A importancia intrínseca da biodiversidade baséase na historia evolutiva que representa, na capacidade de resposta ante perturbacións e na diversidade de ambientes que xera. Dada a proliferación de especies exóticas invasoras (EEI) son un problema a escala mundial e considérase que a difusión efectiva da información relativa a estas especies é algo prioritario para intentar frear a súa expansión, polo que a SGHN lanza a realización do “Atlas de flora exótica invasora de Galicia”. A realización deste traballo inspirase no sistema británico, que fomenta a participación de colaboradores tanto profesionais como afeccionados para elaborar un traballo común a beneficio da xeración presente e das futuras.
OBXECTIVOS
O obxectivo xeral deste atlas sería coñecer situación das especies exóticas invasoras (EEI) presentes en Galicia e os obxectivos específicos son os seguintes:
- Identificar as EEI presentes en Galicia.
- Coñecer a distribución xeográfica das EEI.
- Informar do impacto das EEI sobre a biodiversidade.
A consecución destes obxectivos é gradual e dependente dun proceso de colaboración por elo formúlanse a priori resultados esperados pouco ambiciosos e indicadores de consecución de obxectivos que manifestarán a evolución do proceso.
COLABORACIÓN
A participación dunha persoa neste proxecto ten como propósito remitir datos para poder publicar o “Atlas de flora exótica invasora de Galicia”, igual que outros precedentes (“Atlas de anfibios e réptiles“ e “Atlas e libro vermello de Carabini, Cychrini e Lucanidae (Insecta, Coleoptera)”), e acadar os obxectivos sinalados anteriormente. Este Atlas será froito dunha recompilación de datos propios da SGHN, dos remitidos polos colaboradores e da bibliografía existente. O proceso de colaboración entre a SGHN e as persoas que o desexen, investigadores, naturalistas, profesores, estudantes, persoas interesadas na conservación da natureza etc., realizarase en base as normas que se indican no documento que se pode descargar premendo aquí.