logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO  
line decor
 
 
 
 


 

Unha Limia limpa é posible!!!

Veiga de Gomareite: a metamorfose dun vertedoiro nun espazo de valor gandeiro e para a biodiversidade

Vilar de Gomareite (Vilar de Barrio, Ourense), 01-04-2017

Como vimos comentando, na Veiga de Gomareite aínda perdura un retazo das antigas veigas asolagadas polas augas da Lagoa de Antela. Lamentablemente desde xa hai bastantes anos estábase a utilizar como entulleira e vertedoiro de lixo, o cal supón un grande problema pois, ademáis de que “o lixo atrae ao lixo”, os verquidos son caóticos aquí e acolá, reducindo a superficie dispoñible para a flora e fauna, e tamén para o uso gandeiro.

En parte desta Veiga (16 ha) estase a desenvolver un proxecto de gandeiría en extensivo, o cal é unha nova excelente para a conservación da veiga como tal. Para esta superficie SGHN ten asinado un acordo de custodia compartida do territorio có gandeiro promotor do proxecto, que, ao igual que nós, está moi preocupado pola utilización deste lugar como vertedoiro, e procura poñer trabas para que esto cambie.

Dentro deste acordo de custodia, e dende 2014, SGHN traballa recuperando parte da veiga orixinal para acadar un incremento da superficie útil retirando e xestionando plásticos, entullos, madeiras, vidro, .... Deica finais do ano 2016 estas labores avanzaron lentamente pois realizábanse de xeito manual grazas á colaboración e esforzo deses voluntarios que sempre están dispostos a botar unha mán aínda que a tarefa semelle descomunal e inabordable.

Claro está que as veces aparecen oportunidades que non se poden deixar pasar, como a Orde do 27 de xuño de 2016 da Dirección Xeral de Conservación da Natureza coas bases reguladoras e a convocatoria para 2016 e 2017 das "axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000", cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A Sección Antela entendeu que nesta convocatoria encaixaban perfectamente as actuacións proxectadas na Veiga de Gomareite e que a consecución da axuda suporía un gran avance para a conservación de especies interesantes e para facilitar, ao mesmo tempo, o proxecto de gandeiría antes comentado.

Así, coa colaboración do gandeiro, elaborouse e presentouse o proxecto "Recuperación de Eryngium viviparum, Vanellus vanellus e especies asociadas a humidais na ZEPA de A Limia mediante restauración e mellora dos seus hábitats potenciais". O obxecto do proxecto era retirar os entullos, forxados, lixo, plástico, pedras, … distribuídas por unha superficie dunha hectárea con traslado a xestor autorizado dos residuos e amoreado de pedras limpas noutras zonas da parcela para a posterior construcción dun murete de pedra co que conseguir a prolongación do período de encharcamento na primavera favorecendo as especies obxectivo. Para elo solicitouse o importe máximo subvencionable de 12000 euros tendo en conta que o IVE (21%) non é subvencionable e debe ser cuberto polo solicitante.

Esta era unha ocasión que non se podía desperdiciar, pois se se conseguise esta financiación poderíase dar un bó empurrón ao proxecto de recuperación da Veiga de Gomareite iniciado hai dous anos e medio, como decimos, cun grande esforzo económico e có traballo entusiasta dos voluntarios/as.

resolución non puido ser máis satisfactoria: o proxecto recibiu a máxima puntuación dos presentados por asociacións ou particulares en toda Galicia, así como a totalidade da financiación solicitada: 12000 euros repartido en dúas anualidades 2016 e 2017.

Malia a enorme premura polo prazo extremadamente curto para executar a primeira fase e coa "chuvia de Damocles" pendendo sobre o proxecto (que podería dificultar ou impedir os traballos ao tratarse dunha zona asolagable), o bo "karma" da Sección Antela permitiu rematar en prazo a primeira fase en decembro e completar a segunda fase en xaneiro antes da chegada do "tren de borrascas".

Compre sinalar que o control, dirección, seguemento e separación selectiva de residuos realizouse por membros da SGHN sen custe económico polo cal foi posible abordar outros traballos non previstos, especialmente a construcción do murete de pedra limitando o predio na zona de acceso ás parcelas cultivadas e o amoreado de pedras cara a zona norte do mesmo.

Pero esto non foi todo pois xa antes tiveran lugar cuatro xornadas de limpeza manual dos voluntarios que adicaron case 400 horas de traballo a desbrozar as montoneiras e retirar manualmente todo tipo de entullos que foron entregados a xestor autorizado con gasto de outros 1046 €.

No cadro da dereita recóllese o detalle das cantidades aportadas por cada entidade.

 
Unión Europea
Xunta de Galicia
SGHN

Subvención

8.400
3.600
IVE (non subvencionable)
2.520
Elaboración do proxecto
1.372
Dirección de obra
2.770
Actividades previas
Xestión de residuos
1.046
Traballo voluntarios (400 h)
2.400
Total
8.400
3.600
10.108

Pneumáticos
56
uds
Plásticos e restos asimilables
12
m3
Vidro
4,3
m3
Madeira
2
m3
Residuos mesturados
44
m3
Entullos
80
m3
E todo para retirar 104 m3 de entullos e residuos variados amoreados pola Veiga e xuntar e redistribuir máis de 250 m3 de pedra limpa procedente das concentracións parcelarias e que están a ser empregados na mesma Veiga para a construcción dun murete para reter a auga e para a creación dun acúmulo de pedra limitando cunha pista periférica.
Pero deixémonos de números e de palabras e pasemos a ver todo o que SGHN-Sección Antela foi quen de facer con tan poucos euros.

Como puideron comprobar os participantes na celebración do día dos Humidais o cambio da zona é radical e a Veiga está case descoñecida aínda que é notorio e apreciable o rastro do tránsito das máquinas e camións que andiveron a traballar.

O que a vexetación agochaba (imaxes de arriba e da esquerda):
A "charca das viguetas" bautizouse así na primeira xornada de limpeza, na que se retiraron a mán as viguetas que lle deron nome e outros residuos visibles (entullos miudos, pneumáticos, plásticos e "surtido de lixo").

As fotografías amosan o seu estado antes e durante o traballo da maquinaria para desbrozar a vexetación, retirar o lixo oculto (0,5 m3 "surtidos", 2 pneumáticos e 3-4 m3 de entullos) e perfilar os noiros para facilitar a súa renaturalización.

 

A masa de silvas, xestas e toxos perto da esquina norleste da zona de actuación (secuencia de imaxes da dereita) agochaba unha morea de pedras, procedentes dos antigos marcos e balados das leiras que se eliminaron coa concentración parcelaria. Á empresa que fixo a concentración seica lle foi máis barato, rápido e sinxelo descargalas ao chou na veiga comunal. Seleccionouse e acopiouse toda a pedra natural e limpa que apareceu para empregala na construción dun muro ao longo dos bordos norte e sur da parcela.

Pero a vexetación agochaba algo máis que pedras...

Cantas botellas de viño crees que apareceron eiquí debaixo da silveira?...

... exactamente 335, dabondo para encher un saco de 1 m3.

Imaxes de arriba a abaixo e de esquerda a dereita: acopio de pedras naturais no linde sur da parcela, miniexcavadora con pinza comezando a construción do muro e dúas imaxes parciais do mesmo.

Panorámicas da zona central antes, durante e despois das obras

"Charca da viga grande" antes e durante a retirada da mesma e do resto dos entullos, e tamén antes e durante o perfilado do seu noiro sur para facilitar a renaturalización.
"Charca longa" antes e durante o perfilado dos seus noiros para suavizalo e facilitar a súa renaturalización e utilización pola fauna.
"Charca leste" antes e durante o perfilado dos seus noiros para suavizalo e facilitar a súa renaturalización e utilización pola fauna.
Imaxes arriba e á esquerda: "Charca sur" antes, durante e despois do perfilado dos seus noiros para suavizalo e facilitar a súa renaturalización e utilización pola fauna.

Pneumáticos separados e "surtido de residuos" acopiados para o seu traslado a xestor autorizado.

Entullos (primeiro plano), "surtido de residuos" e, ao fondo, residuos agrupados por sacos, todos acopiados para o seu traslado a xestor autorizado.

"Adxunta ao director de obra" supervisando que o desbroce e a preparación do terreo son axeitados para a boa recuperación da veiga. "Adxuntas ao director de obra" supervisando que a recollida selectiva e clasificación dos residuos son correctos.

"Adxunta ao director de obra" comprobando a ergonomía do acceso a un dos bebedoiros.

"Vacas na néboa", de momento non son tan famosas como "Gorilas na néboa" de Dian Fossey pero todo se andará...

O 24 de febreiro presentouse diante da Consellería de Medio Ambiente o final de obra cumplindo amplamente todo o previsto, ... pero a Sección Antela nunca deixa pasar unha ocasión para mellorar A Limia, así que aproveitando a escaseza das choivas deste ano viuse a oportunidade de adiantar traballos de perfilado da zona de actuación contando como sempre coa entusiasta axuda dos colaboradores habituais que xa teñen experiencia nestes asuntos. A data foi o 01/04/2017 e traballouse a reo toda a mañá recollendo plásticos, achegango terra ao carón do novo muro e aproveitando para descubrir algúns dos habitantes da Veiga especialmente os ocupantes das charcas e as postas dos anfibios.
Rematado o traballo tocou xantar, compartir experiencias e proxectos e descansar para afrontar as actividades máis lúdicas da tarde. Comenzamos achegándonos a Avenida de Celanova en Xinzo para valorar o proxecto de modificación da estrada que, segundo sinalou a prensa, levará por diante a alineación de plátanos de sombra; estas árbores posiblemente xa estiveran crecidos na década de 1930 e son testemuñas doutro xeito de facer as cousas, hoxe deberíase facer o posible por compatibilizar a seguridade viaria coa conservación do arborado. Sexa como sexa, a polémica está servida e as opinión son diversas pero algúns vecinos amosaron a súa opinión favorable á conservación dos exemplares e mesmo fomos informados dos actos levados a cabo nesa mesma mañá e os previstos para os próximos días na defensa destas árbores.

Pero como sempre o reloxo marca o noso ritmo e hai que amosar as últimas intervencións, nesta ocasión centradas nos traballos desenvoltos nalgunha das parcelas alugadas ao Bantegal. Compre decir que seguimos colaborando có CDR O Viso e que esta colaboración facilitou o avance nas tarefas de xestión da vexetación en varias das parcelas alugadas pois tivemos dous alumnos en prácticas do curso de Aproveitamento e conservación do medio natural. As catro xornadas de traballo empregaronse en:

  • Desbrozar e limpar a canle que bordea o Humidal Antonio Villarino.
  • Cortar os restos das árbores queimadas nun incendio do ano pasado e que supuñan risco de caída sobre a estrada inmediata.
  • Desbrozar dúas parcelas con interese entnográfico
  • Desbrozar parcialmente unha parcela con restos dun meandro

Dito así semella pouco pero unha cousa é decilo e outra ver as parcelas que quedaron espectaculares e supoñen un importante avance nos compromisos adquiridos có Bantegal e, porque non decilo, un alivio para os nosos esforzados Beonfeitores que ben o teñen merecido. Moitas grazas como sempre pola vosa confianza, apoio, traballo e colaboración e deica a próxima.

 

A Sección Antela segue a traballar arreo para demostrar que unha Limia limpa é posible

IV Xornada de limpeza na Veiga de Gomareite, días 9 10 de abril de 2016

Vilar de Gomareite (Vilar de Barrio, Ourense), 9 e 10-04-2016

Desoíndo a predicción climatolóxica, o "equipo de limpeza de SGHN-Sección Antela" abordou con moito ánimo as IV Xornadas de Limpeza na Veiga de Gomareite, onde se realizou, outra vez, unha gran labor a pesar das dificultades; claro que algunhas delas resolvéranse previamente polos organizadores que tiñan preparado todo para facilitar a tarefa.

Como puideron comprobar os voluntarios, seleccionáranse os puntos principais de actuación con catro premisas básicas:

  • Presenza dun volume elevado de plásticos (despois as previsión desbordáronse).
  • Presenza de plásticos dispersos moi visibles.
  • Posibilidade de traballar en zonas secas ou pouco anegadas.
  • Proximidade á zona de carga.

Unha vez localizados os puntos de traballo e trazada a vía de entrada, houbo que preparar o acceso abrindo un "túnel" a través dunha silveira.

No comezo da xornada comentouse cós asistentes o acordo de custodia asinado entre SGHN e un gandeiro local sobre este espacio, e informouse dos detalles da xornada prestando especial atención á colaboración coa “Xarxa de Custodia e o programa Tejiendo Redes de Custodia" e a recollida de autorización para publicar as imaxes que se obtiveran, e, como non, se explicou e acordou entre todos o plan de traballo.

Como era previsible, a primeira hora caeu algunha que outra chuvieira que os voluntarios soportaron estoicamente sin deixar o traballo, mentres entre charlas e bromas íanse a descubrir os plásticos cubertos pola vexetación ou enterrados que tiveron que ser retirados con grande esforzo, dosificando o traballo e cortando en trozos os plásticos de ensilar, facilitouse o seu manexo e recollida. Entre os plásticos apareceron moito lixo doutros materiais: vidro (incluso caixas completas de cervexa ou refrescos), pneumáticos usados, restos de roupas e telas, un televisor, sacos, cordel de alpacas, restos de tarteiras, envases plásticos (posiblemente de fitosanitarios), .... en fin un auténtico “tesouro”.

A medida que avanzou a xornada retiránronse sacos e máis sacos cheos de plásticos ata un total de 33 sacos de 100 litros, outros 7 de 70 litros, máis 10 de 120 litros, ademáis de dous paquetes de plástico, en total o volume extraído no primeiro día chegou preto dos 6 m3 de plásticos e outros residuos semellantes (5,890 m3). Tamén se retirou o vidro asociado a estos depósitos plásticos ata un total de 0,3 m3 (como na zona vai entrar un rebaño de vacas a primeiros do verán, a retirada do vidro é unha labor continuada para evitar cortes e feridas de moi difícil tratamento e curación no gando).

Ao longo do sábado consultouse a predición climatolóxica para o día seguinte e xa se albiscaba que a xornada do domingo ía ser complexa e dificultosa para traballar. Cousa que se confirmou plenamente a primeira hora do domingo cando caeu unha intensa tromba de auga-neve. Ao longo da mañá sucedéronse claros con lixeiros chubascos e chaparróns intensos con auga-neve que limitaron as posibilidades de traballo, aínda así algo se fixo: finalmente decidímonos por recoller os últimos residuos, levalos aos puntos de tratamento e dar por rematadas as IV Xornadas de limpeza na Veiga de Gomareite a medio día do domingo.

Cando fixemos o balance das Xornadas, vimos que se cumpliu sobradamente có que se prevera de inicio, xa que no troco de retirar 4m3 de plásticos, acabamos retirando:

  • Plásticos variados e restos asimilables: 7,890 m3
  • Vidro: 0,3 m3
  • Pneumáticos: 9 unidades

Velaquí os aguerridos grupo de voluntarios do día 9 (arriba) e 10 (dereita) posando satisfeitos xunto aos "trofeos" froito do seu grande traballo.

Como sempre outra magnífica xornada de traballo en A Limia disfrutando da compañía e cumplindo obxectivos, neste caso a recuperación de humedales e zonas marxinais, mantendo ao tempo os usos tradicionai especialmente a gandeiría. Unha vez máis, coa satisfacción do traballo realizado,

MOITAS GRAZAS, BEÓNFEITORES

E a quen queira VER E ESCOITAR algo máis: Enlace facebook: Xacemento da Idade do Plástico

https://www.facebook.com/108106322861239/videos/vb.108106322861239/265431933795343/?type=2&theater https://www.facebook.com/108106322861239/videos/vb.108106322861239/265870167084853/?type=2&permPage=1

 

A Sección Antela segue a traballar arreo para demostrar que unha Limia limpa é posible

III Xornada de limpeza na Veiga de Gomareite, día 3 de outubro de 2015

Vilar de Gomareite (Vilar de Barrio, Ourense), 13-10-2015

Unha vez máis celebramos o día das aves dunha forma diferente traballando para a recuperación de hábitats de interese ornitolóxico e este ano repetimos na Veiga de Gomareites coa III Xornada de Limpeza continuando os traballos do 2014. Nas dúas xornadas do ano pasado retiráronse aproximadamente 16 m3 de residuos de todo tipo e nesta ocasión pretendemos a retirada duns 40 neumáticos, 2 m3 de madeiras e leñas, 0,5 m3 de vidro e, o prato forte da xornada, outros 10 m3 de escombros, plásticos e todo tipo de restos depositados na veiga. Ademáis de traballos puntuais de xestión da vexetación para facilitar o acceso e retirada destes materiais e a recuperación das condicións e características propias das veigas.

Hai que sinalar que durante a semana un grupo de voluntarios xa retirara os case 40 neumáticos e boa parte da madeira acumulada en 2014 e tiñan cortadas as salgueiras que máis molestaban para a extracción do lixo amoreado. Todo isto foi posible grazas á colaboración de Neumáticos Bertólez, empresa que nos facilitou a entrega gratuita destes residuos para a súa posterior xestión nun dos seus centros de traballo e de Braña SCL, empresa que aportou medios materiais e humanos para a retirada e traslado dos neumáticos e da madeira e para o corte das salgueiras.

Cós obxectivos claros e tras reparto de labores, a xornada comezou con gran entusiasmo por parte dos participantes despexando as zonas de traballo e iniciando a recolleita dos materiais principalmente en tres zonas:

  • Zona 1 primeiro acúmulo de restos variados nas proximidades da entrada.
  • Zona 2 segundo acúmulo con gran cantidade de arame e escombros.
  • Zona 3 zona de queima de neumáticos.

ademáis realizáronse traballos de xestión da vexetación arbustiva para rexeneración de especies propias da veiga.

Con gran paciencia e esforzo o traballo foi avanzando ao longo da mañá como se pode apreciar nas fotos. Mentres o bon humor foi tónica xeral con cada "achádego":

  • "estou empezando coa louza: 2 vasos, prato pequeno, prato grande, garfo ...",
  • "case podemos empezar a equiparnos para a choiva: botas de auga verdes e outras negras",
  • "ao fondo un colchón para tomar un descanso",
  • "se alguén o precisa xa temos orinal, mellor orinais",
  • "botella de Sanson, botella de cervexa, botella de viño, .....",
  • "isto era dunha cama",
  • "plástico branco, verde, negro, azul, ....",
  • "xa temos para poñer a moqueta no salón" .

Zona 1: antes (arriba) e despois (centro e abaixo).

Zona 2: antes (arriba e centro) e despois (centro e abaixo).

Temos que sinalar que, a diferenza do ano pasado, atopouse moi pouca fauna agochada entre o lixo: unha musaraña (Crocidura sp.) e un eslizón (Chalcides striatus) cuestión que asociamos á extrema seca do ano e a busca de refuxios máis fondos e húmidos. O que si había era unha gran cantidade de moscas que se apuntaron a gozar do noso xantar moi ao noso pesar. Tras unha abundante e ben merecida comilona non hai nada mellor que unha boa sobremesa charlando entre amigos, facendo plans e propostas para outras actividades a realizar durante o vindeiro ano, e aínda neste.

Xa pola tarde unha visita guiada pola veiga para empezar a actividade da tarde máis descansada e lúdica desde a Veiga de Gomareite ata a contorna das charcas areeiras non só para observar aves (garza real, garceta grande, cormorán grande, aguilucho lagunero, somormujo, elanio azul, sisón ...), senón tamén para coñecer outros proxectos en marcha da Sección Antela da SGHN neste caso expúxose un avance da próxima xornada convocada para o día 17 de outubro. 

Coa satisfacción do bon traballo realizado e a estupenda xornada gozada non queda máis que dar as grazas a todos os participantes e despedirse ata a próxima pois aínda queda moito por facer.

 

 

Unha Limia Limpa é posible
I e II Xornadas de limpeza e recuperación da Veiga de Gomareite

I. Xornada

Vilar de Gomareite (Vilar de Barrio), 4 de outubro de 2014

Si en 2013 a Sección Antela de SGHN celebraba o día das aves dun xeito diferente, traballando na parcela de SGHN en Vilaseca para recuperación de hábitat para conícora, neste 2014 seguimos con outra celebración singular, procurando a recuperación dunha parte da veiga de Gomareite, visitada asiduamente polos observadores de aves que coñecen a presenza frecuente dalgunhas interesantes especies: conícoras, píllaras, biluricos, cegoñelas, garzotas, pilros, cullereiros, ...

A xornada comenzou amosando aos participantes a situación da veiga de Gomareite sobre un mapa no que se remarcaba a antiga lagoa de Antela, da que formaba parte. Esta veiga é un lugar interesante para a fauna e flora e, despois de varios intentos, SGHN-Sección Antela conseguiu a sinatura dun acordo de custodia do territorio compartida cun gandeiro da zona. Por desgracia este lugar empregouse durante anos como vertedoiro incontrolado e caótico de todo tipo de residuos, que pouco a pouco foron restando superficie útil de terreo, tanto para o uso gandeiro como para as especies de flora e fauna, así que é preciso mellorar esta situación en dúas vertentes: recollida do lixo actual e control de novas verteduras.

Con estas consideración de seguida os voluntarios puxeron máns a obra, tendo en conta que os residuos tiñan que ser separados segundo a súa tipoloxía: escombros, forxados, vidro, pneumáticos, plásticos, madeiras e outros para a súa posterior xestión.

Cada grupo centrouse nunha zona; o traballo foi arduo pois, si ben os entullos máis recentes estaban ven a vista, os máis vellos estaban moi espallados e ocultos baixo a vexetación unhas veces silveiros e outras veces matas de herbas moi arraigadas entre o lixo, esto fixo preciso a utilización de ferramenta para despezar os distintos montóns.

Pero ademáis do lixo, logo apareceron algunhas sorpresas; a medida que se avanzaba desfacendo coidadosamente as moreas para separar os residuos, atopamos algunhas cobras, tritóns e lagartixas que serviron para facer algún alto no traballo mentras se identificaban e fotografaban.

Así pouco a pouco achegouse a hora de recoller, facendo reconto do traballo realizado: conseguimos encher o contedor de 4 m3 de residuos industriais non peligrosos, é decir, forxados, entullos mixturados, plásticos, cables, persianas, colchóns, moquetas, e similares. Ademais, xuntáronse 3 m3 de plásticos nun par de grandes sacos para a súa posterior xestión e uns 4 m3 de entullos mezclados (pedras, terras, restos de obras) no contedor grande (10 m3) que quedou case mediado. En resumen, un moi bó traballo. Coa satisfacción de ter recuperados uns cuantos metros cadrados de terreo fomos xantar a Xinzo no restaurante Europa, onde coma sempre comemos estupendamente sendo moi ben atendidos.

Contedor para residuos industriais antes (esquerda) e despois (dereita) dunha mañán de traballo. Resultado: 4 m3 menos de residuos na Veiga de Gomareite

Rematado o xantar pasamos á segunda actividade do día: un percorrido para ensinar aos entusiasta participantes na xornada as parcelas alugadas ao Bantegal, comezando pola zona das areeiras.

Nestes momentos SGHN ten asinados 25 contratos de aluguer doutras tantas parcelas, as catro primeiras (as 4 Musas) situadas na zona de Cerdeira cun acordo firmado con un gandeiro nas que pacen as vacas dende mediados de verán están xa apadriñadas. Así que nesta ocasión buscamos padriños-madriñas para as 21 parcelas restantes; pouco a pouco avanzamos vendo as parcelas e comentado a súas características, tamaños e prezos, o prezo é bastante simbólico: a meirande parte están alugadas por 20 euros anuais máis IVE.

Entre as parcelas hai moi distintas tipoloxías, tamaños, estado ou ubicación; así algunhas son xesteiras, outras teñen arborado, algunha ten unha charca, outra un antigo meandro, ... mesmo algunhas teñen interese etnográfico.

Pero esto non foi todo, pois tamén explicamos aos participantes que nestes días SGHN está a colaborar dun xeito especial nun traballo tamén especial e moi necesario...

O Servizo de Conservación da Delegación Provincial en Ourense da Consellería de Medio Ambiente, coa axuda da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e tamén có asesoramento e colaboración de SGHN-Sección Antela, está a desenvolver unha primeira fase para a erradicación dunha planta acuática exótica invasora (Ludwigia grandiflora foto da esquerda) na canle de Antela. Un dos problemas plantexados é o da xestión da biomasa retirada desa planta, as opcións son dúas: queima ou enterramento, decantándonos por esta última opción para evitar o proceso de secado e amoreamento dos restos durante un período longo de tempo có risco de que se extendesen os restos e a necesidade de controlar e aillar ó depósito de material.

Así SGHN-Sección Antela ofreceu a posibilidade de empregar algunha das parcelas de Bantegal para este fin, xestionando as autorizacións pertinentes que chegaron a tempo permitindo a utilización de varias parcelas das cales se seleccionou a máis próxima ao canle na que xa se están a atugar as plantas arrincadas na primeira semana de traballo.

Entre unhas e outras cousas a tarde foi avanzando ata que casi sin luz nos achegamos a última das parcelas onde empezou a chover e rematou esta estupenda xornada.

II Xornada de limpeza e recuperación da Veiga de Gomareite

Despois de avaliar os resultados da primeira xornada de limpeza da Veiga de Gomareite decidiuse celabrar unha segunda xornada para aproveitar o contedor que quedara a medio encher. O obxectivo principal do traballo era retirar uns grandes plásticos dos empregados nos silos e retirar algúns restos variados de todo tipo que ocupaban a entrada á parcela, tamén se tentaría retirar parte do grande número de botellas de vidro amoreadas para levar a reciclar; e todo elo durante a maña procurando deixar algún tempo para dar un paseo que permitira aos participantes (tan entusiastas como o primeiro día) iir coñecendo a parcela, ao tempo que se aproveitaba para recoller refugallos dispersos e percatarse de que o lixo está concentrado nas zonas de fácil acceso dende as pistas inmediatas.

Traballouse arreo e conseguíronse todos os obxectivos plantexados, así que entre as dúas xornadas finalmente fomos quen de retirar manualmente uns 14 m3 de entullos, plásticos, sacos, louza, persianas, faros de vehículos, moquetas, colchons, roupa e calzado, cable eléctrico, tellas, pedras, sacos de rede para patacas cós seus correspondentes certificados de semente, sacos de arxila procedentes dalgún laboratorio ....., case 2 m2 de cristal e xuntados pneumáticos dispersos que serán xestionados como corresponde máis adiante, tamén se xuntou un bó montón de madeiras procedentes de derribos.

Contedor de 10 m3 para residuos que quedara a medio encher o primeiro día, antes (esquerda) e despois (dereita) da segunda mañán de traballo.

Coa satisfacción do bo traballo realizado tocaba comer outra vez en Xinzo e emprender unha nova tarde para coñecer as parcelas alugadas ao Bantegal na procura de padriños ou madriñas.
Unha vez máis grazas beonfeitores e padriños, e ata a próxima ainda queda moito que facer.

Lémbrate que se queres ser BEÓNFEITOR e poñer a túa pinga de auga para que medre este pequeno humidal podes contribuir cunha doazón na conta corrente
ES63 2080 0200 4830 4012 7702

ou na conta de Paypal: sghn@sghn.org (neste caso especifica "Sección Antela")

  • Beón: (nome, botánica). A pranta máis emblemática non só de Antela ou lago Bión/Beón, senón de todo o complexo húmido Limia-Antela.
  • Benfeitores: (sustantivo). Os que fan o ben.
  • BEóNFEITOR: (nome, neoloxismo). Díse do que fai o ben aos ecosistemas acúaticos de Limia-Antela