Balsa de lodos vermellos de ALCOA en San Cibrao: unha herdanza envelenada

Diante da desfeita que ALCOA quere deixar en Galicia, SGHN ven de solicitar á Xunta de Galicia os informes dos seus técnicos e inspectores ambientais sobre a balsa de lodos vermellos que, de rachar, podería afectar a núcleos habitados, explotacións acuícolas e a todo o ecosistema mariño. SGHN pideu tamén información sobre as fianzas e avais depositados por ALCOA para un hipotético derrumbe da balsa, e solicitou que se adopten todas as medidas legais para bloquear os bens e activos de ALCOA a fin de garantir a descontaminación integral das súas instalacións e a estabilización da balsa de lodos coas mellores técnicas dispoñibles a nivel mundial.

Segundo novas amplamente difundidas nos medios de comunicación a multinacional ALCOA planea pechar definitivamente a súa planta de alúmina-aluminio de San Cibrao (Cervo, Lugo). Máis aló das graves consecuencias para o tecido socio-económico da zona, o abandono sen máis das instalacións de ALCOA deixaría unha bomba de reloxería ambiental que urxe avaliar e desactivar con cargo aos recursos económicos da empresa.

A balsa de lodos vermellos de San Cibrao

A balsa de lodos vermellos cos residuos do procesamento da bauxita para obter alúmina, proxectada para unha capacidade máxima duns 42 hm3, ocupa actualmente unha superficie dunhas 87 ha. O dique de contención ten máis de 80 m de altura e máis de 1 km de lonxitude na súa coronación. Nun radio de 60 m da balsa atópase unha planta de acuicultura e nun de 200 m inclúese un pequeno núcleo habitado. Segundo declaracións de Rubén Bartolomé (antigo director da planta de San Cibrao e Presidente de Alcoa España entre 2015 e 2019), a vida útil da balsa remataría en 2025.

Planta de alúmina-aluminio de ALCOA e balsa de lodos vermellos en San Cibrao (Lugo) segundo a ortoimaxe máis recente do PNOA

O “Plan de Emerxencia Exterior” para a planta de San Cibrao presentouno a Xunta de Galicia en marzo de 2012, é dicir 32 anos despois da posta en marcha da planta de alúmina-aluminio e ano e medio despois da rotura dunha balsa de lodos vermellos en Ajka (Veszprém, Hungría) o 04-10-2010.

No “Plan de Emerxencia Exterior” recoñécese o “risco de perda de vidas humanas” nos supostos de accidente grave por rotura do dique de contención da balsa de lodos. Ademais do risco para a vida e a saúde das persoas, unha hipotética rotura do dique da balsa de lodos podería ocasionar unha catastrófe social, económica e ecolóxica, polas súas repercusións sobre a poboación, os sectores pesqueiro e turístico, e o ecosistema mariño no seu conxunto, incluindo a ZEPA Costa da Mariña Occidental.

Solicitudes de SGHN

SGHN ven de pedirlle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda:

  • Que facilite á SGHN copia en soporte informático dos informes técnicos sobre a balsa realizadas polos expertos e inspectores ambientais da Consellería nos últimos 10 anos.
  • Que informe á SGHN sobre a fianza e/ou as garantías que teña depositadas a empresa ALCOA para facer frente tanto a posibles accidentes por danos ou rotura da balsa como para o seu selado definitivo na fase de abandono.
  • Que solicite unha auditoría externa sobre o estado e estabilidade da balsa, preferiblemente a un organismo público de recoñecido prestixio como o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España.
  • Que diante do risco de que ALCOA peche as súas instalacións e abandone seguidamente España, adopte as medidas legalmente posibles para bloquear todos os seus bens e activos en España ata que poida garantirse a constitución dunha fianza ambiental que permita asegurar a descontaminación integral das súas instalacións e a estabilización da balsa de lodos coas mellores técnicas dispoñibles a nivel mundial.