Quen somos

A SGHN é unha asociación independente e científica, dedicada ó estudo, divulgación, conservación e defensa do medio natural, que non ten na súa actuación fins lucrativos

(Artigo 5º dos estatutos)

A SGHN é unha asociación legalmente recoñecida. Está inscrita no Rexistro Nacional de Asociacións co nº 584.918, no Rexistro de Asociacións Culturais Galegas co nº AO/C-000/382 e no folio 11 do Rexistro de Asociacións Protectoras do Medio Ambiente (Xunta de Galicia).

Imaxe do Organigrama

Organigrama SGHN

SGHN é unha organización non gobernamental, sen interese lucrativo. Ten como fins de actuación o estudo, defensa e conservación do medio natural e patrimonial antropolóxico da natureza galega e do noroeste Penínsular, como contribución á conservación deste patrimonio a nivel mundial.

Para acadar os seus obxectivos, basease nas aportacións da cotas sociais e traballo dos seus asociados, as doazóns lícitas e accede puntualmente a colaboracións e subvencións gobernamentais mentres estas non vulneren a independencia económica ou de actuación da SGHN, sendo a intención final acadar a plena suficiencia financeira a través dos seus asociados.

O fin último da SGHN é conseguir a conservación e divulgación do patrimonio natural e antropolóxico.

A SGHN, desenvolve unha intensa actividade en temas medioambientais:

  • Tén un representante no “Consello Galego do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible” dende a súa creación.
  • Elaborou o Atlas de Vertebrados de Galicia publicado en 1995.
  • Elabora actualmente varios atlas de insectos e o atlas de EEI vexetais.
  • Elaborou unha actualización do Atlas de Vertebrados para os Anfibios e Réptiles, publicado en 2011.
  • Elaborou e publicou o atlas de Lucanidade e Carabini (Coleoptera de Galicia) en 2015.
  • Realiza, dende 1973, os Censos Invernais de Aves Acuáticas.
  • Coordinou o “Programa de Conservación do Arao Iberico” da Union Europea.
  • Realiza custodia do territorio en diversas localidades e colabora con Fragas do Mandeo.
  • Organiza Xornadas e Congresos sobre temas medioambientais.
  • Publica revistas (Braña e Paspallás), monografías e boletíns de divulgación do medio ambiente.
  • Organiza charlas e conferencias de educación ambiental.
  • Persóase nos trámites de información pública e de Avaliación de Impacto Ambiental dos proxectos, públicos ou privados, con incidencia medioambiental.

UN POUCO DE HISTORIA

A Sociedade Galega de Historia Natural naceu co nome de Grupo Ornitolóxico Galego (GOG). Dacordo coa lei de asociacións de 24-12-1964, foi legalizado por resolución do Goberno Civil de A Coruña, que ordenou a súa Inscrición o 31 de Agosto de 1973. Aínda que o seu nome podería suxerir un ámbito de actuación restrinxido á ornitoloxía, a realidade é que o GOG naceu xa cunha amplitude de miras adiantada ó seu tempo, como amosa con claridade ó artigo cuarto do seu regulamento.

As xestións que en 1976 comezara o GOG para converterse na actual Sociedade Galega de Historia Natural cristalizaron o 7 de xuño de 1977 coa inscrición da SGHN polo Servicio de Asociacións da Dirección Xeral de Política Interior, do Ministerio da Gobernación.

O GOG-SGHN é a máis veterana das organizacións de defensa ambiental galegas e unha das máis antigas de España. Cando os nosos políticos e gobernantes comezaron a decatarse da importancia do medio ambiente (creación do Ministerio e da Consellería homónimas en 1996 e 1997, respectivamente) o GOG-SGHN levaba xa case un cuarto de século estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego.

Membros do GOG na súa primeira visita ao Courel en 1973. De esquerda a dereita, Arriba: Noli, Xan Rodríguez Silvar, Mundo García, Pepe Esteller, Sergio Devesa, Carlos Pedreira, Manuel Rodríguez Solórzano e Xosé Manuel Penas Patiño. Abaixo: Augusto de Castro Lorenzo, Xosé Manuel Romarís Pais e José Guitián Rivera.