Comunicado de SGHN sobre os eucaliptos

A Lei 42/2007 e o Real Decreto 630/2013 definen como “especie exótica invasora” a “especie exótica que se introduce ou establece nun ecosistema ou hábitat natural ou seminatural, e que é un axente de cambio e ameaza para a diversidade biolóxica nativa, xa sexa polo seu comportamento invasor, ou polo risco de contaminación xenética”. Así mesmo, o Regulamento UE nº 1143/2014 establece que “especie exótica invasora” é “unha especie exótica da cal a súa introdución ou propagación teña demostrado ser unha ameaza ou ter efectos adversos sobre a biodiversidade e os servizos asociados dos ecosistemas”.

Todas as especies de eucaliptos son orixinarias de Australia e illas próximas. A súa expansión no resto do mundo débese á intervención humana. Xa que logo, todos os eucaliptos en Galicia son especies exóticas.

Está ben estudiada e documentada para Galicia e Portugal a capacidade de Eucalyptus globulus para colonizar áreas fóra das plantacións e de auto-propagarse (naturalización) dentro das plantacións e nos seus bordos. Así, téñense detectado densidades moi elevadas de propágulos na contorna das plantacións (sobre todo nunha franxa de 15 m, pero con colonizacións ata 80 m de distancia), presenza de plántulas no 60% dos transectos ao longo de estradas, e que tanto a propagación como o establecemento vense moi favorecidas polos lumes. Polo tanto, tendo en conta a magnitude da superficie hoxe ocupada polos eucaliptos (425.000 ha en masas puras o mixtas), a súa ampla dispersión polas tres provincias costeiras, a elevadísima incidencia dos lumes forestais (a metade dos de toda España en menos do 6% da superficie), e a extensa rede de estradas (case 50.000 km), en Galicia danse as condicións perfectas para que os eucaliptos amosen toda a súa capacidade invasora.

Está así mesmo ben documentado que os eucaliptos son un axente de cambio e unha ameaza para a biodiversidade autóctona e os ecosistemas naturais. Xa que logo, todos os eucaliptos en Galicia son especies exóticas invasoras e SGHN considera que:

  • Se deben incluír no Catálogo español de especies exóticas invasoras.
  • As administracións deben iniciar as actuacións para o seu control e posterior erradicación.

Agora ben, cómpre tamén ter en conta a realidade galega e a situación socioeconómica en relación coas plantacións de eucalipto, polo que deberían adoptarse as disposicións precisas e os prazos suficientes para minimizar o efecto económico sobre os propietarios das explotacións e a industria.

            Por todo o anterior e  SGHN considera imprescindible que, dende xa, as administracións deben:

  • Prohibir novas plantacións de eucaliptos en toda Galicia.
  • Eliminar os eucaliptos en todos os terreos de propiedade pública.
  • Esixir a eliminación de todas as plantacións de eucaliptos que non se axusten á normativa legal vixente.
  • Incentivar a eliminación de todos os eucaliptos nos espazos naturais protexidos.
  • Permitir a explotación ata final de turno de corta no resto das plantacións actuais, exercendo un control exhaustivo para evitar a súa expansión ás áreas colindantes.
  • Planificar unha redución progresiva da superficie actualmente ocupada por plantacións de eucalipto para garantir a súa erradicación nun horizonte temporal realista.

 Para saber máis: