Fragas do Mandeo

Segunda semana de custodia de territorio

Fragas do Mandeo é unha entidade non gobernamental (ONG), sen ánimo de lucro, que ten como obxectivo conservar a natureza na comarca de As Mariñas (A Coruña) mediante actuacións directas. Para poder restaurar os hábitats naturais, e así beneficiar á biodiversidade que albergan, emprega a “custodia do territorio”. Esta estratexia consiste en adquirir dereitos a longo prazo sobre parcelas de alto valor ambiental, impedindo a degradación dos seus hábitats e garantindo que as melloras que realice nelas perdurarán no tempo.

Naceu no ano 2010, sendo declarada oficialmente como “fundación de interese galego”. O seu órgano reitor é o padroado, que está composto actualmente por tres persoas en representación das tres entidades que promoveron a súa creación (Sociedade Galega de Historia Natural, Grupo Naturalista Hábitat e Asociación Cultural O Rabo do Galo).

Oito anos despois da súa constitución, Fragas do Mandeo custodia 267.594 m2 de superficie. Mediante compravendas e doazóns é propietaria do 39 % desa extensión. Os  acordos de cesión gratuíta e a longo prazo do uso e da xestión das parcelas (a meirande parte por 50 anos, aínda que hai algún por 20 anos) abranguen o 55 %. Por último, tamén ten arrendada unha parcela de titularidade pública ó Banco de Terras de Galicia, pois foi a única maneira de protexer esta parcela con gran importancia ecolóxica.

A súa principal fonte de financiamento son as modestas doazóns de particulares, que se benefician de deducións de até o 75 % na declaración da renda. O traballo, tanto no monte coma o administrativo, realízano voluntarios no seu tempo libre, pois non ten persoal asalariado.

As actuacións de conservación que realiza dependen de cada parcela. No caso dos montes, a actividade principal consiste na erradicación manual dos eucaliptos e outras especies exóticas, para logo favorecer a reforestación con árbores autóctonas. Nas dúas reservas de anfibios que ten creado, a do Catorce (Coirós) e a do Ollo da Roda (Oza-Cesuras), céntrase no mantemento e mellora das condicións hídricas destes humidais. Tamén realiza periodicamente labores de limpeza e de reparación do observatorio da lagoa de Sobrado,  situado nunha das dúas parcelas doadas pola SGHN como dotación fundacional.

Aparte das actuacións nas parcelas custodiadas, Fragas do Mandeo tamén traballa no dominio público da costa e dos ríos da bisbarra mediante autorizacións administrativas. Aquí hai que falar de “apadriñamento”, a falta de acordos de custodia cos organismos competentes. Son 16 km dos ríos Mandeo, Mendo e Callou, a marisma de Betanzos e as praias da Alameda e Grande de Miño. Nestas zonas, o traballo habitual consiste na retirada de lixo e na erradicación de plantas exóticas (até 28 especies distintas).

Asemade asesora sobre asuntos medioambientais á Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e a concellos que forman parte dela.