Arborado urbano

As árbores son un expoente máis da insensibilidade dalgúns xestores públicos. O pouco cuidado, as podas brutais sen senso nen motivo e o abandono, son expresións do pouco respeto por estes seres vivos. As árbores acompáñannos polas rúas, reláxannos a mirada e dan vida ás masas de cemento rectilíneo das vilas.

O seu maltrato é un indicador da (in)sensibilidade e (falta de) respecto polos seres que comparten o noso día a día e tamén de nós mesmos.

Queremos manifesta-lo noso agradecemento ó libro “Árboles en la ciudad” de Martínez Sarandeses, Medina Muro e Herrero Molina (publicado polo antigo MOPT). Cando xa andabamos a voltas con estes temas, o seu descubrimento deunos un apoio moral e técnico inapreciable.

Proposta base de xestión do arborado urbán (PDF)
Colección de fotografías, Podas e danos.

O albre é o símbolo do señorío esperitual de Galiza.

O albre é un engado dos ollos pola súa fremosura; é unha ledicia dos ouvidos, porque nel cantan os páxaros; é un arrolador do esprito, porque nas súas ponlas conta contos o vento.

O albre pideulle auga ao ceo para que a terra teña sangue, vida e bonitura.

O albre danos sombra fresca no vrán e a quentura garimosa no inverno.

O albre danos as traves, o sobrado e as portas da casa. Danos a cama, o almario das sabáns e a artesa do pan. Danos o berce, o báculo da vellez e a caixa para baixar á terra.

Castelao (Sempre en Galiza)

A imaxe que dan as árbores de moitos dos nosos parques e xardíns é a de xigantes mutilados.
Esta insensibilidade non é nova nen restrixida a uns poucos concellos, máis ben é unha imaxe moi extendida por toda a nosa xeografía.

Efectos negativos das podas.

Poda na rúa Manuel del palacio (Pontevedra) 5/12/2001

Poda na rúa Manuel del palacio (Pontevedra) 5/12/2001

As árbores teñen un equilibrio entre o desenvolvemento da súa parte aérea (tronco e polas) e as raizames. Se cortamos en exceso as polas, provocaremos que a árbore non poida producir suficientes recursos alimentarios e parte das raizames se sequen, encetando un proceso de debilitamento progresivo, que pode acabar matando á árbore ou facilitar a súa caída por deficiencias no seu sistema radicular.

Outros danos
A poda agresiva e os decotes son as agresións máis evidentes, nembargantes hai outros tipos de agresións que tamén danan as árbores, só mencionaremos uns poucos

  • Buratos insuficientes para desenvolve-las raizames.
  • Gavias moi cativas que rozan a base da árbore.
  • Usa-las gavias como papeleiras.
  • Escribir na codia.
  • Roces na codia nas zonas de aparcadoiros.