Proxecto de reapertura da mina de cobre de Touro

SGHN ven de presentar as súas alegacións (PDF) ao proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de avaliación de impacto ambiental da concesión de explotación San Rafael nº 2946 (O Pino e Touro, A Coruña) nas que, ademais de diversas deficiencias e contradicións do propio estudo, salienta:

  • Que, máis aló de identificalos como residuos non inertes pola súa grande propensión a xenerar drenaxe ácedo de mina, non se proporciona información sobre concentración de metais e metaloides potencialmente perigosos (con concentracións ata 1000 veces maiores que o promedio da codia terrestre), e a correspondente clasificación de perigosidade dos residuos mineiros.
  • Que o proxecto tería un grande impacto sobre a auga e os ecosistemas acuáticos ao contemplar o desvío dos regos do Burgo e das Pucheiras nun treito de 984 m e de 1225 m, respectivamente, a supresión de 850 m do Rego da Reigada, a desaparición de ata 20 mananciais e 5 depósitos que abastecen de auga a non menos dun cento de vivendas e explotacións gandeiras, e posibles afeccións a outros mananciais próximos ás zonas previstas para depósitos de estériles.
  • Que os denominados “depósitos de estériles” son realmente balsas de lodos permanentes, contidas por diques de 2806 e 3187 m de lonxitude e alturas de ata 74 e 81 m, que se encapsularían ao final da súa vida útil. No caso de fallar ditos diques enormes, que rodearían por dous dos tres lados á aldea de Arinteiro a menos de 250 m de distancia das casas, o estudo recoñece que terían consecuencias moi altas en canto a perda de vidas humanas, danos ao medio ambiente e perdas económicas, e iso sen ter avaliados os seus efectos sobre a ZEC Sistema fluvial Ulla-Deza, as especies ameazadas (nomeadamente Margaritifera margaritifera Galemys pyrenaicus), a riqueza pesqueira e marisqueira da ría de Arousa e o Humidal Ramsar Complexo intemareal Umia-Grove-Carreirón.
  • Que nos denominados “depósitos de estériles” quedarían indefinidamente almacenados diversos compostos químicos empregados para separar o cobre e que teñen distinto grao de perigosidade para as persoas e o medio ambiente:
  • Que no EIA non se menciona que a menos de 1 km da contorna da explotación mineira existe unha vintena de núcleos de poboación, unha gardería, unha residencia da terceira idade, unha piscina municipal, unha área recreativa, o Centro de Interpretación do Río Ulla e o Centro de Protección Civil, que en maior ou menor medida sufrirán as vibracións de 6 voaduras diarias (cada unha con entre 9 e 16 toneladas de explosivos), e tampouco os posibles efectos dos micro-terremotos sobre a estabilidade dos diques das balsas de estériles.
  • Que o estudio socio-económico é moi pouco rigoroso ao empregar continuamente datos erróneos, contraditorios ou desactualizados:
    • Emprego: mentres sobreestima nun 20% os empregos directos reais que crearía a mina, subestima en máis dun 50% a importancia do tecido produtivo do sector primario, que amosa indicadores de vitalidade e importancia moito máis elevados que no resto da provincia e de Galicia. Ademais, presenta datos desactualizados e hoxe non válidos sobre o paro na comarca. Tamén chega a comparar os datos dos censos agrarios de 1999 e 2009, cando na propia páxina do Instituto Galego de Estatística se advirte expresamente que ditos censos NON son comparables pola diferente metodoloxía empregada.
    • Evolución demográfica: presenta o proxecto mineiro como solución contra o despoboamente empregando datos inexactos (comparación con minas en Asturias) e esquecendo que durante o periodo de actividade da antiga mina de cobre con Río Tinto a evolución demográfica dos concellos afectos foi peor que no periodo posterior coa mina parada.
    • Renta per cápita: baséase nos datos de “ingreso medio por fogar” da Área de Santiago (comarcas da Barcala, O Sar e Santiago), cando nesa enquisa do Instituto Galego de Estatística a comarca de Arzúa, xunto coas de Ordes e Terra de Melide, inclúese na Área da Coruña suroriental, polo que a análise que se fai é totalmente errónea.

Por último, pero non por iso menos importante, está o impacto da mina sobre o patrimonio arqueolóxico. Tras sobrevivir a 15 anos coa antiga explotación mineira a ceo aberto de Río Tinto, os traballos de “rexeneración medioambiental” (nunha zona NON afectada pola explotación mineira) que provocaron a destrución do castro de Copa foron sensiblemente coetáneos con:

  • Evolución do prezo do cobre

    Un forte incremento do prezo internacional do cobre a partires de 2002, tras 8 anos de descensos ou estabilidade (imaxe dereita).

  • A solicitude (22-12-2010) e aprobación (18-10-2011) da demasía da Concesión de Explotación San Rafael nº 2946 a Explotaciones Gallegas S.L.
  • A realización de novos sondeos na mina de Touro entre o 09-01-2012 e o 03-09-2012.
  • A obtención e/ou elaboración dunha boa parte da documentación técnica xeolóxico-mineira na que se basea a “Actualización del proyecto de explotación vigente de cobre de Touro” que agora pretende sepultar os restos do casual (?) e accidentalmente (?) desaparecidocastro de Copa baixo unha escombreira.

Por istes motivos, SGHN solicitou tamén ao Secretario Xeral de Cultura (PDF) que abra unha investigación exhaustiva sobre estes feitos para avaliar e, no seu caso, depurar as responsabilidades legais.

En consecuencia, SGHN ven de solicitar que se rexeite o Estudio de Impacto Ambiental do proxecto e se esixa a elaboración dun novo que inclúa:

  • Os datos de concentración de metais e metaloides potencialmente perigosos e a correspondente clasificación de perigosidade dos residuos mineiros.
  • Unha simulación dos efectos humanos, sanitarios, económicos e ecolóxicos do pior accidente posible provocado pola rotura das balsas de estériles. Dita simulación é imprescindible á vista dos precedentes noutros casos de minería metálica a ceo aberto, por exemplo a rotura da balsa mineira en Aznalcollar.
  • Unha análise seria e rigorosa do impacto do proxecto mineiro sobre:
    • A poboación e o tecido produtivo.
    • O recurso auga, en cantidade e calidade, incluindo o abastecemento de auga aos núcleos de poboación e ás explotacións agrícolas e gandeiras.
    • A paisaxe, nomeadamente cunha axeitada simulación do impacto visual dos depósitos de estériles sobre a poboación do núcleo de Arinteiro.
    • As especies ameazadas (vulnerables ou en perigo de extinción) que se poderían ver afectadas, nomeadamente Margaritifera margaritifera e Galemys pyrenaica.
    • Os espazos naturais protexidos: ZEC Sistema fluvial Ulla-Deza e Humidal Ramsar Complexo intermareal Umia-Grove-Carreirón.
  • Que se esixa á empresa a contratación dun seguro de responsabilidade civil, nunha compañía de seguros radicada na Unión Europea e suxeita á lexislación da UE, para facer fronte a todos os danos previsibles de acordo coa simulación do pior accidente posible, na liña do establecido pola Directiva 2004/35/CE e a Lei estatal 26/2007 sobre responsabilidade medioambiental en relación coa prevención e reparación de danos medioambientais.
  • Que, ao non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no Artigo 6 da DC 92/43/CEE e no Artigo 45.6 da Ley 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade, non se autorice a afección sobre:
    • Hábitats de conservación prioritaria na UE (DC 92/43/CEE).
    • Especies incluidas nos catálogos estatal e autonómico de especies ameazadas.
  • Que se realice unha intervención arqueolóxica previa, exhaustiva, independente e supervisada pola Consellería de Cultura na zona do castro de Copa e tamén no resto da superficie que afectaría o proxecto.
  • Que se esixa a instalación dunha rede automática de monitoreo de calidade ambiental das augas que salgan da mina, con acceso libre en tempo real na web de Augas de Galicia.