logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   
 

INCENDIOS FORESTAIS: SAÚDE E SEGURIDADE DAS PERSOAS

 

É potable a auga das zonas queimadas?

Santiago, 13-11-2017

Os hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) son un grupo de máis de 100 sustancias orgánicas químicas diferentes que se forman durante a combustión incompleta do carbón, petróleo, lixo e outros produtos orgánicos; tamén poden ser produtos industriais empregados na construcción, tinturas e pesticidas. Moitos HAPs son contaminantes orgánicos tóxicos, persistentes e bioacumulables, que en maior ou menor medida teñen (ou se sospeita que teñen) efectos carcinoxénicos ou mutaxénicos. Os HAPs tamen se orixinan en grandes cantidades durante os incendios forestales e logo son arrastrados polas choivas cara aos cursos e masas de auga, ata o punto de que unha recente publicación científica empregou as súas concentracións en sedimentos dun lago para elaborar un rexistro histórico de incendios na súa bacía (Denis et al., 2012).

A presenza en praias e sedimentos de encoros galegos de HAPs orixinados con toda proabibilidade por incendios forestais xa está comprobada alomenos por dous estudos:

  • No Estudo de Impacto Ambiental da "Central reversible Salas-Conchas" detectáronse niveis moi elevados de HAPs nos sedimentos recollidos preto do muro de presa do encoro das Conchas (río Limia).
  • Nunha investigación sobre os niveis de HAPs nos ovos das píllaras das dunas (Charadrius alexandrinus) que crían nas praias do noroeste ibérico (Vidal et al., 2011) detectouse un incremento de 5 veces na concentración de HAPs despois da vaga de lumes de 2006, que tivo uns efectos maiores nos niveis de HAPs que a marea negra do Prestige.

Benzo(a)pireno, un dos Hidrocarburos Aromáticos Policíclicos máis perigosos: moi tóxico para os organismos acuáticos, persistente, bioacumulable, canceríxeno e probablemente mutaxénico. Véxanse tamén benzo(a)antraceno, benzo(b) fluoranteno, benzo(k)fluoranteno, pireno e indeno (1,2,3-C,D)pireno.

Por outra banda, nos sedimentos erosionados de zonas queimadas en Galicia (Gómez-Rey et al., 2013) téñense detectado niveis moi elevados de algúns elementos traza (nomeadamente zinc e manganeso) que poderían comprometer a potabilidade das augas.

Imaxes arriba e á esquerda: cinzas no areal de Caldebarcos-Berberecheira, dous meses despois do incendio que asolou o Monte Pindo en 2013 (as referencias de tamaño son moedas de 2 cts e 1 euro).

Con data 22-07-2014 (máis...), SGHN xa solicitara á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a Augas de Galicia que na revisión dos Plans Hidrolóxicos dos ríos galegos, se incluira expresamente a análise sistemática das concentracións de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) nos sedimentos de todas as masas de auga naturais ou artificiais para avaliar se existe ou non contaminación e, xa que logo, factores de risco para a calidade das augas, os organismos acuáticos e a saúde humana.

A recente vaga de lumes que asolou boa parte de Galicia, incluindo zonas densamente habitadas, calcinou extensas superficies nas cabeceiras ou na contorna de mananciais, captacións de auga, ríos e encoros tanto hidroeléctricos como de abastecemento de auga ás poboacións, polo que existe o risco de que as cinzas, carbóns e sedimentos arrastrados polas choivas ocasionen a contaminación dos cursos e masas de auga, incluidas as empregadas para abastecemento humano e animal.

Por estes motivos, e en aplicación do principio de precaución, SGHN ven de solicitar á Consellería de Sanidade que, coordinadamente cos organismos de bacía (Augas de Galicia e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil) e os servizos municipais de augas, proceda urxentemente a analizar os niveis de hidrocarburos aromáticos policíclicos e elementos traza nas augas e nos sedimentos dos encoros nas zonas afectadas pola recente vaga de lumes forestais.

Bibliografía citada

  • Denis, E.H., Toney, J.L., Tarozo, R., Anderson, R.S., Roach, L.D., Huang, E. (2012). Polycyclic aromatic hydrocarbons (PAHs) in lake sediments record historic fire events: Validation using HPLC-fluorescence detection. Organic Geochemistry 45, 7-17.
  • Gómez-Rey, M.X., García-Marco, S., Fernández, C., Couto-Vázquez, A., González-Prieto, S.J. (2014). Effects of post-fire soil stabilization techniques on trace element lost by erosion. International Journal of Wildland Fire 23: 93-103.
  • Vidal, M., Domínguez, J., Luís, A. (2011). Spatial and temporal patterns of polycyclic aromatic hydrocarbons (PAHs) in eggs of a coastal bird from northwestern Iberia after a major oil spill. Science of The Total Environment 409: 2668-2673.

Por qué son agora máis mortíferos os lumes en Pontevedra?

Santiago, 05-11-2017 (actualizado 13-11-2017)

Segundo a información recopilada nas hemerotecas (que podería ser incompleta; datos actualizados grazas á comunicación dun lector; agradécese toda información sobre vítimas non incluidas na lista), nos últimos 34 anos en Galicia morreron 27 persoas a causa dos incendios forestais: 9 pilotos en accidentes de aviación e 18 veciños ou brigadistas en terra:

  • 09-09-1988: 4 mortos en accidente hidroavión en Lavacolla (C)
  • 16-06-1996: 1 brigadista morto en Cerdedelo (Ou)
  • 07-07-1997: 2 mortos en queimas autorizadas en A Estrada e Lalín (Po)
  • 26-08-1998: 1 brigadista morto no P.N. Xurés (Ou)
  • 09-09-1998: 1 piloto morto en desprazamento para extinción en Laza (Ou)
  • 08-04-2001: 1 veciña que queimaba restrebes morta en Marín (Po)
  • 20-06-2001: 1 conductor moto-boma morto en accidente de tráfico en Guntín (Lu)
  • 13-05-2003: 1 veciño morto en A Cañiza
  • 22-07-2004: 1 piloto morto nun incendio en Beariz (Ou)
  • 07-06-2005: 1 piloto morto en Beariz (Ou), tras extinción incendio en Poio (Po)
  • 06-08-2005: 1 piloto morto en extinción en Medeiros (Ou)
  • __-__-2005: 1 bombeiro morto en extinción incendio en Pontevedra
  • 04-08-2006: 2 veciñas mortas en Cerdedo (Po) ao fuxir dun incendio
  • 07-08-2006: 1 veciño morto en Campo Lameiro (Po) durante extinción incendio
  • 12-08-2006: 1 veciño morto en A Cañiza durante extinción incendio
  • 04-08-2010: 1 veciña que queimaba restrebes morta en Outes (C)
  • 12-08-2010: 2 brigadistas mortos en Fornelos de Montes (Po) durante extinción
  • 02-10-2011: 1 piloto morto en accidente avioneta extinción en Vences (Ou)
  • 27-03-2012: 1 brigadista morto en Castrelo do Val (Ou) durante un incendio
  • 15-10-2017: 3 vecinos mortos en (Po) e 1 en Carballeda de Avia (Ou)

A distribución das 18 vítimas mortais en terra é moi desigual entre o periodo 1984-2000 (4 falecidos) e 2001-17 (16 falecidos), é dicir, a mortalidade cuadruplicouse nos últimos anos. Tamén é moi dispar a distribución por provincias e a súa evolución entre ambolos dous periodos considerados, cun lixeiro incremento na Coruña (de 0 a 1 vítima) e Lugo (de 0 a 1 vítima) e estabilidade en Ourense (2 e 2 vítimas), mentres que sufriu un forte aumento en Pontevedra onde se sextuplicou a mortalidade a causa dos lumes pasando de 2 a 12 vítimas. Xa que logo, o incremento da mortalidade polos lumes forestais en Galicia concéntrase, case exclusivamente, na provincia de Pontevedra.

Corrixida en función da poboación de cada provincia (expresada en vítimas por cen mil de habitantes), a mortalidade provocada polos lumes forestais dende 2001 é de 0,09 en A Coruña, 0,30 en Lugo, 0,64 en Ourense e 1,27 en Pontevedra. A maior taxa de mortalidade en Pontevedra non se debe exclusivamente ao número de lumes e a superficie queimada, que son semellantes aos da Coruña e pouco máis da metade dos que se producen en Ourense.

Entón, por que son agora máis mortíferos os lumes forestais na provincia de Pontevedra? Sen perxuizo de que é necesaria unha análise máis pormenorizada antes de tirar conclusións definitivas e deseñar medidas para evitar no posible as vítimas mortais, os seguintes mapas apuntan a unha coincidencia que podería axudar a explicalo. Na provincia de Pontevedra a distribución das zonas con maiores densidades de "frondosas perennifolias" (case exclusivamente eucaliptos e acacias) coincide sensiblemente coas maiores densidades de poboación. Ao anterior podemos unir a crónica DES-ordenación do territorio, agravada pola crecente eucaliptización e o periodo de burbulla inmobiliaria, mesturándose propietarios plantando eucaliptos a carón dos núcleos de poboación e veciños construindo vivendas entre eucaliptais. Asi mesmo, sen dúbida inflúe o feito comprobado de que, con condicións de manexo semellantes, nos eucaliptais é maior a velocidade de propagación dos lumes (un 50% máis que nunha carballeira e un 25% máis que nun piñeiral) e o risco de aparición de lumes secundarios (ata 3 km de distancia) (Véxase Foto-guía de combustibles forestales de Galicia y comportamiento del fuego asociado). Considerando todos estes aspectos quizais podamos achegarnos á explicación da maior perigosidade dos lumes en Pontevedra.

"Frondosas perennifolias" (case exclusivamente eucaliptos e acacias) en Galicia en 2008 segundo o Inventario Forestal Nacional. Reproducido de silvicultor.blogspot.com.es

Densidade de poboación en Galicia por parroquias segundo datos do Instituto Galego de Estatística. Mapa reproducido de Wikimedia

É posible o inferno de Gois e Pedrogão en Galicia?

Santiago de Compostela, 02-07-2017

Como o resto da metade norte de Portugal, Gois e Pedrogão Grande comparten con Galicia unha orografía complicada, unha poboación dispersa, un abandono crecente do rural, un case monocultivo forestal de piñeiros e eucaliptos e unha arraigada tradición de emprego do lume como ferramenta agro-gandeira ou forestal, ... e con outros fins menos confesables. Comparten tamén con Galicia a triste realidade de ser as únicas zonas do litoral atlántico europeo onde os incendios forestais son un problema. Mesmo compartirían podio se houbese un sinistro campionato europeo de actividade incendiaria.

Despois da enorme traxedia humana e ambiental dos pasados días, sería esperable e desexable que o acontecido nestas dúas localidades lusas quedase “gravado a lume” na memoria e nas actuacións inmediatas e futuras de cidadáns e gobernantes, dun e doutro lado da raia. Lamentablemente non semella que vaia ser así.

Agora todos piden que se desbrocen a matarrasa as marxes das estradas e as contornas das casas e o Director Xeral de Ordenación Forestal declarou  que “Si se cumple la ley, sería difícil ver en Galicia un caso como el de Portugal”. A afirmación sería tranquilizadora se non fose porque en Galicia as leis relacionadas co monte, o medio ambiente e a ordenación do territorio raramente se cumplen e porque no caso concreto da lei de incendios as esixencias que establece (franxas de protección de 10 m a cada lado das estradas e de 50 m ao redor de vivendas) son simplemente de imposible cumprimento por cuestións loxísticas e económicas.

Comecemos polas estradas. Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), en 2013 había en Galicia 49.411 kilómetros de estradas (2.967 estatais, 5.453 autonómicos, 9.607 das deputacións, 31.384 municipais), polo que para cumprir a lei de incendios habería que desbrozar anualmente unhas 98.800 ha só nas súas marxes, cifra que quizais se reduciría a unhas 67.000 contando unicamente as que atravesan os dous terzos de Galicia considerados “monte”.

Superficie queimada por cuadrícula de 25x25 km no periodo 2002-12, segundo datos recompilados polo "European Forest Fire Information System", publicado en: Borrelli P, Panagos P, Langhammer J, Apostol B, Schütt B (2016) Assessment of the cover changes and the soil loss potential in European forestland: First approach to derive indicators to capture the ecological impacts on soil-related forest ecosystems. Ecological Indicators 60:1208-1220
(http://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S1470160X1500494X)

Falemos agora das vivendas. En Galicia hai 986.091 parcelas edificadas nos 30.244 núcleos de poboación (IGE, 2016), é dicir unhas 33 parcelas edificadas por núcleo, polo que o perímetro medio destes sería duns 400-600 m. Pois ben, cunha franxa de protección de 50 m de largura, habería que desbrozar anualmente unha superficie entre 60.000 e 90.000 ha, e iso sen contar as innumerables edificacións diseminadas (en Galicia están máis da metade das que existen en España).

“Legalmente” habería, pois, que desbrozar cada ano entre 130.000 e 160.000 ha de franxas de protección, é dicir, ao redor do 5% da superficie de Galicia. A imposibilidade real de desbrozar tan inmensa superficie provocou nos últimos anos un incremento moi preocupante no uso de potentes herbicidas ao longo das estradas. Deixemos aparte os efectos negativos sobre a saúde das persoas e a biodiversidade e centrémonos no risco de incendios: a ningún “responsable” se lle ocurriu que con toda a súa vexetación seca polos herbicidas as cunetas das estradas son ideais para que comece un lume ou se propague rápidamente?

Pero imaxinemos que fose posible desbrozar cada ano ese 5% de Galicia: serviría para impedir unha desgraza como a de Portugal?

Persoalmente teño serias dúbidas. Contando a propia estrada e as franxas de protección, na meirande parte dos casos habería unha banda duns 30 m de largura sen vexetación, pero dentro dos turnos normais de corta, en Galicia os piñeiros acadan os 20-30 m e os eucaliptos uns 30-40 m. Un lume de copas, con lapas de 40-60 m de altura, como o de Gois e Pedrogão atravesaría fácilmente esa franxa e podería atrapar aos vehículos que circulasen por alí. Mesmo no caso de que non morresen polo lume, os ocupantes poderían perecer asfixiados polo fume, ao que non deteñen as franxas desbrozadas.

Qué podemos facer entón para evitar un inferno como o de Gois e Pedrogão?

Concienciar á poboación para erradicar os lumes de orixe humana, o cal por si só permitiría reducir en Galicia o risco dese inferno en máis dun 90%. Informar aos cidadáns sobre cómo actuar diante dun incendio forestal. Investir de verdade no desenvolvemento sostible, para reverter o avellentamento e despoboamento do rural, garantindo calidade de vida para as persoas e un equilibrio entre explotación e conservación do medio natural. Fomentar unha paisaxe forestal diversa en mosaico, con moitos menos piñeiros e eucaliptos e máis frondosas autóctonas. Investir máis en prevención, sen esquecer as necesidades de extinción e de restauración das zonas queimadas.

Artigo de opinión no Faro de Vigo (24-06-2017) de Serafín González, Investigador Científico do CSIC e Presidente da SGHN.

Arriba.

Comunicado de SGHN

MORTE DUN BRIGADISTA NO INCENDIO DE CASTRELO DO VAL

Santiago de Compostela, a 28 de marzo de 2012

SGHN sinte como propio o falecemento de D. Higinio López Vivas, brigadista morto onte en acto de servicio no incendio de Castrelo do Val e o manifesta públicamente, acompañando na súa dór á familia, aos compañeiros máis próximos e a todos os brigadistas que arriscan as súas vidas, en condicións extremas, en defensa do noso medio natural e o que representa de vida.

Dende SGHN desexamos trasmitirlles a todos eles o noso pesar, e ás autoridades unha petición de esforzo para que identifiquen ao incendiario/a responsable da traxedia e responda polo seu homicidio.

Arriba.

INCENDIOS FORESTAIS, TAMÉN DRAMAS HUMÁNS

O 02-10-2011 finou D. Íñigo Zubiaga Pagadigorria o estrelarse a súa avioneta cando colaboraba na extinción dun incendio forestal entre Arcucelos (Laza) e Vences (Monterrei) na provincia de Ourense.

O 04-10-2011 traballadores dos Servizos Forestais de Ourense concentráronse na cidade en memoria do finado. No acto deron lectura a un manifesto cós seus puntos de vista sobre a problemática incendiaria.

Ante a súa solicitude de darlle publicidade e por solidariedade con Íñigo e coas persoas que día a día loitan contra os lumes forestais, arriscando a súas vidas, incluímos o manifesto nesta páxina web de SGHN.

Arriba.