Desde a súa fundación, primeiro como Grupo Ornitolóxico Galego e posteriormente como Sociedade Galega de Historia Natural a nosa asociación ven realizando, de xeito ininterrompido, censos das aves acuáticas e mariñas invernantes en Galicia. Desde 1974 ata a actualidade, realízase cada mes de xaneiro, arredor do fin de semana máis central do mes (como recomenda Wetlands International) un censo das especies de aves acuáticas e mariñas, previa a súa identificación, nas súas principais localidades galegas de invernada.
Para a realización destes censos cóntase coa participación de ornitólogos voluntarios, membros da S.G.H.N. mais algúns colaboradores externos. Estes ornitólogos adoitan censar cada ano as mesmas localidades, cunha planificación previa dos percorridos e os puntos de observación das aves nas mellores condicións de visibilidade e distancia para facilitar a súa identificación e conteo preciso. Hai que salientar que estes voluntarios aportan o material óptico necesario e corren con tódolos gastos de desprazamento, o cal fai posible cubrir ano tras ano tódalas localidades importantes de Galicia para a invernada de aves acuáticas e mariñas.
Os censos acadan actualmente 45 anos de cobertura. Esta serie temporal tan ampla permite coñecer a evolución a longo prazo das especies de aves estudadas, en Galicia, e aporta unha información útil de cara a garanti-la conservación da biodiversidade na nosa terra.
Os censos permiten tamén identifica-las principais zonas de invernada de aves acuáticas en Galicia, información que pouco a pouco foi empregando a administración para protexe-los humidais mais salientables da nosa comunidade e serven tamén para avaliar tanto o impacto negativo dos diversos factores que afectan ás poboacións de aves invernantes como a eficacia das súas medidas correctoras. Son, en suma, un instrumento a disposición tanto dos cidadáns como da administración para coñecer e xestionar unha parte importante do noso patrimonio natural, como son as aves acuáticas e mariñas.