“Parcelas de sacrificio”. Nunca máis

Galicia leva décadas loitando contra os vertedoiros ilegais, un tempo no que se levan investido millóns de euros de cartos públicos na limpeza, ou na clausura, dun elevado número de lugares afectados por verteduras de todo tipo.

Un problema moi grave…

Lamentablemente, unha e outra vez, persoas e empresas sen escrúpulos non xestionan conforme á lexislación os residuos que xeneran e depositan, literalmente, calquera cousa, de calquera xeito, en calquera sitio da nosa xeografía. Os impactos directos e indirectos, a curto ou longo prazo, sobre a paisaxe, o medio natural e a sáude das persoas non deixan de medrar. A lista sería interminable:

  • Verteduras de residuos de construción e demolición, ou enseres domésticos, que sepultan mesmo hábitats protexidos e especies gravemente ameazadas.
  • Plantas de supostos tecnosolos que se transmutan en vertedoiros ilegais, mesmo a menos de 7 km do despacho e a residencia do Presidente da Xunta de Galicia.
  • Lodos de depuradoras, xestionadas por administracións locais ou empresas concesionarias das mesmas, que rematan en calquera recuncho pouco visible, mesmo en zonas asolagables.
  • Residuos das macro-granxas industriais sen base territorial que proliferan de xeito desmedido e que verten os zurros e a galiñaza non en todas as superficies que indican nos seus proxectos, senón unha e outra vez nos mesmos predios, onde é máis doado e barato facelo. Estes lugares xa teñen un nome propio incluso nas esferas oficiais: son as “parcelas de sacrificio”, como lles chamou esta mesma semana nun acto público un alto cargo da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Certamente, a denominación “parcelas de sacrificio” é moi atinada. Nestas parcelas a calidade dos solos e as augas, a biodiversidade e a paisaxe, xunto coa calidade de vida e a saúde das persoas, se sacrifican en aras do aforro e o beneficio inmediato duns poucos.

…cunha solución doada

Con toda a tecnoloxía dispoñible na actualidade, a persecución e castigo dos responsables para facer cumprir o principio de “quen contamina paga” está ao alcance da mán das autoridades se de verdade queren ser “competentes”. Bastaría con que copiasen o que se fai noutros países.

Por iso, SGHN ven de solicitar ao Presidente da Xunta de Galicia que inste ás consellerías con competencias neste tema (nomeadamente a de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a de Medio Rural) para que se coordinen e  elaboren un decreto que estableza para todos os vehículos autorizados para transporte de residuos a instalación obrigatoria dun xeolocalizador GPS. E que dito decreto se aprobe canto antes no Consello da Xunta.

Así saberase onden están en Galicia as “parcelas de sacrificio” de todos os tipos de residuos e coñecerase a identidade dos “sacrificadores” do medio natural e a saúde das persoas para facer caer sobre eles todo o peso da lei.