logo

Logo_herpetos

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

herpetoloxia@sghn.org

line decor
INICIO  
line decor
 
 


  

6ª actualización do Atlas de Anfibios e Réptiles de Galicia (ano 2016)

Vilagarcía de Arousa, 07-04-2017

Unha vez acumulados os datos obtidos durante o ano 2.016 aos rexistrados no período 2005-2015, hai un total de 18.370 datos totais, aos que lle corresponden 4.772 datos non repetidos (26,0%). De anfibios obtivéronse 11.290 datos, dos cales 2.625 (23,3%) foron datos non repetidos, e de réptiles 7.080 datos totais aos que lles corresponden 2.147 datos non repetidos (30,3%).

Con respecto aos réptiles, salientar unha nova cuadrícula sapoconcho mediterráneo (Mauremys leprosa) na cuadrícula NG45, no concello de As Neves,así como dúas de osga ou ladra (Tarentola mauritanica) nas cuadrículas NG36 e NG 46, nos concellos de O Porriño e As Neves, respectivamente.

Interesante tamén é a cuadrícula nova de esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai),ao tratarse dunha das especies de distribución máis restrinxida dos nosos herpetos; a cuadrícula nova é a PG24, no concello de Oimbra.

Con respecto ás cobras queremos destacar, debido á escaseza de datos, a obtención de 2 novas cuadrículas de víbora fuciñuda (Vipera latastei), nas cuadrículas PG44 (concello de Vilardevós e PG45 (concello de Castrelo do Val).

Xa ao marxe da actualización do Atlas, temos que informar dun novo cambio na nomenclatura dunha das nosas especies de anfibios; trátase do sapo corriqueiro, anteriormente denominado Bufo calamita (Laurenti, 1768), que pasa a ser Epidalea calamita (Laurenti, 1768).

Temos finalmente que agradecer a todas e cada unha das 229 persoas ou entidades que aportaron algún dato dende o inicio do proxecto, alá polo ano 2005, ata o ano 2016 e esperamos seguir a contar coa súa colaboración.

 

Premendo en cada unha das imaxes da dereita e de abaixo pode descargarse unha versión con maior resolución.

CLASE: AMPHIBIA

CLASE: REPTILIA

5ª actualización do Atlas de Anfibios e Réptiles de Galicia (ano 2015)

Vilagarcía de Arousa, 12-04-2015

Unha vez acumulados os datos obtidos durante o ano 2.015 aos rexistrados no período 2005-2013, hai un total de 14.141 datos totais, aos que lle corresponden 4.455 datos non repetidos (31,5%). De anfibios obtivéronse 8.790 datos, dos cales 2.479 (28,2%) foron datos non repetidos, e de réptiles 5.351 datos totais aos que lles corresponden 1.976 datos non repetidos (36,9%).

Con respecto aos anfibios, salientar dúas cuadrículas novas de limpafontes palmado (Lissotriton helveticus) na parte central limítrofe das provincias de Lugo e Ourense, zona da que temos moi poucos rexistros. Concretamente, as novas cuadrículas son a PG28 (Montederramo) e a PH20 (Monforte de Lemos).

Tamén queremos salientar, dado que é unha das especies nas que máis se reduciu o número de cuadrículas entre o anterior Atlas e este, as 7 cuadrículas novas de sapiño comadrón (Alytes obstetricans) na provincia de Pontevedra, especialmente na parte suroeste.

Referente aos réptiles, interesante resulta a obtención de 20 novas cuadrículas de presencia de esgonzo común (Chalcides striatus), especialmente no suroeste da provincia de Pontevedra e no nordeste de Lugo, seguramente debido a unha maior intensidade de mostraxe.

Con respecto ás cobras queremos destacar, debido á escaseza de datos, a obtención de 10 novas cuadrículas de cobra lagarteira común (Coronella austriaca).

Xa  ao marxe da actualización do Atlas, queríamos informar dun novo cambio na nomenclatura dunha das nosas especies de cobra, trátase da cobra de colar, a anteriormente denominada Natrix natrix (Linnaeus, 1758), que pasa a ser Natrix astreptophora (López Seoane, 1884), nome dado polo naturalista galego.

Finalmente, dende a Sociedade Galega de Historia Natural, e máis concretamente dende a Sección de Herpetoloxía, queremos agradecer moi especialmente a todos e cada un dos 205 colaboradores que aportaron algún dato dende o inicio do proxecto, alá polo ano 2005, ata o ano 2015. Sen a implicación desinteresada de este extraordinario número de persoas, sería imposible realizar este traballo.

CLASE: AMPHIBIA

CLASE: REPTILIA

 

4ª actualización do Atlas de Anfibios e Réptiles de Galicia (ano 2014)

Vilagarcía de Arousa, 18-04-2015

Unha vez acumulados os datos obtidos durante o ano 2.014 aos rexistrados ata decembro de 2.013, hai un total de 14.141 datos totais, aos que lle corresponden 4.455 datos non repetidos (31,5%). De anfibios obtivéronse 8.790 datos, dos cales 2.479 (28,2%) foron datos non repetidos, e de réptiles 5.351 datos totais aos que lles corresponden 1.976 datos non repetidos (36,9%).

Con respecto aos anfibios, salientar unha cuadrícula nova de ra vermella (Rana temporaria) na zona oriental da provincia de Ourense, no concello de A Veiga. Referente aos réptiles, na Orde Chelonii, aparte das dúas cuadrículas de sapoconcho europeo (Emys orbicularis) nos concellos de Porriño (NG36) e Ribeira (MH91) xa coñecidas, temos dúas cuadrículas novas de presencia de sapoconcho mediterráneo (Mauremys leprosa), con toda seguridade procedente de soltas voluntarias ou accidentais, nos concellos de Meis (NH10) e As Neves (NG55), esta última xa coñecida posto que hai rexistros anteriores. Desgraciadamente, tamén temos que informar de dúas cuadrículas novas da especie invasora sapoconcho de orellas vermellas (Trachemys scripta) nos concellos de Carballedo (PH00) e Neda (NJ62).

Moi interesante resulta o rexistro de dúas novas cuadrículas de esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai) na provincia de Ourense. Un deles no concello de A Peroxa (PH00) preto de outra cuadrícula anterior no concello de Ourense, pero a outra situada a moita distancia dos outros rexistros localizados anteriormente, no concello de San Xoán de Río (PG49) na Terra de Trives, e a unha altitude considerable, 780 msnm.

Tamén resulta certamente interesante a localización da lagartixa rabuda (Psammodromus algirus) no concello de Viana do Bolo (PG76), xa limítrofe coa provincia de Zamora.

Con respecto ás cobras, salientar as novas cuadrículas na zona suroriental da provincia de Pontevedra, onde tiñamos poucos rexistros, nos concellos de Oia (NG05), Baiona (NG16), Vigo (NG17) e Redondela (NG27).

Para rematar só nos queda agradecer unha vez máis as inestimables aportacións dos colaboradores, case un centenar e medio (ver listado), que fixeron posible o Atlas de Anfibios e Réptiles de Galicia e permiten a súa constante actualización.

CLASE: AMPHIBIA

CLASE: REPTILIA

 

3ª actualización do Atlas de Anfibios e Réptiles de Galicia

Santiago de Compostela, 13-05-2014

Unha vez acumulados os datos obtidos durante o ano 2.013 aos rexistrados ata decembro de 2.012, hai un total de 13.051 datos, aos que lle corresponden 4.320 datos non repetidos (33%). De anfibios obtivéronse 8.172 datos, dos cales 2.422 (30%) foron datos non repetidos, e de réptiles 4.879 datos totais aos que lles corresponden 1.898 datos non repetidos (39%).

Con respecto aos anfibios, cabe salientar unha cuadrícula nova de píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica) na provincia de Ourense, das poucas que hai nesa provincia, concretamente no concello de Allariz (cuadrícula PG06). Tamén resultan moi interesantes as dúas cuadrículas novas de sapo de esporóns (Pelobates cultripes), as dúas no Barbanza; unha no concello de Boiro (cuadrícula NH11) e a outra en Porto do Son (cuadrícula MH92).

Referente aos réptiles hai que destacar unha cuadrícula nova do noso réptil máis escaso, o sapoconcho europeo (Emys orbicularis) no concello de Baños de Molgás (cuadrícula PG17) e, desgrazadamente, outra nova cuadrícula do réptil invasor, o sapoconcho de orellas vermellas (Trachemys scripta) en Xinzo de Limia (cuadrícula PG05).

Dentro dos réptiles presumiblemente foráneos, tamén hai que subliñar catro cuadrículas novas de ladra ou osga (Tarentola mauritanica), dúas na provincia de Pontevedra [Vigo (NG17) e Pontevedra (NG29)], e outras dúas na provincia de Ourense [Ribadavia (NG78)] e Lugo [Monforte de Lemos (PH20)].

Con respecto aos saurios con escasa distribución por Galicia, salientar unha cuadrícula nova de lagartixa dos muros (Podarcis muralis), no concello de A Pontenova (cuadrícula PJ40). Tamén lembrar que segue sen aparecer a lagartixa rabuda (Psammodromus algirus) nas bisbarras do Salnés e do Barbanza, cando no anterior Atlas de Vertebrados de Galicia publicado pola Sociedade Galega de Historia Natural aparecía en 5 cuadrículas desas zonas, e sendo ademais unha lagartixa dun tamaño bastante grande e de cores moi vivas como para pasar desapercibida.

A destacar, dentro das cobras, unha nova cuadrícula de cobra lagarteira común (Coronella austriaca) na zona este da provincia de Lugo, en Trabada (PJ41) e outra de cobra lagarteira meridional (Coronella girondica) na Costa da Morte, no concello de Muxía (MH77).

Na mesma bisbarra de Fisterra temos una nova cuadrícula de víbora de Seoane (Vipera seoanei), tamén no concello de Muxía pero en outra cuadrícula (MH76). Desta especie seguemos sen ter datos da zona sur da provincia de Pontevedra; o dato máis ao sur está no concello de A Lama (cuadrículas NG49 e NG59).

Un dos datos máis importantes dos acadados no ano 2013, aínda que corresponde cun avistamento de ano 2009, é un de víbora fociñuda (Vipera latastei) na bisbarra da Limia, concretamente no concello de Sandiás (cuadrícula PG06), cuadrícula completamente nova incluso a nivel histórico e bibliográfico.

Para rematar só nos queda agradecer unha vez máis as inestimables aportacións dos colaboradores, case un centenar e medio (ver listado), que fixeron posible o Atlas de Anfibios e Réptiles de Galicia e permiten a súa constante actualización.

 

2ª ACTUALIZACIÓN DO ATLAS DOS ANFIBIOS E RÉPTILES DE GALICIA (2012)

Unha vez acumulados os datos obtidos durante o ano 2.012 aos rexistrados ata decembro de 2.011, sumamos 11.598 datos totais para 4.081 datos non repetidos (35%). De anfibios obtivéronse 7.285 datos, dos cales 2.303 (32%) foron datos non repetidos, e de réptiles 4.313 datos totais aos que lles corresponden 1.778 datos non repetidos (41%).

Moi interesantes son as dúas cuadrículas novas de sapo de esporóns (Pelobates cultripes), unha na Serra da Groba, no concello de Oia, e a outra en Lobios. É de salientar a gran altitude (por riba dos 600 m) da primeira, tratándose ademais dunha poboación costeira.

Seguimos sen obter datos de saramaganta ou píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica) pola zona sureste da provincia de Ourense, a zona máis mediterránea de Galicia; en vindeiras campañas haberá que tratar de localizar esta especie visitando zonas axeitadas e cuadrículas con datos históricos. Todas as cuadrículas desa zona proceden de citas algo antigas, incluso do primeiro Atlas de Vertebrados de Galicia, publicado no ano 1995 pero con datos ata o ano 1985; por exemplo a cuadrícula PG03 (Baltar) e as cuadrículas PG23, PG33 e PG34 (Oimbra, Verín e Castrelo do Val).

Con respecto aos réptiles, segue habendo moi poucas citas de esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai), especialmente en zonas das Rías Baixas nas que hai datos antigos. A maioría das cuadrículas nas que aparecía proceden do Atlas de Vertebrados de Galicia, habendo algún posterior de Anabam, pero sempre anteriores ao ano 1997. Pode ser tamén pola dificultade de detección da especie, polo que haberá que tratar de facer algunha prospección por zonas axeitadas, como se fixo cando se detectou na Península do Grove, no ano 2011, despois de moitos anos sen citas da especie nesa zona.

Interesantes as dúas cuadrículas novas (PH73 e PH75) de lagartixa da braña (Zootoca vivipara) na poboación dos Ancares, nos concellos de Cervantes e Navia de Suarna. Tamén moi interesante a nova cuadrícula (NH08) para a cobra lagarteira meridional (Coronella girondica) no concello de Ponteceso, especialmente por ser unha zona con moi poucas citas de ofidios.

Entre os obxectivos cara a anos vindeiros poderíamos citar a localización de novas charcas de cría do sapo de esporóns (Pelobates cultripes), especialmente en zonas costeiras e en cuadrículas nas que estaba presente hai anos. Tamén habería que facer mostraxes máis intensas para localizar o esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai) practicamente nas mesmas zonas que a especie anterior. Tamén comentar que seguimos sen ter dato ningún da víbora fuciñuda (Vipera latastei) pola serra do Xurés, aínda que si hai datos bibliográficos, polo que haberá que seguir facendo prospeccións pola zona co fin de localizala.

Cada mes iranse incorporando, por orde taxonómica, as fichas de todas as especies de unha ou máis familias en PDF que se poderán descargar dende esta web, comezando xa polas cinco especies de urodelos galegos pertencentes á familia Salamandridae.

 

1ª ACTUALIZACIÓN DO ATLAS DOS ANFIBIOS E RÉPTILES DE GALICIA (2011)

Nesta primeira actualización do Atlas dos Anfibios e Réptiles de Galicia, e unha vez acumulados os datos obtidos durante o ano 2.011 aos rexistrados ata setembro de 2.010, sumamos 9.163 datos totais para 3.760 datos non repetidos (41%). De anfibios obtivéronse 5.668 datos , dos cales 2.124 (37%) foron datos non repetidos, e de réptiles 3.495 datos totais aos que lles corresponden 1.636 datos non repetidos (47%).

Como datos máis salientables, no que respecta aos anfibios habería que destacar unha cita de ra vermella (Rana temporaria) no concello de Meis, na provincia de Pontevedra, sendo unha cita desta provincia especialmente cercana á costa e de moi baixa altitude, xa que as anteriores citas procedían do entorno de Silleda e A Estrada.

No referente aos réptiles, e dentro das especies con menos datos no Atlas, destacar as dúas citas novas de esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai), especialmente unha no concello de O Grove, xa que ista especie sufriu no litoral un forte descenso na súa distribución. Tamén de destacar unha cuadrícula nova de lagartixa da braña (Zootoca vivipara) no concello de Mañón e outra cuadrícula nova de escáncer cego (Blanus cinereus) no concello de Cualedro. Con respecto as cobras salientar unha cita de cobregón (Malpolon monspessulanus) no concello de Touro, preto de Santiago, así como seguimos sen cita ningunha de víbora fuciñuda (Vipera latastei) na zona suroccidental da provincia de Ourense (entorno do Xurés), a pesares das frecuentes visitas pola zona, o que da idea da escaseza da especie.

 

ATLAS DOS ANFIBIOS E RÉPTILES DE GALICIA

Despois de seis anos de traballo, por fin saíu á rúa o Atlas dos Anfibios e Réptiles de Galicia, editado pola Sociedade Galega de Historia Natural, que ven a ser unha actualización do primeiro Atlas de Vertebrados de Galicia referido aos nosos herpetos. Gracias ao esforzo de 120 altruístas colaboradores para a obtención de 5.426 datos de anfibios e 3.224 de réptiles.

A obra está composta por un limiar do presidente da S.G.H.N. Serafín González Prieto, unha introdución de Xosé Lois Rey Muñiz e Moisés Asensi Cabirta na que se especifica a metodoloxía do Atlas e unhas primeiras conclusións, un texto de Santi Bas López, que foi un dos coordinadores do primeiro Atlas, referido aos vinte anos de período inter-atlas, e finalmente os textos das catorce especies de anfibios e vinteseis de réptiles da nosa xeografía, realizados por Manuel Arzúa Piñeiro, Moisés Asensi Cabirta, César Ayres Fernández, Martiño Cabana Otero, Xabier Prieto Espiñeira e Xosé Lois Rey Muñiz.

Os textos das especies están estruturados en seis apartados: Distribución mundial; distribución en Galicia; comparativa co anterior Atlas; hábitat; poboación, ameazas e conservación; catalogación. A representación está feita de tal forma que nun só mapa aparecen os datos do presente Atlas, os datos do Atlas anterior e os datos bibliográficos.

PUNTOS DE VENDA DIRECTA (prezo 9,95 € c/u)

FERROL

  • Sede da SGHN-Delegación de Ferrol: Casa do Coronel. Praza de Canido s/n. 15401 Ferrol.

OURENSE

  • Librería Tanco. Rúa Cardenal Quevedo, 22.
  • Livraría Torga. Rúa da Paz, 12.

SANTIAGO DE COMPOSTELA

  • Libraría Couceiro: Praza de Cervantes, 6.
  • Librería Abraxas: Rúa Montero Ríos, 50

VILAGARCÍA DE AROUSA

  • Libraría Páxinas. Rúa Fariña Ferreño, 23.
  • Papelería Arines. Rúa Gumersindo Nartallo, 9.

VENDA POR CORREO (prezo 9,95 € c/u + gastos de envío)

Pedidos ao enderezo electrónico sghn@sghn.org:

  • Pago por transferencia bancaria á conta ES87-2080-0200-4830-4012-7658: Prezo 12,00 € gastos de envío incluidos.
  • Pago por contrareembolso: Prezo 18,10 € gastos de envío incluidos.

 

PRESENTACIÓN DO “ATLAS DOS ANFIBIOS E RÉPTILES DE GALICIA”

A presentación tivo lugar o 16 de setembro de 2011, a partires das 20:30 horas, no Salón de Actos do novo local da SGHN-Ferrol na ”Casa do Coronel” (Praza de Canido, s/n), cunha grande asistencia de público.