Quedamos máis tranquilos, Sr. Presidente cando nos di “…máis do 60% do que ardeu eran mato, monte baixo. Tamén había unha parte importante, que vemos cando ciculamos desde as estradas, de pedras, que tamén computan na superficie” e de que só “o 0,2% da superficie ardida en agosto estivera ocupada por eucaliptos”.
Quedamos máis tranquilos … ou non, que diría un ex-Presidente ben coñecido seu.
Non foi para tanto … total uns penedos e monte baixo que parece non valen para nada, menos mal que só un 0,2% do queimado tiña eucaliptos!

Sempre se pensou que os penedos non ardían pero seica computan como superficie queimada, … haberá que descontalos da superficie queimada ou non contabilizalos a ver si así cumprimos obxectivos.
Sempre se pensou que os penedos non ardían pero agora seica se confabularon para levar o lume por predios abandonados, soutos, viñedos, carballeiras, pasteiros e piñeirais, … será que temos o monte abandonado ou que abandonamos o monte?
Sempre se pensou que os penedos non ardían, pero agora espallaron o lume por quilómetros e quilómetros dun monte inzado de pistas, cortalumes, estradas, autoestradas, liñas de ferrocarril, vías de servicio, ríos e regatos, … será polo exceso da ‘maldita maleza’, esa que parece non vale para nada?
Sempre se pensou que os penedos non ardían pero agora deixaron que as lapas acadasen os pobos, … será porque o goberno central non enviou ‘medios’ ou porque a Xunta non tiña ‘enteiros’ os seus?
Sempre se pensou que os penedos non ardían pero agora arderon, … será que os incendios de agora son de sexta xeración?
Quedemos máis tranquilos Sr. Presidente … mentres moitas persoas sufriron e sufrirán danos e perdas irreparables, mentres as economías locais quedan temblando con perdas millonarias, mentres se calcinaron algúns espazos senlleiros e mentres as perdas para a biodiversidade (si, tamén existe biodiversidade máis aló das especies cinexéticas) son incuantificables e de difícil recuperación.
A próxima non tardará, si nada cambiamos pero … quedamos máis tranquilos …, ou non, que diría un ex-Presidente ben coñecido seu.

