Alegacións

Evitar os problemas antes de que xurdan. Este é o obxectivo das alegacións: analizar os proxectos que poidan danar ao medio ambiente, para detectar os seus inconvenientes e propor alternativas.

O actual enfoque dos Estudos de Impacto Ambiental (EIA) deixa moito que desexar, pervertindo o espíritu e a letra da normativa medioambiental que os regula. Aínda así facemos un grande esforzo en ler e estudar estes proxectos para limitar os impactos ambientais negativos.

Anualmente presentamos alegacións e escritos a máis de douscentos proxectos de diversa índole: parques eólicos, peiraos, estradas, etcétera.

Velaquí algúns exemplos de EIA “interesantes” e ilustrativos da seriedade do país, como o famoso anteproxecto do encoro de Baxe (Caldas de Reis) ou recentemente, e non único, un EIA nos concellos das Somozas-As Pontes de García Rodríguez. Isto non nos desanima a seguir traballando con cáracter preventivo e colaborativo coa administración.