logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

botanica@sghn.org

line decor
INICIO  
line decor
 
 
 
 


FICHAS DE IDENTIFICACIÓN DE FLORA EXÓTICA INVASORA

Para facilitar a participación na recollida de información para o Atlas de Flora Exótica Invasora, iranse publicando progresivamente nesta páxina as fichas de identificación das diversas especies. Lembra que se queres colaborar podes escribir a botanica@sghn.org e enviar as túas observacións dende o móbil (instrucións...).

 

Premendo nun nome do listado accédese á ficha de especie correspondente
Premendo na imaxe dunha especie pódese descargar a súa ficha en PDF

 

Acacia dealbata Link

A tamén coñecida como acacia ou mimosa é orixinaria do SE de Australia e de Tasmania. Empregada para dar sombra, de xeito ornamental, como cortavento, para estabilizar noiros, etc. Moi invasora tras os incendios, e polas sustancias alelopáticas que emite que impiden a xermolación doutras especies.

Arriba

Acacia melanoxylon Link

A acacia negra é unha árbore leguminosa que procede do SE de Australia e Tasmania e que foi citada en Galicia por vez primeira no ano 1976. Introduciuse amplamente como cortaventos, para fixación de taludes e como cortalumes. Precisamente os lumes forestais favorecen o seu rebrotamento e a xermola das súas sementes, o que axudado da súa gran fortaleza favorece moito a expansión no medio. Impacta negativamente sobre o crecemento da flora microbiana do solo, e nas zonas invadidas modifica os servizos ecosistémicos, reducindo a disponiblilidade hídrica e impedindo a xermolación e crecemento das especies vexetais autóctonas por mor da emisión de sustancias alelopáticas durante a descomposición das súas follas.

Arriba

Achyrocline satureioides (Lam.) DC

Achyrocline satureioides (Lam.) DC é unha planta da familia das compostas que apareceu en Baiona por vez primeira para Europa en 2004. É natural de Sudamérica, onde é coñecida como marcela ou alecrim de parede. En Galicia estase a estender a favor das autoestradas, espallándose especialmente –igual que no seu hábitat orixinal- en dunas de beiramar e lugares secos e asollados, onde forma poboacións densas que impiden o crecemento doutras especies. Dende a primeira cita, espallouse cara o norte da comunidade: Nigrán (2012), Moaña e Sanxenxo (2014), chegando xa ata a provincia de A Coruña no 2016.

Arriba

Ailanthus altissima (Mill.) Swingle

O ailanto ou árbore do ceo é un ha especie de orixe asiática que pode acadar de 20-30 metros de altura. A prime ira cita para Galicia do ano 1956 no val de Burón (Lugo). Introducida como ornamental, hoxe está presente nas beiras de estradas, ribeiras de regatos, áreas periurbanas, taludes, etc. As sustancias alelopáticas que emite (impedindo a xermolación doutras especies), xunto coa súa grande capacidade de crecemento e colonización e o impacto que causa nas infraestruturas, danando alcantarillados, cimentes de edificios, etc., fai que sexa considerada como unha das 10 especies invasoras máis perigosas do mundo. A súa erradicación é máis que complicada.

Arriba

Arctotheca calendula (L.) Levyns

Á margarida africana ou mala herba do Cabo gústanlle moito os ambientes alterados e os terreos removidos. Aínda que foi introducida como ornamental, a alteración do home sobre as dunas costeiras, marismas e cantís favorece a súa presencia en detrimento de especies autóctonas máis sensibles e ameazadas. Dispersa as sementes pola acción do vento e os animais, tapizando rápidamente a costa.

Arriba

Arundo donax L.

Trátase dunha herba gramínea de orixe asiática citada en Galicia por vez primeira no ano 1852. É coñecida como cana ou xunco xigante. Introduciuse para uso ornamental, formar sebes e soster os emparrados das viñas, práctica en desuso que provocou a súa proliferacion e descontrol no medio natural. Atópase naturalizada por toda Galicia en lugares con certo grado de humidade desprazando completamente á vexetación autóctona, alterando os regatos e medios riparios que coloniza e afectando a súa estrutura e funcionamento, así como á xestión deses recursos hídricos. É considerada pola UICN unha das 100 EEI máis perigosas do mundo.

Arriba

Bambusoideae (Hauhrich, 1980)

Phyllostachys, Bambusa, Arundinaria… Estas gramíneas coñecidas como bambús, proveñen de áreas tropicais e subtropicais. Foron introducidas para uso ornamental, agrícola e industrial. Posúen unha grande capacidade de proliferación desprazando á vexetación autóctona pola asfixiante ocupación e sombreado do solo.

Arriba

Bidens aurea (Aiton) Sherff.

Coñecida como té de horta, té americano ou té moruno, é unha planta procedente do sur dos EEUU e América Central, que coloniza terreos nitrificados e con humidade, como beiras de ríos e humedais, onde forma poboacións monoespecíficas desprazando á vexetación autóctona.

Arriba

Buddleja davidii Franch

Este arbusto de orixe chinés, popularmente coñecido como herbadas bolboretas, pode acadar os 6 m de altura. Foi introducido como especie ornamental e naturalízouse rápidamente en terreos pedregosos, beiras de ríos, cunetas e ambientes ruderais pola gran cantidade de sementes que produce. A súa grande capacidade para colonizar ambientes ruderais e fluviais e desprazar á vexetación autóctona fai que sexa considerada unha especie moi invaslva en moitos países. As accións antropoxénicas sobre as marxes fluviais (obras, canalízacións, eliminación da cuberta vexetal...) facilitan a súa instalación, sustituindo ás especies de ribeira autóctonas (salgueiros, ameneiros, etc.).

Arriba

Canna indica L.

A cana de indias é unha especie da familia das cannáceas procedente de América do Sur e Central onde é empregada para obter almidón. Introducida con fins ornamentais en
Europa, a primeira cita en Galicia é do ano 1988. Non foi identificada inicialmente como invasora, xa que aparecía aillada no medio natural polo escape de cultivos ornamentais cercanos. Na actualidade, xa presenta marcado carácter invasor en zonas temperadas con certa humidade. onde forma densos tapices que impiden o normal desenvolvemento da vexetación autóctona.

Arriba

 

Carpobrotus edulis (L.) N. E. Br.

A coñecida como uña de gato ou herba coitelo, é unha planta suculenta de orixe sudafricana que foi citada por vez primeira en Galicia, no Grove, no 1900. Foi introducida con fins ornamentais e pola capacidade de fixación de taludes e dunas. É moi invasiva nos cantís mariños, areais e dunas, provocando graves impactos sobre a vexetación, os solos e a fauna. Forma tapices monoespecíficos que alteran as condicións de insolación e o ciclo de nutrientes. Ten efectos fitotóxicos e compite polos recursos coas especies autóctonas diminuíndo a biodiversidade. Presenta pétalos rosados ou amarelos e os filamentos dos estames sempre amarelos, a diferenza de Carpobrotus acinaciformes (ainda non citada en Galicia) que ten os filamentos rosados

Cortaderia spp.

0 Plumeiro ou Herba da Pampa é una herba gramínea de orixe suramericana que foi introducida para o seu cultivo ornamental. A primeira especie citada en Galicia é a Cortaderia selloana no ano 1988. Ten unha gran capacidade invasiva pota súa elevada produción de sementes (cada planta feminina chega a producir ata un millón delas) e pola diversidade de ambientes que coloniza, como os hábitats antropizados (beiras de autoestradas, solares abandonados, queimados ... ), os espazos naturais costeiros, as dunas, os humedais, etc. Modifica a paisaxe e despraza ás especies autóctonas pola forte competencia que exerce sobre o sustrato e os recursos (auga e nutrintes). A gran cantidade de biomasa que produce favorece os incendios, rebrotanto posteriormente con grande intensidade. A súa gran produción de pole pode provocar problemas alérxicos á poboación humana.

Arriba

Cotula coronipifolia L.

Planta da familia das compostas, sen flores liguladas. Orixinaria da Rexión do Cabo, Sudáfrica. Citada en Galicia dende 1897. Invade zonas húmidas como esteiros, xunqueiras e marismas, formando alfombras monoespecíficas e competindo coa vexetación autóctona polo sustrato e outros recursos. No resto da península ibérica invade tamén arrozais.

Arriba

Cyperus eragrostis Lam.

Oriunda da costa americana, a coñecida como xuncia, é unha herbácea de talos tígonos da familia do papiro, probablemente introducida de xeito accidental asociada a cultivos ornamentais. Ten un comportamento lnvasivo moderado, desprazando á vexetación autóctona pola ocupación do espacio, provocando tamén impactos sobre os terreos agrícolas e axardinados dificultando o laboreo. Presente en zonas ruderais, beiras de camiños, zonas húmidas, bordos de regatos e campos de cultivo.

Arriba

Egeria densa Planch

Herba acuática de orixe sudamericana empregada en acuarioloxía pola súa capacidade de produción de osíxeno. Invade os nosos ríos tapizando os fondos ou as rochas. Moitas veces a vemos baixo a lentella de auga, saíndo á superficie só as súas flores blancas tripétalas. A súa eliminación do medio acuático é case tarefa imposible, xa que se reproduce vexetativamente a partires de fragmentos moi pequenos.

Arriba

Erigeron karvinskianus DC

Esta composta ten a súa orixe en México, sendo citada en Galicia por vez primeira no ano 1950. O seu uso en xardinería foi o motivo da súa introdución, pero ao escapar facilmente dos cultivos, foi ocupando os muros, os empedrados e as fendeduras das rochas, sobre todo os umbríos. Forma un tapiz continuo que exerce unha forte competencia polos escasos recursos do sustrato, e impide o crecemento doutras especies típicas destes espazos como a herba das paredes (Parietaria judaica), os paxariños (Cymbalaria muralis), o pan de lagartos (Sedum sp.), o couselo (Umbilicus pendulinus), o fento das pedras (Polypodium vulgare), ou os musgos, liques etc., provocando unha perda de biodiversidade autóctona.

Arriba

Eucalyptus globulus Labill

O eucalipto, presente en Galicia dende mediados do S.XIX aproximadamente, é unha Especie Exótica Invasora proveniente de Tasmania e Australia que é empregada en Galicia como especie forestal. O seu comportamento invasor é debido a gran capacidade de rebrote dos tocóns tras os incendios forestais e as talas, á grande produción de sementes cunha alta viabilidade nos hábitats naturais circundantes ás plantacións, e á emisión de sustancias alelopáticas ó medio que afectan á flora microbiana do solo e impiden a xermolación doutras especies.

Arriba

Fallopia baldschuanica (Regel) J. Holub

Coñecida como Viña do Tibet, esta planta enredadeira citada en Galicia no ano 1955 por vez primeira, é unha especie exótica invasora a vixiar, xa que está en expansión no noso territorio. A colonización de terreos ruderais e periurbanos por escape do seu cultivo ornamental é intensa, máis tamén é incipiente a ocupación de zonas riparias, onde supón unha ameaza máis directa á biodiversidade autóctona porque compite con ela e a despraza. Ademáis das plantas, a propia fauna autóctona vese indirectamente afectada ao non estar adaptada a esta nova especie.

Arriba

Ipomoea indica (Burn.) Merr.

Esta planta gabeadora coñecida como campaiíña ten unha distribución natural que abarca o centro e sur de América. Introducida en Europa como planta ornamental, escapa fácilmente do seu cultivo antrópico, tapizando e cubrindo completamente sebes, árbores ou arbustos e estruturas como muros, sinais, postes, valados, etc. O maior impacto o causa nas zonas costeiras, onde compite con especies endémicas diminuíndo a súa rexeneración natural.

Arriba


Oenothera sp.

Oenothera sp. (longiflora/stricta/ glazioviana .. .). Estas especies coñecidas popularmente como herba dos burros ou herba do viño, pertencen a un xénero de plantas americanas en plena expansión por Europa. Foron introducidas a mediados do s. XVII nos xardins botáinicos, para empregarse máis adiante como alimento aproveitando a súa raíz, e con fins cosméticos e mediciñais grazas ao aceite obtido a partir das súas sementes. Aparecen en terreos alterados, cunetas, eriais, etc. É preocupante a süa presenza nas zonas costeiras e riparias onde despraza á vexetación autóctona, presentáindose como bioindicadora de ambientes degradados.

Arriba

Oxalis pes-caprae L.

A vinagreta ou pan de cuco é unha planta de orixe sudafricana que en Galicia coloniza fundamentalmente e grazas aos seus bulbos terreos alterados, preferentemente no litoral, onde forma tapices continuos que impiden o crecemento da vexetación autóctona.

Arriba

Polygonum capitatum Bunch.-Ham. ex D.Don

Planta poligonácea procedente do Himalaia e do leste de Ásia, citada por vez primeira en Galicia no ano 1987. Amplamente empregada nos xardíns, naturalizouse nas áreas soleadas, secas e pobres en nutrintes, como as bases dos muros, as beiras de camiños e os empedrados. Está en expansión en Galicia, onde despraza á vexetación autóctona pola súa gran capacidade de ocupación do espazo, formando alfombras densas e extensas. Propágase con maior eficacia vexetativamente, xa que a viabilidade das sementes depende da humidade estacional.

Robinia pseudoacacia L.

Árbore espiñenta con flores brancas e forma de bolboreta, orixinaria de Norteamérica. A coñecida como acacia ou falsa acacia foi introducida como ornamental e agora podémola ver en taludes, cunetas, beiras de pistas e nas marxes dos ríos. Asóciase a bacterias do xénero Rhizobium formando nódulos radiculares que fixan N2 atmosférico nitrificando os solos e favorecendo as especies ruderais.

Arriba

Roldana petasittis (Sims.) H. Robinson & R. D. Brettell

Planta arbustiva de orixe mexicana da familia das compostas que pode chegar ata os 2 metros de altura. Foi introducida pola súa beleza e persistencia, xa que ten unha floración en inflorescencia con flores liguladas moi vistosas e grandes follas verdes perennes. As súas follas están cubertas por un indumento espeso co envés agrisado que a fan inconfundible. Gústanlle os lugares sombríos e nitrificados, aparecendo habitualmente nas beiras dos camiños forestais onde compite polo sustrato coas especies ruderais. Foi citada por vez primeira en Galicia no ano 1996, atópándose actualmente en expansión por Galicia, principalmente nas provincias de Pontevedra e A Coruña.

Arriba

Senecio tamoides DC.

Trátase dunha herbácea gabeadora de orixe sudafricana detectada en Galicia por vez primeira en 2006 en Nigrán. Exténdese cara o norte atopándose xa na península do Morrazo e en Vilagarcía. Foi introducida como ornamental pero escapa fácilmente do cultivo. No medio natural gabea por riba de sebes e árbores que emprega como soporte, asfixiándoos e competindo con eles pola luz. Confundible con Delaira odorata (= S. mikanoides), máis ésta non ten flores liguladas, e con S. angulatus, máis éste ten as follas carnosas cos lóbulos menos marcados e flores liguladas máis curtas e claras.

Arriba

Spartina patens (Ait.) Muhl.

Trátase dunha gramínea con talos de ata 2 m que debe levar bastante tempo estendéndose por Galiza, mais a habitual ausencia de flores e a dificultade da determinación (aseméllase a un Brachypodium) fixo que non fose detectada ata 1999 polo botánico D. Sanleón. Aparece por gran parte da beiramar, especialmente polo sur de Galiza, onde se propaga vexetativamente de xeito moi rápido. Coloniza a parte superior das marismas formando poboacións monoespecíficas que desplazan á comunidade de Juncus maritimus. Ainda que foi considerada en Europa nativa do Mediterráneo co nome de Spartina versicolor Fabre, é orixinaria de norteamérica, admitíndose hoxe a sinonimia de ambos nomes.

Arriba

Tradescantia fluminensis Velloso

A “orella de gato” ou “amor de home” é unha planta de orixe suramericana que foi introducida polos seus usos na xardinería. Invade hábitats naturais húmidos, sombríos e algo nitrificados, formando tupidos tapices que impiden a presenza da vexetación autóctona. Tamén presente en terreos antropizados, beiras de camiños e baixo á sombra das acacias.

Arriba

Tritonia x crocosmiiflora (Lemoine) N.E.Br..

Esta rechamante iridácea conseguida en Francia en 1880 procede da hibridación de dúas especies sudafricanas, Tritonia aurea Pappe e Tritonia pottsii (Baker) Baker. Foi citada por primeira vez para Galicia en 1986. Escapada de xardíns, invade ambientes riparios, herbazais húmidos, etc., en especial de maneira vexetativa, aínda que tamén produce sementes. Ainda que non soporta ben as xeadas, pódese rexenerar perfectamente na primavera seguinte grazas aos seus tuberobulbos e rizomas. En Galicia é especialmente problemática ao colonizar salgueirais e ameneirais.

Arriba

Tropaeolum majus L.

A capuchina ou flor de sangue é unha herba rastreira e gabeadoira que foi introducida como medicinal no século XVIII, sendo empregada máis tarde como ornamental pola súa grande beleza. É típica de ambientes ruderais e zonas axardinadas, aínda que tamén avanza cara os espazos naturais anexos onde compite coa vexetación autóctona. Cubre por completo a superficie coma un manto, o que dificulta a entrada de luz ao solo. En Galicia aparece nas zonas costeiras.

Arriba


Zantedeschia aethiopica (L.) Spreng

A cala ou cartucho é unha planta de orixe sudafricana que ten colonizado xa moitas rexións do mundo. Cultivada pola súa beleza, pasa dos xardíns ao medio natural desprazando a vexetación autóctona. Gosta dos solos húmidos e nitrificados

Arriba