Caliza, diñeiro e mentiras no P.N. da Serra de Enciña da Lastra. Outra vez!

Hai 20 anos, diante da campaña de intoxicación da opinión pública lanzada por CEDIE, SA ameazando co peche da súa industria de carburos se non se lle autorizaba a xigantesca canteira de caliza que quería abrir no corazón do actual Parque Natural da Serra de Enciña da Lastra, SGHN publicou no seu boletín Paspallás nº 25 unha nova titulada “Caliza, diñeiro e mentiras”.

O mesmo título resulta agora axeitado para a “resurección” da canteira de caliza “Pereda nº 295”, de Canteras del Noroeste, SA, que despois de moitos anos abandonada retomou as súas actividades hai 3-4 anos, malia atoparse agora no interior da ZEC, ZEPA e Parque Natural da Serra de Enciña da Lastra. Tanto a Consellería de Economía e Industria como a de Medio Ambiente deron a calada por resposta aos escritos de SGHN demandando información sobre a canteira (máis…), ata que a Valedora do Pobo lles forzou a respostar (PDF) conforme a lexislación que garante o dereito de acceso dos cidadáns á información ambiental (Directiva 2003/4/CELey 27/2006).

Na súa resposta á Valedora do Pobo, a Consellería de Economía e Industria aseguraba que O titular presentou anualmente o plan de labores legalmente esixido, realizándose as correspondentes visitas de inspección por parte de funcionarios da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense. Pero cando SGHN pediu copia dos plans de labores e das actas de inspección dende a declaración do Parque Natural en 2002, a Consellería remitiu só información posterior a 2015, reiterando novamente que “… el titular del derecho minero ha venido presentando todos los años los planes de labores reglamentarios según la Ley 22/1973 de Minas Todos los años, desde esta Jefatura Territorial de la Sección de Energía y Minas de Ourense … se han realizado las correspondientes inspecciones técnicas, dando lugar en su caso, a requerimientos de subsanación o prescripciones”.

Pero a información recollida nas visitas de campo realizadas por diversos equipos de SGHN á zona dende a declaración do Parque Natural, as testemuñas de veciños de Vilar de Silva (a canteira atópase no seu monte comunal) e as imaxes oficiais do Plan Nacional de Ortofotografía Aérea (descargadas da propia web da Xunta de Galicia) demostran, sen lugar a dúbidas, que a canteira estivo sen actividade alomenos entre 2006 e 2011 (realmente ata unhas semanas ou meses antes das fotos aéreas de 2014).

Estes feitos supoñen que a Consellería de Economía e Industria (ou alomenos a súa Xefatura Territorial da Sección de Enerxía e Minas en Ourense) faltou á verdade na súa resposta á Valedora do Pobo e SGHN, e que Canteras del Noroeste, SA podería ter incurrido en causa de caducidade da concesión segundo o establecido na Ley 22/1973 de Minas que establece que:

  • “Artículo 18.2. Anualmente deberá presentarse un plan de labores ante el organismo que concedió la autorización. La falta de presentación de dicho plan será sancionada con multa, pudiendo acordarse, en caso de reincidencia sin causa justificada, la caducidad de la autorización”.
  • “Articulo 83.4. Las autorizaciones de explotación de recursos de la Sección A) … se declararán caducadas por mantener paralizados los trabajos más de seis meses sin autorización de la Delegación Provincial correspondiente del Ministerio de Industria”.

Por estes motivos, ademais de informar á Valedora do Pobo (PDF), SGHN ven de solicitar ao Conselleiro de Economía, Emprego e Industria (PDF) que de acordo coas súas competencias e obrigas:

  • Ordene que se comprobe a existencia e autenticidade da documentación que debería ter presentada o titular da explotación no período 2006-2014 e se inicien todas as actuacións para que se depuren as posibles responsabilidades legais na Xefatura Territorial do Servizo de Enerxía e Minas de Ourense e/ou na Dirección Xeral de Enerxía e Minas polas respostas á Valedora do Pobo e á SGHN e as posibles deixacións de funcións na aplicación da Ley 22/1973 (artigos 18.2 e 83.4).
  • Ordene que se comecen os trámites para declarar a caducidade da autorización do aproveitamento por incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 18.2 e 83.4 da Ley 22/1973 de Minas.