logo
 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO
line decor
 

 

 

 
 
 
 

 

Proxecto de mina de ouro en Corcoesto:
Ameaza para a saúde humana e a dos ecosistemas

Escravos da codicia, encadeados ao ouro.

Proyecto de mina de oro en Corcoesto:
Amenaza para la salud humana y los ecosistemas


Corcoesto gold mine project:
A threat for the human and environmental health
Corcoesto: Ouro, Arsénico e Mentiras (PDF)
1ª ACTUALIZACIÓN
http://www.change.org/petitions/que-non-arrasen-galicia-paremo-la-megaminería-contaminante

 

 

Salvemos Galicia da mega-minería: Video en apoio da campaña en Change.org

Santiago de Compostela, 21-05-2013

Coa inestimable participación de Sabela Arán, Fernando González "Gonzo", Carlos Blanco, Serafín González, Víctor Mosquera, Suso de Toro, Ramón Varela, Fernando Vázquez, Javier Veiga e Luis Zahera, ven de facerse público o video "Salvemos Galicia da megaminería", no que Cristina Sanz se encargou da realización e que está dispoñible en http://www.youtube.com/watch?v=pQvms6lmYec

APOIA A CAMPAÑA ASINANDO A PETICIÓN EN http://www.change.org/petitions/que-non-arrasen-galicia-paremo-la-megaminería-contaminante

 

A Confederación proxecta novas actuacións no río Limia

Contraproducentes, contrarias ao Plan Hidrolóxico e fóra das súas competencias

Versión en castellano

Ourense-Santiago de Compostela, 16-05-2013

Co pretencioso título de “Actuacións de mellora do Dominio Público Hidráulico e da capacidade de desaugue do río Limia ao seu paso polo tramo urbano de Xinzo de Limia (Ourense)”, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) sacou a información pública un novo proxecto que afecta ao río Limia. SGHN, non sen dificultades, conseguíu acceso á información e preparou e presentou as correspondentes alegacións e consideracións.

En primeiro lugar, constatose o déficit de transparencia e boas prácticas da CHMS neste caso: ao contrario doutras ocasións recentes, o proxecto non estivo a disposición da cidadanía na web da CHMS. Conseguir unha copia dixital costou 9,16 EUR de taxas, chamadas telefónicas e tempo de xestión de xente que non vive desto.

En canto ao proxecto en si, trátase da construcción dunha pasarela peonil e da ampliación dunha ponte para o tráfico rodado; adicionalmente contémplanse medidas de mellora ambiental no río (retirada de sedimentos, reparación de noiros, eliminación de especies invasoras, ...). Ao respecto, SGHN considera:

  • Que tanto a pasarela peonil como a ampliación da ponte (sen poñer en dúbida a súa importancia e/ou necesidade) non son infraestruturas hidráulicas e, polo tanto, a actuación neste ámbito non compete á Confederación Hidrográfica, debendo ser asumida por outras administracións.
  • Que a retirada de sedimentos e reparación de noiros amosan o fracaso reiterado de obras semellantes realizadas anteriormente e inciden, xa que logo, nos mesmos erros. Incluso pódese afirmar que son contrarias á Directiva Europea 2000/60/CE e ao propio Plan Hidrolóxico da Demarcación Miño-Sil.
  • Que o proxecto inclúe a loable retirada de especies invasoras; así e todo, tamén contempla revexetacións con especies foráneas potencialmente invasoras. Ademais, as recentes actuacións da CHMS no río Limia engaden dúbidas razoables a este punto: realizáronse desbroces e eliminouse vexetación autóctona, mentres que se mantiveron, por exemplo, exemplares de especies exóticas tan perigosas como Cortaderia selloana (Herba da Pampa).

Foto: Mata de herba da Pampa (Cortaderia selloana) nun treito do río ao seu paso por Xinzo de Limia onde a Confederación, supostamente, acababa de facer labores de limpeza e eliminación de especies invasoras.

En consecuencia, SGHN ven de pedirlle á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (PDF) e á Dirección General del Agua (Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, PDF) que se desestime por completo o proxecto, e pregúntase: por que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil non financia con estes fondos actuacións de futuro que resolvan os problemas da calidade e a cantidade de auga no río Limia?

Fotos: Afundimento parcial da escolleira de perpiaños como consecuencia da incisión do leito polo río Limia (froito en parte dos continuos dragados)
que xa provocara con anterioridade o derrumbe do noiro.

 

Atlas dos Anfibios e Réptiles de Galicia
Comeza a 2ª actualización (2012)

Unha vez acumulados os datos obtidos durante o ano 2.012 aos rexistrados ata decembro de 2.011, sumamos 11.598 datos totais para 4.081 datos non repetidos (35%). De anfibios obtivéronse 7.285 datos, dos cales 2.303 (32%) foron datos non repetidos, e de réptiles 4.313 datos totais aos que lles corresponden 1.778 datos non repetidos (41%).

Moi interesantes son as dúas cuadrículas novas de sapo de esporóns (Pelobates cultripes), mentres seguimos sen obter datos de saramaganta ou píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica) pola zona sureste da provincia de Ourense.

Con respecto aos réptiles, segue habendo moi poucas citas de esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai), especialmente en zonas das Rías Baixas nas que hai datos antigos. Interesantes as dúas cuadrículas novas (PH73 e PH75) de lagartixa da braña (Zootoca vivipara) na poboación dos Ancares,e a nova cuadrícula (NH08) para a cobra lagarteira meridional (Coronella girondica) no concello de Ponteceso.

Entre os obxectivos cara a anos vindeiros poderíamos citar a localización de novas zonas de sapo de esporóns (Pelobates cultripes), esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai) e da víbora fuciñuda (Vipera latastei) pola serra do Xurés.

Cada mes iranse incorporando, por orde taxonómica, as fichas de todas as especies de unha ou máis familias en PDF que se poderán descargar dende esta web, comezando xa polas cinco especies de urodelos galegos pertencentes á familia Salamandridae.

Máis...

 

Plan Territorial Integrado da bacía do río Eume: alegacións da SGHN

Ferrol-Santiago de Compostela, 11-05-2013

Dentro do trámite de consultas no procedemento de avaliación ambiental estratéxica do “Plan territorial integrado da bacía do río Eume” recentemente rematado, SGHN presentou as seguintes consideracións, alegacións e comentarios:

  • SGHN considera necesaria e urxente a redacción e aprobación dun Plan Territorial Integrado para a Bacía Hidrográfica do Río Eume (en adiante PTI-Eume), polo que o comezo da súa realización é unha boa nova.
  • Debido á diversidade de hábitats e de condicións socioeconómicas, a bacía hidrográfica do Eume sería un ámbito privilexiado para desenvolver e implementar novos modelos produtivos baseados no desenvolvemento sostible e nas propostas do Sexto Programa de Acción da CE en materia de medio ambiente (que, ademais, poderían ser moi valiosos cara á elaboración de novos PTIs) e que sexan coincidintes coas esixencias das normativas vixentes en canto a acadar unha maior cohesión económica e social do territorio, cun enfoque claro cara a conservación dos importantes espazos naturais que o conforman.
  • O eixe vertebrador do PTI-Eume debera ser o propio Río Eume, a través do cal debéranse organizar as diferentes unidades de xestión cun criterio de interdependencia entre elas, adicando unha especial atención ao ordenamento dese 56% da superficie da bacía do Eume (26.458 ha das 47.000 ha) que, alomenos sobre o papel, goza dalgunha figura de protección legal mesmo coa categoría de Parque Natural. Neste senso, compre salientar que, malia os seus elevados valores ambientais, ditos espacios protexidos carecen lamentablemente dunha planificación axeitada o cal está a conlevar consecuencias moi negativas:
    • Merma nas condicións ambientais por mor de explotacións forestais pouco produtivas, perda de superficie dalgúns habitats prioritarios e deterioración da paisaxe.
    • Redución da calidade de vida das poboacións, o cal está a provocar un declive demográfico.
    • Abandono da funcionalidade de elementos culturais que poñen en perigo a súa persistencia.
  • No modelo de planificación deben priorizarse á hora de elaborar programas de desenvolvemento as actividades produtivas que aproveiten de xeito sustentable os recursos renovables e muden o modelo baseado no sector mineiro que, logo das case tres décadas de explotación do xacemento de lignitos, ameaza con novos proxectos como a pretendida mina de andalucita en Pico Vello (un espazo artificiosamente segregado do LIC e Parque Natural “Fragas do Eume”) e que:
    • Pon en perigo unha cunca fluvial, a do Río Belelle, e ameaza a captación de auga deste río para abastecemento humano do concello da Capela.
    • Nin siquera se cumpre os requisitos legais sobre cuadrículas mineiras.
  • Deberan definirse de xeito realista as características socioeconómicas actuais e as previsións para o futuro e en base a isto os obxectivos a acadar polo PTI-Eume.
  • Malia coincidir na opinión de que a contorna da vila de As Pontes merece unha consideración especial, semella erróneo e desafortunado que a elaboración do PTI-Eume se centre no lago artificial de As Pontes e na súa contorna pois:
    • Practicamente non abranguen ningún espazo protexido.
    • Restan aínda cinco anos de seguemento da suposta “restauración do oco da mina” para observar o comportamento da masa de auga e o seu entorno, así como a estabilidade do macizo. A propia ENDESA, responsable de dito seguemento, recoñece que ata o remate deste prazo non se poderá achegar consideración algunha sobre os resultados. Resulta arriscado edificar nun espazo do que se descoñece o seu comportamento a medio e longo prazo.
    • Mesmo está no aire a continuidade futura da actividade da central térmica debido á baixa produtividade dos últimos anos, co risco conseguinte de desmantelamento de diferentes actividades industriais subsidiarias da eléctrica.

 

A información pública outro permiso de investigación de ouro para Mineira de Corcoesto

Santiago de Compostela, 08-05-2013

No DOG de hoxe publicase o Anuncio do 1 de abril de 2013, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se somete a información pública, por un periodo de 30 días hábiles, a admisión definitiva do permiso de investigación Julia 2 número 7155, para a investigación de ouro, afíns e outros recursos da sección C) en 21 cuadrículas mineiras, unhas 600 ha, en Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso (PDF). A solicitude presentouna orixinalmente a sociedade Rio Narcea Gold Mines, S.L. (actualmente Mineira de Corcoesto, S.L.) para 45 cuadrículas mineiras, nos termos municipais de Carballo, Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso (PDF) pero con data do 2 de maio de 2012 renunciou a 24 das cuadrículas mineiras e comunicou o cambio de denominación social a Mineira de Corcoesto, S.L.

 

Un novo artigo científico corrobora a contaminación por arsénico no Anllóns debida á antiga mina de ouro de Corcoesto

Santiago de Compostela, 03-05-2013

No recente artigo científico de Devesa-Rey e colaboradores (2011) estes investigadores do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago afirman que (tradución literal do texto en cursiva, o único cambio feito por SGHN é o emprego de negriña para salientar algunhas frases):

  • "Nos arredores dos sitios de mostraxe 10 e 11, existen vastos filóns de cuarzo-arsenopirita que conteñen ouro e que foron explotados no pasado. A deposición de materiais metalíferos augas abaixo desta área podería ser a causa das elevadas concentracións de arsénico observadas neses sitios". (páx. 375) (Nota: os sitios de mostraxe 10 e 11 sitúanse augas abaixo de Corcoesto).
  • "Malia que a ocurrencia de arsénico na bacía do Anllóns está a asociada aos filóns de arsenopiritas, a súa acumulación nos sedimentos fluviais pode considerarse unha consecuencia directa das actividades mineiras e, polo tanto, asignada a orixe antropoxénica. A súa toxicidade para as poboacións bentónicas e o elevado contido de arsénico mobilizable de acordo co test de oxalato permiten considerar a este elemento como de elevada preocupación ambiental." (páx. 385).
  • "O elevado enriquecemento en arsénico, elevada extractabilidade con oxalato e toxicidade potencial para os organismos bentónicos salienta a necesidade dun cuidadoso seguemento ambiental dos sitios afectados". (páx. 385)

Foto: Entrada dunha das antigas bocaminas de Corcoesto. Imaxe cedida por "Salvemos Cabana".

Foto: Entrada dunha das antigas bocaminas de Corcoesto. Imaxe cedida por "Salvemos Cabana".

Esta publicación ven a engadirse á de Costas e colaboradores (2011), sobre os riscos sanitarios e ambientais dos elevados niveis de arsénico na bacía do río Anllóns, e á de Macías Vázquez e Calvo de Anta (2009) sobre os niveis xenéricos de referencia do arsénico para garantir a protección da saúde humana e dos ecosistemas

Tendo en conta a devandita información científico-técnica, a máis recente e detallada dispoñible, publicada por prestixiosos grupos de investigación do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC), a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela, e mesmo financiada e/ou encargada pola Xunta de Galicia nalgúns casos, SGHN ven de solicitar ao Presidente da Xunta de Galicia (PDF):

  • Que en aplicación do principio de cautela se anule a Declaración de Impacto Ambiental positiva para o proxecto Concesións de explotación “Emilita” nº 1221, “Ciudad de Landró” nº 1454 e “Ciudad del Masma” nº 1445, que forman o coñecido como “Grupo mineiro de Corcoesto” (Cabana, Coristanco e Ponteceso; A Coruña).
  • Que a Consellería de Sanidade e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas avalíen, respectivamente, o risco natural que para a saúde humana e para os ecosistemas terrestres, fluviais e mariños supoñen as elevadas concentracións naturais de arsénico na zona en que Edgewater Exploration pretende poñer en explotación a mina de ouro de Corcoesto.
  • Que a Xunta de Galicia no autoricen ningunha explotación mineira, nin movementos masivos de terras, na zona de Corcoesto en tanto non se dispoña da devandita avaliación de risco natural.
Ademais, SGHN remitiu á Defensora del Pueblo (PDF) unha copia íntegra do artigo científico solicitándolle que tamén o teña en conta na investigación de oficio que ten aberta pola mina de ouro de Corcoesto.

BIBLIOGRAFÍA CITADA

  • Macías Vázquez, F., Calvo de Anta, R. (2009). Niveles genéricos de referencia de metales pesados y otros elementos traza en suelos de Galicia. Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Xunta de Galicia).
  • Devesa-Rey, R., Díaz-Fierros, F., Barral, M.T. (2011). Assessment of enrichment factors and grain size influence on the metal distribution in riverbed sediments (Anllóns River, NW Spain). Environmental Monitoring and Assessment 179, 371–388.
  • Costas, M., Prego, R., Filgueiras, A.V., Bendicho, C. (2011). Land–ocean contributions of arsenic through a river–estuary–ria system (SW Europe) under the influence of arsenopyrite deposits in the fluvial basin. Science of the Total Environment 412-413, 304-314.

Foto: Val de Corcoesto. Imaxe cedida por "Salvemos Cabana".

Preme AQUÍ para acceder a todas as actuacións de SGHN sobre a mina de Corcoesto.

Mención á SGHN nunha pregunta á Comisión Europea sobre a mina de Corcoesto feita polo Europarlamentario Francisco Sosa Wagner

 

5 de maio, once meses despois do Día Mundial do Medio Ambiente

SGHN: 365 días ao ano estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

O Día Mundial do Medio Ambiente, creado por acordo da Asemblea Xeral de Nacións Unidas, celébrase cada 5 de xuño dende 1973.
O
Grupo Ornitolóxico Galego, xérmolo da SGHN, rematou todos os trámites para a súa legalización o 31 de agosto de 1973.

A piques de cumprir 40 anos de existencia, o GOG-SGHN é a máis veterana das organizacións de defensa ambiental galegas e unha das máis antigas de España. Cando os nosos gobernantes comezaron a decatarse da importancia do medio ambiente (creación do Ministerio e da Consellería homónimas en 1996 e 1997, respectivamente) o GOG-SGHN levaba xa case un cuarto de século estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego. Lamentablemente, para moitos políticos, incluidos os que teñen as máis altas competencias e obrigas en Santiago e Madrid, o medio ambiente non é máis que unha excusa para facerse unha foto cada 5 de xuño; non semella próximo o momento en que, como SGHN, adiquen os 365 días do ano a defender o noso patrimonio natural.

Preguntabámonos no mes de abril se a sociedade civil preocupada polo deterioro mediambiental pode facer algo máis que agardar ante a desesperante inoperancia, non se sabe ben se ignorante, incompetente ou interesada, das administración públicas. A resposta é si, e unha das alternativas artéllase mediante a custodia do territorio. Estas iniciativas, aínda pouco coñecidas pola maioría da poboación e relativamente novedosas en España  (o primeiro espacio natural custodiado data de 1975), xurdiron a finais do século XIX nos EEUU onde, a través da fundación The Trustees of Reservations, se comezaron a protexer terras de alto valor natural para uso e disfrute público.

Actualmente, en España a custodia do territorio é unha figura que aparece recollida e está regulada pola Ley 42/2007, de 13 de diciembre, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad; unha das súas características definitorias é que as actuacións adoptadas a favor da protección e conservación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico non veñen impostas por unha administración pública, senón que son acordos voluntarios e consensuados entre o propietario e a entidade de custodia, que será unha organización pública ou privada sen ánimo de lucro. É dicir, a base do acordo fundamentase na confianza entre as partes, a procura de intereses comúns e a relación igualitaria á hora de propoñer solucións ás ameazas que sofre o patrimonio natural.

Imaxe: Cartel e observatorio de aves na Lagoa de Sobrado.

A Sociedade Galega de Historia Natural, organización de defensa ambiental pioneira en moitos aspectos, tamén o foi neste ámbito. As actuacións máis relevantes en canto a custodia do territorio por parte de SGHN son:

  • En 1992, 15 anos antes de se recollera na Ley 42/2007 por vez primeira a custodia del territorio como instrumento de conservación da natureza, púxose en marcha un dos primeiros acordos en Galicia: a comunidade monacal de Sobrado cedía a unha asociación non gubernamental (SGHN) unhas terras de  alto valor ambiental para a súa xestión. Estamos a falar da lagoa de  Sobrado dos Monxes e terreos colindantes. Asinábase así un traspaso de propiedade coa única fin de conservar e poñer en valor a través de actividades divulgativas e educativas este importante humidal.
  • En  xullo de 2010  comezou a andadura da Fundación Fragas de Mandeo, integrada por SGHN, a asociación Rabo de Galo e o grupo Hábitat, entidade que ten como principal obxectivo estatutario “realizar labores de custodia do territorio na comarca das Mariñas (A Coruña) con fins de conservación da paisaxe e dos ecosistemas naturais, coa súa fauna, flora e xea asociadas, así como fomentar a custodia do territorio como fórmula para protexer a natureza e promover a súa conservación”. Para iso creouse un fondo de conservación da natureza, e coas doazóns recadadas mércanse leiras e montes para a protección dos hábitats prioritarios; ditas propiedades sempre terán que destinarse a ese fin e non se poden vender nin transmitir con outros obxectivos, incluso no caso de que se extinguira a entidade.
  • A iniciativa máis recente de espíritu conservacionista na liña do que estamos a falar lévase xestando dende hai dous anos e vaise concretar en breve coa compra por parte de SGHN dunha parcela para o desenvolvemento dun proxecto de restauración de zonas húmidas.

Todos estes proxectos mantéñense vivos gracias a dedicación altruista dos membros das asociacións impulsoras e colaboradores voluntarios que ofrecen o seu tempo libre,  entusiasmo e experiencia profesional. As cifras do “2º Inventario de iniciativas de custodia del territorio del Estado español" (2009) identificaban máis de 1.500 iniciativas por todo o país (unhas 300.000 ha), a pesar da gran dificultade que supón lograr financiación para emprender os proxectos de  conservación e restauración de hábitats. Por iso, SGHN non se cansará de mostrar a súa gratitude e animar a todos aqueles que queiran formar parte destas iniciativas (aportacións económicas, difusións dos proxectos, ...) xa que en momentos de cambio como os actuais, parece indispensable tecer redes de colaboración que sumen vontades e multipliquen solucións aos problemas que nos afectan.

SEGURO QUE XUNTOS PODEMOS ao igual que o conseguimos no pasado con outras iniciativas avanzadas ao seu tempo, como veremos o vindeiro mes no que pechará este ciclo de reseñas de días mensuais do medio ambiente.

Hoxe, os 240 días que quedan deste ano e os 365 días de cada ano,
SGHN seguirá a traballar no estudio, divulgación e defensa do patrimonio natural galego.

Acceso ás reseñas anteriores...

 

Boas novas para unha especie ameazada

Novas localidades de sapo de esporóns (Pelobates cultripes) nas poboacións costeiras

Pontevedra, 02-05-2013

O sapo de esporóns (Pelobates cultripes) é o anfibio máis escaso da nosa xeografía, sufrindo un gran retroceso con respecto á distribución rexistrada no primeiro Atlas de Vertebrados de Galicia; pasando das 20 cuadrículas nas que estaba presente a 14 no Atlas dos Anfibios e Réptiles de Galicia publicado pola S.G.H.N. no ano 2011, o que supón unha diminución dun 30 % no número de cuadrículas UTM 10x10 km rexistradas.

No concello de Ribeira, incluíndo as localidades actuais e as históricas, soamente aparecían nas cuadrículas MH9514, MH9614, MH9713, MH9811, MH9810 e MH9710, todas elas pola zona do Parque Natural de Corrubedo. Pois ben, durante as prospeccións cara á actualización do Atlas dos Anfibios e Réptiles de Galicia, o pasado día 07-04-2013, atopouse unha charca na cuadrícula MH9708, na parroquia de Aguiño, con larvas desta especie; xa nesa charca apareceran o día 12-04-2009 catro larvas de gran tamaño (uns 9 cm de lonxitude), aínda que non volveron a aparecer en visitas a esa charca durante os anos 2010, 2011 e 2012.

No concello de Porto do Son, figuraban como cuadrículas UTM 1x1 km as MH9620, na contorna da lagoa de Xuño, e MH9619 na contorna da Lagoa de Muros, ambas na zona litoral. Realizando o mesmo traballo que no caso anterior, o día 01-04-2013 o colaborador Carlos Boullón atopou unha charca preto de Xuño pero afastado da franxa litoral, a 222 m de altitude, na cuadrícula MH9923.

Durante os traballos de prospección do SARE (Seguimento de Anfibios y Reptiles de España), coa que a S.G.H.N. está a colaborar coa Asociación Herpetológica Española, o día 03-04-2011 atopouse unha larva de sapo de esporóns na Lagoa da Bodeira, na cuadrícula NH0702, bastante alonxada das outras cuadrículas onde se atopou a especie, que son a NG1099, NH1000, NH1001, NH0901 e NH1200, todas elas na contorna do Istmo da Lanzada, agás a última que está en Rouxique. Nesta localización non se volveu a atopar a especie, pero pode ser tamén pola dificultade de prospección na lagoa; habería que tratar de localizar algunha charca próxima máis propicia para a cría da especie.

Estes datos, unidos á localización do sapo de esporóns na Serra da Groba por parte de Afonso Rodríguez no ano 2012 veñen a dar unha certa esperanza á salvación da especie, sempre e cando se protexan as someras e fráxiles charcas que utiliza para as súas postas. Haberá que facer un seguemento a estes novos puntos de cría e seguir tratando de localizar outros novos.

Imaxe: Larva de sapo de esporóns (Pelobates cultripes).

Pese a todo, a especie segue a estar nunha situación crítica, xa que se confirma a desaparición en zonas onde hai algúns anos estaba presente, como por exemplo nas zonas de A Guarda, Illa de Arousa ou nas inmediacións das praias de Lariño, Louro e Carnota, pese ás moitas visitas realizadas especialmente nas épocas de cría, que é cando máis doado é atopalos. Iso sen ir a datos máis antigos, xa que nos anos 70 e 80 houbo citas da especie en Vilanova de Arousa, Cambados, Bueu, Cangas ou incluso na praia de Samil. Como curiosidade, podemos salientar dúas citas de Víctor López Seoane do século XIX, unha en Carril de 1888, e outra en Ferrol en 1877; poboacións que, por suposto, non existen na actualizade.

Os principais factores de risco da especie nas zonas costeiras son a destrución ou desecación das charcas nas que cría, a proliferación de especies invasoras e a urbanización intensiva e desordenada do noso litoral, motivo este último da desaparición da especie desde Vigo (praia de Samil) ata a Guarda. Entre o primeiro motivo poderíamos citar o que se produciu nunha antiga canteira de O Grove, na que se fixeron uns recheos no ano 2007 para “rexenerar” a zona para realizar unha área recreativa, todo elo cos parabéns da Xunta de Galicia; finalmente a obra quedou a medio facer, seguramente por falta de financiamento, o que posiblemente evitou a desaparicón da especie na zona próxima.

BIBLIOGRAFÍA

  • BALADO, R., BAS, S. & GALÁN, P. 1995. "Anfibios e réptiles" in: Atlas de vertebrados de Galicia (Tomo I). Consello da Cultura Galega - Sociedade Galega de Historia Natural. Santiago de Compostela: 85-170.
  • GALÁN, P., CABANA, M. & FERREIRO, R. 2010. Estado de conservación de Pelobates cultripes en Galicia. Boletín da Asociación Herpetológica Española nº21. Madrid: 90-99.
  • GALÁN, P. 2010. Plan integral de conservación de los anfibios amenazados de Galicia. Xunta de Galicia. A Coruña: 5-7.
  • REY MUÑIZ, X.L. 2011. Pelobates cultripes (Cuvier, 1829) in Atlas dos Anfibios e Réptiles de Galicia. Sociedade Galega de Historia Natural. Santiago de Compostela: 34-35.

 

Os homes que SÍ aman ás árbores

O Carballo dos 40 anos da SGHN

Ferrol, 30-04-2013

Para compensar o desamor polas árbores que se manifesta nas entradas da sección "Os homes que non amaban... ás árbores" e para celebrar dun xeito especial os corenta anos que cumpre neste 2013 a SGHN, no Museo de Historia Natural quixemos plantar no espazo verde que ilumina e osixena o conxunto do noso local, un carballo, árbore que faltaba na horta e que tan pouco abunda na cidade, reducida a súa presenza a escasos exemplares repartidos polas rúas do centro, que sobreviven ameazados constantemente polas queixas daqueles veciños que se acostumaron a vivir no cemento e non aturan as pólas rozando as fiestras, afastados totalmente da natureza, viciado o gusto pola obra do home.

Este carballo ven a debuxar un círculo na historia da Asociación, que adorna coa figura dunha folla desta árbore o selo que nos representa. É o froito xerminado con coidado e afecto desde semente pola man dun de aqueles primeiros socios da SGHN, que se xuntaron para formar o que con moitos avatares e esforzos chega ata nós: o noso compañeiro Gregorio fai doazón desta árbore que xa tira cara o ceo, con ganas de medrar e amosarse robusto como a nosa historia.

Fica moi preto do edificio, pechando este ecosistema cheo de vida como unha burbulla inserida nunhas ruínas caóticas, aínda que repletas de historia e que á súa vez sobreviven no medio dunha cidade que berra porque se afoga e ninguén lle bota unha man para sacala deste negro burato.

Coidaremos deste verde agasallo para que chegue a medrar, alomenos outros corenta anos se a natureza llo permite e as penurias humanas non frustran a súa incipiente vida."

Acceso a outras contribucións desta sección

 

Máis proxectos de minería metálica por empresas canadianas

Agora nas Reservas da Biosfera Eo-Oscos-Burón e Terras do Miño

Versión en castellano

Santiago de Compostela, 22-04-2013

A Consellería de Economía e Facenda outorgou á empresa Goldquest Ibérica, S.L. o permiso de investigación mineira denominado Lago (expediente 6053) para recursos da sección C (cinc, chumbo, prata, cobre e outros) no termo municipal de Becerreá (Lugo) para unha superficie de 68 cuadrículas mineras (PDF). O permiso de investigación fora inicialmente solicitado pola empresa Lundin Mining Exploration, S.L., tamén canadiana (PDF).

Na actualidade está a información pública a petición dunha ampliación de dito permiso de exploración mineria, denominado Lago II (expediente 6056) para 396 cuadrículas mineiras (unhas 12.000 ha; PDF). Ademais de incluír unha importante superficie do LIC Serra de Foncuberta, contemplado na proposta de ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia actualmente en tramitación, as cuadrículas mineiras abarcadas polo permiso de investigación sitúanse case íntegramente en dous Reservas da Biosfera:

  • R.B. Río Eo-Oscos-Burón, con posibles afeccións directas sobre diversas zonas tampón e indirectas sobre a zona núcleo da cabeceira do río Eo, da que se situaría a escasa distancia. Unha afección á cabeceira do Eo podería ter consecuencias río abaixo, en zonas tampón da canle fluvial e tamén na desembocadura na Ría de Ribadeo, que é zona núcleo da Reserva, LIC e Zona Húmida de Importancia Internacional pola Convención de Ramsar.
  • R.B. Terras do Miño, con posibles afeccións directas a unha gran superficie na bacía alta do río Miño declarada como zona tampón para protexer as cabeceiras da multitude de ríos e regatos que drenan este territorio.

Por estes motivos, SGHN ven de solicitar ao Comité Español das Reservas da Biosfera (PDF):

  • Que realice de forma urxente e inmediata unha avaliación científica e obxectiva sobre o impacto deste permiso de investigación e a posible explotación mineira futura sobre o estado de conservación dos tipos de hábitats de interese comunitario e especies de flora e fauna estrictamente protexida no ámbito da Reserva da Biosfera Río Eo-Oscos-Burón e a Reserva da Biosfera de Terras do Miño.
  • Que os informes que se desprendan do mesmo se teñan en conta no proceso de avaliación decenal da Reserva da Biosfera Río Eo-Oscos-Burón e a Reserva da Biosfera de Terras do Miño, e sexan remitidos en consecuencia aos departamentos da UNESCO e da Rede Mundial de Reservas da Biosfera.

 

Achado de novos fósiles de cetáceos
Publicación na Revista de Paleontoloxía “Geodiversitas”

Versión en castellano

Un equipo de investigación internacional formado polo noso compañeiro Ismael Miján (Sociedade Galega de Historia Natural-Ferrol), Giovanni Bianucci (Universidade de Pisa), Olivier Lambert (Museo Real de Ciencias Naturais de Bélxica), Klaas Post (Museo de Historia Natural de Rotterdam) e Octávio  Mateus (Museo de Lourinhâ de Portugal) fai público un importante achado científico na revista Geodiversitas especializada en paleontología. Durante os últimos cinco anos o equipo estivo investigando restos fósiles de catro novas especies de cetáceos, que viviron en augas atlánticas da Península Ibérica fai 15 millóns de anos durante o período Mioceno. As especies inclúense na familia dos cifios, moi pouco coñecida e estudiada que actualmente conta con 21 especies en todo o planeta. Os cranios fósiles foron recuperados por pescadores nos fondos mariños con profundidades entre 500 e 1500 metros e doados á SGHN para a súa investigación e exposición no Museo de Historia Natural. 

Este descubrimento é un dos máis importantes a nivel mundial e a súa repercusión no coñecemento da bioloxía evolutiva dos cetáceos é do máis alto nivel. No ano 2007 o noso compañeiro Ismael Miján publicou un estudio preliminar sobre os dous primeiros cranios entregados á SGHN o que chamou a atención dos dous maiores especialistas do mundo na evolución dos cifios (Giovanni Bianucci e Olivier Lambert) que lle propuxeron formar un equipo de investigación para estudiar os fósiles da Península Ibérica. Durante os últimos cinco anos o equipo conseguiu examinar máis de corenta cranios depositados en coleccións oficiais (almacenados e, en moitos casos, esquecidos; a maioría están na SGHN cuxa colección de fósiles de cetáceos se atopa entre as cinco máis importantes do mundo) así como en torno a un centenar de especímenes en coleccións particulares, moitas delas correspondentes a especies descoñecidas para a ciencia.

Máis...

Fotografía: Exemplares nos que se basea a descrición das catro novas especies de cetáceos fósiles.

 

Fragas do Eume: un ano despois do lume

A Xunta elude a súa responsabilidade sobre a necesaria planificación forestal no Parque Natural das Fragas do Eume

Ferrol-Pontedeume, 31-03-2013

Para os colectivos integrados na Federación Ecoloxista Galega e a Sociedade Galega de Historia Natural, a inexistencia do obrigado Plan Reitor de Usos e Xestión e dun plan forestal non só favorece ano tras ano o risco de incendios, senón que impide que as persoas propietarias podan conciliar a explotación forestal e a conservación da biodiversidade. Transcorrido un ano do incendio que afectou a este espazo natural, os responsables de Medio Ambiente limítanse a informar das medidas de urxencia adoptadas, silenciando os problemas de eucaliptización e ignorando as peticións de maior información de cara a consensuar os usos e aproveitamentos no parque.

O 22,5% do Parque Natural Fragas do Eume está ocupado por repoboacións de piñeirais ou eucaliptais, realizadas moitas delas en terreos de alta pendente. E foi precisamente nestes espazos, debido á alta pirofitidade producida polas resinas e alcoholes existentes na composición orgánica desas especies, onde o incendio ocorrido en 2012 tivo unha especial virulencia e onde a recuperación está sendo máis difícil.

Aínda que o lume se iniciou nunha zona de matogueiras, atopou nas repoboacións un excelente combustible que lle permitiu acadar as zonas de fragas. Transcorrido un ano de incendio, e concordando en liñas xerais coa información proporcionada por Medio Ambiente, convén salientar en cambio que nas zonas de rochedo pódese observar unha maior erosión e a perda de boa parte do mantillo protector.

Tamén queremos salientar o acerto de non autorizar talas prematuras nos espazos queimados, evitando así danos no chan. Sen embargo, os responsables de Medio Ambiente, na súa última nota de prensa, limítanse a informar das medidas de urxencia adoptadas, silenciando os problemas de eucaliptización e eludindo a súa responsabilidade sobre a necesaria planificación forestal no Parque Natural. O eucalipto, en fase de rebrote despois do lume, ademais do alto risco de propagación de incendios, é unha ameaza real para a biodiversidade natural do bosque caducifolio atlántico, posto que non é unha especie autóctona e se convirte en invasora colonizando espazos máis aló das propias plantacións de monocultivos forestais.

Fotografía: Panorámica da zona queimada polo lume de 2012 nas Fragas do Eume e, en primeiro plano, zona de fraga moi danada na marxe esquerda do Eume.

O ano 2012 pechouse, ao igual que os anos anteriores, coa falta de avances de cara á definición do obrigado Plan Reitor de Usos e Xestión e dun plan forestal. O borrador presentado en febreiro de 2011 resultou ser unha proposta insuficiente ou mesmo contraproducente de cara á conservación da biodiversidade. Sen embargo, a falta de avances vén derivada da parálise que os responsables de Medio Ambiente impoñen aos órganos, xa meramente consultivos, onde están representados os diferentes intereses: durante o 2012 a Xunta non convocou a obrigada reunión ordinaria da Xunta Consultiva do Parque nin se realizaron outro tipo de xuntanzas onde achegar posturas. Só no mes de maio se celebrou unha reunión extraordinaria con carácter meramente propagandista para dar conta das medidas tomadas como consecuencia do incendio que sufriron as Fragas do Eume.

Os colectivos asinantes reivindicamos novamente que se deben cumprir as diferentes normativas: a localización de eucaliptais e piñeirais na zona de transición entre as matogueiras e as fragas, e nos terreos de alta pendente, son un risco e deben ser substituídos por outro tipo de cultivos caducifolios e non pirófitos compatibles coa conservación da biodiversidade e cos intereses das persoas propietarios. Estas medidas deben integrarse no PRUX e no plan de xestión forestal, consensuados nun auténtico proceso de consulta e participación pública a través dos diferentes órganos (Xunta Consultiva, Consello Forestal, Consello Galego de Medio Ambiente, etc.). A Xunta de Galiza debe proporcionar toda a cobertura técnica e facilitar que as persoas propietarias accedan aos recursos públicos dispoñibles para acadar que a declaración como Parque Natural sexa unha vantaxe para elas e para o conxunto da cidadanía, e un exemplo real de conservación do territorio protexido.

 

A descomunal obra do AVE segue a dar malas novas ambientais

Ourense, 28-03-2013

Estaba xa asumido (que non compartido) o trazado do AVE e a desfeita que significaba aínda coas correccións ambientais obrigadas polo Estudo de Impacto aprobado. Pero é inaceptable que ditas medidas mínimas non se teñan en conta e se incumpran unha e outra vez nas obras que dirixe o ADIF.

A última mala nova ao respecto é o estado dos regos, regatos e ríos por onde pasa o AVE, que baixan cargados de terras e lodos das zonas de obra e tinguen de cor chocolate as augas do encoro das Portas totalmente ateigado de arrastres. Dende esta tribuna, SGHN pide aos responsables que expliquen estas desfeitas gratuitas, que informen á cidadanía se se están a cumprir as esixencias incluídas nas correspondentes declaracións de impacto ambiental e, de non ser así, as medidas que se levan tomado, as sancións que se teñen imposto, o importe das mesmas e a identidade dos infractores.

Resulta tamén inxustificable que se estean a modificar contínuamente treitos aprobados, licitados, adxudicados e coas obras xa en marcha. Estes cambios semellan favorecer únicamente os intereses económicos das empresas adxudicatarias e, lonxe de procurar algunha mellora social e/ou ambiental, perxudican sempre aos veciños e ao patrimonio natural.

Valga como exemplo máis próximo a modificación do trazado no treito Porto-Miamán, que significaría:

  • Trasladar o vertedeiro dos restos da embocadura dun tunel dende os casi 10.000 m de distancia, aprobados na Declaración de Impacto Ambiental e aceptados na licitación pola empresa adxudicatara, a menos de 500 m.
  • Instalar, xusto ao lado da embocadura do túnel, unha explanada de 80.000 m2 non proxectada na obra aprobada polo Ministerio de Fomento.

Estas modificacións supoñen unha clara vantaxe económica para a empresa construtora a costa da sociedade e o medio ambiente pois o cambio:

  • Afectaría a un souto tradicional de castiñeiros, de alto valor tanto ambiental como para a economía dos veciños da zona.
  • Suporía a desfeita dun bosque autóctono de ribeira na cabeceira do río Arnoia, quedando as obras moi preto do propio río coas previsibles consecuencias derivadas da eliminación da vexetación e dos arrastres ao cauce.

Por eso SGHN solicitou ao Ministrio de Fomento que paralice e arquive definitivamente esta nova modificación altamente lesiva para o medio ambiente e perxudicial para os intereses dos veciños da zona; asimesmo SGHN pide a quen teña responsabilidade que informe aos cidadáns das razóns que obrigan a tantos cambios respecto ao proxecto inicialmente aprobado.

Imaxes: Trazado do AVE entre Porto e Miamán nos planos do proxecto (esquerda) e imaxe dos desbrozes de vexetación na apertura da traza (dereita; fotografía obtida do SIGPAC do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Non sempre gañan as empresas mineiras canadianas

Santiago, 25-03-2013

http://www.elconfidencial.com/espana/2012/11/22/el-supremo-da-la-razon-a-los-ecologistas-y-tumba-la-mina-de-oro-asturiana-109726/

 

 

Premio Ouro Azul

2ª Edición

Celanova, 22-03-2013

Con motivo da celebración do Día Internacional da Auga, "O Bosque Máxico" outorgou hoxe o "Premio Ouro Azul" que nesta segunda edición concedeu ao Presidente da Sociedade Galega de Historia Natural polos seus traballos na defensa dos ecosistemas acuáticos, entre eles o cauce do río Limia.

A entrega do premio tivo lugar no Auditorio de Celanova, co patrocinio da Plataforma da Baixa Limia, a Asociación de Veciños de As Conchas, o Concello de Celanova e o Bosque Máxico. Previamente a entrega do premio o Presidente de SGHN deu unha pequena conferencia sobre a "Crise da auga no río Limia". Máis información...

http://dendealimia.com/portal/noticia.php?n=61
http://dendealimia.com/portal/noticia.php?n=62
http://www.laregion.es/
http://www.lavozdegalicia.es/

 

Hai persoas que cazan bébedas ou drogadas en Galicia?

Oficialmente ninguén o sabe, nin tampouco cantas serían

Santiago, 12-03-2013

SGHN recibiu xa resposta da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (PDF) e da Garda Civil (PDF) aos escritos que lles remitira a mediados de xaneiro pedíndolles información sobre o número e os resultados dos controis efectuados a cazadores para comprobar os niveis de alcoolemia e consumo de estupefacientes ou substancias psicotrópicas, así como se cumprían “os requisitos esixidos” e dispoñían dos “oportunos permisos” (máis...).

Analizadas conxuntamente, as dúas respostas poñen de manifesto unha situación moi preocupante, pois ninguén sabe cantas persoas poderían estar a cazar bébedas ou drogadas en Galicia:

  • Segundo os datos recibidos da Garda Civil a porcentaxe de infractores da Lei de Caza é moi elevada xa que presentou denuncias contra 1 de cada 5 persoas identificadas, pero non indica nada respecto aos controis de alcoolemia e sustancias psicotrópicas.
  • Segundo a Dirección Xeral de Conservación da Natureza os controis de alcoolemia a cazadores "non se empezaron a levar a cabo porque aínda non se ten desenvolvida a normativa regulamentaria correspondente"

Mentres que as leis de caza promulgadas a nivel estatal no século XX resultaron lonxevas (68 e 27 anos), as promulgadas pola Xunta de Galicia mudan tan rápido (9 e 7 anos, ver máis...) que seica non lles da nin tempo de desenvolver os regulamentos.

Imaxe: Número de inspeccións, persoas identificadas e denuncias presentadas contra cazadores pola Garda Civil por infraccións da lei de caza de Galicia.

Pero non é cuestión de falta de tempo ou de medios senón de como se empregan, pois no canto de desenvolver os medios legais para que se poida aplicar algo tan importante para a seguridade de todos os cidadáns como os controis dos cazadores bébedos ou drogados a Xunta de Galicia "entretense" elaborando a súa terceira lei de caza dos últimos 16 anos (máis...)

Admitiría a sociedade que a Garda Civil de Tráfico non perseguese aos conductores bébedos ou drogados? Resultaría acaso menos perigosa unha persoa nesas condicións armada cunha escopeta ou un rifle? Ata cando continuará este grave perigo para os cidadáns e a biodiversidade?

 

A Limia: onde unha man da Xunta non sabe o que fai a outra

Versión en castellano

Ourense, Santiago 28-02-2013

Dende o desougamento da lagoa de Antela hai medio século, cun proxecto realizado en apenas 2 meses e modificado sobre a marcha durante os máis de 6 anos de obras (máis...), a ordenación do territorio e a planificación das actividades humanas produtivas (agricultura, gandería, industria, minería) brillan pola súa ausencia na Limia, deixando o presente e futuro da bisbarra en mans da improvisación e, mesmo, do surrealismo (máis...).

A última mostra, polo de agora, de actuacións caóticas e descoordinadas das administracións públicas na Limia ven outra vez da Xunta de Galicia: mentres cunha man (Consellería de Medio Rural e do Mar) declara á Limia como Zona de Especial Interese Agrario (PDF) e proxecta catro novos plans de regadío (máis...), coa outra man (Consellería de Economía e Industria) somete a información pública un proxecto mineiro para extraer feldespatos a ceo aberto coincidindo exactamente cunha das catro zonas que se pretende transformar en regadío (a de Corno do Monte cunha superficie de 1060 ha e un investimento de entre 8 e 12 millóns de euros, PDF).

A descoordinación é tal que durante varias semanas coincidiron no tempo os trámites de información pública de ámbolos dous proxectos, aos que SGHN presentou ás oportunas alegacións (PDF regadío, PDF mina feldespatos).

 

Censos de inverno e sorpresas

Ourense 22-02-2013

Un ano máis marchou xaneiro e con el os censos da aves acuáticas invernantes. Este ano a climatoloxía complícoulles bastante o traballo aos censadores e mesmo, nalgúns casos, case imposibilita realizar o reconto das aves. Algúns días, os temporais fixéronnos desistir ata mellor momento pensando no problema engadido de non contar con tempo suficiente para rematar. Pero, por fin, rematada e cumprida a nosa misión anual, xa podemos respirar tranquilos e comentar algunhas observacións dos censadores

No interior, había anos que os humedais non tiñan tanta auga nin os ríos ían con caudais e correntes tan fortes. En xeral, púxose de manifesto unha invernada reducida de anátidas que relacionamos coa falla de temporais e vagas de frío intenso no norte.

En Ourense, incrementouse a presenza de especies exóticas e domésticas vencelladas ao “axardinamento” das zonas de esparcemento, sobre todo, nos entornos urbanos; así, cada ano aumenta o número destes exemplares. Dende 2008 vemos máis gansos e patos domésticos especialmente nos ríos Miño e Barbaña-Barbañica en Ourense. O Pato Mandarín tamén apareceu esporádicamente na cidade, sempre exemplares illados, os anos 1997, 2007, 2008, 2012; pero, este ano repítese a presenza da especie cun macho no encoro de Castrelo de Miño e, máis preocupante, dúas parellas moi activas (incluso levantando o vóo) pola praia dos franceses no encoro de Prada.

Foto 1. Parellas de pato mandarín.

Foto 2. Parasoles e area branca no encoro de Prada

Este ano comprobamos que o modelo de turismo de “sol e praia” chega sen reparo aos lugares máis recónditos e inesperados, supoñemos que para o gusto dos bañistas no verán. Así, o encoro de Prada veu incrementado o seu uso recreativo, e quedamos pasmados ante as dúas praias de area blanca, unha delas con parasoles de uces, que ante nós se extendían. Iso si, preguntámonos canta area quedará nestas praias artificiais cando chegue o verán, pois os arrastres eran xa evidentes e aínda queda moito inverno e primavera por diante, ademais seguro que subirá o nivel de auga no encoro cando a neve dos cumios se derreta.

Nos censos de 2012 quedaramos impresionados pola extensión dos incendios de outono no Macizo Central ourensano, chegando ata a contorna do encoro do Cenza. Este ano apreciamos claramente os efectos da erosión sobre as zonas queimadas: a neve víase manchada con cinzas e pequenos anaquiños carbonizados de leña, contra o muro de presa acumúlanse restos orgánicos de tamaños e texturas diferentes e, ao lonxe, o que a primeira vista semellan patos, o telescopio permite identificar restos da vexetación (uces, xestas,...) queimada da contorna. Aínda que a paisaxe se percibe moi fermosa pola neve (que dificultou o desenvolvemento do censo) marchamos pesarosos lembrando o que viramos e na grande incidencia dos lumes nesta paraxe tan singular e noutras tantas da nosa xeografía.

Foto 3. Botella de plástico nas duna de Corrubedo.

Foto 4. Cinzas no encoro do Cenza.

Nos censos costeiros, o disfrute de vernos na natureza, desgraciadamente tamén se veu ensombrecido. Comprobamos que as crebas das nosas praias xa non son só un bo subministro de madeira para as cociñas de ferro ou as chimeneas, pois agora dominan os plásticos e ferranchos de todo tipo, un grande indicador da nosa voracidade consumista e da pésima xestión dos residuos inertes. Nos espléndidos areais galegos (non se salvan nin os Parques Naturais como Corrubedo,...), totalmente ocupados no verán e esquecidos no inverno, a natureza parece querer rebelarse contra o lixo que a invade e ao final acaba por fagocitar todos eses restos que nunca alí deberon parar. E o que haberá nos fondos mariños...

Foto 5. Vexetación de matogueira queimada.

 

Celebración do II Aniversario da Sección Antela. Segunda Parte
Día 2 de febrero. Día Internacional dos Humedais

Este ano a Sección Antela celebrou o seu II Aniversario e máis o Día Internacional dos Humedais por duplicado. Comezamos o venres presentando o conto “A historia de Antela contada por unha cegoña” no CEIP Rosalía de Castro (ver reseña) e continuamos a festa o sábado 2 de febreiro cunha saída diferente pola Limia na que participaron 41 persoas.

A primeira parada da mañá foi na “ponte do Y”, punto onde converxen as canles principal e secundaria da drenaxe da Lagoa de Antela, para comprobar a existencia de augas termais da man do noso xeólogo de cabeceira. Achegámonos campo a través pola beiriña dunha leira enchoupada ata un antigo sondeo dos lignitos onde, como Santo Tomás, un a un, fomos metendo a man no manancial de augas mornas (25 ºC), coñecidas dende antigo polas xentes da zona e onde parece que lavaban as tripas na época da matanza. Algúns, acostumados as augas quentes de Ourense, puxeron en dúbida o calificativo de termal pero, rápidamente, José Ramón convenceunos do porqué con argumentos científicos. Ademais doutras moitas cousas referidas ao termalismo, e sempre apoiado polos seus coloridos gráficos e planos, o xeólogo explicounos que para que un auga sexa termal ten que sobrepasar en máis de 4º C a temperatura media anual da zona. E velaí, como a temperatura media anual da Limia e bastante fresquiña, só 10º C, pois temos entón un auga termal en toda regla. Malia o “frescor” limián que esa mañá rondaría os 5 ºC, atendemos expectantes ás historias de José Ramón que, coma sempre, entusiasmo e enerxía non lle faltan.

Máis...

 

 

Venres  1 de febreiro de 2013, CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia

Celebración do II Aniversario da Sección Antela. Primeira parte.
Presentación de "A historia de Antela contada por unha cegoña ¡¡¡UN CONTO DE VERDADE!!!"

Queres mercar un exemplar do conto? Envía un correo electrónico a antela@sghn.org

Xinzo de Limia, 04-02-2013

Os membros da Sección Antela foron fantásticamente acollidos no CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia o día 01/02/2013 para presentar unha vez máis "A historia de Antela contada por unha cegoña ¡¡¡UN CONTO DE VERDADE!!!", como parte dos actos da celebración do Día Internacional dos Humedais. No acto colaboraron un grupo de 5 rapaces (Silvia, David, Xurxo, Mencía e Lara) que deron vida ás cegoñas protagonistas do conto que, como manda a tradición, transmiten os seus coñecementos de xeración en xeración.

Estando na terra das cegoñas e ademáis no antroido, os nosos protagonistas sorprendéronnos coa súa caracterización grazas a colaboración dos seus compañeiros que se encargaron do vestiario, como podedes ver nas imáxes, sinxelo pero sen dúbida rechamante. Sobre todo, poñede atención nos fermosos ollos das cegoñas que as capacitan para observar e coñecer moi ben a súa terra, a diferencia de moitos humanos que “miran pero non ven” a natureza.

Máis...

Foto 1. As cegoñas teñen unha grande capacidade de observación a diferencia de moitos humanos que “miran pero non ven” a natureza.

 

SGHN apoia a petición en Change.org

¡Que non arrasen Galicia! Paremos a megaminería contaminante

Versión en castellano

Santiago, 24-01-2013

"Galicia é unha mina", di un dos lemas da Dirección Xeral de Minas da Xunta de Galicia. E é verdade. Entre as comunidades autónomas, Galicia é só a sétima por superficie, pero a cuarta en produción mineira, con máis de 520 explotacións activas que xeralmente non son un exemplo de respecto á lei e ó patrimonio ambiental. Agora, coa escusa da crise e da procura dalgúns postos de traballo por algúns anos, a Xunta quere permitir que a codicia das empresas de minería convirta Galicia enteira nunha gran mina a ceo aberto, destruíndo o noso patrimonio natural, cultural e paisaxístico, poluindo o medio ambiente e poñendo en perigo a saúde das persoas. Aínda hai tempo para salvar a Galicia, que agora está máis en perigo que nunca. Ou actuamos agora, ou ímola perder para sempre. Asina esta petición agora e solicita ao presidente da Xunta que non permita a destrución de Galicia.

Do respeto ao medio ambiente polas empresas de minería de Galicia xa temos algúns exemplos: A canteira que proporcionou arenisca para a cuberta da Cidade da Cultura foi pechada por falta de licencia. As pizarreiras de Valdeorras e Quiroga devoraron xa varios quilómetros de ríos e coas súas xigantescas escombreiras están invadindo espacios protexidos de O Courel e Pena Trevinca (suministran a metade da lousa para tellados a nivel global e dan grandes beneficios para algúns, pero 8 dos 10 de euros necesarios para a restauración ambiental dos seus residuos veñen de subsidios públicos). Abandonada sen restauración ambiental así fica desde fai 25 anos a mina de estaño de Penouta, que agora se quere reabrir polo tantalio que aínda contén.

Pero estes problemas non serán nada en comparación con aqueles que nos veñen enriba. Máis...

http://www.change.org/petitions/que-non-arrasen-galicia-paremo-la-megaminería-contaminante

Escombreiras das louseiras de Casaio, que ameazan mesmo o patrimonio cultural, como a ermida de San Cosme fronte ao pobo de Casoio.

 

CASTRO, outro Lobo mariño en recuperación na UCI do Museo

 

 

O día 12 de Xaneiro avistouse outro Lobo mariño cincento na mariña de Lugo. A foquiña ficaba na praia urbana de Foz e a súa presenza no pasou desapercibida para os paseantes da zona. Algunhas informacións falaban de dous animais diferentes: un pequeno e outro máis grande, o que fixo que a partir deste intre, incrementáramos as alertas, por se algún deles puidera precisar atención.

Dous días máis tarde, chéganos un aviso do varamento dunha foca, un animal morto no areal da praia de Llas. En cada aviso destas características, que se relaciona coa aparición do cadáver dun mamífero mariño ou tartaruga, tentamos poñernos en contacto co informador para que nos precise con máis detemento as características do corpo, preciso para unha certeira identificación. O comunicante ante a pregunta de como se atopaba o cadáver resposta que aínda non está morto de todo, aínda que case non lle queda vida.

E para alí marchamos inmediatamente, coa noite por riba de nós, confiando en que dunha rápida resposta depende en ocasións unha evolución satisfactoria. Neste caso, como noutros moitos, temos que agradecer o magnífico comportamento de Protección Civil de Foz, catro voluntarios que se achegaron ata o areal na procura do animal. Durante todo o traxecto estivemos recibindo información telefónica deles, na que nos informaban das dificultades de atopar ó lobiño na ampla liña de dunas en que remata a praia de Llas, xa que a derradeira información falaba dun animal deitado entre a vexetación dunar.

Máis...

 

Alegacións ao E.I.A. da Central hidroeléctrica reversible Salas-As Conchas

NON ao trasvase das augas infectas do Limia a un LIC, ZEPA e Parque Natural

Versión en castellano

Ourense, Santiago 18-01-20123

A bacia do Limia en Ourense está intensamente explotada para a produción hidroeléctica. Na actualidade as augas do encoro de Salas (ano 1971; cota 835 m snm) son derivadas por unha tubería forzada ata o encoro das Conchas (ano 1949; cota 550 m snm) no que descargan tras turbinalas na central de Mugueimes (51,9 MW); a auga do encoro das Conchas turbínase na central de Valoiro (47,4 MW). A construción destes encoros e o de Lindoso (1992) non contribuíu en absoluto ao desenvolvemento socioeconómico dos municipios en que se enclavan, que perderon 2/3 da súa poboación nos últimos 60 anos.

Agora Gas Natural-FENOSA pretende construír unha Central Hidroeléctrica Reversible As Conchas-Salas que funcionaría en modo de bombeo "Nas horas en que o prezo da electricidade sexa máis baixo" e "en turbinación xerando electricidade. En horas punta de demanda, ou cando a electricidade véndase a maior prezo", con dous grupos de 190 MW cada un que elevarían a potencia total ata os 479,3 MW, quintuplicando case a potencia actual. Toda a área de actuación do proxecto enmárcase dentro da Reserva da Biosfera transfronteiriza Xurés-Gêrés e afecta ao espazo natural Baixa Limia - Serra do Xurés protexido polas figuras de LIC, ZEPA e Parque Natural.

Para empezar, o EIA falta á verdade ao afirmar que "O Salto de Salas desempeña a función de regular o caudal ecolóxico do río Salas" e que "O Salto das Conchas desempeña a función de regular o caudal ecolóxico do río Limia", como se pode comprobar na foto da dereita co embalse das Conchas cheo ata a súa máxima cota e o río Limia augas abaixo do muro de presa totalmente seco.

De acordo co Plan Hidrolóxico da Demarcación Miño-Sil, actualmente o encoro de Salas presenta un "estado total bo" e un "potencial ecolóxico bo ou máximo" mentres que o das Conchas atópase nun "estado total malo" e presenta un "potencial ecolóxico moderado", e preténdese alcanzar un "Bo potencial ecolóxico e bo estado químico en 2021".

Fotografía: Imaxe aérea do encoro de As Conchas na súa máxima cota (presa arriba á esquerda) e o río Limia totalmente seco augas abaixo.

O mal estado actual das augas do encoro das Conchas, con graves episodios recurrentes de proliferación de cianobacterias tóxicas, é un "exemplo de libro" de eutrofización desencadeado pola deficiente depuración de augas residuales na cabeceira do río Limia e a fortísima contaminación agro-gandeira difusa na chaira da Limia debida á fertilización excesiva e a pésima xestión dos estercos e xurros xerados polas 70.000-75.000 UGM de gando estabulado (equivalentes aos dunha poboación de 1,3-1,5 millóns de persoas).

Na situación actual, a execución do Proxecto "exportaría" o grave problema de eutrofización ás aínda limpas augas do encoro de Salas, ás que, ademais, "infectaría" cunha cianobacteria produtora de toxinas hepáticas da que actualmente está libre. Xa que logo, o Proxecto suporía un grave incumprimento da Directiva 2000/60/CE e do Plan Hidrolóxico da Demarcación Miño Sil .

Para simular a evolución futura da situación dos encoros das Conchas e Salas no EIA empregouse un potente programa informático pero:

  • Incumplironse a sabendas os requisitos do programa ("calibración e validación de detalle, con datos reais de diferentes campañas") ao empregar só os datos de 2010 pese a dispoñer dos datos necesarios para o periodo 2001-10.
  • Infrautilizáronse en gran medida as capacidades do programa informático ao empregarse só os datos de 5 variables (temperatura, clorofila A, fósforo total, osíxeno disolto e profundidade de visualización do disco de Secchi), pese a dispor tamén dos datos de amonio, nitritos, nitratos, ferro, manganeso, sulfhídrico, fósforo soluble, cianobacterias e outros grupos taxonómicos de fitoplancton.

Malia estas deficiencias, a simulación realizada predice que as concentracións de clorofila A duplicaríanse no encoro de Salas ata igualarse cos actuais das Conchas. Aínda que lamentablemente non se avaliou, cabe esperar que o fitoplancton do encoro de Salas se vexa moi afectado cunha perda de biodiversidade e a entrada masiva de cianobacterias produtoras de toxinas hepáticas que na actualidade non existen no encoro. Non se avaliaron as repercusións que tería o Proxecto sobre a saúde do gando que abreva no encoro e a súa salubridade posterior para consumo humán.

Imaxe: Evolución simulada no EIA dos niveis de clorofila A no encoro de Salas no estado actual (liña verde) e despois da construción da central reversible (liña violeta).

Por outra banda, ao analizar os sedimentos do encoro das Conchas para o EIA atopouse que nunha zona próxima ao muro de presa conteñen cantidades anormalmente elevadas de contaminantes perigosos:

  • Fluoranteno: 0,88 mg/kg, 29 veces por enrriba do límite legal para a protección dos organismos acuáticos (RD 9/2005).
  • Pireno: 0,63 mg/kg, 63 veces por enrriba do límite legal para a protección dos organismos acuáticos (RD 9/2005).
  • Benzo(a)antraceno: 0,44 mg/kg, 44 veces enrriba do límite legal para a protección dos organismos acuáticos e 2 veces máis do nivel establecido para protección da saúde humana (RD 9/2005).
  • Benzo(a)pireno: 0,24 mg/kg, 24 veces por enrriba do límite legal para a protección dos organismos acuáticos e máis do nivel establecido para protección da saúde humana (RD 9/2005).

Por todo o cal, SGHN solicitou á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (PDF):

  • Que desestime totalmente a realización do proxecto en tanto non se alcance o bo estado ecolóxico das augas no encoro das Conchas.
  • Que, cando se cumpra a condición inexcusable indicada no punto anterior e se reconsidere a realización do proxecto, se impoña sine qua non:
    • Unha modificación do actual réxime concesional dos encoros das Conchas e Salas para garantir un réxime de caudais ecolóxicos ao longo do ano que permita a recuperación, completamente funcional, dos tramos dos ríos Limia e Salas hoxe totalmente secos augas abaixo das presas das Conchas e Salas, respectivamente.
    • A instalación de escalas para peces axeitadamente deseñadas e operadas nos encoros das Conchas e Salas.
    • A NON prolongación das actuais concesións dos encoro das Conchas e Salas, de tal xeito que revirtan a propiedade pública no prazo orixinalmente aprobado.
    • A reversión de parte dos beneficios que se obteñan coa explotación da nova central hidroeléctrica para garantir o desenvolvemento socioeconómico sostible dos pobos afectados polos encoros, canalizándoos a través de iniciativas impulsadas polos órganos xestores da Reserva da Biosfera transfronteriza Xurés-Gêrés e do Parque Natural da Baixa Limia e Serra do Xurés.
    • A condición de non afectar a hábitats de interese comunitario ou de conservación prioritaria na UE (Directiva 92/43/CEE), o espazo protexido polas figuras de LIC, ZEPA e Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés, as zonas núcleo e tampón da Reserva da Biosfera transfronteriza Xurés-Gêrés e todas as especies incluídas no anexo I da Directiva Aves, na Directiva 92/43/CEE, no Catálogo Español de Especies Ameazadas (Real Decreto 139/2011) e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007, Decreto 167/2011).
  • Que en relación cos niveis de hidrocarburos policíclicos [Fluoranteno, Pireno, Benzo(a)antraceno e Benzo(a)pireno] por enrriba dos límites legais para a protección dos organismos acuáticos e a saúde humana (RD 9/2005) detectados en sedimentos do encoro das Conchas durante a elaboración do Proxecto, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil abra inmediatamente de oficio unha exhaustiva investigación para determinar:
    • A extensión de sedimentos contaminados no leito do encoro.
    • A orixe de devanditos contaminantes.
    • As medidas a adoptar cos sedimentos contaminados para garantir a protección do ecosistema acuático do río Limia e a saúde humana.

Actuacións anteriores de SGHN sobre a CHR Salas-Conchas.

 

 

 

 

Hoxe, como hai 40 anos, a túa axuda é imprescindible para defender a nosa natureza

 

 

 

 

 

OUTRAS NOVIDADES

Decreto Plan Recuperación Sapoconcho común

Efemérides astronómicas maio

Punteiros celestes

Prohibición fractura hidráulica ("fracking") en Cantabria

Inventario Español de Hábitats Mariños

Sexta actualización listado LICs RedeNatura 2000

RD 1695/2012 Sistema Nacional Respuesta Contaminación Marina

Novas podas brutais en Ourense

Ley 11/2012 Medidas urgentes Medio Ambiente

Resolución Parlamento UE Bosques e cambio climático

Estratexia Galega da Acuicultura

Enmendas ao convenio MARPOL

Denuncia SGO-SGHN cans ceibos praia de Foz

Alegacións de SGHN a 108 parques eólicos

Paspallás nº 41 en PDF

Hemeroteca: SGHN-Delegación Ourense hai 25 anos

Alegacións SGHN-Ferrol á AIA de Forestal del Atlántico

Plan de continxencias contaminación mariña accidental

Exposición de Astronomía no Museo de Historia Natural

Reseña da saída ás Fragas do Mandeo

Redescubrimento Sapiño de esporóns no Baixo Miño

Reseña Roteiro Serra do Forgoselo

Lei 7/2012 de Montes, de Galicia

Acceso información ambiental

Lei de caza de Galicia: alegacións SGHN

O lixo e O Irixo

Contaminación lumínica e biodiversidade

Incineradora en O Irixo e plan xestión RSU

Antela: un conto de verdade

Denuncia áridos asfálticos Manmer

Áreas prioritarias aves ameazadas

Informe sobre as Brañas de Sada