Proxecto Libera Natureza sen lixo: terceira xornada na Veiga de Gomareite

Dende que se iniciou o desenvolvemento da proposta “Acción para revertir parcialmente y atenuar la degradación sufrida por los procesos de desecación, concentración parcelaria y vertidos de basura, escombros y residuos en la Veiga de Gomareite” presentada pola SGHN ao proxecto “LIBERA, naturaleza sin basura” houbo bastante inquedanza ante a incerteza de poder ou non completar a totalidade do comprometido con SEOBird Life/Ecoembes, sobre todo por mor da intensidade e persistencia das choivas e ao asolagamento do lugar de traballo. Máis como o grupo de traballo habitual é ben teimudo e non desiste fácilmente, o sábado 14-04-2018 procurou e desenvolveu con éxito esta terceira e última fase dos labores previstos.

A tarefa consistía na retirada de plásticos na Veiga de Gomareite, na contorna dunhas pequenas charcas formadas pola extracción de terra vexetal para arranxar algunhas das parcelas despois da concentración parcelaria. Ata hai uns dous anos, o acceso a este punto era bastante doado dende a pista por un camiño practicable a tractor, accesibilidade que algúns aproveitaron para depositar descontroladamente entullos, resíduos de diversos tipos e moreas de restos de plásticos agrícolas para ensilar máis as súas correspondentes cordas moi perigosas para a fauna e o gando. Moito deste material vertérono nas beiras das charcas por seren os puntos máis baixos e accesibles o que complicou a súa retirada ao estar parcialmente cubertos pola auga.