As organizacións ambientais denuncian o bloqueo da Xunta á súa participación en REDEMAR

As organizacións ambientais dirixíronse á Xunta de Galicia en varias ocasións solicitando a súa participación en REDEMAR. As organizacións mostran o seu malestar por non recibir ningunha resposta á súa petición, o que supón unha violacion dos principios da Política Común de Pesca. De continuar co seu silencio, as organizacións estudarán outras medidas de protesta.

Hai máis dun ano as organizacións ADEGA, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción Galiza, Greenpeace, SEO/BirdLife, Sociedade Galega de Historia Natural, Verdegaia e WWF dirixíronse por carta á Consellería do Mar solicitando a inclusión das organizacións ambientais en REDEMAR, rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos na Comunidade Autónoma de Galicia, na que participan ademais outras entidades, como os Grupos de Acción local ou a Fundación CETMAR. Ante a falta de resposta agora de novo lanzan publicamente a solicitude. As organizacións solicitantes traballan desde hai décadas na conservación dos ecosistemas mariños e a sustentabilidade socioambiental da actividade pesqueira.

Nunha primeira comunicación, enviada en outubro de 2023, as organizacións lembraban que a súa participación debía contemplarse xa na composición inicial da rede, en xuño de 2022, en cumprimento cos principios da Política Común de Pesca, afianzados en 2023 na Lei de Pesca Sostible e Investigación Pesqueira ou a Directiva 2008/56/CE sobre a estratexia mariña. Ditas normativas reforzan a necesidade de aplicar un enfoque ecosistémico e resaltan a importancia da participación e implicación de representantes da sociedade civil xunto a todos os axentes afectados.

A participación de organizacións ambientais está recollida así mesmo en marcos legais internacionais, aos que se acolleu o noso país, como o Convenio Aarhus sobre acceso á información, participación pública na toma de decisións e acceso á xustiza en materia ambiental, dereitos que pretende garantir.

Ante a falta de resposta, o pasado 3 de outubro de 2024, as organizacións insistiron de novo na solicitude mediante un escrito, pero actualmente, a resposta continúa sen chegar. Ignorar dúas veces esta solicitude formal supón un desprezo do papel das organizacións ambientais, e impide a súa participación nos foros de diálogo e decisión sobre o medio mariño e a pesca en Galicia, ignorando o propio texto da Orde de creación de REDEMAR, que na apartado de Exposición de Motivos sinala “ (…) “ é de destacar tamén a importancia que tanto o FEMP como o Programa operativo outorgan ao fomento da participación da sociedade civil no desenvolvemento sostible da pesca”. A pesar de todas estas referencias, a orde non inclúe a participación das organizacións ambientais na composición da rede.

As organizacións son membros en pleno dereito en foros similares noutras CCAA como REDEPESCA en Asturias ou nos comités de coxestión do sistema de Gobernanza de pesca de Cataluña ou Baleares. Así mesmo, no ámbito estatal, as organizacións ambientais son membro de pleno dereito da Mesa da Ciencia Pesqueira, con sede en Vigo, constituída polo Goberno español en decembro de 2022.

Referencias

  • Divulga ti tamén!