Mina de Doade

O proxecto

Mina Doade, no concello ourensán de Beariz, é a primeira solicitude de concesión de explotación derivada do permiso de investigación “Alberta I, 1ª fracción, nº 4966.1”, que abrangue terreos entre as provincias de Ourense e Pontevedra.

Cunhas reservas confirmadas de 17,3 millóns de toneladas, a explotación sería subterránea agás as plantas de procesamento que ocuparían case 14 ha. Durante 42 anos, pretende procesar anualmente 500.000 toneladas de minerais, dos cales aproveitaría un 45% para producir tres concentrados comercializables (28.400 t/ano de moscovita, 93.623 t/ano de minerais de litio, e 101.527 t/ano de feldespatos sódicos/potásicos) e xerando un 55% de estériles que mesturaría con cemento para recheo das galerías explotadas.

Ubicación da ‘Mina Doade’ entre o aeródromo de avións contra-incendios de Beariz e o pobo de Doade

Eivas do proxecto

Análise das ‘colas de proceso’

SGHN considera manifestamente insuficiente que no estudo xeoquímico das colas de proceso tan só se empregase unha mostra, que non é nin minimamente representativa para extrapolar os resultados aos 9,5 millóns de toneladas de estériles contempladas no proxecto. O ‘minimalismo’ do estudo xeoquímico é aínda máis incomprensible tendo en conta a ampla dispoñibilidade de mostras para que fose realmente representativo.

Impacto sobre o recurso auga e os ecosistemas asociados

Os cálculos de caudais de auga drenados polas instalación mineiras subterráneas (sen e con inxeccións de impermeabilización nas mesmas) refírense sempre aos caudais medios dos regos e as captacións existentes na zona. Ditos cálculos son moi insuficientes pois, como mínimo, sería preciso ter en conta a variabilidade interanual e estacional (especialmente durante a estiaxe) dos caudais e os niveis freáticos, así como unha estimación en base á evolución prevista para a zona segundo os modelos de cambio climático. O mesmo cabe dicir para a avaliación dos posibles efectos sobre os abastecementos de auga das poboacións próximas.

No proxecto non se avalían os posibles efectos da drenaxe provocada polas instalación mineiras (galerías, ramplas,…) sobre os hábitats prioritarios dependentes do nivel freático:

  • 91E0* Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior na contorna do Rego de Porto de Anta
  • 4020* Queirogais húmidos atlánticos de Erica ciliaris e Erica tetralix na penechaira do aeródromo.

Compre salientar que na documentación do proxecto recoñécese explicitamente que os modelos predicen unha diminución dun 26-30% nos caudais dunha captación na penechaira, xusto nunha zona co hábitat prioritario 4020* directamente vencellado ao enchoupamento do solo e que se vería negativamente afectado (ou destruído) por unha baixada do nivel freático.

Tampouco se avalían os posibles efectos das continuas voaduras sobre os mananciais circundantes, con potenciais efectos negativos sobre a biodiversidade asociada a eles e sobre o abastecemento da poboación.

Niveis de radioactividade

De xeito non xeneralizado pero tampouco excepcional, as medicións de radioactividade feitas revelan valores dos índices alfa, beta e gamma dignos de ter en conta nunha avaliación de riscos para os traballadores, tanto nas labores subterráneas de extracción como nas de procesamento, e para a poboación circundante (chemineas de ventilación, planta de procesamento)

Incremento de tráfico pesado

O estudo de impacto ambiental semella subestimar os impactos do proxecto derivados do incremento de tráfico pesado para o transporte tanto de insumos perigosos para o proceso produtivo (1428 t/ano de ácido clorhídrico; 839 t/ano de ácido sulfúrico) como dos concentrados que se obteñan de moscovita, minerais de litio e mestura de feldespatos e seixo de interese na industria cerámica (500.000 t/ano, o equivalente a 46 camións diarios de gran tonelaxe).

Posible fragmentación do proxecto

Ao longo da documentación sometida a información pública saliéntase a posible existencia de ata 7,5-8 millóns de toneladas de recursos adicionais potencialmente explotables no futuro, para o que se solicitaría unha prórroga da concesión para explotación. Coa información facilitada polo promotor non se pode desbotar a posibilidade de que se trate dun caso de fragmentación artificial do proxecto para minimizar os seus impactos e facilitar a súa aprobación

Qué esixencias ao proxecto plantexa SGHN?

  1. A análise xeoquímica dun número suficientemente representativo de mostras de colas de proceso.
  2. A avaliación do impacto dos caudais de auga drenados sobre os caudais medios mensuais (ou cando menos trimestrais) dos regos e as captacións existentes, así como sobre os hábitats prioritarios dependentes do nivel freático na contorna do Rego de Porto de Anta e na penechaira próxima ao aeródromo.
  3. A avaliación de posibles riscos radiolóxicos para os traballadores nas labores subterráneas de extracción e nas de procesamento, así como para a poboación circundante polas emisións procedentes das chemineas de ventilación das galerías e da planta de procesamento.
  4. A avaliación dos impactos do proxecto derivados do incremento de tráfico pesado para o transporte tanto de insumos perigosos como dos produtos mineiros.
  5. A xustificación axeitada de que non é un caso de fragmentación artificial do proxecto para minimizar os seus impactos e facilitar a súa aprobación.

As materias primas “críticas”

Todos os xacementos minerais son recursos naturais non renovables que en España están legalmente considerados como “bens de dominio público” (Artigo 2.1 da Lei 22/1973 de Minas). Tanto en Europa como nos EEUU, o litio está considerado como unha materia prima crítica (European Commission, 2023; U.S. Geological Survey, 2025). Xa que logo, o litio é un recurso natural estratéxico e non renovable.

Hai xa máis de 11 anos que a SGHN se dirixiu ao Presidente da Xunta de Galicia solicitándolle:

  • Que informase a SGHN sobre se o Goberno Galego ten definida unha estratexia para a xestión e explotación das materias primas estratéxicas en Galicia. En caso afirmativo, SGHN solicitáballe unha copia da documentación correspondente, preferiblemente en soporte electrónico.
  • Que se fixera unha reflexión profunda e serena sobre a conveniencia e idoneidade de que a propia Xunta de Galicia teña participación, voz e capacidade de veto nas empresas que exploten os recursos naturais estratéxicos e non renovables de Galicia.

Once longos anos despois, SGHN aínda non recibiu resposta da Presidencia da Xunta de Galicia

  • Divulga ti tamén!