Concurso aves

O pasado 28/02/2025 celebrouse a Asemblea da Delegación de Ourense da SGHN e, como ven sendo habitual, finalizada a Asemblea houbo unha charla aberta ao público na que normalmente se tratan temas relativos á biodiversidade en calquera das súas vertentes. Pero este ano mudouse a temática para acoller o relatório e o acto de entrega dos premios do Primeiro Concurso de Aves.

En 2024 a Delegación da SGHN en Ourense organizou este concurso aberto a todos os socios da Delegación interesados para recoller o listado de especies de aves observadas ao longo do ano exclusivamente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Participaron un total de 17 equipos individuais ou colectivos, que conseguiron observar, identificar e rexistrar un total de 261 especies, unha cifra entendemos nada desdeñable para Galicia.

O concurso establecía dous premios:

  • A ave “rara” por chamalo dalgún xeito, que corresponde a primeira observación anual de entre as especies rexistradas polo menor número de equipos. Correspondeu ao único equipo que observou Mergo cristado o 05/01/2024.
  • A maior lista, que correspondeu ó equipo con 241 especies observadas em 2024.

Os premios consistiron en senllas láminas elaboradas pola ilustradora Elena Guevara, pero tamén houbo recoñecemento para todos os participantes que recibiron un diploma acreditativo da súa participación.

Os gañadores tamén conseguiron o premio de glosar nuns minutos a súa experiencia, así tivemos unha informativa e divertida charla do “ave rara” e un precioso vídeo en base a fotos e música con imaxes de moitas das aves vistas ao longo do ano por quen máis especies conseguiu.

Como comentaron os participantes foi unha actividade interesante na que houbo tempo para aprender, compartir e, como non competir, sanamente, e que se está a repetir neste ano 2025. Parabéns aos gañadores e gracias a todos os concursantes por facer tan interesante esta actividade.

  • Divulga ti tamén!