logo
 
Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO  
line decor
   
 

O centenario "Teixo dos Tenreiro",
outra vítima de "Os homes que non amaban ... ás árbores"

Pontedeume, 27 de xuño de 2013

Na vila de Pontedeume, polo ano 1870, D. Agustín Tenreiro constrúe un palacete, próximo á nobre vila dos Andrade, situado estratexicamente nunha pequena aba que remata sobre o esteiro do río Coves. Aproveitando a pequena pendente establece seis grandes bancais, nos que empraza xardíns e arboredos, así como emparrados, froiteiras e pequenos terreos de labor. No xardín, utilizáronse especies propias do territorio, destacando os teixos, abeleiras, acivros, carballos e castiñeiros, e tamén distintas especies de plantas ornamentais, provenientes de América e de Oceanía (Araucaria, cedro do Líbano, magnolio americano e xaponés, ciprés, castiñeiro de Indias, camelia, bambú e eucalipto), xunto con limoeiros, laranxeiras e outras froiteiras.

Un dos teixos xa existente antes do inicio do axardinamento de 1870, foi hábilidosamente podado e transformado nunha singular paxareira; debido á singularidade da mesma, a súa sombra, celebrárose numerosos faladoiros nos que participaron, invitados pola familia Tenreiro, destacadas figuras da vida cultural e política como Azorín, Valle Inclán, a Condesa de Pardo Bazán, o presidente da República D. Manuel Azaña, parente dos Tenreiro, ou o presidente do goberno republicano, e galego, D. Santiago Casares Quiroga, quen chegou a presidir un consello de ministros baixo esta singular árbore. Botánicos e xardineiros de distintas partes de Europa quedaron igualmente prendados polo Teixo dos Tenreiro, e a súa fotografía apareceu en numerosos libros e revistas sobre xardinaría e árbores monumentais. Algúns destes autores, atribuíronlle á árbore unha idade entre 500-300 anos.

Durante a Guerra Civil, Ramón María Tenreiro é nomeado polo Goberno da República secretario da embaixada española en Suiza, onde morre debido a unha vella doenza. O seu irmán Antonio, afamado arquitecto, permanece en Galicia, mais é represaliado polo Goberno Franquista, que lle prohibe o exercicio da súa profesión, e perde parte das súas propiedades. Na segunda metade do século XX a familia Tenreiro deixa de vivir habitualmente na casa de Pontedeume, co conseguinte deterioro da mesma

Paralelamente, ten lugar unha progresiva degradación na contorna que comeza na década dos sesenta co recheo de parte de A Gándara para facer varias instalacións deportivas. No ano 1995 iníciase a construcción do paseo marítimo que, actuación tras actuación, foi desnaturalizando e degradando completamente o bordo da ría. Case na mesma época, nun despacho de Madrid, deséñase a autoestrada A Coruña - Ferrol, ubicando un dos viadutos sobre o bordo das propiedades dos Tenreiro. Por fortuna, salváronse o edificio e a maior parte dos xardíns, pero dito viaduto constituíu unha fonte de ruído intenso, incompatible cos requirimentos dun espazo de uso público e dunha área moi habitada.

Nunha das fases de prolongación do paseo marítimo pola Demarcación de Costas de Galicia, tras a expropiación e división da propiedade dos Tenreiro, o Teixo centenario pasa a formar parte do dominio público sufrindo importantes danos. Tentando remediar a desfeita, a Xunta de Galicia inviste no 2003 un total de 36.000 € en derramar o Teixo, rodeando o madeiro cunha estrutura de pedra e cerca metálica, a xeito de gaiola, coa finalidade de restrinxir o acceso á copa; o proxecto tamén contemplaba a restauración da escaleira que dá acceso ao miradoiro situado no centro da copa, dotado de dous pisos e construído en madeira. A nova paxareira resulta máis burda e a súa desatención favorece que se transforme nun grande colector de lixo. Para colmo de males, o solo que rodeaba a árbore pavimentouse con enormes lousas de granito sen que os técnicos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, encargados teóricamente de velar pola protección do patrimonio natural, tiveran en conta o prexuízo do peso das lousas sobre as raíces, a interceptación que estas realizan sobre as achegas de augas de chuvia e as modificacións que provocan a nivel da humidade e temperatura do solo (e entre este e a copa).
No ano 2007, apróbase o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras e nel inclúense tres monumentos arbóreos de Pontedeume: dous vinculados co xardín dos Tenreiro, unha espléndida Araucaria excelsa e o centenario Taxus baccata, e un terceiro exemplar que se corresponde cun Metrosideros excelsa do Xardín da Torre de Andrade. Nese mesmo ano, coa chegada dos primeiros calores estivais, o Teixo perde unha grande cantidade de follas e os extremos das ramas móstranse secas (foto da dereita). É o comezo dun triste período de decadencia na historia desta árbore monumental, no que queda de manifesto a incompetencia e indiferencia dos políticos e técnicos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Os informes sobre o enfermo son contraditorios e alarmantes: dubídase da causa da doenza, podería ser un virus, unha bacteria, un fungo, un insecto chupador,...por poder, podería ser calquera cousa. Sen unha diagnose clara decídese actuar: poda vai e poda vén, insecticidas e funxicidas a esgalla. Pasa o tempo e a árbore non mellora, pero os gastos en informes e tratamentos e o lixo dentro da gaiola multiplícanse.
Xa en 2010, pese a que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza transmitía á prensa "a árbore está en fase de recuperación, pero a súa evolución é favorable", as follas seguían caendo, a doenza non remitía e tal recuperación non se vía; a Xunta seguía dilapidando cartos en produtos químicos e informes inútiles. Mentres, en Pontedeume empezaba a vincularse o mal coas barbaridades realizadas na construción do paseo e coa colocación das grandes lousas de granito, de modo que foron retiradas no verán de 2011, cando a árbore xa se atopaba en estado agónico. As polas superiores desapareceran, as da parte media languidecían (cando non estaban totalmente mortas) e soamente na parte baixa do madeiro se apreciaban varios chupóns.

.

O vetusto teixo que acollera á súa sombra personaxes ilustres e que fora admirado en toda Europa pola súa antigüidade e peculiar forma, converteuse, baixo a tutela da Dirección Xeral de Conservación de la Natureza, nun espectro fantasmagórico inserto nun paseo rodeado de lixo e sometido ao ruído continuo da autopista. Esta árbore, cansa das torpezas daqueles que deberían velar pola súa boa saúde e porque a súa sombra perdurara no tempo, probablemente prefira morrer a seguir esmorecéndo baixo as torturas dos burócratas que non aman as árbores, nin respectan os valores naturais, culturais e históricos do seu país.