logo

Logo_herpetos

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

herpetoloxia@sghn.org

line decor
INICIO  
line decor
 
 


  

Boas novas para unha especie ameazada

Novas localidades de sapo de esporóns (Pelobates cultripes) nas poboacións costeiras

Pontevedra, 02-05-2013

O sapo de esporóns (Pelobates cultripes) é o anfibio máis escaso da nosa xeografía, sufrindo un gran retroceso con respecto á distribución rexistrada no primeiro Atlas de Vertebrados de Galicia; pasando das 20 cuadrículas nas que estaba presente a 14 no Atlas dos Anfibios e Réptiles de Galicia publicado pola S.G.H.N. no ano 2011, o que supón unha diminución dun 30 % no número de cuadrículas UTM 10x10 km rexistradas.

No concello de Ribeira, incluíndo as localidades actuais e as históricas, soamente aparecían nas cuadrículas MH9514, MH9614, MH9713, MH9811, MH9810 e MH9710, todas elas pola zona do Parque Natural de Corrubedo. Pois ben, durante as prospeccións cara á actualización do Atlas dos Anfibios e Réptiles de Galicia, o pasado día 07-04-2013, atopouse unha charca na cuadrícula MH9708, na parroquia de Aguiño, con larvas desta especie; xa nesa charca apareceran o día 12-04-2009 catro larvas de gran tamaño (uns 9 cm de lonxitude), aínda que non volveron a aparecer en visitas a esa charca durante os anos 2010, 2011 e 2012.

No concello de Porto do Son, figuraban como cuadrículas UTM 1x1 km as MH9620, na contorna da lagoa de Xuño, e MH9619 na contorna da Lagoa de Muros, ambas na zona litoral. Realizando o mesmo traballo que no caso anterior, o día 01-04-2013 o colaborador Carlos Boullón atopou unha charca preto de Xuño pero afastado da franxa litoral, a 222 m de altitude, na cuadrícula MH9923.

Durante os traballos de prospección do SARE (Seguimento de Anfibios y Reptiles de España), coa que a S.G.H.N. está a colaborar coa Asociación Herpetológica Española, o día 03-04-2011 atopouse unha larva de sapo de esporóns na Lagoa da Bodeira, na cuadrícula NH0702, bastante alonxada das outras cuadrículas onde se atopou a especie, que son a NG1099, NH1000, NH1001, NH0901 e NH1200, todas elas na contorna do Istmo da Lanzada, agás a última que está en Rouxique. Nesta localización non se volveu a atopar a especie, pero pode ser tamén pola dificultade de prospección na lagoa; habería que tratar de localizar algunha charca próxima máis propicia para a cría da especie.

Estes datos, unidos á localización do sapo de esporóns na Serra da Groba por parte de Afonso Rodríguez no ano 2012 veñen a dar unha certa esperanza á salvación da especie, sempre e cando se protexan as someras e fráxiles charcas que utiliza para as súas postas. Haberá que facer un seguEmento a estes novos puntos de cría e seguir tratando de localizar outros novos.

Imaxe: Larva de sapo de esporóns (Pelobates cultripes).

BIBLIOGRAFÍA

  • BALADO, R., BAS, S. & GALÁN, P. 1995. "Anfibios e réptiles" in: Atlas de vertebrados de Galicia (Tomo I). Consello da Cultura Galega - Sociedade Galega de Historia Natural. Santiago de Compostela: 85-170.
  • GALÁN, P., CABANA, M. & FERREIRO, R. 2010. Estado de conservación de Pelobates cultripes en Galicia. Boletín da Asociación Herpetológica Española nº21. Madrid: 90-99.
  • GALÁN, P. 2010. Plan integral de conservación de los anfibios amenazados de Galicia. Xunta de Galicia. A Coruña: 5-7.
  • REY MUÑIZ, X.L. 2011. Pelobates cultripes (Cuvier, 1829) in Atlas dos Anfibios e Réptiles de Galicia. Sociedade Galega de Historia Natural. Santiago de Compostela: 34-35.

 

Pelobates cultripes no Baixo Miño

Despois de moitos anos sen novas, por fin dou sinais de vida o sapo de esporóns (Pelobates cultripes) pola bisbarra do Baixo Miño, máis concretamente na Serra da Grova, redescubrimento feito por Afonso Rodríguez González.

Trátase da especie de anfibio de distribución máis restrinxida en Galicia, con soamente 14 cuadrículas Atlas dos Anfibios e Réptiles de Galicia publicado pola Sociedade Galega de Historia Natural. É o primeiro achado desta especie na zona sur da provincia de Pontevedra en moitos anos, a pesares de ser buscada moi intensamente. Hai que darlle os parabéns a Afonso polo descubrimento e haberá que seguir prospectando pola zona e un pouco máis cara ao sur por se hai sorte e podemos atopar novas poboación.

Máis información no seguinte enlace da Asociación Naturalista “Baixo Miño” (ANABAM):  http://www.anabam.org/pelobates%20cultripes.html

 

1ª ACTUALIZACIÓN DO ATLAS DOS ANFIBIOS E RÉPTILES DE GALICIA (2011)

Nesta primeira actualización do Atlas dos Anfibios e Réptiles de Galicia, e unha vez acumulados os datos obtidos durante o ano 2.011 aos rexistrados ata setembro de 2.010, sumamos 9.163 datos totais para 3.760 datos non repetidos (41%). De anfibios obtivéronse 5.668 datos , dos cales 2.124 (37%) foron datos non repetidos, e de réptiles 3.495 datos totais aos que lles corresponden 1.636 datos non repetidos (47%).

Como datos máis salientables, no que respecta aos anfibios habería que destacar unha cita de ra vermella (Rana temporaria) no concello de Meis, na provincia de Pontevedra, sendo unha cita desta provincia especialmente cercana á costa e de moi baixa altitude, xa que as anteriores citas procedían do entorno de Silleda e A Estrada.

No referente aos réptiles, e dentro das especies con menos datos no Atlas, destacar as dúas citas novas de esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai), especialmente unha no concello de O Grove, xa que ista especie sufriu no litoral un forte descenso na súa distribución. Tamén de destacar unha cuadrícula nova de lagartixa da braña (Zootoca vivipara) no concello de Mañón e outra cuadrícula nova de escáncer cego (Blanus cinereus) no concello de Cualedro. Con respecto as cobras salientar unha cita de cobregón (Malpolon monspessulanus) no concello de Touro, preto de Santiago, así como seguimos sen cita ningunha de víbora fuciñuda (Vipera latastei) na zona suroccidental da provincia de Ourense (entorno do Xurés), a pesares das frecuentes visitas pola zona, o que da idea da escaseza da especie.

Cada semana irase incorporando, por orde taxonómica, a ficha actualizada dunha especie en PDF que se poderá descargar dende o listado que figura despois das táboas de datos por especie

CLASE: AMPHIBIA

 

 

 

CLASE: REPTILIA

 

ATLAS DOS ANFIBIOS E RÉPTILES DE GALICIA

Despois de seis anos de traballo, por fin saíu á rúa o Atlas dos Anfibios e Réptiles de Galicia, editado pola Sociedade Galega de Historia Natural, que ven a ser unha actualización do primeiro Atlas de Vertebrados de Galicia referido aos nosos herpetos. Gracias ao esforzo de 120 altruístas colaboradores para a obtención de 5.426 datos de anfibios e 3.224 de réptiles.

A obra está composta por un limiar do presidente da S.G.H.N. Serafín González Prieto, unha introdución de Xosé Lois Rey Muñiz e Moisés Asensi Cabirta na que se especifica a metodoloxía do Atlas e unhas primeiras conclusións, un texto de Santi Bas López, que foi un dos coordinadores do primeiro Atlas, referido aos vinte anos de período inter-atlas, e finalmente os textos das catorce especies de anfibios e vinteseis de réptiles da nosa xeografía, realizados por Manuel Arzúa Piñeiro, Moisés Asensi Cabirta, César Ayres Fernández, Martiño Cabana Otero, Xabier Prieto Espiñeira e Xosé Lois Rey Muñiz.

Os textos das especies están estruturados en seis apartados: Distribución mundial; distribución en Galicia; comparativa co anterior Atlas; hábitat; poboación, ameazas e conservación; catalogación. A representación está feita de tal forma que nun só mapa aparecen os datos do presente Atlas, os datos do Atlas anterior e os datos bibliográficos.

PUNTOS DE VENDA DIRECTA (prezo 9,95 € c/u)

FERROL

  • Sede da SGHN-Delegación de Ferrol: Casa do Coronel. Praza de Canido s/n. 15401 Ferrol.

OURENSE

  • Librería Tanco. Rúa Cardenal Quevedo, 22.
  • Livraría Torga. Rúa da Paz, 12.

PONTEVEDRA

  • Librería Michelena: Rúa Alamenda, 14.

SANTIAGO DE COMPOSTELA

  • Libraría Couceiro: Praza de Cervantes, 6.
  • Librería Abraxas: Rúa Montero Ríos, 50

VILAGARCÍA DE AROUSA

  • Libraría Páxinas. Rúa Fariña Ferreño, 23.
  • Papelería Arines. Rúa Gumersindo Nartallo, 9.

VENDA POR CORREO (prezo 9,95 € c/u + gastos de envío)

Pedidos ao enderezo electrónico sghn@sghn.org:

  • Pago por transferencia bancaria á conta 2013-1843-54-0200076530: Prezo 12,00 € gastos de envío incluidos.
  • Pago por contrareembolso: Prezo 18,10 € gastos de envío incluidos.

 

PRESENTACIÓN DO “ATLAS DOS ANFIBIOS E RÉPTILES DE GALICIA”

A presentación tivo lugar o 16 de setembro de 2011, a partires das 20:30 horas, no Salón de Actos do novo local da SGHN-Ferrol na ”Casa do Coronel” (Praza de Canido, s/n), cunha grande asistencia de público.

 

 

Descuberta unha poboación de Osga (Tarentola mauritanica) en Vilagarcía de Arousa

A osga é un saurio de mediano tamaño que, aínda que pode acadar os 19 cm de lonxitude total, non soe sobrepasar os 15 cm, dos cales a metade corresponden á cola. Tanto a cabeza como o corpo (incluso a base da cola) están aplanadas.

A cola e o corpo teñen multitude de tubérculos aquillados que lle dan un aspecto espiñento. Os dedos, anchos e redondeados na súa punta, posúen unhas laminiñas que fan o efecto de ventosas, sendo visibles soamente as uñas do terceiro e cuarto dedo. Os ollos presentan, de día, a pupila vertical, o que da unha indicación dos seus hábitos crepusculares. A súa coloración é pardo grisácea (especialmente críptica no hábitat que frecuenta) máis ou menos clara segundo incluso a hora do día, e cunhas bandas transversais algo máis escuras, especialmente na cola.

Na súa distribución orixinaria é unha especie de hábitos lapidícolas, aparecendo en rochedos, pedregais, afloramentos rochosos e incluso troncos de árbores. Sendo unha especie bastante antropóxena, é moi habitual atopala en muros de casas onde, especialmente pola noite á luz dos farois, é doado observalas na procura de insectos, base da súa alimentación.

A súa distribución mundial comprende todos os países ribeireños mediterráneos, aparecendo por todo o norte de África e desde Grecia ata a Península Ibérica en Europa. En España a maioría das poboacións están no centro, sur e leste, así como nas Baleares, faltando ou habendo moi poucas citas na zona cantábrica. En Galicia, segundo o Atlas de Anfibios e Réptiles de Galicia que a Sociedade Galega de Historia Natural está a piques de publicar, hai citas na provincia de Ourense, nas comarcas de Valdeorras, de Verín e na capital da provincia. Ademais, non é rara a aparición de individuos illados procedentes de introducións accidentais na provincia de Pontevedra (Vigo, Tui,…) cun vector de transmisión que pode ser o tren, os barcos ou as caixas de froita.

Nembargantes, o pasado día 27 de marzo, e grazas ás indicacións de Diego Manuel Diz Meixús (Integrante da Unidade de Recollida de Animais do concello de Vilagarcía de Arousa, co que hai unha estreita relación na captura e posterior solta de exemplares de cobras que aparecen en vivendas e que dan aviso ao Servizo de Emerxencias), foi descuberta unha poboación de osga nunha parroquia deste concello costeiro. A poboación, aínda supondo que o máis probable é que proceda dunha introdución accidental, como o resto dos outros datos da provincia de Pontevedra, si ten unha diferenza sustancial, e é que está composta polo menos por 12  individuos (10 adultos e 2 xuveniles de diferentes tamaños e idades), o que pode dar a pensar que se trata dunha poboación consolidada e que moi probablemente críe na zona. A situación da poboación ubícase a máis de 2 km do porto e da estación do tren.

Haberá que facer posteriores estudos de poboación, comportamento e xenéticos para poder comprobar máis exactamente o tamaño real da poboación, a verificación ou non da cría e, de ser posible, a orixe xeográfica dos individuos.


PARA PROTEXER UNHA POBOACIÓN DE PÍNTIGA RABILONGA
Modificado un proxecto de estrada en Caritel (Pontevedra)

Cando as cousas se fan ben e as administracións actúan como deben, os estudios de avaliación de impacto ambiental (AIA) revélanse como unha ferramenta decisiva para protexer o patrimonio natural. Un exemplo recente é o acontecido coa modificación dunha rotonda da estrada Forzáns-Ponte Caldelas-A Lama en Caritel (Pontevedra) para salvar o hábitat ocupado por unha poboación de píntiga rabilonga (Chioglossa lusitanica), endemismo mundial existente só no noroeste da península ibérica.

Neste caso, ademais, á boa nova dun estudio de avaliación de impacto ambiental ben elaborado e ó que a administración fai caso, únese tamén o feito de que a prensa deu unha ampla e boa cobertura á información como se pode ver en http://www.lavozdegalicia.es/pontevedra/2011/01/11/0003_8957985.htm. Un arquivo PDF da noticia pódese descargar tamén aquí.

 

PROTOCOLO PROGRAMA AVG-II (Anfibios e Réptiles)

LIMIAR E ANTECEDENTES

Dentro do traballo de investigación de base que desenvolve a SGHN, na liña do Atlas de Vertebrados de Galicia, Censos de Aves Invernantes e Atlas de Insectos de Galicia, pasados vinte anos do remate do 1º Atlas, evidenciase o interese de retomar unha revisión do mesmo.

Dentro do espíritu inicial do primerio Atlas, a recollida de datos e a elaboración do mesmo está aberta ó maior número de persoas posible, vinculadas ou non á SGHN.

PROXECTO

OBXECTIVOS

  • Establecer o cartografiado das distintas especies que compoñen a herpetofauna do noroeste de Península Ibérica. Esta labor realizarase en catro anos, de 2.005 a 2.008, recollendo os últimos datos e publicando o Atlas no ano 2.009.
  • Publicar a información obtida en cuadrículas UTM de malla 10 x 10 km, recollendo, aparte do cartografiado, características biolóxicas, ecolóxicas e etolóxicas de cada especie, tal como se realizou no 1º Atlas de Vertebrados de Galicia.
  • Manter un banco de datos para sustentar posteriores investigacións, tanto propias como alleas.
  • Como resultado da información recollida, potenciar os estudios de biodiversidade herpetolóxica.

BENEFICIOS DO PROXECTO

  • Establecer o coñecemento básico da herpetofauna galega.
  • Incrementar o coñecemento da biodiversidade.
  • Crear un catálogo para establecer investigación de base e crear punto de partida para outros estudios.
  • Dispor de información para plantexar plans de conservación.
  • Dispor de información para priorizar a protección do espacio e os espacios protexidos.
  • Promocionar o interese dunha das partes da zooloxía máis sensible ós cambios ambientais e á desaparición das zonas húmidas.

METODOLOXIA

  • Os colaboradores:
    A presente investigación baséase no fornecemento de datos tanto por parte de herpetólogos profesionais como non profesionais. Este sistema foi o empregado en anteriores traballos desta Sociedade e é un sistema bastante extendido e habitual (ASHER et al., 2001; PLEGUEZUELOS, et al., 2002).
  • Técnicas de traballo:
    Para unificar obxectivos, criterios taxonómicos e recopilación dos datos, elaboróuse un Protocolo de Traballo que é entregado a cada colaborador. Este protocolo recolle a taxonomía de referencia, validación de datos, interpretación do cartografiado UTM, aspectos éticos, etc.
    O sistema de referenciación cartográfico elexido é a Proxección Universal Transator Mercator (UTM) e a malla a de 1 km x 1 km para o rexistro de datos, e a de 10x10 km para a súa publicación, estándar para este tipo de estudios (ASHER, 2001; GARCÍA VILLANUEVA et al, 1997).
    A xeorreferenciación faise mediante GPS e cartografía 1:25.000 do IGN.
    Farase unha revisión dos datos recibidos por un comité de expertos para detectar posibles erros na identificación de certas especies.
  • Métodos de mostraxe
    Determinación previa mediante cartografiado do IGN 1:25.000 de áreas húmidas e espacios potenciais para as distintas especies de réptiles.
    Mínimo de dúas visitas por cuadrícula en diferentes épocas do ano.
    Identificar as especies atropeladas, especialmente réptiles, de maior dificultade de mostraxe.
    Ó obxecto de comparar os datos obtidos no primeiro atlas co actual é para correxir as diferencias de esforzo de mostraxe, Escolléronse unha serie de cuadrículas, razoablemente ben prospectadas no 1º AVG, para facer un especial seguimento que permita comparar a evolución da situación dos hérpetos no noroeste penínsular.
    Por outra banda temos que ter en consideración a relación esforzo/resultado de prospección, xa que debemos decidir se interesa máis:
    i) Poucas cuadrículas ben coñecidas.
    ii) Moitas cuadrículas con menor coñecemento.
    Tratándose dun Atlas, interesa unha idea global e o esforzo está dirixido á opción ii). É prefirible ter cen datos repartidos en cinco cuadrículas que cen datos en dúas cuadrículas, o primeiro caso proporciona unha idea de distribución. Aínda que queden áreas sen indicar a presencia dunha ou más especies, é esperable que esa especie sexa detectada noutra cuadrícula, obtendo en conxunto unha aproximación á realidade.
  • Método de planificación da mostraxe
    No remate de cada tempada de traballo, remítese ós colaboradores un resume do estado de prospección por cuadrícula e grupo de traballo, ó obxecto de coñecer o estado resultante das prospección de cada ano e planificar os lugares principais do ano seguinte. Aconséllanse que estes lugares se elixan en función das cuadrículas con menor cobertura. Debemos ter en consideración que algúns colaboradores optan por se concentrar en determinadas áreas e que isto aporta igualmente información válida ó Atlas.

RECOLLIDA E VALIDACIÓN DE DATOS

  • Sistema de ficha normalizado para facilitar a recollida de datos.
  • Arquivo informático para facilitalo seu envío en formato electrónico.
  • Os datos fornecidos pasan por unha primeira peneira, baseada en dous criterios de aceptación:
    • Os datos subministrados cumpren os mínimos requeridos.
    • Non menos importantes son as garantías dunha correcta determinación. Existe un comité de expertos para revisar a información recibida.

CRITERIOS ÉTICOS E LEGÁIS PARA A CAPTURA DE ESPECIES

A captura dos hérpetos debe realizarse evitando danos innecesarios ós animais e liberando os exemplares capturados, salvo autorizacións administrativas específicas das autoridades competentes.
A lexislación actual sobre a captura de anfibios e réptiles esixe unha autorización administrativa para a captura e manexo destes grupos. A SGHN, para quen o solicite con destino a colaborar neste traballo, xestionará perante a administración a obtención desta autorización

Taboa_Reptilia

Taboa_Amphibia

COMO INTERPRETAR UN CARTOGRAFIADO U.T.M.

Presentamos unhas breves indicacións para interpreta-lo cartografiado que estamos a empregar. Esta información pódese ampliar no excelente traballo “Cartografiado biológico” de Pascual, F & Monserrat, V.J. in Bases para un curso práctico de Entomología de la AeE.
Para identificar unha cuadrícula, podemos usar un mapa topográfico ou un GPS (teñen doble opción: sistema UTM ou lonxitude/latitude). Os mapas modernos do Instituto Geográfico Español ou do Ejercito Español, veñen marcados coas cuadrículas UTM correspondentes. Se tomamos un mapa topográfico de escala 1:25.000, veremos que o reticulado trae uns números en cada columna do eixo de abcisas e outros no eixo de ordeadas (segundo o ano de edición do mapa, hai lixeiras variacións).
As tres primeiras cifras do eixo de ordeadas e as dúas primeiras de abcisas identifican á cuadrícula de 100x100 km. Estas cifras usualmente son transcritas cun código de letras, que é o indicado no mapa anexo. A cuarta e terceira cifra (ordeadas e abcisas, respectivamente) indican a cuadrícula 10x10 km e así sucesivamente, podendo detallar ata o mm ou máis (posible, pero non práctico). A numeración vai do 0 ó 9, tanto no eixo de ordeadas como no de abcisas.
Para identificar numéricamente unha cuadrícula, indicaremos o huso e a súa división transversal (29T para Galiza), seguido das letras equivalentes as cifras explicadas antes.

NH: referencia cuadrícula 100x100 km (equivalente a 05 46)
72: referencia unha cuadrícula de 10x10 km
7229: referencia unha cuadrícula de 1x1 km
723291: referencia unha cuadrícula de 100 x 100 metros.

Todo seguido (que é a forma correcta de escribilo) 29TNH723291. Tamén podemos atopar outra forma de transcripción, que sería a habitual nun GPS, aínda que serían dúas liñas con sete díxitos cada unha (darían a localización dunha cuadrícula de 1 x 1 m.).

05723
46291

Nótese que a numeración vai intercalándose e que existe unha equivalencia entre NG e as dúas primeiras cifras (05 e 46). Se collemos un mapa Topográfico de escala 1:25.000, tendremos en conta que o cero non vai aparecer, pero que o debemos transcribir para evitar erros de interpretación. As vantaxes esenciais sobre outros sistemas son dúas:

  • As divisións porporcionadas polo sistema latitude/lonxitude non son iguais, sendo de maior superficie cara ó ecuador e de menor tamaño cara a os polos, dificultando a interpretación da cantidade de especies por zona. O sistema UTM está baseada no sistema métrico decimal. No recente traballo de Kudrna (2002), The Distribution Atlas of European Butterflies, a distribución baséase no sistema tradicional sexagesimal (latitude/lonxitude), o que dificulta a comparación entre publicacións ó uso de este excelente traballo (Munguira, 2002).
  • O método de cuadrados do sistema UTM permite saltar dunha escala a outra sen problemas.
Mapa_Total

A PUBLICACIÓN DOS DATOS

As informacións previas publicaranse en boletíns informativos e na páxina web da SGHN (www.sghn.org) para facilitar o seguimento e evolución do estudio. Alomenos presentarase ós colaboradores un informe anual, resumindo a situación e marcando obxectivos preferenciais para o ano seguinte. Está previsto adicar dende 2005 a 2008 á recollida de datos de campo e encetar a redacción no 2009, aproveitando este ano, na medida do posible para recoller os últimos datos.
A publicación tratará cada especie individualmente como un artigo, sinando a redacción de cada artigo a persoa/s que o redacten, tal como se fixo no primeiro AVG. Debemos lembrar que outro dos obxectivos do proxecto e crear unha base de datos, polo que a recollida de rexistros continuará despois das publicacións co obxecto de ampliar información e contrastar a evolución das poboacións dos grupos analizados.

Mapa_Amphibia Mapa_Reptilia

¿QUEN SINA A PUBLICACIÓN?

Os criterios para elixi-las persoas que redactarán os artigos que comporán a publicación son os seguintes:
  1. Terán prioridade para redactar e firma-los traballos aquelas persoas que aportaran datos. No caso de quedar especies sen un redactor interesado nelas, optariase por abri-la participación a persoas que non aportaran previamente rexistros.
  2. Segundo a relación de especies a tratar e as persoas interesadas na redacción, repartiranse os artigos.
  3. No caso de houber máis persoas que artigos potenciais, terán prioridade aquelas persoas que máis rexistros forneceran.
  4. Manterase un criterio de repartir porcentualmente as especies a redactar co número de rexistros fornecidos. Para abri-la participación ó máximo de autores usarase un criterio de ponderación positiva*
  5. Aquelas persoas que aporten menos do 1% do total de citas dunha especie, quedarían excluídas, agás que quedasen especies sen redactor.

Ponderación positiva: (10*n)+(1*s), sendo n o número cuadrículas non repetidas por especie (independentemente de que outra persoa tamén aporte a mesma especie/cuadrícula) e s o número de citas por cuadrícula e mesma especie.

LISTADO DE TAXAS A EMPREGAR

Para facilita-la identificación das especies, relacionamos as taxas a empregar. O autor corresponde ó taxon da subespecie nominal, no caso de haber varias.

CLASE: AMPHIBIA

  • ORDEN: URODELA O CAUDATA
    • Familia: Salamandridae
      • Chioglossa lusitanica (Bocage, 1.864)
      • Salamandra salamandra (Linnaeus, 1.758)
      • Triturus marmoratus (Latreille, 1.800)
      • Lissotriton boscai (Lataste, 1.879)
      • Lissotriton helveticus (Razoumowsky, 1.789)
  • ORDEN: ANURA
    • Familia: Alytidae
      • Alytes obstetricans (Laurenti, 1.768)
      • Discoglossus galganoi (Capula, Nascetti, Lanza, Buini & Crespo, 1.985)
    • Familia: Pelobatidae
      • Pelobates cultripes (Cuvier, 1.829)
    • Familia: Bufonidae
      • Bufo bufo (Linnaeus, 1.758)
      • Bufo calamita (Laurenti, 1.768)
    • Familia: Hylidae
      • Hyla arborea (Linnaeus, 1.758)
    • Familia: Ranidae
      • Rana iberica (Boulenger, 1.879)
      • Rana temporaria (Linnaeus, 1.758)
      • Pelophylax perezi (Seoane, 1.885)

CLASE: REPTILIA

  • ORDEN: CHELONII
    • Familia: Emydidae
      • Emys orbicularis (Linnaeus, 1.758)
      • Trachemys scripta (Schoepf, 1.792)
    • Familia: Bataguridae
      • Mauremys leprosa (Schweiger, 1.812)
  • ORDEN: SQUAMATA
    • Familia: Gekkonidae
      • Tarentola mauritanica (Linnaeus, 1.758)
    • Familia: Scindidae
      • Chalcides bedriagai (Boscá, 1.880)
      • Chalcides striatus (Cuvier, 1.829)
    • Familia: Lacertidae
      • Iberolacerta galani (Arribas, Carranza & Odierna, 2006)
      • Iberolacerta monticola (Boulenger, 1.905)
      • Lacerta schreiberi (Bedriaga, 1.878)
      • Podarcis bocagei (Seoane, 1.884)
      • Podarcis hispanica (Steindachner, 1.870)
      • Podarcis muralis (Laurenti, 1.768)
      • Psammodromus algirus (Linnaeus, 1.758)
      • Psammodromus hispanicus (Fitzinger, 1.826)
      • Timon lepidus (Daudin, 1.802)
      • Zootoca vivipara (Jacquin, 1.787)
    • Familia: Anguidae
      • Anguis fragilis (Linnaeus, 1.758)
    • Familia: Amphisbaenidae
      • Blanus cinereus (Vandelli, 1.797)
    • Familia: Colubridae
      • Rinechis scalaris (Schinz, 1.822)
      • Coronella austriaca (Laurenti, 1.768)
      • Coronella girondica (Daudin, 1.803)
      • Malpolon monspessulanus (Hermann, 1.804)
      • Natrix maura (Linnaeus, 1.758)
      • Natrix natrix (Linnaeus, 1.758)
    • Familia: Viperidae
      • Vipera latastei (Boscá, 1.878)
      • Vipera seoanei (Lataste, 1.879

BIBLIOGRAFÍA

  • Balado Fernández, R., Bas López, S., & Galán Regalado, P. 1995. Anfibios e réptiles In Sociedade Galega de Historia Natural. Atlas de Vertebrados de Galicia. Ed. Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela. Tomo I : 65-170.
  • Galán Regalado, P. & Fernández Arias, G. 1993. Anfibios e Reptiles de Galicia. Edicións Xerais de Galicia. Vigo. 501 pp.
  • Pleguezuelos, J.M. et al. 2.003. Atlas y Libro Rojo de los Anfibios y Reptiles de España. Mº de Medio Ambiente. Madrid. 587 pp.
  • Salvador, A. (Coordinador), 1997. Reptiles. En Fauna Ibérica, Vol 10. Tamos, M.A. et al. (Eds.) Museo Nacional de Ciencias Naturales CSIC. Madrid. 705 pp.

ENDEREZOS DE CONTACTO

Sería interesante que todos os posibles colaboradores indicasen qué cuadrículas están interesados en facer, par así adxudicarllas e canalizar ós seguintes colaboradores hacia outras cuadrículas, optimizando de esta maneira os recursos humáns de que dispoñemos.

Tódolos datos que os colaboradores queran enviar para a confección do Atlas, poderán facelo as seguintes direccións:

Correo ordinario: Apartado de correos 303. 36600 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)
Correo electrónico: herpetoloxia@sghn.org

ANEXOS

Mapa de distribución cuadrículas UTM 10x10.