Atlas de Hérpetos 2009

ATLAS DOS ANFIBIOS E RÉPTILES DE GALICIA
Despois de seis anos de traballo, por fin saíu á rúa o Atlas dos Anfibios e Réptiles de Galicia, editado pola Sociedade Galega de Historia Natural, que ven a ser unha actualización do primeiro Atlas de Vertebrados de Galicia referido aos nosos herpetos. Gracias ao esforzo de 120 altruístas colaboradores para a obtención de 5.426 datos de anfibios e 3.224 de réptiles.

A obra está composta por un limiar do presidente da S.G.H.N. Serafín González Prieto, unha introdución de Xosé Lois Rey Muñiz e Moisés Asensi Cabirta na que se especifica a metodoloxía do Atlas e unhas primeiras conclusións, un texto de Santi Bas López, que foi un dos coordinadores do primeiro Atlas, referido aos vinte anos de período inter-atlas, e finalmente os textos das catorce especies de anfibios e vinteseis de réptiles da nosa xeografía, realizados por Manuel Arzúa Piñeiro, Moisés Asensi Cabirta, César Ayres Fernández, Martiño Cabana Otero, Xabier Prieto Espiñeira e Xosé Lois Rey Muñiz.

Os textos das especies están estruturados en seis apartados: Distribución mundial; distribución en Galicia; comparativa co anterior Atlas; hábitat; poboación, ameazas e conservación; catalogación. A representación está feita de tal forma que nun só mapa aparecen os datos do presente Atlas, os datos do Atlas anterior e os datos bibliográficos.