Custodia do Territorio Limia

Fotografía aérea da Lagoa de Antela dende o sur-surleste, coa vila de Xinzo de Limia en primeiro plano. Reproducida do libro Martínez Carneiro, X.L. (1997) Antela, a memoria asolagada, por cortesía de Edicións Xerais (www.xerais.gal)

O 2 de febreiro de 1971 asinábase na localidade iraní de Ramsar a Convención que leva o seu nome: “un tratado intergubernamental que sirve de marco para a acción nacional e a cooperación internacional en pro da conservación e uso racional dos humidais e os seus recursos” nos 160 países que o asinaron ata a actualidade. Dende 1997, cada 2 de febreiro a Convención commemora o Día Mundial dos Humidais.

Lamentablemente, malia cativos avances puntuais, en Galicia éste aínda non é un día para a ledicia nin para celebracións pois, lonxe de mellorar, a situación dos nosos humidais segue a degradarse cada día ante a pasividade cómplice das administracións (concellos, deputacións, Xunta) e a indiferencia de demasiados cidadáns.

Dende a SGHN (que naceu en 1973, só dous anos despois da Convención de Ramsar) e continuando co seu labor, formamos en 2011 “SGHN-Sección Antela” co obxectivo de conquerir para a tristemente desaparecida Lagoa de Antela e os outros humidais limiaos que as verbas se troquen en feitos e se acade a súa restauración ou rehabilitación, alomenos parcial.

Non é utopía, é necesidade. É, ademais, unha realidade en moitos outros lugares de Europa (Humberhead, West Midlands Meres and Mosses, Morecombe Bay, Somerset Levels and Moors, River Till Floodplain) e de España (La Nava, Boado, Pedraza, Villacañas, Salburúa, Los Tollos…), ¿por qué non habería de ser posible en Galicia?

Como atinadamente escribiu Delmar Blasco (Secretario Xeral da Convención de Ramsar entre 1994 e 2001): “Só falta que alguén con capacidade de liderazgo e aglutinación de vontades lance o proceso que devolva a Galicia e ós galegos, aínda que sexa en parte, os valores e funcións que se perderon cando se desecou a lagoa de Antela”. Esa será dende hoxe a finalidade da SGHN-Sección Antela.

  • Divulga ti tamén!

    RSS
    Facebook
    Facebook
    Twitter
    Instagram