Sinatura dun convenio de colaboración Universidade de Vigo-SGHN

Jorge Soto, Vicerreitor do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, e Serafín González, Presidente da SGHN, asinaron hoxe o Convenio marco de colaboración entre a SGHN e a UVIGO ao que asistiu o Director da Escola de Enxeñaria Forestal, Juan Picos.

A SGHN e a UVIGO veñen desenvolvendo distintas colaboracións entre as que pode salientarse a organización a primeiros de 2018 da I Xornada Galega de Patrimonio Natural de Biodiversidade na Escola de Enxeñaría Forestal. Dende hoxe estas colaboracións quedan materializadas nun convenio no que ambas entidades manifestan o seu interese en realizar actividades e proxectos en forma conxunta en todo tipo de asuntos que resulten de interese mutuo, entre as cales se incclúen:

  1. Desenvolvemento de proxectos de investigación.
  2. Organización e realización de todo tipo de actividades académicas, tales como: cursos, conferencias, simposios ou seminarios.
  3. Apoio a investigadores/as e estudantes.
  4. Intercambio de publicacións, traballos de investigación e de calquera tipo de materiais académicos que resulten de interese.

Acordouse asimesmo a incorporación da SGHN ao Comité Ambiental do Green Campus de Pontvedra, responsable da aprobación e seguimento dos plans de acción. Green Campus é un Programa Internacional da Fundación para a Educación Ambiental FEE (Foundation for Environmental Education). A FEE concedeu ao campus de Pontevedra a distinción Green Campus que distingue o coidado e a prevención medioambiental.