Outra Limia é posible!

Celebrando o Día Mundial dos Humidais pola Limia

“Outra Limia é posible”, este é o lema da Sección Antela de SGHN, e, como ven sendo habitual, polo menos unha vez ao ano, a Sección Antela comprácese en amosar os resultados dos seus traballos, conseguidos grazas á colaboración de moitas persoas.

O certo é que a SGHN leva traballando na comarca limiá dende hai moito, moito tempo polo que conta cunha ampla e valiosa información ambiental que a Sección Antela toma como base de traballo para localizar os lugares máis axeitados onde abordar proxectos de restauración para favorecer a biodiversidade nos maltreitos ecosistemas húmidos da Limia. A xornada do 04/02/2023 amenceu cunha boa xeada que deu paso a un día solleiro moi agradable para achegarse aos principais proxectos da Sección Antela:

  • Humidal Antonio Villarino (Trasmiras)
  • Veiga de Gomareite (Vilar de Barrio)
  • Pozas das Conícoras e das Cegoñelas (Vilar de Santos e Sandiás).

Humidal Antonio Villarino en Vilaseca (Trasmiras)

Empezamos no Humidal Antonio Villarino, onde moitos dos presentes coincidían en sinalar que a “veiga” estaba moi ben recuperada e moi bonita pero axiña se decataron de que a suposta “naturalidade” non é tal pois como se explicou o Humidal é totalmente artificial. Cando SGHN adquiriu a parcela, ésta presentaba unha cuberta de xestas e toxos e asolagábase parcialmente, semellando difícil e complexa a súa transformación nunha zona húmida. Tendo ben claro que a especie diana do proxecto era a conícora (Vanellus vanellus) pronto se atopou o camiño a seguir, baseándonos nas necesidades da especie. Así planificouse a creación dunha longa canle, larga e pouco fonda con beiras de pendente suave, que incrementan o éxito reproductor da especie como amosan distintos traballos científicos.

O proxecto desenvolveuse en varias etapas segundo a financiación dispoñible, especialmente importante para cubrir os gastos de maquinaria e movementos de terra. Neste proceso, por distintas circunstancias, chegouse a un acordo de custodia do territorio có agricultor veciño e modificouse o deseño inicial na parte próxima á pista creándose, ademais, unhas motas perimetrais para deter o fluxo de auga dende a parcela cara ás cunetas. E … en toda esa historia tiveron un papel fundamental polo seu apoio económico o CDR O Viso e os voluntarios que aportaron o seu traballo.

A Veiga de Gomareite (Vilar de Barrio)

A Veiga de Gomareite si que é unha zona húmida natural. Esta veiga formaba parte da lagoa de Antela nas augas altas e no verán era un pasteiro. Ao longo dos anos a veiga de Gomareite pasou por moitos avatares: desecación, retirada de terra vexetal, vertedoiro de restos da concentración parcelaria e despois de todo tipo de lixo e refugallos. A consecuente reducción da superficie orixinal da veiga restrinxiu o espacio dispoñible para as especies ligadas ás veigas, nomeadamente o cardiño da lagoa (Eryngium viviparum).

Ao abeiro dun acordo de custodia do territorio cun gandeiro de vacún, SGHN leva retirado unha grande cantidade de lixo diverso e entullos enviados a xestor autorizado. Ademais, agrupáronse cara ás beiras as pedras da concentración parcelaria espalladas pola parcela. O resultado é unha grande superficie asolagable continua que atrae a moitas especies de aves, permite a expansión do cardiño da lagoa (Eryngium viviparum) e reforza a poboación de sapo de esporóns (Pelobates cultripes).

Dado o asolagamento da veiga, realizouse un pequeno percorrido pola pista e viuse bastante preto un bando de conícoras que estaba a alimentarse e se viu importunado pola presencia de tanta xente. No alto dun dos miradores creados có material retirado do centro da veiga e cun soliño que se deixaba notar foron comentándose cuestións varias en relación coa evolución e visitantes da veiga, có problema da seca do ano pasado, có seguemento das poboacións de aves e mesmo coa situación dos solos agrícolas das terras da lagoa. Mentres algúns insectos aproveitaban a calor destacando a presenza mesmo dalgunha bolboreta. Ao tempo que falabamos, puidemos disfrutar de novo das conícoras, do pato real, cegoñas, miñato real, e unhas cantas espécies máis.

Bando de conícoras (Vanellus vanellus)

Poza das Conícoras (Sandiás e Vilar de Santos)

A Poza das Conícoras é o proxecto no que a Sección Antela está a traballar e que conta con financiación a través das liñas de axudas para proxectos non produtivos nos concellos en Rede Natura. Preséntase neste proxecto unha situación diferente ás anteriores xa que se trata da xestión mixta dun predio alugado ao Banco de Terras de Galicia e varios predios privados, que inclúen unha charca areeira, sobre os que se asinou un acordo de custodia do territorio. O obxectivo do proxecto é a remodelación das beiras da charca areeira buscando a creación de bancos areosos e limosos de distintas profundidades, mellorando a interfase entre o medio acuático e o terrestre para facilitar a colonización vexetal das beiras e proporcionar áreas de alimentación para as aves, especialmente para as limícolas.

Ao longo da visita quedou ben claro que as areeiras non son a lagoa de Antela, nin poden sustituila posto que as súas características son totalmente diferentes e tamén diferentes as súas posibilidades para dar acubillo á flora e fauna, especialmente cando a súa restauración presenta eivas importantes. Aínda con todo, sempre poden xurdir sorpresas como foi neste punto a localización dun fieito ameazado: Pilularia globulifera; especie singular que tamén se atopa noutro proxecto cercano que se visitou deseguido e xa con pouco tempo: a Poza dos Arieiros, primeira intervención da Sección Antela nesta área con características similares na cal SGHN detectou a primeira poboación do cardiño da lagoa no entorno das areeiras.

Relatorio sobre o complexo húmido Limia-Antela

Para rematar a xornada non quedaba máis que o relatorio sobre o complexo húmido Limia-Antela, conferencia impartida polo Presidente da SGHN na casa da lagoa do Concello de Sandiás. Cunhas breves pinceladas sobre a extensión das zonas húmidas de antano, os problemas ligados ao desougamento de zonas con turbas xunto coas recomendacións que este ano están a propor dende o convenio de Ramsar e que curiosamente van na liña do que leva feito a Sección Antela da SGHN. Será coincidencia ou estaremos no camiño axeitado?  Moito queda por falar do futuro da Limia e dos plans de desenvolvemento ou restauración como quedou patente no coloquio final. Con todo SGHN, xa abordou o inicio da posibilidade de restauración da lagoa de Antela agardando que o MITECO cumpla o seu papel e as súas promesas.

E máis nada que agradecer a todos os participantes e ao Concello de Sandiás o seu interese e a súa colaboración nesta interesante, preciosa e completa xornada pola Limia, cuha axenda apretada e chea de contidos, de propostas e de feitos que demostran o que dixemos ao principio: “Outra Limia é posible”.

Preme aquí para obter a listaxe completa de vertebrados ollados durante a xornada.