Delegación Ferrol

A Delegación de Ferrol comezou a súa actividade nun local particular da rúa Méndez Núñez 17 baixo. Grazas a un convenio co concello de Ferrol, pasou no ano 1983 ao nº11 da mesma rúa, no pavillón do antigo Hospicio Santa Teresa, onde comezou a abrir ao público o Museo e Biblioteca da Natureza. En 2006 cédeselle á Casa do Coronel, na Praza de Canido s/n, onde hoxe están as súas dependencias. Nelas está aberto ao público dende 2015 o Museo de Historia Natural e a Biblioteca da Natureza.

Estudamos

Participación no Atlas de Vertebrados de Galicia. A Delegación de Ferrol aportou datos locais e obtidos en saídas a Ancares, Courel, Cospeito, Ortegal e Ribeira de Piquín.

Censos de Aves Invernantes. Participación ininterrompida nos censos dende 1973 dende Ferrol a Ortegal.

Censos de aves mariñas. Censo e anelamentos nas colonias das Gabeiras de San Xurxo e Os Cabalos de Prior.

Anelamento científico de aves. En Ferrol funcionou varios anos un grupo de anelamento científico de aves no que se marcaron uns centos de paseriformes e se colaborou na marcaxe de miles de polos de Gaivota patiamarela.

RAM (Red de Aves Marinas). Dende 2005 ornitólogos locais contan dende Cabo Prior, cada primeiro sábado de mes, o paso de aves mariñas migradoras dentro deste programa ibérico.

Defendemos

Dende os inicios, a delegación involucrouse en iniciativas de defensa da Natureza. Estas son algunhas das iniciativas.

Control da caza. Nos 80 a caza aportaba moitos animais feridos, a Delegación de Ferrol actuou coma un pequeno centro de recuperación de fauna ata a entrada en funcionamento do C.R.F. de Oleiros.

Control da taxidermia. Os establecementos de taxidermia de Ferrolterra foron visitados para mirar polo cumprimento da legalidade.

Campaña contra as escopetas de aire comprimido. As escopetas de “balíns” eran un dos regalos preferidos pola rapazada polo que se levaron campañas divulgativas coa axuda de concellos como o de Fene e o de Ferrol.

Contaminación da ría de Ferrol. A actividade industrial en ambas marxes da ría (grandes estaleiros coma Astano, agora Navantia Fene, e Bazán, na actualidade Navantia Ferrol; fundicións coma Megasa en Xuvia; Estación de Desgasificación e Deslastre en Pta. Promontorio; verquidos de talleres e compañías auxiliares, desgüaces incontrolados,…) sumada á falla de saneamento das augas fecais dos cinco concellos da ría, foron comprometendo a súa riqueza biolóxica, que daba traballo a centos de mariscadores. A SGHN implicouse con actividade en medios de comunicación (prensa, radio), campañas de divulgación e colaborando con outras entidades para denunciar a situación.

Recheos da ría. Utilizada de sempre como expansión das actividades humanas, a construción dos estaleiros do s.XVIII e a expansión dos anos 70 do s.XX supuxeron a terrestrificación de grandes superficies da ría. O activismo da SGHN incluíu este problema en numerosas actividades e publicacións.

Exercicios de tiro. As actividades militares da Armada e do Exército en Ferrol incluian prácticas de tiro nos polígonos das praias de Doniños, Sta. Comba e contras as illas Gabeiras (San Xurxo). A SGHN demandou e obtivo da Capitanía Xeral de Ferrol o cese nestas últimas, que afectaban ás súas colonias de aves mariñas (Gaivota patiamarela, Corvo mariño cristado e Paíño común).

Lagoa da Frouxeira. Dende Ferrol seguíronse os avatares da conservación da lagoa da Frouxeira dende 1973, contribuíndo aos censos que evidenciaron o interese para ser incluída no Convenio Internacional de zonas húmidas de Ramsar. Constituída a delegación leváronse adiante campañas e un proxecto para deter a terrestrificación consecuencia da extracción de masiva de áridos que levou á case destrución da barra areosa até 1978. En 1985 as propostas da SGHN foron aplicadas pola corporación presidida por D. Jesús Tutor, restaurándose a canle de desaugue histórico da lagoa, estable ata actualidade.

Aves petroleadas. No período entre 1970 a 2002 foron continuos os sentinazos (baleirado de contaminantes das sentinas e tanques de buques) e periódicas as mareas negras por accidentes. Dende o Urquiola (1976) ao Prestige (2002), o petróleo tinguiu varias veces o Golfo Ártabro. Unha delas foi a causada polo Andros Patria (1979) na costa norte da Coruña ao perder unhas 50.000 toneladas de crudo, abeirou centos de aves mariñas, moitas delas intentáronse recuperar no local da delegación de Ferrol.

Caza de Baleas. A SGHN tivo un papel activo na prohibición definitiva desta cruenta actividade, recompilando datos das capturas ilegais en Morás e Caneliñas e facendo campañas divulgativas e manifestacións en toda Galicia. En Ferrol levamos a colaboración coa tripulación do Rainbow Warrior, buque da nacente Grenpeace, retido pola Armada Española na cidade en 1980 por se interpor ante os buques baleeiros de Massó. Ferrol viu manifestacións e actividades divulgativas ata a fuga do barco.

Observatorio de aves de Doniños. A investigadora Ángeles Alvariño e o seu marido doaron á Xunta de Galicia un terreo duns ferrados de superficie á beira da lagoa de Doniños. Mercárano coa ilusión de facer algún día unha estación limnolóxica, mais a súa vida de investigadora en EE.UU. impediu o soño. A entón Consellería de Agricultura aceptou a doa e pediu á SGHN Ferrol a xestión da instalación dun observatorio de aves, o que se fixo realidade. Aínda quedan os vellos piñeiros da finca que non foron deitados polos temporais.

Divulgamos

Cursos. Dende o seu inicio a delegación de Ferrol organizou cursiños dedicados a distintas especialidades, moitos deles apoiados pola obra social da Caixa de Aforros de Galicia. Destacaron pola súa continuidade os de Ornitoloxía e os de Micoloxía. Nestes últimos participaron en varias edicións os doutores Luís Freire (ex presidente da SGHN) e Marisa Castro Cerceda.

Na actualidade seguen os programas formativos impartidos por distintos especialistas.

Educación ambiental. A Delegación de Ferrol foi pioneira en actividades de EA en España. Desde que se asistira en Sevilla en 1979 a un dos primeiros congresos sobre o tema en España organizáronse sistematicamente

  • Actividades orientadas a docentes da bisbarra.
  • Participación en congresos e xornadas pedagóxicas, frecuentes nos anos 80.
  • Actividades para escolares. A destacar a exposición itinerante “A natureza galega” (10 paneis, caixas expositoras e un audiovisual de diapositivas con fundido para 19 centros de Ferrolterra)

Publicacións

Publicáronse varios números do boletín da SGHN-Ferrol.

  • Routeiros naturais 1. A Frouxeira (Separata da revista Braña, 1979)
  • 10 sitios naturais da comarca ferrolá (1984). Número extra do boletín da SGHN-Ferrol.
  • Routeiros naturais. A Frouxeira (1985). D.L. C665/84
  • Routeiros naturais. Doniños (1990). D.L. C740/90

Congresos

Dende a Delegación de Ferrol se levou adiante a organización de

  • Primeira reunión de constitución do Grupo Ibérico de Aves Marinas (GÏAM), Gandarío, 1982.

Museo e Biblioteca da Natureza

As actividades dende os primeiros anos da Delegación de Ferrol foron o cerne do actual Museo de Historia Natural.

Durante o ano 2022, a Delegacións de SGHN en Ferrol e As Mariñas recibiron dúas axudas da Deputación Provincial da Coruña. Unha para cofinanciar algúns proxectos de actividades e accións ambientais e outra para cofinanciar algúns investimentos no ámbito do medio ambiente ao abeiro da resolución publicada no BOP nº 183 do 26 de setembro de 2022.

Contacta coa delegación de Ferrol

Ultimas 10 entradas relacionadas