logo
 
Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO  
line decor
   
 

 

 

Os homes que non amaban... ás árbores

Crónica dun arboricidio anunciado

Santiago de Compostela, 08-04-2014

O pasado 17 de febreiro SGHN denunciaba que no parque máis senlleiro de Compostela, a Carballeira de Santa Susana, e a plena luz do día estábase a perpetrar un "arboricidio en diferido" (máis...) pola construción dunha cafetería, que explotará unha empresa privada, no emprazamento doutra antiga que levaba anos sen uso. As árbores directamente afectadas son media ducia de carballos centenarios, tres "espetados" no interior da nova construción e tres fóra. Na metade deles (dous dos "espetados" e un de fóra) podíase ver con claridade a mutilación brutal da metade da raigame case a rentes do tronco. Aos tres restantes as vallas da obra impedían apreciar a súa situación exacta.

Nunhas declaracions á Axencia EFE o 28 de febreiro o arquitecto responsable da obra, en resposta ás críticas de SGHN, "rechazó que se hubiese afectado a los árboles" , afirmando que as árbores se trataron "con todo el cuidado del mundo" pois para a obra consultáranse "profesionales de alto prestigio" e que os carballos e as súas raigames "fueron tratados casi arqueológicamente" (ver PDF).

Un dos carballos tan "coidadosamente tratados", o máis próximo a unha das columnas de entrada ao "Paseo dos Leóns", ven de desplomarse completamente aplastando parte da valla de obra. Esta mañán un grupo de operarios estaba a cortalo rápidamente con motoserras e tiñan un camión disposto para retirar as probas do "escenario do arboricidio": os restos mortais da árbore centenaria. Pero un socio de SGHN viu a desfeita e tivo a oportunidade de facer as fotos que ilustran esta nova.

Os cidadáns acabamos de perder unha árbore seguramente bicentenaria. Quen asumirá as responsabilidades?

Os homes que non amaban ... ás árbores

Sementando o odio ás árbores nos xardíns de infancia

Santiago de Compostela, 03-03-2014

Aínda non nos repuxeramos das imaxes do "arboricidio en diferido" na carballeira de Santa Susana, cando unha simpatizante nos avisou da consumación definitiva doutro "arboricidio en diferido" previo no Campus Sur.

Trátase neste caso de tres grandes plátanos de sombra (Platanus hybrida) duns 55-60 anos de idade que hai un par de anos xa sufriran gravísimos danos nos seus raigames (cortados ao redor ata incluso 2 m de profundidade) para a construción do acceso a unha escola infantil. O contraste entre o primeiro e o segundo plano da imaxe da dereita (frechas vermellas) non podería ser máis rechamante:

fóra mátanse as grandes árbores vivas,
dentro a escola infantil adórnase con árbores artificiais de cores...

Velaquí un magnífico exemplo de MALAeducación_ambiental: díficilmente poderemos ser algún día un país onde se amen as árbores se aos máis cativos lles aprendemos que hai que odialas deste xeito.

Xa para rematar unha pregunta e, posto que a ise "xardín de infancia" lle chaman cun nome en inglés, situémonos nun país no que falen ese idioma, por exemplo no Reino Unido:

Alguén pensa que o concello de Londres permitiría que para construir un acceso a un "xardín de infancia" privado ao carón de Hyde Park se mutilanse primeiro e talanse despois tres fermosas árbores (patrimonio de todolos londinenses) no propio Hyde Park?

Pois Alameda e Campus Sur son o pequeno Hyde Park dos compostelans.

A referencia sobre o tocón da árbore e unha peza de 2 euros.

Imaxe áerea do Campus Sur no SIGPAC (MAGRAMA, 2011). O rectángulo salienta a zona da árbores taladas.

 

Os homes que non amaban ... ás árbores

Arboricidio "en diferido" na Carballeira de Santa Susana

Santiago de Compostela, 17-02-2014

No parque máis senlleiro da cidade, a Carballeira de Santa Susana, e a plena luz do día estase a perpetrar un "arboricidio en diferido". As víctimas son un puñado de carballos centenarios. Por se non tiveran poucos problemas de conservación as árbores desta emblemática Carballeira, a algúen ocorreuselle "integralas" no novo quiosco que vai substituir ó que levaba anos sen uso.

A tres dos carballos (un fóra e dous dentro da estrutura metálica) mutiláronlle brutalmente a metade da raigame case a rentes do tronco para facer unha dependencia soterrada e as súas escaleiras de acceso. Dos tres carballos "integrados" no quiosco, as gaias principais de dous quedan espetadas a traverso da cuberta e a do terceiro queda a rentes da estrutura metálica, coa que rozará ao medrar e nos temporais de vento. E falando de vento, xa que estamos en tempada de "cicloxéneses explosivas", canto tempo aguantarán en pé os carballos coa raigame mutilada e desequilibrados? Cando caigan botaranlle a culpa ao vento?

Os homes que non amaban ... ás árbores: Tortura chinesa

Santiago de Compostela, 01-02-2014

Ao longo de máis de mil anos, millóns de mulleres chinesas tiveron que padecer dende nenas o "vendado de pés", un proceso moi traumático para chegar a uns diminutos "pés de loto". Quizáis inspirados nesa "tradición", auténtica tortura chinesa, algúns deseñadores e responsables de parques e xardíns por toda Galicia, case no lle deixan espazo ás raizames das árbores, malia que o haxa de sobra na praza ou na beirarrúa. Velaquí uns poucos exemplos de Santiago de Compostela que OS QUE AMAMOS AS ÁRBORES dexesaríamos ver corrixidos o antes posible.

En Berlín SI as aman: árbore con amplo alcorque nunha rúa.
Tamén aman ás aves e póñenlle nidais nas árbores.

Árbore coa raizame torturada en Santa Marta (Santiago de Compostela). A frecha marca a posición dunha peza de 2€ empregada como escala gráfica

Mesmo con enormes beirarrúas, os torturadores de árbores non lles deixan sitio e, claro, a raizame logo estraga as baldosas (Campus Sur, Santiago de Compostela)... e logo dirán que a culpa é da árbore.

Dous exemplos máis en Santiago de Compostela. Esquerda: a Praza Roxa destaca polos seus micro-alcorques para torturar as árbores (a frecha marca a posición dunha peza de 2 € empregada como escala gráfica. Dereita: Rúa Galeras, aquí os alcorques son máis amplos, pero as pezas de ferro xa se están a clavar na (aínda pequena) árbore; seica albañiles e xardineiros non se puxeron de acordo.