Posición de SGHN sobre os Xeoparques

Xeoparque das Montañas do Courel

Hai xusto un mes, SGHN fixo pública a súa posición crítica pero construtiva sobre o proxecto dos xestores do Xeoparque do Courel co que “aspiran a conseguir unha axuda de tres millóns de euros dentro do plan de sostibilidade turística que promove a Secretaría de Estado de Turismo” (máis…). Así, SGHN solicitou tanto á Secretaría de Estado de Turismo como á Dirección Xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación que antes de proceder á concesión de calquera axuda ou subvención ao Xeoparque, esixan que o proxecto presentado conte cun procedemento de avaliación ambiental, completo, obxectivo e independente, que avalíe as repercusións que as accións suscitadas poderían ter sobre a integridade do espazo e os valores ambientais do mesmo e que se adapte ás características marcadas pola Directiva Hábitat, a Lei 42/2007 e a Lei 5/2019.

Nas redes sociais, a posición de SGHN foi malinterpretada como unha oposición ao Xeoparque de Courel, e mesmo terxiversada en base a imaxinarios e escuros intereses económicos de SGHN á que se lle culpou directamente do rexeitamento do proxecto por parte da Secretaría de Estado de Turismo. Nada máis lonxe da realidade como amosa o primeiro parágrafo da resposta (ver PDF) que SGHN recibiu da Secretaría de Estado de Turismo: “En relación a la candidatura de un plan de sostenibilidad turística para las Montañas de Courel, os informamos que la candidatura no fue valorada porque fue presentada por la Asociación para la promoción territorial Montañas do Courel que es una entidad sin ánimo de lucro y no cumplía con el requisito de ser Entidad Local. Por tanto, no entramos en la idoneidad o no de las actuaciones que proponía esa memoria, ni siquiera la valoramos y fue clasificada como excluída”.

Xeoparque de Cabo Ortegal

Malia as dificultades operativas que suscita o feito de que os Xeoparques non teñen actualmente encaixe xurídico na lexislación española de espazos protexidos, SGHN non se opón a eles como amosa con claridade o feito de que ven de apoiar a candidatura de Xeoparque mundial da UNESCO do Cabo Ortegal, promovido polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, salientando seu extraordinario valor xeolóxico, paisaxístico e ambiental como motor dun desenvolvemento social, ambiental e económicamente sustentable da zona.