logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO    
line decor

 
 
 
 


Vaia sábado noite na Limia!

Gomareite-Vilaseca, 29-07-2017

Pois si que estuvo movidiña a noite do sábado 15 de xullo na Limia. Non só polas festas na honra de Santa Mariña en Xinzo senon tamén polas actividades organizadas pola SGHN.

A tardiña comenzou en Gomareite (Vilar de Barrio) da mán da directiva da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común que organizou un acto para presentar o traballo desenvolvido para a recuperación da Rectoral e o libro “Aves da Limia, dende a lagoa de Antela aos nosos días” escrito por Antonio Villarino, Serafín González e Felipe Bárcena.

Aínda que a data non era moi boa pois o traballo no campo é o primeiro, pouco a pouco foron achegándose os veciños e convidados ata encher a sala. O representante da directiva da CMVMC acompañounos nunha visita virtual para amosar a transformación do edificio abandoado, caído e cheo de silveiras, sorprendéndonos có resultado final da edificación. As fotos deixaron constancia do esforzo derivado de afrontar un proxecto de recuperación da rectoral para o pobo: primeiro as xestións para acadar a propiedade, despois o desescombro e desbroce dos recintos e finalmente a elaboración e execución do proxecto de restauración, todo con poucos medios económicos pero con moito traballo e ilusión. Tamén se pasou revista a evolución demográfica dos últimos anos na parroquia e mesmo se repasou brevemente a historia familiar dos marqueses de Bóveda de Limia e algunhas outras curiosidades de Gomareite.

A presentación do libro “Aves da Limia, dende a lagoa de Antela aos nosos días” correu a cargo de Antonio Villarino e Serafín González. A intervención estructurouse en dúas fases para presentar cada un dos dous tomos que compoñen a obra, que amosa a distribución de 264 especies (estival, invernal e nos pasos migratorios) e os nomes vernáculos recollidos nos 78 núcleos de poboación da zona de estudo. Como nos explican a obra herda o espíritu solidario de "Antela a memoria asolagada" que contribuiu á edición desta nova publicación, e os beneficios derivados da venda do libro adicaranse íntegramente á conservación e recuperación de ecosistemas acuáticos e forestais na Limia a través da Sección Antela da SGHN. Neste intre centrados na restauración de espacios nas Veigas de Vilaseca e Gomareite e doutras superficies nas zonas das areeiras e parcelas alugadas ao Bantegal.

Xa no solpor chega a novidade, pois é a primeira vez que SGHN-Ourense organiza unha actividade plenamente nocturna: é a hora de "Observación e identificación de Avelaíñas". As avelaíñas son as volvoretas da noite, que noutros lugares de Ourense coñécense como "polvoretas" tal como nos informan algún dos participantes na xornada. A actividade celébrase na parcela propiedade de SGHN “Humidal Antonio Villarino” na Veiga de Vilaseca, actividade para a que se conta cós preceptivos permisos da administración. A noite comeza con algúns "tropezos" técnicos ao fallar o sistema de iluminación pero entre uns e outros finalmente, non sin certa incertidume, conseguimos que as cousas se amañasen e, ao pouco, COMEZA O ESPECTÁCULO!!! …: as volvoretas e outros insectos achéganse ata as luces situadas sobre un pano branco onde as avelaíñas son "contidas" cunhas cuncas transparentes ata que se tranquilizan e poden ser observadas, identificadas e fotografadas, e posteriormente liberadas de novo ao seu hábitat. Pouco a pouco van chegando os primeiros exemplares sobre todo de xeométridos: pequenos e micro, e outras especies habituais, así ata que entran algunhas sorpresas como Euproctis chrysorrhea ou Ennomos alniaria, especies que se poden ver identificadas nas láminas adxuntas.

CÓMO DISFRUTARON OS NENOS!!! … E TODOS NÓS. E iso que os especialistas contannos que as luces que ao final puidéronse acender non son tan boas para atraer ás avelaíñas como as especiais que eles traían e, polo tanto, os resultados, sendo aceptables, non foron todo o bon que deberan. En calquera caso, como se pode ver foi unha tarde noite entretida e moi interesante descubrindo os patrimonios descoñecidos de A Limia.