logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

O proxecto de “rexeneración” da praia de Sada:
Unha obra inútil cun grave impacto ambiental na Reserva das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

Sada, 09-10-2017

O pasado 19 de agosto de 2017, saíu publicado no BOE a licitación das obras de rexeneración da praia de Sada dentro da “Actuación medioambiental en la ría del Pedrido, fase I, Playa de Sada (A Coruña)", un proxecto xa redactado pola Demarcación de Costas de Galicia no lonxano 2005.

O Estudo de Impacto Ambiental (EsIA) do proxecto da ría elaborouse inicialmente no ano 2006. Posteriormente realizáronse dous períodos de consulta: unha no 2007 e outra no 2009. En ningunha das dúas ocasións os gobernos municipais avisaron ao entramado social para que participaran no período de consulta. Posteriormente, publicouse a súa Declaración de Impacto Ambiental (BOE do 16 de abril de 2010). Nesta declaración de impacto ambiental se contestan as alegacións de distintas entidades e organismos públicos, pero as medidas correctoras son mínimas e pouco concretas. O cambio máis importante nesa declaración foi deixar de extraer area (a usar nos recheos) na zona do Pedrido e non actuar na praia do Regueiro (ZEC Betanzos-Mandeo). O proxecto segue tendo graves erros en todo o planeado na ría, xa que se parte da idea errónea de considerar que as praias só teñen un uso recreativo para a poboación, cando son medios vivos que aportan múltiples beneficios ao medio ambiente.

Houbo unha primeira licitación da obra no BOE de 23 de maio de 2015, que posteriormente foi anulada por defectos administrativos. A Delegación de As Mariñas, xunto con outras organizacións e asociacións conservacionistas e ecoloxistas ( Hábitat, O Rabo do Galo, Plataforma pola Defensa da Ría de Sada e Betanzos, Adega-Coruña, Arco Iris) presentamos un escrito ante a Demarcación de Costas de Galicia en agosto de 2015 opoñéndonos a esta rexeneración da praia de Sada. Agora a licitación segue a ser a mesma e a Delegación de As Mariñas da Sociedade Galega de Historia Natural segue opoñéndose a esta esta obra, basicamente polas mesmas causas:

  • O punto de extracción de áridos a usar no recheo (nun banco areoso enfronte de Lorbé) prexudica á pesca de baixura por ser unha zona de cría de diversas especies comerciais.
  • Na extracción de areas nesta zona vanse emitir partículas finas que van afectar ás zonas de cultivo Sada I e Sada II (sobre todo bateas), sen que as medidas correctoras previstas poidan garantir a súa eficacia.
  • Nesta zona (enfronte a Lorbé) non se tomaron mostras para analizar a súa composición química, cando é coñecido que tódalas rías galegas teñen sedimentos contaminados por metais pesados. Lembremos que logo se van depositar na praia de Sada.
  • No EsIA non aparece a existencia dun zosteral na praia cando xa era unha cousa máis que evidente a simple vista xa naquela época (ver fig.1), pero curiosamente a Confraría de Sada preocupase pola zona de cría da xiba (Sepia officinalis), pero non citan que pon os seus ovos en gran cantidade sobre as plantas de zostera. Lembremos que existe o convenio OSPAR (Convención para a Protección do Medio Ambiente Mariño do Atlántico do Noroeste) que entre outras cousas, recolle recomendacións para protexer e mellorar os hábitats das praderías de fanerógamas mariñas e ademais a Zostera noltei figura como especie vulnerable no Atlántico dentro do Real Decreto 139/2011, de 4 de febreiro, “para el desarrollo del Listado de Especies Silvestres en Régimen de Protección Especial y del Catálogo Español de Especies Amenazadas”.
  • O aporte de area para crear unha praia de 70 m de anchura en zona seca mais outros tantos de zona somerxida vai eliminar toda esta pradería mariña (ver fig. 2). Contrariamente á opinión de moitos cidadáns a zostera fixa os sedimentos en suspensión, clarifica a auga e descontamina as augas. Estes beneficios iranse notando segundo vaia evolucionando a pradería e aumenten as súas densidades.
  • Resulta curioso que a antiga Dirección Xeral de Conservación da Xunta de Galicia advirta da existencia de praderías de zostera na praia de Gandario e non fale nada do enorme zosteral que xa existía en Sada. A remediación en Gandario vai intentar non reencher con area nunha contorna de 25 m arredor destas zonas.
  • A area incorporada vai ser volta a cubrir por sedimentos finos en poucos anos, como xa pasou coa experiencia dos aportes de area de 1994. Será un gasto inútil de recursos públicos. A praia de Sada tende a acumular limos, xa que a circulación de correntes está moi impedida polo espigón do porto deportivo xunto cos propios aportes do río Maior.
  • En relación ao anterior resulta chocante que Demarcación de Costas de Galicia, nunha contestación ao concello de Sada no EsIA, recoñeza que este aporte posiblemente acabará recuberto de limos e polo tanto en teoría menos “agradable” para o baño en poucos anos.
  • No proxecto en ningún momento se fala de solucionar os graves problemas de contaminación da zona, sobre todo polos aportes do río Maior. Lembremos que neste río verte a depuradora do polígono industrial de Bergondo e tamén do Espiritu Santo-Sada. As augas da praia non teñen boa calidade para o baño e o proxecto non atalla o problema.
  • Na Declaración de Impacto Ambiental non se fala de que a praia de Sada é unha importante zona para as aves acuáticas na ría de Betanzos, a desaparición da pradería de zostera eliminará esta zona de alimentación e descanso. Calquera idea de promoción do turismo ornitolóxico terá que esperar tempos mellores.

En definitiva, os “beneficios para o baño” da rexeneración serán mínimos e só durante un ou dous veráns. A avaricia dun sector turístico miope vai destruír unha fonte de riqueza a longo prazo para todos os cidadáns (vivan ou non dos recursos pesqueiros).

Imaxe arriba: Pradería de Zostera en marea baixa. Praia de Sada.

Imaxe dereita: Distribución aproximada na praia de Sada e Gandarío das praderías de Zostera noltei (verde) e Z. marina (azul), segundo prospeccións da Delegación de As Mariñas da SGHN e informacións de Verónica García-Redondo, sobre unha fotografía do SIGPAC (Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente).