Manifesto de apoio a Fernando Valladares

E a todas as persoas e entidades que sofren acoso por divulgar as ameazas que supón o cambio climático e outros procesos de degradación ambiental

Desde hai un tempo, observamos con enorme preocupación e dor a escalada de desinformación e bulos, acompañada por unha crecente agresividade e acoso en redes sociais e outros medios cara ás persoas e entidades que se dedican a divulgar o coñecemento que nos ofrece a ciencia sobre as causas, consecuencias e ameazas asociadas ao cambio climático e a outros procesos de degradación ecolóxica a distintas escalas, da local á planetaria, así como a demandar unha saída ecosocial ás múltiples crises que arrasan o presente e erosionan o futuro.

Este acoso é unha forma de violencia que situou na súa diana tanto a institucións científicas, a organizacións sociais e ecoloxistas centradas na loita contra o cambio climático e a degradación ambiental nas súas múltiples formas, como a expertos dedicados á comunicación e divulgación científica. A DANA do 29 de outubro e as súas fatais consecuencias, especialmente graves en terras valencianas, incrementou a demanda social de explicacións científicas das causas do desastre e, con iso, unha maior exposición mediática de persoas que habitualmente ocupan un discreto segundo plano na información xeneralista e tamén unha resposta airada dos profesionais da desinformación e os seus seguidores. Un exemplo diste acoso aos expertos que están a realizar esta imprescindible comunicación científica é o caso do científico e activista Fernando Valladares, quen está sufrindo intolerables mostras de odio e ameazas directas á súa integridade física.

As organizacións abaixo asinantes queremos expresar o noso apoio total cara a Fernando Valladares e o valioso labor que realiza, así como cara ao resto de persoas, colectivos e entidades que están a ser acosadas en redes sociais e outros espazos por mostrar, de forma incansable, coas numerosas evidencias existentes, que non tomarse en serio o cambio climático e non reverter con urxencia os múltiples procesos de degradación ecosocial está a poñernos a todos en perigo, como dolorosamente demostrouse por mor da DANA do 29 de outubro.

Manifestamos igualmente a nosa reforzada vontade de seguir explicando e concienciando, á cidadanía e a todas as esferas de decisión que afectan as políticas públicas, sobre a urxencia de mitigar o cambio climático para non agravar aínda máis as súas consecuencias futuras, de adaptarnos canto antes aos impactos que xa estamos a sufrir e de abordar as solucións á crise socioecolóxica múltiple na que nos atopamos inmersos, desde o coñecemento, a defensa dos dereitos humanos, a xustiza social e a gobernanza democrática.

Fronte á desinformación, o odio e o acoso crecentes, a nosa resposta non vai ser o silencio, senón a de redobrar os esforzos en todos os espazos e ámbitos, incluíndo os virtuais, para combater os negacionismos e bulos que propagan falsidades, alimentan a ignorancia e o medo e atrasan a adopción de solucións eficaces.

O manifesto foi apoiado por máis de 850 entidades da sociedade civil española, incluida SGHN.
  • Divulga ti tamén!