logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO    
line decor

 
 
 


 

Día Internacional dos Humedais 2017
Celebración do VI Aniversario da Sección Antela

Complexo húmido Limia-Antela, 04-02-2017

O pasado sábado 4 de febreiro a Sección Antela celebramos, por sexto ano consecutivo, o Día Internacional dos Humidais. Non fixo falta invocar aos deuses da choiva pois, aínda que o ano entrou ben seco, por fin a dinámica atmosférica confabulouse para ofrecernos un tren de borrascas que dende hai un par se semanas están a encher os cursos de auga tanto na Limia coma no resto de Galicia. Así, baixo a choiva e enfrentando refachos de vento pero moi animados, fomos descubrindo todas as novidades das actuacións recentes e os proxectos futuros.

A mañá adicámola a visitar o Humidal Antonio Villarino en Vilaseca e a parcela que temos custodiada xunto cun gandeiro local en Vilar de Gomareite. Ambos casos son exemplos de algo moi fermoso: o feito de imaxinar algo diferente para unha zona degradada, de crer profundamente que un cambio é posible e de actuar en consecuencia. Conseguimos unha importante transformación coa axuda de moitas persoas que nos ofreceron as súas mans, enerxía e confiaron en nós. En ambos humidais aínda se nota a pegada das máquinas (tractores, palas,...) que fixeron as obras de maior envergadura (máis...) pero tamén se respira un aire diferente... por moito que as granxas industriais de porcino queiran tapar o olor dos bos augurios.

En Vilaseca andivemos a pasear polos neocauces que xa levan unha pouquiña auga - quen recorda aquel mato enorme que fomos desbrozar a primeira vez!- e comprobamos como, froito dun acordo cun agricultor veciño da zona, se retirou a morea de áridos e terra vexetal acumulada nun dos lados. Restan por facer outros 100 m de canle pero co que temos é dabondo para resultarlle atractivo as conícoras que andan por alí.


En Gomareite quedamos abraiados, a veiga está irrecoñecible. As primeiras veces que entramos alí todo eran acumulacións de entullos e lixo (forxados, vidro, pneumáticos, plásticos, madeiras, roupa e enseres domésticos...) que incansablemente nos afanamos en ir eliminando de xeito manual en varias xornadas con voluntarios (máis...).

Máis no mes de decembro, grazas a unha axuda da UE destinada a “investimentos non productivos con obxectivos agroambientais en concellos da rede natura 2000”, chegou a maquinaria pesada coa que se fixeron desbroces localizados para poder retirar residuos existentes debaixo. Nada máis e nada menos que 105 toneladas!!! Desenterráronse cantidades enormes de pedras (procedentes das concentracións parcelarias na parroquia) coas que se levantou un balado de 110 m cunha doble función: peche da finca e axuda para controlar os asolagamentos temporais.

O que se pretende é recuperar a veiga para a súa explotación gandeira en extensivo e axudar a conservación de flora e fauna ameazada. Un escampiño permitiunos patear o terreo que mostra un aspecto espléndido.

Despois do xantar, a intención era percorrer as areeiras e ver in situ como evoluciona a Poza dos Arieiros e explicar o que se ten previsto para os 14 predios do BANTEGAL que SGHN ten alugados na contorna. Como os meteoros se puxeron bravos e as condicións no exterior eran complicadas, observamos a zona dende o coche e decidimos refuxiarnos ao calor do lar na Arca da Noe en Vilar de Santos para tomar algo e seguir conversando sobre soños feitos xa realidade e outros que veñen de camiño.

Polas dificultades que presentaban as condicións meteorolóxicas, non foi un día especialmente nutrido en canto a observación faunística; malia todo poidemos entreternos con algunha cegoña, os lavancos reais, bandos de naviñeiros, garzas, corvos mariños grandes, un tecelán ou peneireiro e unha fermosa garceta grande que repousaba na Poza dos Arieiros.

Esperemos que sexan moitos máis Días dos Humidais en tan boa compaña e que aumente a familia de Beónfeitores.

Lembra que se queres ser BEÓNFEITOR e poñer a túa pinga de auga para que medren estes pequenos humidais podes contribuir cunha doazón na conta corrente
2013 ES63 2080 0200 4830 4012 7702

ou na conta de Paypal: sghn@sghn.org (neste caso especifica "Sección Antela")

  • Beón: (nome, botánica). A pranta máis emblemática non só de Antela ou lago Bión/Beón, senón de todo o complexo húmido Limia-Antela.
  • Benfeitores: (sustantivo). Os que fan o ben.
  • BEóNFEITOR: (nome, neoloxismo). Díse do que fai o ben aos ecosistemas acúaticos de Limia-Antela