida a base de piensos en gran parte importados e que está xerando graves impactos ambientais, e ata sanitarios, en numerosas comarcas (máis...).

Por todo iso, na miña opinión, a solución do grave problema dos incendios forestais no noso país pasa por actuar decididamente e canto antes sobre as causas de orixe humana, promocionar un pastoreo (semi)-extensivo sostible e ben xestionado, e recorrer a desbroces mecánicos onde sexa necesario. E cando recuperemos un rexime de incendios máis ou menos natural - en canto a extensión, severidade e frecuencia - entón poderiamos plantexarnos non extinguir, ou 'pastorear', os incendios de orixe natural.

Artigo enviado á Sección de Opinión de El País por Serafín González (Presidente de SGHN e Investigador Científico do CSIC).

Arriba.

 

Con este goberno e esta oposición o futuro do problema incendios só ten unha cor: NEGRA

SGHN PREOCUPADA POLO PERMISO PARA PASTOREO EN ZONAS QUEIMADAS

SGHN manifesta a súa inquedanza diante das opinións recollidas en Europa Press co titular “Rural.- El permiso excepcional para el pastoreo en terrenos quemados excluirá las zonas con elevado número de incendios” (http://www.europapress.es/galicia/agro-00246/noticia-rural-permiso-excepcional-pastoreo-terrenos-quemados-excluira-zonas-elevado-numero-incendios-20120418145716.html):

  • BNG e PSdeG-PSOE plantexan establecer unha excepcionalidade á prohibición do pastoreo en zonas queimadas, asi como a solicitude de axudas para o sector afectado polos incendios forestais. Para SGHN isto requeriría a concreción inequívoca de cales son as circunstancias que permitirían dita excepcionalidade e esas ayudas, partindo da determinación da orixen e causas do lume de xeito que se garanta, como mínimo, que non ten relación coa creación de pastos.
  • Nesta liña Álvarez Chao do Grupo Popular apunta que non corresponde outorgar a excepcionalidade ao Macizo Central e que “dende a data” da vaga de lumes –en outubro pasado- seguese a pastorear (actividade prohibida pola Lei 3/2007). SGHN lembra ás administracións, e neste caso ao goberno do PP, que teñen a obriga de asegurar o cumprimento da legalidade nas zonas afectadas polos incendios: Lei 4/1997, de caza de Galicia, Lei 9/2002 de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Decreto 88/2007 polo que se crea Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
  • Tareixa Paz (BNG) solicita un plan permanente para a rexeneración de novos pastos mediante rozas ou queimas. Como leva dito en innumerables ocasións, SGHN reitera que, en pleno século XXI e nun pais da Unión Europea, as queimas non poden empregarse como ferramentas de traballo nin poden ser un sistema de xestión do monte e que se precisa unha planificación global e racional dos recursos naturais. Neste senso as Administracións teñen que dar exemplo e desterrar o emprego do lume como ferramenta de traballo.
  • Sonia Verdes (PsdeG-PSOE) critica pola súa banda a falla de adopción de medidas de rexeneración do Macizo Central e solicita recompensar as perdas. Á vista de que o Macizo Central Ourensano ten ardido e arde periódicamente con intensidades e superficies inmensas, SGHN opina que as Administracións non deben, baixo ningún concepto, recompensar os resultados das accións incendiarias senón que como primeira prioridade deben de evitar a “necesidade de rexenerar” establecendo as medidas necesarias para iso e rentabilizar, en beneficios de toda a poboación galega, os recursos económicos dispoñibles.

Unha vez máis apreciase que os puntos de vista dos partidos políticos sobre o tema incendios son absolutamente parciais, dependen de se están no goberno ou na oposición e non abordan o problema da única maneira posible: globalmente e dende o punto de vista social.

É urxente e necesario cumprir a lexislación, unificar posturas e marcar unha dirección clara na solución dun problema que, señoras e señores, cos partidos políticos que nos gobernan ou aspiran a facelo só ten unha cor: NEGRA.

SGHN ven de recibir resposta da parlamentaria do PP Emma Álvarez Chao coa súa intervención literal do pasado mércores 18 na Comisión do Parlamento Galego. A súa intervención é moito máis ampla e matizada do que recollían as novas de prensa ás que facía referencia o comunicado de SGHN e, polo seu interese, consideramos oportuno transcribilo íntegramente:

"Esta situación que se dá no Macizo Central ourensán non é nova nin provocada polos incendios de outubro, como se quere facer ver, senón que se vén arrastrando dende fai anos, polo tanto, non é unha situación excepcional, senón que é sistemática, polo que ao xuízo deste grupo, non procedería outorgar a excepcionalidade que recolle o artigo 43.2 da Lei 3/2007 para permitir o pastoreo nas zonas queimadas. Non se teñen acreditadas perdas de difícil reparación nin inexistencia de alternativas dentro da mesma comarca, dende a data dos incendios séguese pastoreando xa que existen moitas áreas non afectadas e des ser o caso poden negociarse novas áreas de pastoreo cos propietarios dos terreos".

Evidentemente as "áreas non afectas" as que fago referencia son as que non son afectadas polos incendios polo que entendo houbo un mal entendido sobre o que vostedes din no seu escrito. Por outro lado tamén dixen: "En relación a prohibición de pastoreo, a Sra. Verdes, asegura que esta medida non demostrou a efectividade para diminuír a incidencia de incendios, por iso, o proxecto de lei de montes que se empezará a debater no próximo pleno modifica este artigo. Di literalmente que [...]Regulamentariamente poderán preverse excepcións á prohibición establecida no punto anterior, baseadas na acreditación de perdas de difícil reparación pola prohibición ao pastoreo ou na inexistencia de alternativas ao pastoreo nas áreas afectadas por incendios forestais dentro da mesma demarcación forestal, excepto que se trate de superficies arboradas queimadas, ou superficies de parroquias incluídas en zonas declaradas como de alto risco onde, polo número de incendios forestais reiterados ou pola súa gran virulencia, precisen medidas extraordinarias de prevención de incendios e de protección dos montes fronte aos impactos producidos por eles.[...]; entendemos que deste xeito se evita o emprego do lume como método de apertura de zonas forestais para a realización de pastoreo nelas.Despois de escoitar ao Presidente da Asociación en nome me escribe, no debate do día 9 deste mes en Foro Aberto teño que afirmar que estou dacordo con moitas das cousas que alí dixo. De feito, tamén o mencionei na miña intervención:Amáis, con estas axudas que demandan, poderíase estar obtendo un beneficio indirecto polo uso do lume. Este grupo non dí que haxa unha relación entre usos gandeiros e os lumes, pero observamos con preocupación a gran afectación por incendios que teñen algunhas áreas onde o uso primordial é o do pastoreo. A verdadeira solución radica en tomar, dunha vez por todas, as medidas necesarias para chegar ao fondo desta forte actividade incendiaria e minimizala. Xa vai sendo hora de deixar de tapar os ollos para non ver !"

"Vostedes, que representan aos grupos da oposición están constantemente ao acecho para demandar medidas, case ao mesmo tempo que os delincuentes, ou neglixentes segundo vostedes, actúan. Ao fío do que estou a dicir, vou a lerlles o que recentemente dicía o presidente dunha comunidade de montes do Xurés: “A Queguas, non ven ninguén de fóra a queimar. É difícil denunciar a un veciño, pero témonos que mentalizar que estas terras son de todos e que o que lle prende lume é un terrorista”. Outro comunero, doutra Comunidade de Montes distinta dicía con moita contundencia que non hai incendio que sexa fortuíto: “Sempre hai un interese que pode ser político, persoal ou ecolóxico, pode que algunha vez se escape algunha queima, pero iso é o mínimo, os demáis son intencionados e así non hai quen faga nada”. Moito máis rotunda foi a reflexión que o Presidente da Sociedade Galega de Historia Natural fixo durante o transcurso do debate que emitiu o pasado luns día 9 o programa Foro Aberto da TVG sobre as causas dos incendios forestais. Reflexión que hoxe non vou a reproducir, pero lles invito a escoitar. Isto señorías, é a realidade crúa e dura que temos no Macizo Central, e mentras tanto non atallemos a raíz do problema, de nada serve ir poñendo remendos puntuais."

Entendo que somos coincidentes en posturas, polo que lle agradezco rectifique o comunicado que nos fixo chegar. Quedo a súa disposición para o que crea convinte. Atentamente, Asdo.- Emma Alvarez Chao Deputada Grupo Parlamentario Popular.

Arriba.

 

SGHN solicita información á Consellería de Medio Rural

PASTOREO E ARADURA DE ZONAS QUEIMADAS

A Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece que:

  1. “A aradura de calquera terreo forestal para a implantación de cultivos agrícolas ou pasteiros exixirá a obtención de autorización administrativa por parte da consellaría competente en materia forestal nos termos que se establezan regulamentariamente. Cando se producise un incendio forestal nos tres anos anteriores á solicitude, a autorización concederase de forma excepcional atendendo as circunstancias especiais que se determinen regulamentariamente” (artigo 40).
  2. “Con carácter xeral, prohíbese o pastoreo en todos os terreos forestais que resulten afectados por incendios forestais, nun prazo mínimo de dous anos a partir da data en que se produza o lume e ata que as axeitadas condicións de restauración da masa arborada o permitan. Neste caso, precisarase de autorización administrativa nos termos que se establezan para o efecto” (artigo 43.1) e que “Regulamentariamente poderán preverse excepcións á prohibición establecida na alínea anterior, baseadas na acreditación de perdas de difícil reparación pola prohibición ao pastoreo ou na inexistencia de alternativas ao pastoreo nas áreas afectadas por incendios forestais dentro da mesma comarca” (artigo 43.2).

Polo devandito, ó abeiro da lexislación europea (Directiva 2003/4/CE), española (Lei 38/1995 e Lei 27/2006) e galega (Lei 1/1995) que regulan o dereito de acceso á información sobre o medio ambiente e despois da vaga de lumes do outono de 2011, SGHN ven de solicitar á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria (Consellería de Medio Rural, ver PDF) información das medidas que no exercicio das súas competencias e obrigas legais puxo en marcha para o control, vixiancia e seguemento das zonas afectadas a fin de asegurar o cumprimento da Lei 3/2007.

Arriba.