logo
 
Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO  
line decor
   
 
 

 

 

Os homes que non amaban ... ás árbores

Contribucións de socios, simpatizantes e amantes das árbores en xeral

A Coruña

Lugo

Ourense

Pontevedra

Árbores pavimentadas
Unha sociedade defínese non só polas árbores que planta, senon polas que decide non destruir

Os homes que non amaban ... ás árbores

As árbores son auténticas marabillas vivas, ata tal punto que algunhas constitúen por si soas verdadeiros Monumentos naturais e chegan mesmo a ser legalmente recoñecidas como tales.

Un dos escritores máis recoñecidos do século XX, W.H. Auden, escribiu que "unha sociedade non é mellor que os seus bosques". Na mesma liña, SGHN pensa que unha sociedade non é mellor que as súas árbores. Se Auden e SGHN están no certo, hai motivos de sobra para preocuparse polo presente e o futuro da nosa sociedade. En Galicia, o maltrato ás árbores e aos bosques é cada vez máis común e, en ocasións, materialízase en arrepiantes mostras de desprecio. ¿Como poden valorar nenos e maiores ás árbores se aprenden a convivir con podas brutais en rúas, parques e patios de colexios? ¿Como poderán disfrutar dos bosques e as sebes se están acostumados a velas arder cada ano ou talar a matarrasa debido ás concentracións parcelarias?

Lamentablemente, podería escribirse un extenso libro ambientado na Galicia de hoxe titulado: "Os homes que non amaban ás árbores". En resposta a esta preocupante e crecente insensibilidade por parte de gobernantes, técnicos da administración e dunha parte importante da sociedade, SGHN pon en marcha un novo apartado desta páxina web que leva o título do hipotético volume anteriormente mencionado. Periodicamente iremos recollendo exemplos do que non se debe facer, tentando sempre poñer o contrapunto de árbores afortunadas que medran vigorosas alí onde os homes si as aman. Agardamos e agradeceremos a colaboración de socios, simpatizantes e cidadanía en xeral que amen as árbores e nos queiran axudar mediante a achega de fotografías que ilustren prácticas e realidades que desexariamos ver desaparecer na nosa terra.

O primeiro exemplo que traemos é especialmente simbólico pois a foto está tomada nada menos que no primeiro Parque Natural creado en Galicia: o Monte Aloia. Sobre este espacio a páxina da Xunta de Galicia (Monte_aloia.html) sinala que "En 1910 iniciouse a repoboación forestal a grande escala con diferentes especies de piñeiros e con outras moitas especies exóticas, o que deu lugar a un arboreto de grande interese. Actualmente existe unha "senda botánica" que mostra ao visitante os elementos forestais máis destacables do Baixo Miño en xeral e do Monte Aloia en particular".

Nun Parque Natural, "arboreto de grande interese" e "senda botánica",
¿Qué aprenderán os visitantes do Monte Aloia ao ver unha das árbores cun banco clavado a ela?

"O día que saibamos o que é unha árbore, aquel día non teremos a necesidade de emigrar"
A.R. Castelao "Sempre en Galiza"

 

Pero non todas as novas teñen porque ser malas, pois en Galicia tamén hai bos exemplos:

Os homes que SI amaban... ás árbores