O concello de Valdoviño fará actuacións para protexer a Píllara das dunas nas súas praias

Charadrius alexandrinus

O pasado mércores tivo lugar un encontro entre o Alcalde de Valdoviño, José Antonio Vigo, e un representante da SGHN, Xabi Prieto, á que tamén acudíu invitada a bióloga María Vidal (coautora do plano de conservación da Píllara). Desde a propia alcaldía solicitouse este encontro co obxectivo de informarse da posibilidade de tomar iniciativas conservacionistas desde a administración local.
As praias do concello manteñen aínda unha importante poboación reprodutora desta limicola, catalogada como Vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e para a que a Xunta de Galicia elaborou e someteu recentemente a información pública o seu Plan de Conservación (ver máis abaixo as alegacións de SGHN). Unha das principais causas do declive da píllara das dunas é a falta dunha planificación que compatibilice os intereses recreativos e turísticos coa conservación da especie, compatibilización que é posible e necesaria. Entre as medidas máis importantes para conservar a píllara das dunas están a de evitar a presenza de cans soltos nos areais e realizar a limpeza das praias de xeito manual e selectivo, nunca indiscriminadamente con medios mecánicos.

Desde a alcaldía, transmitíuse aos naturalistas a intención clara de actuar para que a riqueza ecolóxica da praia pase a ser tamén un valor engadido máis a esta areal. Sociedade Galega de Historia Natural valora moi positivamente este interés conservacionista por parte do goberno municipal, especialmente nos tempos de crise económica, cando a inversión medioambiental é máis necesaria ca nunca, e anima a traballar ás autoridades locais para que estas boas intencións se transformen canto antes en feitos consumados, que permitan conservar o patrimonio natural do concello.